Arquivo do blog

Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz

Nos últimos meses, unha das novelas “máis coruñesas” que limos no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi Veleno de tinta impresa. Nela desenvólvese, a través da ollada dunha muller protagonista afouta e decidida, a sociedade da cidade da Coruña a comezos do século XX.

Veleno de tinta impresa, de Xośe A. Neira Cruz, foi a novela gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no ano 2019.

Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro.

Sinopse de Veleno de tinta impresa.

Á parte da protagonista, Elvira Morales, que é unha homenaxe a María Luz Morales, a primeira directora dun xornal en España, na novela aparecen outras moitas mulleres senlleiras relacionadas coa Coruña: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Sofía Casanova… Tal e como din desde Xerais: “Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”.

De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Emilia Pardo Bazán, María Luz Morales, María Barbeito, Sofía Casanova e Fanny Garrido.

Xosé A. Neira Cruz, o autor da novela, é licenciado en filoloxía italiana e en Ciencias da Información, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor dunha extensa bibliografía que abarca desde a novela para xente adulta, a literatura infantil e xuvenil, a poesía e mesmo o ensaio, tamén resultou gañador de diversos premios literarios, coma o Premio Raíña Lupa en 2002 e 2021, o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2007, o Premio Merlín en 1988 e 2000 e o Premio O Barco de Vapor nos anos 1997 e 1999, entre outros.

Imaxe de Xosé A. Neira Cruz da Wikipedia. Autor: Adrián Estévez.