Arquivo do blog

Vento ferido, de Carlos Casares

Cando xa levamos mais da metade deste ano de lecturas compartidas, nos clubs da Biblioteca Ágora, facemos un pequeno alto no camiño para homenaxear a Carlos Casares, como ben sabedes escritor escollido pola Real Academia como autor das Letras Galegas 2017.

O escritor Carlos Casares 

O título escollido nos nosos clubs foi Vento ferido, un libro de relatos que nos pareceu axeitado para achegarmos ó autor a través da lectura en voz alta.

Xunto á novela Cambio en tresVento feridoprimeira publicación do autor, é considerado pola crítica como un dos máximos expoñentes da Nova narrativa galega: unha corrente literaria coa que, a mediados dos sesenta, a literatura galega parece conectar coa europea, a través do emprego de técnicas estilísticas (diferentes voces narrativas, monólogos, saltos no tempo…) e temas comúns.

Mais Casares nunca gustou das etiquetaxes. A súa prosa, moderna e directa, achéganos ó mais recóndito da alma humana cunha temática moi centrada no illamento do individuo, sobre todo da mocidade, na sociedade.

Portadas de diferentes ediciós de “Vento ferido” e da curtametraxe baseada no libro.

Cada un dos membros do club elixiu para ler ante os compañeiros o relato, ou fragmento, que mais lles chamou a atención.

Marga escolleu Cando cheguen as chuvias, pola intensidade coa que autor expresa a profunda soidade sentida polo protagonista no cárcere; Elena fíxonos sentir, con A Tronada, a impotencia e abandono do home ante o destino marcado por unha natureza desapiadada; Natalia trasladounos a ese ambiente de taberna no que o protagonista de A Capoeira trata de resarcirse dos rancores acumulados no pasado cunha vinganza desproporcionada… Isa  preferiu ofrecernos  unha versión doce e aberta  da historia de amor de xuventude de  A rapaza do circo…  Así, un tras outro, cada relato, cada lectura fíxonos sentir a grandeza deste autor que cunha aparente sinxeleza logra transmitir con tanta forza as fraquezas e debilidades dos homes e mulleres, nenos,  mozos, ou vellos que transitan polas súas páxinas: a estrema soidade do ancián na longa espera da visita dos familiares de Agarda longa ao sol; a aceptación da violencia e anulación da propia vontade polo adolescente que  quere ser admitido no grupo de O xogo da guerra a derrota, a desesperanza, a submisión colectiva no contexto da represión franquista de Coma lobos...

 Porque, como tan ben resume a nosa compañeira Alicia,

Os relatos de Casares son coma poemas que reflicten a alma do ser humano nos seus momentos mais fráxiles. A súa beleza narrativa faite reflexionar sobre a túa propia fortaleza nesas circunstancias tan duras ó que axuda a beleza e a tenrura do noso idioma galego”

En definitiva, unha sesión diferente coa que non só disfrutamos Carlos Casares, senón das propias lecturas en voz alta, e que esperamos repetir en futuras reunións.

Vento ferido foi levada recentemente a pequena pantalla por un grupo de rapaces de Comunicación Audiovisual e Publicidade de Pontevedra nunha pequena miniserie de tres capítulos.

Trailer da curtametraxe  “Vento ferido”

E para os que queirades ler algo mais do autor ou da súa obra, deixámosvos o dossier de Carlos Casares, como ven sendo habitual.

Dossier Carlos Casares