Arquivo do blog

Herba Moura

E chegamos ó final do club de lectura cunha última proposta, dirixida especialmente ás mulleres dos clubs, principais protagonistas desta aventura literaria compartida durante todos estes meses no espazo das nosas bibliotecas. Falamos de Herba moura, da autora monfortina Teresa Moure

A  través da historia de tres mulleres que viven en diferentes épocas e lugares, Teresa Moure vai construíndo esta novela que ofrece múltiples  lecturas:  o devir das mulleres na historia, a filosofía, a paixón , o coñecemento, a rebeldía… son algúns dos temas abordados con mestría por esta autora.

HMSN HMbn


Tres mulleres “de armas tomar” que non dubidan en renunciar ó éxito e ó poder  a cambio de continuar sendo elas mesmas e de facer o que consideran que deben facer. O nexo de unión entre estas tres mulleres non é outro que Descartes, o filósofo racionalista do século XVII, có que as nosas protagonistas manteñen unha diferente relación.

A raíña Christina de Suecia, amante da lectura, das artes e das ciencias e gobernante eficaz, admira o racionalismo descartiano, que continúa impulsando trala morte do filósofo;  a entrañable Helene Jans, o personaxe mellor traballado e mais querido da autora, afín ao empirismo humanista. E Einés Andrade, estudante galega da nosa época, que dá forma a todo o ese conxunto de receitas e conxuros, poemas, cartas, correos electrónicos, fragmentos de diarios… que conforman a narración.

Pero probablemente o que mais nos fascinou a moitas das que participamos desta lectura conxunta foron as últimas páxinas do libro, as que falan das mulleres que rodean a Einés , esa rapaza que  naceu, sen que ninguén soubese que tiña que nacer,  o día en que o home chegou a lúa, e que medrou a carón das verdadeiras protagonistas da historia: as mulleres invisibles que día a día fan posible quea vida siga adiante.  A elas é a quen dirixe Héléns Jans o seu “Livro de mulleres”, impulsándolles a vivir e a gozar da vida:

E, xa que logo, fermoseádevos, mellorade, restaurádevos de toses e bágoas, emendade o que é emendable, e gozade do que trae cada día, que a outra, a negra, a innomeable agárdavos impaciente e chegará, seguro, sen que receuta, nen apócema, nin lavativa poida librarvos da súa vinda

 

Para mais información, como é habitual, podedes consultar o noso dossier en liña ou descargalo en pdf

Portada_dossier

    Dossier “Herba moura” en  pdf 

 

E de momento máis nada! Grazas a todxs pola vosa atención… e ata o día 9 en Outeiro de Rei!!

 

Todos os días son #8m

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, un día para reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar mais cambios e celebrar a valentía e determinación de tantas e tantas mulleres que loitaron e loitan por avanzar na igualdade de oportunidades. Pero cada día é 8 de marzo, cada día dos 365 do ano é unha loita para reclamar os nosos dereitos, romper estereotipos e liberarnos dunha sociedade patriarcal que relega á muller a un papel secundario.

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a esta loita coa campaña #MulleresCoraxe, rendendo homenaxe a todas aquelas mulleres que, ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron. O seu modo de ver e facer as cousas, as súas decisións e o seu traballo supuxeron un avance na defensa dos nosos dereitos.

E aproveitamos a ocasión para recomendar un lote de materiais, que forma parte da iniciativa Date ao lote! e que aborda historias de amor, resistencia e violencia nun mundo no que é preciso mudalo todo: Mulleres e activistas políticas.

mulleres_coraxe

O lote inclúe a novela de María Reimóndez En vías de extinción (Xerais, 2012), o poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através, 2013) e a película Al otro lado (2007), dirixida por Fatih Akin. Leva ademais un dossier con material complementario, que permite relacionar e ampliar contidos. Neste caso, unha entrevista a María Reimóndez e o artigo A xeración Nós-outr@s: mulleres e ensaio en Galicia, de Montse Dopico.

en_vias_de_extincion“Gaia, a protagonista desta historia, é unha deses persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.

Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo”.

teresa_moure

Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia
Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.”

al_otro_lado

“As fráxiles vidas de seis persoas crúzanse durante as súas viaxes emocionais cara o perdón e a reconciliación, entre Alemania e Turquía.

Nejat non mira con bos ollos a relación que o seu pai, Ali, mantén coa prostituta Yeter. Yeter morre inesperadamente, deixando a súa filla Ayten en Turquía. Ayten, lesbiana e activista política, escapa a Alemania onde é acollida por Lotte. Susanne, nai de Lotte, está en contra desta situación”.

Premio ao mellor guión no Festival de Cannes, 2007

Premio Lux do Parlamento Europeo para o Cine, 2007

Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe, podedes participar das actividades programadas nas distintas bibliotecas da rede e podedes seguir facendo as vosas achegas á nosa wiki colaborativa.

Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!