Arquivo do blog

Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos

Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.

Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.

Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.

E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.

E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…

E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!