Arquivo do blog

Roteiro de Rosalía de Castro por Santiago de Compostela

Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales quixemos pechar este curso 2014-2015 facendo unha actividade fóra do noso espacio natural de xuntanzas. Así que collimos o tren, destino Santiago de Compostela. E alí esperábanos a profesora de lingua e literatura Mercedes Espiño, unha guía excepcional que levou a un grupo de dezasete lectoras polas rúas de Compostela nun roteiro rosaliano.

O entusiasmo co que Mercedes levounos polos diferentes emprazamentos da cidade, fixo que non se nos olvide a singular vida de Rosalía de Castro e o seu paso polas casas onde viviu, polas rúas, prazas e xardíns polos que fixo a súa vida ou no centro onde estudou, por exemplo.

Coas historias e detalles cos que nos deleitou e as fotografías antigas coas que acompañaba o seu relato, as participantes dos dous clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, quedamos prendadas, aínda máis se cabe, da figura de Rosalía de Castro, admirando e comprendendo a vida chea de dificultades que tivo que atravesar unha figura do rexurdimento galego tan emblemática como ela.

Café con libros de Roteiro por Compostela

Este curso 2014-2015 foi o segundo do club dos luns e o cuarto do club dos martes. Dous grupos de lectoras, que xa forman parte da historia da Biblioteca Os Rosales, dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais, dous grupos de amigas que disfrutan de cada tarde que pasan [que pasamos] xuntas falando das lecturas propostas, doutros libros, de cine, de teatro, das súas clases noutras disciplinas, das súas axendas culturais e de ocio, de cociña… e un longo etcétera. O noso é un espazo de encontro, de conversa, un espazo da palabra e no que o cariño e as emocións móstranse semana tras semana.

Un curso de lecturas para todos os gustos. Aí vai a relación: La rubia de ojos negros, La mano invisible, Botcham, O club da calceta, Tokio Blues, Travesuras de la niña mala, 28 Días, Los ignorantes, Balzac y la joven costurera china, Mil cretinos, Una madre, Píldoras azules, Una temporada para silbar, Al mal tiempo, mejor cara, Cuatro hermanas, El cielo es azul, la tierra blanca, En el café de la juventud perdida e Nosotras que nos queremos tanto.

Na Biblioteca Os Rosales xa estamos a programar o curso 2015-2016 con máis ilusión que nunca, no que, estade seguras, teremos moi en conta a vosa lista de desexos 😉

Feliz verán e felices lecturas! Vémonos á volta, coa enerxía e as ganas de sempre. Apertas, queridas lectoras e non deixedes de recomendar libros #recomendamosbmc. A lectura non para nin por vacacións…

Un Roteiro Rosaliano por Compostela

rosaliaQue Rosalía é unha poetisa universal é cousa que sabe todo o mundo, e que a súa poesía está máis presente ca nunca comprobárono os participantes dos clubs de lectura Ágora durante a pasada semana de novembro.

Achegámonos a un vídeo documental que nos donou a AS-PG de A Coruña titulado I ante aquel silencio Mudo: Rosalía e Cantares Gallegos, e desfrutamos do bo facer dos expertos Pilar García Negro e Francisco Rodríguez. Un documental gravado polo 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, no que mozas e mozos, e escritores e escritoras galegos recitan unha escolma moi xeitosa nun entorno de sobra recoñecible para calquer coruñés.

Pero o trato era outro, había que poñerse na pel de Rosalía e sentir coma ela sentía, e ver, canto dela hai en nós hoxe. Por iso, e porque contabamos co apoio de Merche Espiño, marchamos a Compostela o xoves 20, no tren das dez da mañá. Non hai choiva compostelá que se atreva a desafiar un roteiro rosaliano…

DSC04225

Varios emprazamentos lembran a Rosalía de Castro en Santiago, casas nas que viviu, prazas que cruzou, xardíns, rúas, vistas…o mérito de Merche Espiño estribou en transportarnos ao século XIX e documentarnos coa súa verba e con fotografía antiga, de xeito que podiamos ver a casa familiar, o centro onde estudiou, o teatro no que actuaba.

Construimos un retrato da poetisa que nos levou a estar máis preto dela, mais non era nin por asomo un sentir tal, como o que Pilar Maroto nos transmitiu no seu recital. Son 88 os anos desta muller. Ten unha presenza Pilar, que enche calquer escenario. Unha voz que atravesa calquera fronteira, unha ollada que abriga, un abrazo que achega. Di ela que descubriu a Rosalía cando emigrou a Bos Aires, e non a había descubrir…

Recitaba, cunha amargura contida que só presta a experiencia. Cantaba, cunha sorna e unha verdade que os artistas envexan. Foi coma un vendaval que pasou con forza por riba de todos nós, deixándonos espidos. “A poesía, aínda me segue axudando” – nos dixo a modo de despedida.

IMG-20141124-WA0010

– Imos xantar – dixemos cando rematou o encontro. – Imos.  -E fumos calados, abeirados polas rúas compostelás baixo un sol cativo, agardando que o comer nos devolvese ó realismo.

Na tarde, marchamos á Fundación Abanca ver a exposición Tradición, Cambio e Innovación. Asistimos a unha visita guiada a través dos séculos e dos artistas máis relevantes, especialmente galegos. De artistas galegos tamén se nutre Arga en Compostela: exposición colectiva, da que forma parte Rosa Guisán, do club dos martes. Celebramos con entusiasmo poder ter a artista ao noso lado cando entramos na Galería Sargadelos.

Somos un club de lectura. Gostamos de xuntarnos e vivir experiencias, arredor dunha personaxe literaria, dunha obra, dunha canción. Arredor dun café, nunha rúa en Compostela, nunha aula, nun tren. Somos un club de lectura, dous, tanto ten. E declarámonos dende xa e para sempre,  seareiros de Rosalía. Seareiros da poesía.

MAPA copy