Arquivo do blog

Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos

Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.

Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.

Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.

E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.

E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…

E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!

María Reimóndez únese aos clubs para #DesconfinarALingua

Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua, o xoves 14 de maio terá lugar un encontro virtual con María Reimóndez en torno ao seu relato “A esencia da cidade“, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.

O relato, autobiográfico e con vocación de ser utilizado nos centros de ensino para traballar a igualdade, foi ofrecido en descarga libre poca editorial con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista no ano 2016.

Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma.

No blog do club #QUEERuña, organizador do encontro, veñen de publicar unha entrevista coa autora como anticipo ao encontro. Non a perdas!

 

Clubs de lectura en corentena? Seguimos!

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña seguimos en tempos de corentena. Moitas das nosas compañeiras xa compartiron experiencias e lecturas neste blog nestas semanas. Seguimos a ler e a ter tertulias. Seguimos a compartir entre nós maneiras de facer, recursos, lecturas, alento e apoio mutuo. O dixital semella hoxe o máis corpóreo que podemos atopar. E o ben que nos fai! Vernos as caras, darnos azos, falar de literatura (a lectura como refuxio unha vez máis).

Os grupos de Café con libros da Biblioteca Os Rosales tivemos un parón. Un primeiro momento de desconcerto que nos impedía ler e debater. Seguiamos a falar a diario polo chat. A compartir recursos de información, cultura e ocio. A coidarnos. Pero o conto de Marta SanzSherezade en el búnker” dounos pé á nosa primeira videoconferencia. Tertulia do grupo do luns. Tertulia do grupo do martes. E ata tertulia coa escritora. Eso si foi un agasallo e todo un empuxe para continuar coa nosa labor neste novo escenario.

Neste caso non lendo libros completos. Non temos acceso a eles na Biblioteca en papel nin o costume de ler grandes textos en dixital. Nin a concentración necesaria nestes tempos de pandemia… Pero sí lendo pequenos fragmentos, contos, relatos que imos atopando de xeito legal na rede (ademáis dalgunhas páxinas de cómic: que sería de nós sen Paco Roca en pixama!). Grazas a tantas editoras pola súa xenerosidade nestes tempos en que no todas as persoas lectoras teñen bibliotecas persoais ás que botarlle a man. Polo motivo que sexa. Tamén temos en conta as bibliotecas dixitais, coma GaliciaLe ou ebibliodacoruna aínda que case todas añoramos o papel e as apertas.

A segunda lectura foi “Tiempo sentido”. Un fragmento do libro de Andrea Köhler: “El tiempo regalado. Un ensayo sobre la espera” que editou Libros del Asteroide no ano 2018. Foi un texto moi reflexivo. Cheo de referencias que podían despistar ou interromper un pouco a lectura, pero que resultou marabilloso para comentar todas xuntas neste confinamento no que estamos inmersas. Todas subliñamos pasaxes que enriqueceron a posta en común. Unha lectura perfecta para estas semanas.

Continuamos con “Lejano”, outro fragmento accesible grazas a Libros del Asteroide. Un conto de Eduardo Halfón, que como comentan as compañeiras da Biblioteca Infantil e Xuvenil, forma parte do seu libro de relatos “El boxeador polaco“. Toda unha descuberta que deu lugar a tertulias moi amenas e ricas en temas a tratar e que co que quedamos coas ganas de seguir disfrutando da súa obra. Farémolo! Ademáis, as reflexións sobre o que son e como ler os contos fíxonos demorarnos na lectura e valorar este momento como unha oportunidade para achegarnos ao relato como peza literaria. Quen nolo ía dicir!

Tras tres textos actuais, dous contos clásicos: o relato inquietante de Edith Warton “En la plenitud de la vida” e o máis costumbrista, de Anton Chejov “La dama del perrito”, nos que se tocan os temas do amor, da súa construcción e do matrimonio como estructura pechada, clases sociais, etc. Todas estas reflexións levánnos a falar ata do poliamor!!! E é que nunca sabemos como imos relacionar lecturas nas tertulias. De “La dama del perrito” a “As estacións do lobo” de María Reimóndez, e de esta ao ensaio de “Pensamiento monógamo, terror poliamoroso” de Brigitte Vasallo. Aí queda iso.

E precisamente esta semana entregamos ás nosas lectoras dos dous grupos de Café con libros “A esencia da cidade” de María Reimóndez. Autora fundamental nas nosas Letras. Pronto contaremos máis… 😉

Xa temos textos na recámara para as próximas semanas. Para pechar un curso 2019-2020 tan tan atípico, no que o importante foi seguir atendendo ás persoas non conectadas ás redes sociais. Conseguímolo a través do chat, ese medio co que seguimos unidas a familiares e amigas. Unha ferramenta, que non substitúe o presencial (nin o pretende), que seguro pronto volverá, aínda que sexa aos poucos e con todas as medidas de seguridade precisas, pero que consegue que ninguén quede illado, sen rede de apoio. Os clubs de lectura somos todo o contrario. Os coidados no centro. A capacidade de reacción foi toda unha proba de resistencia e da necesidade destes grupos, vencellados ás nosas bibliotecas. Sigamos.

Para pechar o artigo, primeiro convidámosvos a seguir os enlaces para poder consultar as lecturas propostas. Cando reabramos, no noso catálogo poderedes ver a dispoñibilidade destas e outras recomendacións de lectoras e bibliotecarias pero, mentras tanto, convidámosvos a achegarvos a estas obras dispoñibles en formato electrónico: