Arquivo do blog

Historias de regalo 2020

Cada ano nestas datas as Bibliotecas Municipais da Coruña publicamos a guía de lectura “Historias de regalo”, que recolle unha selección de títulos para axudarche a elixir o mellor agasallo de Nadal.

Esta escolma, realizada con ilusión e afecto polas bibliotecarias e bibliotecarios para vós, inclúe desde música e cine ata literatura ou libros de divulgación de diversas áreas temáticas (LGTB e feminismos ou biblioteca verde, entre outras).

Hoxe presentámosvos nesta entrada os materiais da guía que recomendamos nas seccións “literatura para adultos” e “voces poéticas”. Cinco títulos de narrativa e cinco de poesía que vos convidamos a descubrir nas nosas bibliotecas e entre os que agardamos atopedes a vosa lectura de regalo para este Nadal.

Narrativa



La buena suerte , de Rosa Montero

Alfaguara, 2020. Premio Nacional das Letras Españolas.

Pablo baixa dun tren en Pozonegro, antigo centro mineiro, lugar maldito e con xente luminosa, incompleta e algo tola como Raluca, que pinta cadros de cabalos e ten un segredo, coma todas as persoas de alí, algúns máis escuros e perigosos que outros, ou simplemente ridículos. Tamén hai humor nesta vila triste, porque a vida ten moito de comedia e a xente finxe ser quen non é ou oculta o que planea. É o gran xogo das falsidades.

Rewind, de Juan Tallón

Anagrama, 2020.

Un venres de maio, con trazas de ser un día perfecto, prodúcese unha explosión estraña nun edificio de Lyon. Nun dos pisos do inmoble, que queda reducido a entullos, viven un grupo de estudantes de distintos países que esa noite celebraban unha festa. A través de cinco narradores, vítimas e testemuñas, coñecemos que aconteceu esa noite, así como as súas consecuencias a longo prazo.

O libro da filla, de Inma López Silva

Galaxia, 2020.

Helena Sánchez é unha recoñecida xornalista cuxa traxectoria profesional sempre a levou a cubrir temas da política e sociedade. Ao coñecer a noticia dun empresario que foi condenado por violar á súa filla pero que leva once anos negando o crime, entende que necesita contar esa historia. Unha historia que ten que ver coa súa propia familia e co seu pasado, que intentara esquecer consciente ou inconscientemente.

Los chicos de la Nickel, de Colson Whitehead

Penguin Random House, 2020. Premio Pulitzer.

De pouco serve ser un bo estudante na Academia Nickel para mozos. Elwood -pobre, orfo e de raza negra- non tarda en descubrilo cando, por un malentendido, o pechan neste reformatorio. Coa axuda dun bo amigo, este adolescente descubrirá como sobrevivir neste lugar que esconde un brutal segredo e unha realidade corrupta, apoiada por moitos e obviada por todos.

Un lume azul, de Pedro Feijóo

Xerais, 2019.

Existe una maldade excesiva e grotesca. Non deixa gretas e arrastra toda posibilidade de expiación ou perdón. O responsable da Brigada de Investigación Criminal a comisaría central de Vigo aínda non o sabe, pero enfróntase a ese tipo de maldade.

Voces poéticas



La sombra del otro mar , de Joan Margarit

Nórdica Libros, 2016. Premio Cervantes 2019.

Libro cunha selección de poemas en edición bilingüe xunto á recoñecida obra pictórica de Subirachs. Joan Margarit diríxise a Josep Maria Subirachs cuns primeiros versos dun poema en memoria da amizade que uniu a ambos os artistas até os últimos días do escultor.

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes

Galaxia, 2018. Premio Gala do Libro 2019 a mellor libro de poesía do ano.

Esta Memoria do corpo é un tempo de investigación para o autor. Dentro de si mesmo, como debe facer o poeta. É, sen dúbida, o seu mellor logro. E a frase non é arriscada. Así o sente o creador, que viaxa desde o barro por corpos, iniciacións eróticas e camiños ue, como todos os periplos, nos devolven ao punto de partida.

Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao

Apiario, 2018.

Di Lucía Aldao “Todo isto antes era noite é un libro que abre tantas cousas como pecha, que ilumina e ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relación coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír.”

Atlas, de Alba Cid

Galaxia, 2019. Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020.

Un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia na procura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta.

No interior do abandono, de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos

Figurando Recuerdo(s), 2020.

Este libro articula un feliz encontro entre as fotografías de Carlos Lorenzo e as creacións poéticas de Baldo Ramos, que nos convida á reflexión sobre o abandono do rural galego, a través dunha viaxe emocional por aqueles espazos físicos do rural que están a esmorecer. O proxecto tamén conta cunha peza de vídeo que se pode ver premendo aquí.

E ata aquí as nosas propostas de novela e poesía para agasallar nestas datas tan especiais. Acercádevos a descubrir estes e outros títulos nas nosas bibliotecas e a botar unha ollada ao resto de recomendacións da guía “Historias de regalo 2020”. Bo Nadal!!

Festexamos a participación no Día das Letras Galegas 2020 coa guía de lectura #DesconfinarALingua

As Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á celebración do Ano Ricardo Carvalho Calero que a Real Academia Galega vén de desenvolver este mes de outubro con distintas iniciativas presenciais e virtuais a través da presentación da Guía de Lectura #DesconfinarALingua.

Esta guía de lectura naceu dun tempo estraño e difícil, dunha pausa forzosa confinados e confinadas nas nosas casas. Neste contexto de COVID-19 as Bibliotecas Municipais fixemos un chamamento á cidadanía para “Desconfinar a Lingua” na semana das Letras Galegas.

Nesa nova normalidade houbo unha ferramenta humilde e simple que nos acompañou: as máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, a palabra oral e escrita, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias vidas.

Nesta ocasión, foron centos as persoas que taparon a boca coas máscaras diversas da creación en galego xustamente para desconfinar a lingua, para abrir, cara nós e cara as demais, a xanela grande de todo o que ofrece o idioma. Esas aportacións son as que agora tes nas túas mans, mergúllate nesta escolma de caras e descubre toda a creación que se pode desfrutar en galego.

Lembra que podes descargar a guía na plataforma Calameo e consultar o album de imaxes de todas as persoas que participaron en #DesconfinarALingua.

Voltamos con… La mujer habitada

Tras o verán, que parecía a fin do pesadelo, comprobamos que non estabamos exentos de unha nova embestida e volvemos a padecer o incremento no número de contaxios por Covid-19. As Bibliotecas Municipais da Coruña foron abrindo, con cautela, os seus servizos á cidadanía. Sen présa pero sen pausa, as bibliotecas retornan ao seu lugar, xunto aos seus usuarios, recibindo os alentos e colaborando para facer un pouco máis levadeira esta impensable pandemia que nos tocou vivir.

Na biblioteca Sagrada Familia comezamos outubro coa volta ás sesións presenciais do club de lectura. Unha vez establecidas as distancias de seguridade, os grupos estables de participantes e as medidas de hixiene, todos estabamos desexando volver a vernos as caras, poder acompañarnos. As redes sociais poden axudar á comunicación pero nunca substituirán as miradas cara a cara, os sorrisos cos ollos (xa que as máscaras non nos deixan ver os dentes) e o ton das voces nos comentarios. Os clubs de lectura naceron para facer compartido o pracer da literatura, para achegar persoas diversas en torno a este obxecto e necesidade comúns, e por aquí continuamos facendo valer esa proposta.

Portada da edición en Seix Barral, 2010

Como primeira lectura deste novo curso seleccionamos La mujer habitada da nicaragüense Gioconda Belli, unha novela de aventuras con píntegas de realismo máxico que nos sitúa na cidade imaxinaria de Faguas nun tempo indeterminado que parece rondar a década dos 70. Protagonizada por dúas mulleres fortes e empoderadas, vivindo en épocas moi distintas ambas teñen que loitar pola liberdade, a propia e a dos que as rodean.

Lavinia é unha arquitecta nova, formada en Europa, que retorna ao seu país coa esperanza de poder construír a súa vida á marxe das convencións da sociedade á que pertence. Revelada contra ese mundo de inxustizas sociais non atopa o seu sitio a carón dos que sempre a acompañaron, a súa visión do mundo está moi afastada da que se espera nunha rapaza da súa clase. A relación con Felipe proporciónalle a perspectiva que lle faltaba para comprender a realidade do país, o seu compromiso vai máis alá do medo e lévaa a vivir experiencias que nunca imaxinou.

Itzá é a segunda protagonista. Atravesa o tempo e entra a formar parte da vida de Lavinia, aínda que non sexa consciente desta conexión. Itzá viviu a chegada dos conquistadores españoles, participou na rebelión contra as masacres, os roubos e os enganos aos que someteron ao seu pobo, e agora ve como a vida das mulleres actuais tampouco está exenta de soidade, sacrificios, loitas e medos. Moito cambiou o mundo desde que ela non o habita pero as mulleres continúan traballando polo seu lugar e someténdose infinidade de veces aos designios do “establecido”.

O contexto no que se desenvolve a novela parece reflectir a loita do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) de Nicaragua, do que a propia autora formou parte, ata o derrocamento de Anastasio Somoza como presidente do país e a fin da dinastía da súa familia. A distancia entre clases sociais, o goberno militarizado e a impasividade das clases altas ante a extrema pobreza das baixas están presentes ao longo de toda a novela. Estes feitos non deixan indiferente a Lavinia e desde a súa posición privilexiada colabora coa loita superando todos os prexuízos.

Gioconda Belli

Gioconda Belli

A autora posúe unha posición privilexiada para falar da historia recente do seu país. Feminista, activista, periodista e política, traballou toda a súa vida do lado da liberdade, intentando derrocar aos opresores e construíndo unha Nicaragua igualitaria. Durante a ditadura participou activamente no FSLN realizando todo tipo de traballos, desde facer de correo clandestino ata buscar apoios estratéxicos en Europa. Tras o triunfo da Revolución Sandinista desempeña varios cargos de goberno ata a súa renuncia no 1990.

Casada en tres ocasións e nai de catro fillos, a súa carreira literaria comezou da man da poesía, xénero polo que acaba de recibir o premio Gil de Biedma 2020 por El pez rojo que nada en el pecho, inédita polo de agora. Desde o seu primeiro poemario, Sobre la grama, editado en 1972, xa son doce as obras poéticas publicadas da autora, a maior parte delas en varios países. Na Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña contamos con Fuego soy, apartado y espada puesta lejos, Apogeo, El ojo de la mujer e Escándalo de miel.

A novela que nos ocupa é a primeira da autora, editada por vez primeira na décado dos 80, pero non por iso menos trascendente. Seguíronlle Sofía y los presagios e Waslala na década dos 90 e xa nos 2000 El pergamino de la seducción, El infinito en la palma de la mano, El país de las mujeres, El intenso calor de la luna e Las fiebres de la memoria, a maioría delas tamén dispoñibles no catálogo das BMC xunto ás obras doutros xéneros. El taller de las mariposas é un conto infantil publicado xa en 1987 e que foi traducido ao alemán, holandés e italiano. Plasmou as súas vivenzas dentro do sandinismo na obra El país bajo mi piel, memorias de amor y de guerra, que editou Plaza&Janés en España en 2001 e tamén se publicou noutros idiomas e países ese mismo ano.

Na sesión deste luns comentaremos o remate desta novela. Xa na anterior reunión nos aportou boas reflexións sobre o papel da muller, a súa dependencia e independencia dentro da sociedade, o que se espera dela e o que está disposta a facer para reivindicar o lugar que cada unha de nós consideramos que nos corresponde. Foron recoñecidas na tertulia as expresións do país, tan ben reflectidas na narración, e que tanto axudan a crear o ambiente no que se desenvolve a acción. Sen dúbida é unha lectura interesante, polo tema, pola forma, polo contido. Pese a estar escrita na década dos 80 non resulta anacrónica na actualidade, hoxe continúa a manterse como lectura recomendable. Pechamos xa este capítulo para comezar un novo dedicado ao mestre Miguel Delibes, no ano do seu centenario, coa lectura (ou relectura) de El hereje que, sen dúbida, tamén nos reportará boas conversas no club.

Despedímonos ata a próxima, boas lecturas a todos!!

#LemosParaTi con Orgullo no 28J

Cada 28 de xuño celébrase a nivel internacional o Orgullo LGTB, en conmemoración dos disturbios acontecidos no pub neoiorquino Stonewall Inn no ano 1969, que deron orixe á loita polos dereitos do colectivo e ao movemento LGTB moderno.

Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos á celebración desta efeméride coa proposta “As Municipais Entenden”, iniciativa posta en marcha desde hai varios anos xa na nosa rede e que vamos ampliando e nutrindo cada ano co obxectivo de dar visibilidade á realidade LGTB.

As Municipais Entenden

Pincha na imaxe para ampliar información sobre a proposta “As Municipais Entenden”.

Dentro da campaña #AsMunicipaisEntenden, activa do 25 ao 28 deste mes, lanzamos accións en todas as nosas ferramentas dixitais para celebrar o orgullo e a diversidade. Máis é unha liña na que traballamos cada día do ano, procurando que as bibliotecas sexan espazos seguros, libres de LGTBIfobia, e onde se integren todas as diversidades. Mostra disto é a aposta por dar visibilidade á diversidade sexual nas nosas coleccións (guía de lectura específica en Calameo, bibliografía recomendada no noso catálogo, pílula de formación sobre como atopar material desta temática), así como tamén a a creación do primeiro club de lectura LGTBI+ de Galicia no ano 2016, o club de lectura Queeruña.

Entre as accións deseñadas para celebrar o Orgullo 2020, realizamos dentro do programa #LemosParaTi -que viu a luz hai aproximadamente dous meses, en pleno confinamento, para acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía- varias lecturas de temática LGTB que compartimos nesta entrada con vós.

Sonetos del amor oscurosonetosdelamoroscuro

Lectura dos sonetos “El poeta dice la verdad”, “El poeta pide a su amor que le escriba“, “El poeta habla por teléfono con el amor” e “El amor duerme en el pecho del poeta“, incluídos na obra “Sonetos del amor oscuro” do poeta, dramaturgo e narrador Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 – Víznar, 1936). Adscrito á xeración do 27, Lorca é un dos poetas españois máis lidos de todos os tempos. Os seus sonetos, que reivindican a mirada do desexo e do amor homosexual, foron escritos nos seus últimos anos, entre 1935 e 1936, e viron a luz de maneira póstuma.

Ir a descargar

Elisa e Marcelaelisaemarcela

Lectura dun fragmento do prólogo -escrito por Manuel Rivas– do libro “Elisa e Marcela: amigas e amantes” do catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña e escritor, Narciso de Gabriel. Publicada en galego no ano 2019 por Xerais, esta obra relata a historia de dúas mestras galegas que en 1901 protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

Ir a descargar

El amor del revéselamordelreves

Fragmento de lectura da novela autobiográfica “El amor del revés” do escritor Luisgé Martín (Madrid, 1962) e publicada na colección “Narrativas hispánicas” da editorial Anagrama no ano 2016. Luisgé, recoñecido con galardóns como o Premio Ramón Gómez de la Serna de Narrativa 2002, o Premio del Tren 2009 ou o Premio Vargas Llosa de Relatos 2012, relata nesta obra a historia da asunción da súa homosexualidade na España de 1977.

Ir a descargar

Transmatriatransmatria

Lectura do poema “A transmatria ficaba nun outeiro”, incluído na obra “Transmatria” de Daniel Asorey (Santiago de Compostela, 1970), escritor e docente de lingua e literatura galega. O poemario, publicado na editorial Xerais o ano pasado, foi galardoado co XXI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Nas súas palabras respírase a reivindicación, a rebeldía e a esperanza no cambio dunha sociedade inxusta.

Ir a descargar

A Virginia le gustaba Vitaavirginialegustabavita

Fragmento de lectura dunha das moitas cartas que intercambiaron a escritora Virginia Woolf e a súa amante, tamén escritora, Vita Sackville-West. Recollidas pola autora Pilar Bellver (Villacarrillo, Jaén, 1961) na extraordinaria novela “A Virginia le gustaba Vita”, que recrea -cunha mestizaxe entre ficción e documentación- a apaixonada historia de amor entre ambas escritoras. Publicada no ano 2016 na editorial Dos Bigotes, especializada en temática LGTBI e feminismo.

Ir a descargar

Despedímonos coa última lectura que nutre o espazo diverso e compartido que é #LemosParaTi, un poema inédito da poeta, cantante, guitarrista e guionista coruñesa Lucía Aldao (1982).

Desde as Bibliotecas Municipais desexámosvos un feliz Orgullo2020 e que viva a diversidade!!

Ir a descargar

Un lume azul de Pedro Feijoo

No marco da cidade de Vigo e na súa contorna ambiéntase a última novela de Pedro Feijoo. O inspector Mateo e a súa equipa da Brigada de Investigación Criminal enfréntanse a unha serie de crímenes cruentos e salvaxes.

A novela está narrada en primeira persoa polo propio inspector e tamén por un narrador en terceira persoa que nos deixa  ás veces ir por diante das propias investigacións policiais.

Intercalados na historia, os propios personaxes describen episodios da súa vida que son importantes para tecer a trama e ir descubrindo o drama das súas vidas.

Atrapa a súa trama, maxistralmente construída, na que os acontecementos van desvelando a historia cara adiante co desenmarañamento dos crímenes pero, as voltas atrás na vida dos personaxes e o afondar nos seus sentimentos, é para min o máis valioso da novela.

É un testimonio aterrador, que corta a respiración, e que fai que nos cuestionemos de que parte estamos e ata onde é capaz de chegar un ser humano castigado, maltratado, sometido a todo tipo de degradacións.

Como di o propio autor, onde poñemos o límite da dor e ata onde podemos aguantar unha vez que nos obrigan a pasar ese límite.

Mergúllanos no máis dantesco da especie humana, nos escenarios máis terribles que nin imaxinamos que puidesen existir.

Persoalmente, encántame o título, penso que unha vez lida a novela é moi significativo, sen dúbida unha boa elección.

Moito máis alá da novela negra, para min esta é unha historia de dor e de medo, de levar aos personaxes a un sufrimento extremo e de cómo responden a eses golpes inhumanos no corpo e na alma.

Dura pero emotiva é, ao meu enterder e ata o momento, a mellor das novelas de Pedro Feijoo, a que chega máis dentro.

“E xa todo está en paz.

O lume, o mar.

A calma.

Todo.”

A novela podédela atopar nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.

Fahrenheit 451 de Ray Bradbury

Imos falar da novela máis terrorífica para os amantes dos libros.

Nos anos 50 do século XX, o marco da guerra fría, con Stalin, McCarthy e a cacería de comunistas por EEUU, Ray Bradbury escribe unha novela na que se abordan temas como a censura, a paranoia social, as denuncias, a liberdade, a cultura e a desaparición dos libros.

Nesta obra, sen dúbida una das mellores de Bradbury, os bombeiros son o eixe maligno da historia, son o dictador dun futuro opresor, onde, irónicamente, traballan para provocar incendios no canto de apagalos. Porque a súa misión é buscar libros e queimalos. Si é necesario, ata as casas que os gardan coa persoa que hai dentro. Son pirómanos da cultura. Xa que os libros están prohibidos porque fan pensar, co cal impídennos a felicidade, nun mundo onde hai que ser feliz por forza.

Pero Farenheit 451 é, antes que crítica social, unha obra literaria, onde acompañamos ao bombeiro Guy Montag que, sen entender a razón e case sen darse conta, comeza a roubar algúns dos libros que debe queimar – porque é o modelo de ser humano que nace con curiosidade polas cousas – e os oculta na casa que comparte coa súa esposa Mildred, unha deprimida e consumista cidadá desa sociedade, xa incapaz de recordar como se coñeceron.

E a partir de aí, como xa imaxinan, comeza toda a aventura, que é inesquecible e aterradora. É aterradora porque sabemos que esta historia, desgraciadamente, existe, segue e seguirá existindo, porque cando o ser humano queda inerme, ser débil é a pose por natureza, e ser invadidos pola ignorancia é a única saída posible.

Pero sempre haberá persoas como Montag, que posúe interese polo que lle rodea e élle inevitable preguntarse polas cousas que sustentan a súa vida. Para el,  é imposible negarse a ir ata o fin do mundo para conseguir o que busca: a verdade, ou polo menos o seu parte de verdade. É o bombeiro que si quere pensar.

Bradbury acertou como un visionario nesta novela, onde a xente vive encerrada nas súas casas, onde hai enormes televisións que aportan só distracción básica e calquera cousa que distraia o pensamento e faga non pensar. Tamén nos fala co corazón nas mans, xestando esa gran ironía que é escribir precisamente o que para el mesmo sería o maior dos horrores: A destrución da escritura.

A idea final de Fahrenheit 451, que non lles vou a contar, é quizá a mellor demostración de amor entre lector e literatura que se escribiu no último século. Todo isto nunha estrutura clásica en tres actos, e con forma de aventura. Non se pode dar máis, hai que quitarse o chapeu e poñela entre as obras mestras.

Está dispoñible na túa biblioteca e tamén para préstamo virtual en GaliciaLe.

Lecturas dixitais de 9 a 14 anos

Nestes tempos de confinamento, onde as lecturas prestadas na biblioteca vanse esgotando, e é difícil acceder a unha libraría física para a adquisición de novos tesouros literarios, as bibliotecarias queremos aportar o noso gran para facilitar esas viaxes tan necesarias nestes tempos, e non soamente para os maiores, a rapazada tamén precisa un desafogo, unha viaxe fantástica que os afaste destes días estraños e intensos emocionalmente.

Por iso creamos unha pequena guía para rapazas e rapaces de 9 a 14 anos con documentos que atoparán en formato dixital na plataforma de GaliciaLe. Libros en galego e castelán, que poderán ler online ou descargalos para o e-book ou tablet.

Imagen guía

Ademais, gran parte desta escolma podédela atopar fisicamente nas nosas bibliotecas, por si á volta tendes esa necesidade imperiosa dos librómanos e queredes desfrutar do tacto e perfume do seu papel.

top

Lembrámonos moito dos e das participantes do Club Miúdo, un clube diferente, onde coñecemos autores e autoras da nosa terra e do resto do mundo, divertímonos cos libros e as novas tecnoloxías.

Un clube lúdico que abre unha nova porta literaria á rapazada para xuntarse e gozar ao redor dos libros. 

Agardamos poder xuntarnos pronto! Todo sairá ben!

#QuedanaCasaeLe #ClubMiudo #CorunaenCasa 

Lecturas de confinamento no Club de lectura de Durán Loriga

As persoas que conformamos o Club de lectura de Durán Loriga non podemos evitar botar de menos esa reunión que tiñamos cada quince días para poder compartir o entusiasmo por un libro e pola lectura en xeral. Ese anaquiño no que non só nos xuntabámonos para gozar falando dun libro, senón que volvíamos a lelo de novo con outros ollos grazas a todas as aportacións dos clubeiros e das clubeiras.

E hai ánimo de seguir co club nesta situación? Preguntabámonos as bibliotecarias. A resposta veu soa cando parte do grupo pide compartir as lecturas que quedaron pendentes: comezamos a conversa coa desgarradora crónica dunha familia parisina durante tres xeracións, esta é a investigación que fai a autora -Delphine de Vigan- sobre a súa propia familia en Nada se opone a la noche. Continuamos con La uruguayade Pedro Mairal– toda unha viaxe en busca de sedución e onde se expón, a modo de confesión e con moito humor, as dúbidas sobre que o amor perfecto poida traernos a felicidade. Para rematar coas provisións traídas da biblioteca lemos o cómic Polina de Bastièn Vives-, que foi Prix de Librairies BD en 2011 e que poderedes atopar nos nosos fondos á volta: unha emotiva historia que parte do ballet, dun mestre e dunha aprendiz, para falar da aprendizaxe vital.

 guía de lectura    

Pero sobre todo estamos a redescubrir un xénero literario que, ás veces, queda nun segundo plano respecto á nosa querida novela: O conto e a narración breve están a ser o principal motivo para a reunión. O primeiro que lemos foi o xeneroso regalo que nos ofreceu Marta Sanz a través das redes: Sherezade en el búnker deu que falar (tamén no encontro con ela) e poñer sobre a mesa as situacións complicadas que se están a dar neste encerro, pero que con humor sempre son máis doadas de abordar. Tamén o fermoso e autobiográfico Lejano, sacado do libro El boxeador polaco: un pequeno relato que serviu para mergullarnos por primeira vez no mundo de Eduardo Halfon -Premio Nacional de Literatura en Guatemala-, neste caso como un profesor de universidade canso da docencia, pero en ningún caso da literatura. 

     

Por outra banda, é bo momento para volver aos clásicos, moitos deles facilmente accesibles na rede. Nós xa levamos algúns: Casa tomada de Cortázar deu para milleiros de interpretacións en torno a esa casa que, misteriosamente e de a poucos, vai sendo invadida. Esa sensación de inquedanza tamén está no relato fantasmal La plenitud de la vida, un conto que só puido facer unha escritora tan adiantada á súa época como o foi Edith Wharton. Mais como seguimos na casa, acercámonos a outra historia que sucede tamén nun apartamento, onde hai unha radio que nos permite escoitar todas esas conversas que queremos, ou se cadra non: La radio enorme é un dos moitos relatos que John Cheever publicou no 1947 na revista New Yorker, pero que polo seu significado ten moito de actualidade.

     

Por suposto tamén compartimos as lecturas que nos acompañan estes días e que imos anotando para ler, agora ou á volta. Estas son algunhas das que podedes descargar nas plataformas de préstamo: Y te irás de aquí, a última novela de Lorenzo Silva que ademais publicou en aberto, a través da revista XLSemanal; La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa Montero; La madre de Frankenstein de Almudena Grandes; Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre; Entre visillos, de Carmen Martín Gaite; A corazón abierto, de Elvira Lindo; Tiempo de espera, de Elizabeth Jane Howard; Lluvia fina, de Luis Landero; El extranjero, de Albert Camus; Un  amor, Alejandro Palomas; e La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.

Mais en realidade, falamos de todo un pouco. Da claridade nas palabras do filósofo e filólogo Emilio Lledó nestes tempos que vivimos, no documental Mirar palabras. Celebramos o día da poesía achegándonos aos poetas galegos actuais no documental Vértice de Versos, e tamén á mellor poesía en castelán, de man do proxecto Amamos la poesía da RAE. Revisamos os libros de Tània Balló, Las Sinsombrero, e o proxecto documental no que participa e que podemos ver na web de RTVE. Descubrimos o fermoso documental sobre a fotógrafa Ruth Matilda Anderson: A viaxe de Ruth. Tamén o documental adicado á actriz María Casares. Falamos de cine, de música, da operación Balmis, da cheeveriana serie Mad Men, do centenario de Galdós e dos encontros cos nosos autores favoritos nestes días, como é por exemplo Alejandro Palomas.

  programa adicado a Emilio LledóDocumental sobre a fotógrafa Ruth Matilda AndersonPrimeiro libro de Las Sinsombrero en ebiblioDocumental sobre a actriz María Casares

Este club na distancia é unha experiencia diferente na que se gaña en cooperación, xa que non só se comparte a visión dunha lectura, senón que tamén permítenos navegar xuntos neste mar de información e oferta cultural dixital que estamos a vivir. Así que dende o Club de lectura de adultos DL arrimamos o bote, esta vez en forma de post, para quen queira navegar con nós un pouco: anímaste?

Aa voces baixas

 

9788499144405

Todos os  luns na  Biblioteca Sagrada Familia temos o club de lectura. O horario  da sesión é de 10.30 a 12h.

Este ano no “Club de lectura da Sagrada Familia” a segunda  novela que limos foi de Manuel Rivas, “As Voces Baixas“. Gustou moito, porque a xente do club se sentía identificada coas súas vivencias, e a historia desenvolvíase na nosa cidade, véndose reflectidas nesa familia e nesa época.

Por outra parte, Manuel Rivas é un escritor moi recoñecido e querido en Galiza. Escollemos este libro en galego para fomentar que a xente do club coñeza a nosa língua, porque non era moi extenso e pareceunos moi emotivo.

Trátase dunha novela autobiográfica na que se mestura a realidade e a fición.

O humor e a dor están presentes ao longo de toda a obra. “As voces baixas” é un reflexo das persoas esforzadas na loita cotiá pola vida e que adoitan falar sen se deixar notar. Un  bo exemplo é a súa nai, que falaba soa ou con voz queda.

Relata as súas vivencias na infancia e adolescencia xunto á´súa irmá María e os seus pais. Os primeiros anos de vida descorren en Monte Alto, na rúa Marola, e parte da súa infancia e adolescencia en Elviña.

Sitúase nos anos 60 ata 1975, nunha España franquista ata a morte do ditador, cando comeza a etapa da Transición. Nestes anos a liberdade de expresión, ser homosexual, ser anarquista ou comunista supoñía moitas veces a condena de sufrir o cárcere

Reflexa un sentimento nostálxico polos costumes e a vida tradicionais. Esta obra mostra personaxes e oficios que foron desaparecendo co tempo: lavandeiras, pescantinas, leiteiras… Resalta a imaxinación e a creatividade nos xogos dos nenos.

As tradicións e as romerías formaban parte da diversión da xente, compartíase cos veciños e coa familia: cabezudos, samaín, a matanza do porco…  Tamén  relata como primeiro a radio e despois o invento da televisión supuxo una revolución na vida da xente.Manuel-Rivas_1067303527_9663412_1020x574

O autor cóntanos o vínculo que o unía coa súa irmá María (que morre de cancro), ambos comparten a paixón pola lectura e a política.

Fai un percorrido pola súa xuventude, o seu instituto, o primeiro traballo (no Ideal Galego), a súa decisión de estudar xornalismo en Madrid, a seu sentir para converter o seu soño en realidade: ser escritor. E así cumprir coa teima da súa nai “buscar un traballo no que non se mollase

Esta obra e o resto da produción literaria de Manuel Rivas pódese atopar no Cascarilleiro, catálogo en liña das Bibliotecas Municipais da Coruña.

 

“Viaxes de papel” na Biblioteca Ágora

Se queres organizar a túa viaxe de verán e aínda non escolliches destino…

Se sabes onde ir, pero queres ambientarte antes de partir…

Se na túa mochila son imprescindibles cando menos un par de libros…

Se o teu é viaxar desde o sofá, sen gastar un peso…

 

… Na biblioteca Ágora ofrecémosche esta selección de cerca de 150 libros que te poden interesar:

 

 

Libros  de viaxes que chegan a todos os recunchos do mundo: dos territorios mais afastados e exóticos de Oriente ou Oceanía ás cidades máis modernas e trepidantes de Europa ou América do Norte; dos desertos máis agrestes de África ás altas e xélidas latitudes polares; das altas cumes do Everest á impenetrable selva amazónica…

 

 

 

 

 

 

 

 

[Podes facer clic nas portadas para +info]

Libros escritos por intrépidos homes e mulleres que lanzándose á aventura penetraron nos lugares máis recónditos e inexplorados do mundo.  Novelas sobre grandes expedicións científicas, como a que partiu da Coruña para estender a vacina da varíola por todo o mundo. Relatos dalgúns dos mellores reporteiros do século XX que se achegaron a culturas alleas sempre dispostos a aprender delas…

 

 

 

 

 

 

 

Narracións de viaxes de recoñecidos escritores e escritoras ávidos de coñecer o mundo que te sorprenderán en outras facetas moi diferentes ás literarias; biografías de mulleres de gran carácter que romperon estereotipos da súa época e viaxaron a lugares moi afastados acadando grandes metas. Cómics que contribúen nas súas viñetas a paixón pola aventura  e o afán de coñecer…

José SaramagoRyszard KapuscinskyV.S. NaipaulStendhal,Paul TherouxAgatha ChristieRobert Luis StevensonArthur Conan DoylePaul Bowles, Javier ReverteBeryl MarkhamKaren BlixenJavier Moro,Eduardo GaleanoRoger Casement… son algúns dos autores e autoras representados entre os títulos seleccionados, algúns dos cales poderás atopar na guía de lectura que aquí te ofrecemos

Guía de lectura “Viaxes de papel”

Xa Sabes! Este verán non te quedes sen viaxar:

Sen estrés nin apuros, colas, maletas, atascos… Sen sufrir o jetlag, nin as cancelacións de vós…

A uns minutos da túa casa. No que te leva achegarte á biblioteca podes ir aos lugares máis recónditos do mundo.

Non perdas esta oportunidade!