Arquivo do blog

Timbas poéticas co Comando Esbardalle.

O próximo xoves 20 de marzo, as 19 horas, na Biblioteca de Monte Alto gozaremos da timba Poética do Comando Esbardalle. O Comando Esbardalle é un grupo formado por persoas centradas no interese común da poesía. Buscan animar a xente a que participe rompendo a barreira que separa ao artista do público. Un recital no que o micro aberto está sempre presente para diluír o escenario, no que tamén haberá instrumentos musicais a disposición de quen lle pete; aquí a arte farase entre todas.

Timba poetica 1

E para ir abrindo boca publicamos unha entrevista cos membros do grupo tras a súa actuacion na biblioteca de Estudos Locais: Abel (Saúl Puskin), Luix, Marcos, Yeiko e Cristina.

Como naceu o Comando?
Comezamos fai un pouco máis dun ano a raíz duns colegas que xa o facían por Asturias e viñeron por aquí; e decidimos continualo, movendo os recitais e as timbas poéticas por bares, coa intención de devolver a poesía á rúa. Son recitais totalmente abertos que buscan a participación da xente.

Cal é a vosa inspiración?
Cada un ten os seus gustos, referencias e influencias, pero en conxunto facemos un traballo creativo de posta en común.

E cales son as vosas pretensións?
Ligar, realmente. É o máis importante de todo isto.

Definide Timba Poética.
Sacar o que escribimos do noso interior, xa que vén todo de aí, para mostrarllo á xente. Tamén para que a mesma xente se de conta que iso que escriben ás apalpadelas ou na intimidade, as súas emocións e as súas miradas sobre a vida, o poden compartir aquí cos demais, para que a arte transcenda a todos os públicos.

Finalmente, que é a poesía para vós?
Guau. O que un queira. Na poesía cabe todo. Todos somos poesía, todo é poesía. Todo se pode transmitir a un papel. É unha canle de transmisión marabillosa.

Escoita a poesía dos seus membros e saca o que escondes no teu interior para mostrarllo á xente; recita o que escribes na intimidade, as túas emocións e as túas miradas sobre a vida, non deixes un verso solto. Todos somos poesía e todo é poesía, sínteo co Comando Esbardalle en Montealto. Haberá tamén instrumentos musicais a disposición de quen queira tocalos, este recital farémolo entre todos.

Recital de Estíbaliz Espinosa na Biblioteca do Forum

Este xoves, 28 de abril na Sala de Adultos da Biblioteca do Forum Metropolitano Estíbaliz Espinosa ofrecerá un recital e coloquio literario con proxeccións en vídeo “Entre o universo e tinta”. A conferencia dará comezo as 19:30 horas, con entrada libre. Para máis información  Biblioteca Forum Metropolitano Rúa Río Monelos 1, e no teléfono 981 184298