Arquivo do blog

Ano Galdosiano

Nesta semana que comeza, a do Libro (23 de abril), desde as bibliotecas municipais gustaríanos dedicarlle unha entrada do blog a Benito Pérez Galdós, xa que o 2020 é o Ano Galdosiano, en conmemoración do centenario da súa morte. Ademais, falaremos algo máis pormenorizadamente do seu libro El Abuelo, que foi lido polo Club de Lectura de Monte Alto nunha das súas últimas sesións.

Con motivo desta data, institucións coma o Ayuntamiento de Madrid levaron a cabo numerosas iniciativas para a súa conmemoración, coma este Seguir las huellas de Galdós en Madrid.

Photo of Benito Pérez Galdós.jpg

Galdós fotografado por Pablo Audouard cara a 1904. (Wikimedia Commons)

Non sería xusto chamalo só escritor, posto que Galdós foi novelista, dramaturgo, cronista, académico da Real Academia Española, político… Naceu nas Palmas de Gran Canaria en 1843 e é un dos maiores representantes da novela realista española.

Aos dezanove anos trasládase a vivir a Madrid, onde coñece a Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Enseñanza (ILE), quen o anima a escribir. Durante os primeiros anos da súa estancia na capital frecuentou redaccións (escribiu en La Nación e en El Debate), teatros e faladoiros coma o Ateneo, onde coñece a Leopoldo Alas, Clarín, no que sería o comezo dunha profunda amizade.

File:Benito Pérez Galdós 63.jpg

Imaxe de Pérez Galdós na súa xuventude (circa 1863). Wikimedia Commons.

Nas súas primeiras novelas, como La Fontana de Oro (1870), o autor aínda bebe do romanticismo, aínda que con posterioridade transformaría o panorama literario apartándose desta corrente a favor do realismo e aportando á narrativa una gran expresividade e fondura psicolóxica.

En 1873 comeza a publicar os Episodios nacionales, corenta e seis novelas históricas redactadas entre 1872 e 1912, onde o autor trata a historia de España desde a batalla de Trafalgar ata finais do século XIX (a última serie de libros está inconclusa). Nelas, Galdós pretendía recoller a memoria histórica do pobo español a través da súa vida íntima e cotiá, mesturando vivencias de personaxes ficticios coa narración dos principais acontecementos históricos da época.

O autor continúa escribindo nos seguintes anos as súas novelas de teses (segundo a RAE, aquelas que teñen como obxectivo principal o desenvolvemento dunha determinada opinión ou ideoloxía). A este ciclo pertencen, á parte das primeiras obras que escribiu, outras como Doña Perfecta (1876) ou Marianela (1878).

File:Pérez Galdós y los hermanos Álvarez Quintero.jpg

Fotografía de Galdós cos irmáns Álvarez Quintero, que adaptaron Marianela ao teatro, na revista “Mundo Gráfico”, 18 de octubre de 1916 (exemplar da Biblioteca Nacional de España, AHS 42955)

É en 1881 cando publica La desheredada, que abre o ciclo das súas novelas españolas contemporáneas (ciclo da materia), entre as que destacan outros títulos como Fortunata y Jacinta (1886-7) ou Miau (1888). Neste tipo de obras, Galdós describe a sociedade madrileña na segunda metade do s. XIX baixo perspectivas naturalistas.

Afeccionado á política, afíliase ao Partido Liberal de Sagasta, gran amigo, e en 1886 é deputado por Guayama (Puerto Rico) nas Cortes. Con posterioridade ingresa no Partido Republicano e nas lexislaturas de 1907 e 1910 é deputado por Madrid pola Conxunción Republicano Socialista; en 1914 é elixido deputado por Las Palmas.

Na súa produción novelística, aínda dentro do ciclo de las novelas españolas contemporáneas, inicia unha segunda fase na que, influído pola lectura de León Tolstoy, abandona o influxo do naturalismo e inclínase polo espiritualismo (ciclo espiritualista), publicando entre 1891 e 1897 dez novelas desta nova estética entre as que destacan Tristana (1892) ou Misericordia (1897), que pecha esta etapa.

Dentro da súa produción teatral, os primeiros textos do autor non se conservan. En 1892 estréase no Teatro de la Comedia de Madrid a súa primeira obra madura: Realidad, despois da cal continuou traballando neste eido sen descanso, sendo moitas das súas representacións adaptacións das súas denominadas novelas dialogadas. A estrea máis recordada de Galdós, xunto con Casandra en 1910, foi a de Electra en 1901. Ambas obras criticaban os sectores tradicionalistas católicos do país, pero Electra foi representada nun momento histórico en España no cal, tras os avances liberais do período 1868-1873, crecía de novo a influencia do Vaticano. Esta obra sería tomada como exemplo de anticlericalismo e exaltaría os ánimos da sociedade, tanto nun sentido coma noutro, chegando a provocar que os sectores máis conservadores do país fixesen campaña en contra de outorgarlle o Premio Nobel de Literatura a Pérez Galdós cando foi proposto en 1912. Aquí podedes ver un artigo do diario ABC no que se explica o boicot sufrido polo canario. Tamén é moi interesante escoitar á xornalista Nieves Concostrina na súa sección Acontece que no es poco de La Ventana de Cadena Ser, onde explica de maneira divertida e moi clara, como é habitual nela, o acontecido na estrea de Electra. Podedes facelo aquí.

A súa defensa da Institución Libre de Enseñanza e do laicismo provocou que a Real Academia Española rexeitase a súa candidatura nun primeiro momento, aceptándoa finalmente en 1897.

Perdiérase todo el material histórico de esos años [siglo XIX], salvándose la obra de Galdós, no importaría. Ahí está completa, viva, real la vida de la nación durante los cien años que abarcó la garra del autor. Existen, para siempre, sus centenares y centenares de personajes históricos e imaginados, tan ciertos los unos como los otros. (…) Solo los más grandes en el mundo, y sobran dedos para contarlos, consiguieron otro tanto. Y aun más: le dejaría en la gloria novelera de su tiempo mano a mano con Tolstoi, porque, además de dar vida a seres para siempre presentes, supieron sacar a la luz el genio de su patria a través de sus luchas, glorias y desgracias. (…) Galdós ha hecho más por el conocimiento de España por los españoles –por el pueblo español– que todos los historiadores juntos.

Aub, Max (1966). Manual de historia de la literatura española (páx. 450-452)

EL ABUELO

El abuelo – Benito Pérez Galdós | Capítulo IV

Antes de falar de El abuelo, convén coñecer as características do estilo narrativo persoal do autor, xa que moitas aparecen nesta obra:

  1. Estilo directo e natural, sobre todo nos diálogos, seguindo os postulados estéticos realistas.

  2. Uso literario da linguaxe, tanto culta como coloquial, seguindo o modelo cervantino.

  3. Dominio do diálogo de inspiración clásica.

  4. Construción do relato nunha liña aberta ao humor e a ironía.

  5. Habilidade para espir as súas reflexións e un inxente coñecemento de todo academicismo.

  6. Tratamento coloquial do texto, recuperando recursos da narrativa oral ou o discurso familiar.

Tamén se pode percibir nesta obra un efectivo e sistemático manexo do simbolismo (evocador da súa propia desilusión pola debilidade de España) e unha conmovedora mágoa pola xente que pretende elevarse da bondade á santidade.

El abuelo é unha novela dialogada, é dicir, parece unha obra de teatro pero é practicamente imposible levala ás táboas tal cal foi escrita (demasiadas anotacións, moi longa, etc.), aínda que con posterioridade Galdós reescribiríaa para estreala nun escenario. Tamén foi levada ao cine por José Luis Garci en 1998, con Fernando Fernán Gómez no papel de Conde de Albrit e sendo candidata ao Óscar como mellor película de fala non inglesa.

Outros temas tratados nesta obra por Pérez Galdós son:

  • Representación da sociedade burguesa rural española de finais do s.XIX e das diferentes xerarquías e estratos existentes na poboación.

  • A honra extemporánea e esaxerada e un sentido do deber que vaiis alá do sentido común e mesmo da bondade. A busca da verdade a toda costa é necesaria?

  • A hipocrisía (o Conde é pobre pero quere seguir vivindo como rico, as actuacións do cura) e a deslealdade (da que o home acusa aos seus antigos criados), así coma a avaricia e a cobiza, representadas en Senén. É ilícito querer ascender?

El dinero lo ganan […] todos aquellos que con paciencia y fina observación van detrás de los que lo pierden…

Pérez Galdós, El abuelo.

  • O amor como un dos motores do mundo, xa que o Conde antepón finalmente este á honra.

  • A ironía e o fino humor co que é tratada toda a novela, tan característica no autor.

 

Para rematar esta breve conmemoración do ano Galdosiano en tempos de confinamento, recomendámosvos que fagades a visita virtual da súa casa museo de Gran Canaria clicando aquí.

File:EscritorioCasaMuseoPérezGaldós.jpg

Escritorio da Casa-Museo Pérez Galdós, co coñecido retrato do autor feito por Sorolla (Wikimedia Commons)