Arquivo do blog

Bos Aires. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 5

Miñas donas, meus señores… Póñome solemne con esta fórmula de saúdo utilizada por outros persoeiros –ademais de min– como Ramón Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro. E fágoo porque a ocasión así o esixe. Hoxe imos de viaxe outra vez, pero trátase dunha viaxe especial. A cidade onde imos non forma parte da volta ao mundo que acabamos de rematar nestes días, mais si do meu acervo cultural, porque cultural é o acto de viaxar.

Hai moitas cidades que me marcaron na miña vida, case todas elas de América do Sur, e de todas elas podería falar con cariño e dedicarlle un post a cada unha: Río de Janeiro, A Habana, Montevideo, Caracas, Maracaibo, Comodoro Rivadavia… Pero como esta “novela” por entregas non pode converterse na colección viaxeira de Corín Tellado, nin nun culebrón, hai que ir acoutando e finalizando, co cal é forzado elixir unha para rematar. E a elixida é Bos Aires.

Avenida 9 de Julio-Bos AiresBos Aires é unha das cidades que, xunto á Habana, máis veces visitei. É unha cidade que non cansa nunca. Ten unha vida cultural incríbel. E non falo só dos grandes espectáculos dos teatros da avenida de Corrientes, senón de toda a efervescencia cultural que bule nos seus barrios. Unha cultura de base, con milleiros de propostas en todos os recunchos, creativas, participativas, imaxinativas, contestatarias… E para as galegas e galegos ten unha significación especial, pola pegada que ilustres paisanos nosos deixaron nas súas rúas: Castelao, Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Mercedes Ruibal, Lorenzo Varela, Laxeiro, Maruxa Villanueva, Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Colmeiro, Maruja Mallo… E máis impacto aínda tivo e ten o día a día de milleiros de galegos e galegas e dos seus descendentes que fan que estar en Bos Aires sexa con frecuencia moi semellante a estar en Galiza.

Con todos estes prolegómenos, non vos apetece xa baixar as rúas porteñas? Imos aló!

consumición en Tortoni Café TortoniO típico, iso de Palermo, Corrientes, Boca, o Obelisco de 9 de Julio, cemiterio da Recoleta, Costanera, Tigre, Puerto Madero… facédelo logo vós pola vosa conta. Eu quero acompañarvos a outros sitios. Que vos pareces se almorzamos en Tortoni? Se non o coñecedes, Café Tortoni é un dos bares notábeis de Bos Aires (existe unha categoría oficial denominada así) e funciona desde 1858. Asiduos clientes deste establecemento foron Borges, Ortega y Gasset, Alfonsina Storni, Fangio, Lorca, Gardel… Ten ata o seu propio tango. Paga a pena comezar a xornada aquí para almorzar. Como hoxe é luns, abre ás 8, así que convén vir cedo. A partir das 11 xa empeza a ser difícil entrar porque veñen excursións de guiris e hai cola para acceder. Estamos falando no suposto de que non temos ao coronavirus paseando polo mundo, claro. Porque xa que imaxinades que estades viaxando comigo, pouco vos custará engadir un chisquiño máis de maxia e eliminar o coronavirus destes mundos virtuais que estamos a percorrer.

Rematastes o café? E a factura? Non, non vos preocupedes: da factura de pagar xa me encargo eu. Falo da factura co significado arxentino: son masas e pezas de panadaría doce. Para que nos entendamos: algo así como os croissants, aínda que hai outras variedades. Ben, agora que xa saímos, douvos un pouco de tempo para que admiredes a avenida de Mayo (disque ten un aire coa Gran Vía madrileña) e vos acheguedes á praza de Maio para ver a Casa Rosada, o cabido e a catedral. Logo xa desde alí collede pola comercial rúa Florida. E por favor, non vos paredes cos “arbolitos”. Se necesitades cambiar diñeiro, falade comigo. Os “arbolitos” son os cambiadores ilegais que veredes ao longo de toda a rúa Florida. Se facedes uso dos seus servizos, levaranvos ás covas, as casas de cambio extraoficiais, que poden ser un quiosco, unha tenda de roupa, un centro de estética… e alí ofreceranvos o blue (o nome da divisa no mercado negro). No vídeo que vos gravei mentres paseabades pola rúa Florida, escoitaredes a unha “arbolita” ofrecendo o servizo. A que non vos decatárades de que vos ía gravando? É que teño unha microcámara!

E agora que xa fixestes algunha compra nas preciosas Galerías Pacífico, e xa chegastes ao final de Florida, vémonos xa onde a praza do General San Martín e desde alí subimos pateando (só son 20 minutos) ata a marabillosa libraría Ateneo Gran Esplendid.

Libraría Ateneo Grand Splendid

Esta libraría foi elixida por National Geographic como a libraría comercial máis fermosa do mundo. O edificio abriu as portas en 1919 como teatro. Por alí pasaron compañías teatrais, de danza, de ópera. As primeiras gravacións de Gardel foron aquí, porque era a sede do selo discográfico Odeón (hoxe EMI). No 2000 abriu as súas portas totalmente reconvertido en libraría, a máis grande de América Latina, con 2000 metros cadrados e máis de 200.000 volumes. Que vos parece a entrada? Vexo que vos pasa como a todo o mundo que traio aquí: fican no medio mirando para todos lados e coa boca aberta. Non é para menos. Acompañádeme ao escenario, tamén reconvertido en cafetería.

Fernet en Grand Splendid

Eu chupando da cola con Fernet na libraría Ateneo

Eu tomarei unha cocacola con Fernet. Vós pedide o que queirades. Fernet? Non sabedes o que é o Fernet? Pois unha bebida de herbas moi famosa na Arxentina. Disque é unha variante do Jägermeister pero é moi amarga, amarguísima, de verdade. A súa orixe é europea, mais non se sabe ben se de Francia, Checoslovaquia, Austria ou, o máis probábel, da rexión lombarda en Italia. De feito chegou aquí traída polos inmigrantes italianos. Xa sabedes que as inmigracións italianas e a galegas son as máis numerosas en Bos Aires. Falando diso, ide apurando porque o día vai pasando e temos que ir visitar o Centro Galego. Outra pequena camiñada de media hora e estamos alí. Que tedes fame? Beeen, aquí o normal é xantar un pouco antes que en Galiza, mais nesta cidade non tedes problemas para comer calquera cousa a calquera hora. Nas miñas primeiras viaxes á Arxentina, alá polos 90, non había moita máis cousa que carnes e pasta. Hoxe cambiou bastante e tedes para elixir todo tipo de cociña. E nun país carnívoro como este, Bos Aires mesmo ten unha boa oferta de restaurantes veganos por moito que vos sorprenda. Elixide o que queirades, que de aquí ao centro galego atoparedes moitos sitios.

E xa estamos no Centro Galego de Bos Aires. Está relativamente perto do Congreso. Este edificio que tedes ante vós forma parte da historia da Galiza. Foi, e segue sendo, ademais de institución cultural galega, un gran centro médico. Vén de pasar unha escura traxectoria no que estivo a piques de desaparecer. Unha inxección de cartos por parte dunha empresa privada, BASA, logrou poñer en marcha todos os seus servizos sanitarios. No pasado século foi un importante centro cultural. Castelao vivía moi preto del e alí morreu. Consérvase o cuarto e algúns obxectos que pertenceron a el. Mais tamén moitas obras de arte e verdadeiras “reliquias” do galeguismo. Non está todo aberto ao público pero eu consigo que vexades algo. Aquí tedes as fotos que tomei mentres íades admirando todo o que hai:

O pase de diapositivas require JavaScript.

Figuras estáticas Seoane Mural figuras estáticas Non é o único “centro galego” en Bos Aires. De feito destaca e destacou máis polo seu carácter asistencial e mutualista. Na cidade hai decenas de centros galegos de todo tipo, desde o grande Centro Galicia (con instalacións deportivas e de lecer en Olivos, nos arrabaldes de Bos Aires, e no propio centro da cidade), ata centros máis pequenos como o Círculo Social Valle Miñor, a Sociedade Parroquial de Vedra, o Centro Lalín ou o Centro Betanzos, por citar só algúns, que desenvolven unha chea de actividades culturais e de ocio. Síntoo, non nos dá tempo a visitar máis. Mais quedade coa idea da importante presenza galega na cidade porteña. Eu, estes días, camiñando, atopei casualmente unha placa nun edificio sinalando que no seu interior había unha obra de Luís Seoane. Sitios “galegos” atoparedes moitos.

E xa pola vosa conta, se é que ides quedar máis tempo, podedes pasear polas súas rúas, tomar unha foto con Mafalda, ver onde viviu (que si, que existiu), visitar o barrio de Boca (un escenario demasiado turístico para o meu gusto) ou pasear por San Telmo (a ser posíbel un domingo) e parar a xantar nunha das súas “Pulperías”. Non, non son para pedir polbo á galega. Son antigos establecementos que funcionaban como as vellas tendas das aldeas galegas onde o mesmo podías comprar unha pota para a cociña, como tomar un viño e unha ración de queixo e chourizo, ou levarte unhas botas. Un vello almacén… Aquí tedes un curto vídeo do patio interior da Pulpería Quilapán.

Ambiente nocturno en Palermo

Ambiente nocturno en Palermo

E se queredes rematamos tomando unhas copas, que a noite é moi boa, na zona de Palermo, nos arredores da praza Julio Cortázar. E logo, a durmir, que todo o día por aí cansa.

Déixovos en Bos Aires. Comprobaredes que é unha cidade que dá para escribir un post todos os días durante meses. Pero eu remato aquí a miña crónica de viaxes, porque é hora de que aproveitedes este confinamento para ir pensando e planificando, con moito tempo, as vosas viaxes. Mais non me despido hoxe. Dentro de dous días regalareivos a sobremesa: unha historia de consellos e anécdotas de aeroportos e avións, que dan para falar moito. E si, que xa algunha e algún o preguntou, que como fago para poder viaxar tanto. Tamén volo contarei. Será o próximo mércores. E como é habitual, aquí abaixo queda unha recompilación de fotografías da viaxe.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

Doha. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 4

Skyline nocturno de DohaVistes que ben chegamos e que curtas se nos fixeron as trece horas e media de voo desde Australia? Xa estamos en Doha, capital de Qatar, un minúsculo estado rodeado dun lado por Arabia Saudí e por outro polas augas do Golfo Pérsico. Ten a oitava maior renda per cápita do planeta. Ata o descubrimento do petróleo e do gas, a economía sustentábase na pesca e na recolección de perlas. Actualmente ten uns dous millóns de habitantes, pero só 250.000 son cidadáns qatarís.

E diredes, vaites, este George volvéusenos académico e xa non relata as súas aventuras e dáselle por impartir clases de xeografía económica… Non. Pero esta introdución é necesaria para que entendades este país. Eu resumiría todo isto dicíndovos que vos preparedes: deixade as zapatillas (non van facer falta neste sitio), e dispoñédevos para entrar nun inmenso e luxoso decorado. Porque si, Doha, Qatar, é un decorado. Iredes entendendo.

Azafata recbindo no avión á chegada á DohaImos aló! Chego a Doha e o primeiro que atopo vaivos sorprender. A min non porque xa o tiña preparado, claro. Á porta do avión espérame unha azafata cun cartel co meu nome, que me conduce por uns corredores onde non hai ninguén, déixame nunha enorme sala con bebidas e comida e cómodos sofás mentres “alguén” vai buscar a miña maleta. Ao pouco vén de novo a señorita e lévame a un mostrador onde un policía sela o meu pasaporte e sen máis trámite entramos no país. Nin colas, nin revisión de equipaxe, nin nada de nada. E unha vez pasados todos os trámites condúceme a outra sala onde podo almorzar todo tipo de manxares, podo darme unha ducha nun baño que xa quixeran moitos hoteis de luxo e podo descansar en cómodos sofás con estupenda conexión a Internet. Como vos van parecendo os primeiros momentos no país? A min moi ben, claro. Para iso paguei! Porque en Doha tes acceso a todo… se o podes pagar. É o primeiro acto deste gran teatro. E nos espectáculos xa sabedes que todo ten que estar moi coidado.

E así deste xeito comezo a miña primeira mañá en Doha, con non excesiva calor pero si moita humidade. Cambio as miñas zapatillas por sandalias e comezo por percorrer o Corniche, o paseo marítimo de Doha. Esperaba atopar xente paseando, correndo, gozando da brisa mariña, pero pronto me decato de que son o único paseante. As outras persoas que vexo son paquistanís, nepalís, indios… obreiros descansando baixo algunha palmeira. E tamén me decato pronto que non é cidade para camiñar. Chego á altura do impresionante museo nacional de Qatar, construído coa forma dunha rosa do deserto, e aí vexo que é imposíbel cruzar a estrada para entrar nel. A estrada é en realidade unha autopista, co cal teño que desandar case 2 km para atopar un lugar onde cruzar.

O caso é que xa estou no impresionante museo. Polo que vin en Internet antes da viaxe, por dentro ten que ser tan alucinante como por fóra, con exposicións interactivas e todos os últimos adiantos en museística. Pero alá foi o que Marta fiou: podo entrar pero todas as exposicións están pechadas polo coronavirus. Terei que conformarme con ver a tenda de recordos e o hall de entrada. Xa o bicho me está pisando os talóns. Tamén vin nas noticias que hoxe pechan os centros de ensino en todo o país.

De camiño de volta ao hotel (a pé, mira que son testán) teño que atravesar rúas que non son as comerciais nin as turísticas por chamalas dalgún modo. Para que entendades: vou por detrás do decorado. E aí atopas unha Doha moi distinta: beirarrúas moi deterioradas, coches aparcados enriba delas (teño que baixar e camiñar pola estrada co risco que supón), edificios humildes que en nada se parecen aos rañaceos, moita xente que non ten pinta de ser qatarí, velliños tirados no chan comendo dunha bolsa… Alí non ves homes vestindo a típica túnica thobe nin tocados coa kufiya. Iso queda reservado para o distrito de negocios ou os suntuosos centros comerciais. Entendedes agora o do “escenario”?

Non vos comentei aínda do hotel, impresionante como son todos os hoteis en Doha e a prezos moi accesíbeis. Pero seguen sendo decorados. Un cuarto impresionante, pero ao asomarte á ventá… ves os bastidores:

Metro clase Gold - Doha

Alucino co metro!

Contábavos que en Doha hai que deixarse de zapatillas (en todo caso sandalias) e buscar outro medio de transporte. Teñen o mellor metro que coñecín ata agora. Modernísimo e rapidísimo. As estacións parecen aeroportos e hai persoal amabilísimo para atenderte en todo momento. Hai tres clases (con vagóns separados): estándar (calquera pode ir), familiar (só para mulleres e, no caso de ir algún menor de 11 anos, poden ir con elas homes) e Gold. Os prezos son pouco menos que simbólicos, así que optei pola clase Gold: unha tarxeta de viaxes ilimitados durante todo o día, por 15 euros. De todas as viaxes que fixen, só en dúas había máis xente no vagón. Por certo, son trens sen condutor, como podedes ver:

Villaggio Mall

Villaggio Mall, góndolas e canais incluídos

Doha, e estou falando do escenario-Doha, é o paraíso das compras. Calquera marca internacional tédela nos seus ostensíbeis centros comerciais. Por ser o máis famoso, visitei o Villaggio Mall, un centro onde parece que viaxas ás rúas de Venecia. Ten canles con góndolas (os gondoleiros son filipinos, non lles pidades que canten a Traviata), un parque de atraccións temático (Gondolania), unha pista de xeo e centos de tendas. O máis rechamante, con todo, é o teito, que simula un ceo e realmente dá a sensación de camiñar ao aire libre. Un centro comercial, luxoso e orixinal, si, coas mesmas tendas e marcas que podedes atopar en calquera outro lugar do mundo. Pero observo (un bo bibliotecario ten que ser observador), dúas diferenzas importantes que enseguida te sitúan nun mundo moi distinto do occidental: os rezos pola megafonía á hora que toca (podedes escoitalos no vídeo) a as señoras coa abaya negra de pés a cabeza, falando co teléfono móbil, gafas de marca, bolso de marca, calzado de marca (máis alá, só se pode imaxinar, non se ve…) e a uns pasos detrás dela, a serventa filipina levando todas as bolsas. Xa sabedes: sobre os escenarios hai actrices protagonistas e figurantes.

National Library of Qatar National Library of Qatar closed coronavirusE si, como bo bibliotecario vou visitar a Biblioteca Nacional de Qatar. Polo que vin en fotos é unha arquitectura espectacular, como todo o que se fai nesta cidade. Así que, aire de metro, e alí estou, na Cidade da Educación (na miña vida vin tantos edificios tan modernos, estraños e atrevidos). Xa desde fóra a biblioteca é digna de visita. Pero teño gañas de coñecela por dentro. Así que busco a porta (é o que teñen estas edificacións tan pouco convencionais, que hai que buscar por onde se entra). E aló outra vez foi o que Marta fiou: o coronavirus decidiu que mellor pechadiña.

Creo que o mellor é andar lixeiro, mirar o que hai que mirar e finalizar esta volta ao mundo porque estou vendo que a este paso ou non me deixan saír de Qatar ou non me deixan volver de novo a Galiza. O mellor é irse á zona de “viños” (por así entendernos, porque realmente nin viños nin cervexas se poden tomar alí, fóra de hoteis e algúns centros especiais), Souq Waqif, e gozar da noite, da comida e da música…

Antes de coller o avión, mentres espero aquí comodamente no Hamad International Airport, aproveito para recomendarvos que se ides viaxar, fisicamente ou coa mente, a calquera país musulmán, vos documentedes antes para limpar a mente de prexuízos e coñecer máis a súa cultura e ser conscientes de que nós, os occidentais, non somos o embigo do mundo. Hai un autor, marroquí, que escribe en francés, Tahar Ben Jelloun, que ten varios libros sobre o tema. Nas bibliotecas temos algunhas das súas obras, así que tan pronto retomemos o servizo presencial, anímovos a ler algunha delas. E despego xa!! E case que non dou chegado! Aos dous días de aterrar en Madrid, Qatar Airways cancelou todos os seus voos con España. Qatar non deixa xa entrar a ninguén do estado español, e o mesmo sucede con Australia. A isto chámase “ter puntería”.

Remato logo, como sempre, cunha selección de fotografías para que vexades este gran decorado forxado a base de pasta, moita pasta… Pero as crónicas non acaban aquí. Aproveitando que estamos xa afeitos e afeitas aos avións e desprazamentos, o luns vouvos levar nada máis e nada menos que a Bos Aires!!! Non entra nesta volta ao mundo pero foi unha das miñas últimas viaxes, e unha das cidades que máis visitei e que máis quero (fixádevos que non digo “gusto”: digo “quero”). Iso será o luns. Espérovos!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Australia. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 3

E xa peguei o salto! Xa estou en Australia. A que se vos fixo curta a viaxe? Pois tedes sorte, porque a maxia da escrita evitouvos pasar as 23 horas de voo e as 13 de aeroportos para chegar desde Nova York ata aquí. Pero xa cando chegue o último capítulo destas entregas falaremos das aventuras de avións, aeroportos e demais.

Australia? En que pensades cando vos falan de Australia? Non, non digades nada, xa o sei: canguros, koalas, praias… A cara amábel desta enooorme illa. Eu vouvos descubrir outras facianas. Tranquilas, dos koalas, dos canguros e das praias tamén falaremos, faltaría máis.

Ópera de SidneyA porta habitual de entrada a Australia é Sidney. Pero podería ser Melbourne, Adelaide ou Perth. Sidney é, posibelmente, unha das miñas cidades favoritas. Asenta nunha baía enorme, chea de illas, de pequenas rías, de recunchos paradisíacos. Algo así como se Deus, ao rematar a creación no sétimo día, segundo contan as Escrituras, se cabreara e tirara un enorme cinceiro metálico neste borde do continente e fanicara todo (por certo, fumaba Deus? Se non é así, perdón pola licencia literaria, pero acae moi ben). Tamén aquí peguei unha boa pateada. Díxenvolo… Boas zapatillas e en forma. Aquí en Sidney, nun día, 25 km. E nada que ver as súas dimensións coas de Nova York. Ten moito que ver pero todo moi concentrado. A onde primeiro hai que ir é ao edificio da Ópera, a icona da cidade. Eu contratei unha visita guiada en español. Aos dous minutos de escoitar á rapaza que a guiaba, eu xa notei algo. Pregunteille, e ti de onde vés sendo? E era de Vigo, claro.

Ponte de SidneyA ponte da baía é outro dos símbolos que identifican Sidney. Sabedes que Paul Hogan, o protagonista da película Crocodile Dundee, antes de dedicarse ao cine traballou como pintor nesa ponte, aló polos mediados dos 70? Agora tamén tedes a opción de escalalo. Unha subida que dura sobre 3 horas por un custe aproximado de 100 euros.

Entrada ao museo de Melbourne

Senior?? Vello eu???

Melbourne é a outra gran cidade australiana. Multicultural, facilmente “camiñábel”, con moita vida nas súas rúas, con parques, con transporte gratuíto na zona centro, con museos interesantísimos e moi didácticos. E o que me chamou a atención especialmente nesta cidade é o concepto de “vellez” que teñen os seus habitantes. Cada vez que compraba unha entrada para un museo, sen me preguntar nada, dábanme desconto por “senior” (ou sexa, maior de 60 anos). Ou con moi mal aspecto cheguei a Australia ou é que non saben calcular a idade. Faríame máis ilusión que me deran entrada de neno, pero non, eles así a vulto xa calculaban que eu estaba na terceira idade. De calquera xeito, son home práctico e calei: un desconto é un desconto.

AdelaideAdelaide, esa gran descoñecida. Esta cidade, do estado de Australia do Sur, ten 1.300.000 habitantes. A cidade en si, o centro, podedes vela nunha mañá. Pero arredor ten moitísimas atraccións: praias inmensas (sempre as vexo sen xente), montañas con estradas como as do interior de Galiza, viñedos (moi bos os viños desta zona, hip)… E tiven a sorte de coincidir co Adelaide Fringe Festival, o festival máis importante de todo o hemisferio sur que durante 30 días acolle cerca de 1500 eventos e máis de 7000 artistas de todas as artes: música, teatro, circo, audiovisual, danza, obradoiros, cine, maxia…

E outra curiosidade. As tres cidades das que vos acabo de falar figuran no máis alto da clasificación que a revista The Economist publica cada ano e onde nos di cales son as cidades do mundo con máis calidade de vida: Adelaide está no décimo lugar, Sidney no terceiro e Melbourne no segundo.

Avisos nas praias de QueenslandCrocodilo de auga salgadaCousa diferente á vida urbana é cando imos ao norte. Non vos vou falar –por cuestións de espazo– do Northern Territory, onde podedes atopar, por exemplo, Uluru, a gran rocha, sitio sagrado para os aborixes, no medio do deserto (e lugar recomendábel tamén para visitar), senón do estado de Queensland. Puiden visitar toda a zona arredor de Cairns e Port Douglas. E alí atopei a fauna salvaxe de verdade. Praias como as dos anuncios, coas súas palmeiras, a súa area branca… os seus crocodilos, as súas medusas velenosas, os seus casuarius, as súas serpes… Aaaaah, pensabades que todo eran koalas e canguros? Pois estes bichiños dos que vos falo tamén son fillos de Deus. E o que atopei de entrada cando visitei por vez primeira un deses areais sacados do paraíso foi un carteliño onde me advertía da posíbel presenza do crocodilo de auga salgada, o réptil máis grande do planeta, que pode chegar a medir 7 metros e que se adentra no mar. Xa me avisaron: de atopalo, non intentes correr: cun so movemento de aleta pode avanzar 4 metros, e se se empeña en ir tras min na auga pode facelo a 43 km/h (confeso: no meu caso con que puidera avanzar a 2 km/h xa me collería). Non foi na praia, por sorte, onde vin esta criatura, pero si no río, e mesmo puiden presenciar unha pelexa entre dous deles. Medo dan. E logo están as medusas… Eses bichiños tan lindos, tan riquiños… e dos que hai documentadas 5500 mortes en Australia pola súa picadura. Esta é a razón pola que tamén figura unha alerta da súa presenza á entrada das praias. Será por todo iso que sempre as vexo baleiras??

Outra categoría da fauna australiana son os insectos, os arácnidos e os pequenos –ou non tan pequenos– réptiles. Arañas como a que vedes na foto, ou formigas que fan enormes niños que, xa vedes, son máis altos ca min. E ese non era dos máis grandes. Ou as especies en perigo de extinción, como o demo de Tasmania, aqueixado por un estraño tumor facial que contribúe máis á súa desaparición.

Todo isto é fácil de atopar en Queensland, ese estado do nordeste de Australia. E da miña aventura neses lugares exóticos, ilústrovos con este documental:

KoalaE si, ademais están os canguros e os koalas. A da foto é unha koaliña de 6 anos coa que fixen bo caldo nada máis coñecernos. E os canguros… Que vos vou contar dos canguros. Tan amigo me fixen deles que un dos días subín velos cun libro de Manuel María e púxenme a recitarlle un dos poemas. E mirade no vídeo como se interesou!

Souben despois, que tanto lle atraeu a lectura, que se fixo socio da biblioteca de Marion, un dos barrios de Adelaide. Que por certo, ten unhas instalacións ben chulas. Tiña que poñer algo de bibliotecas. Sei que non perdoades que un bibliotecario polo mundo non visite as bibliotecas de cada lugar.

Como no anterior post, tedes aquí unha galería onde podedes ver máis imaxes desta viaxe por Australia. Se tedes oportunidade, non deixedes de coñecela. E eu agora póñome a preparar o meu próximo destino: Doha, en Qatar! Dentro de dous días vémonos no Golfo Pérsico!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Nova York. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 2

Boeing 787Dreamliner

Que si, que si, que se chamaba Julio Iglesias!

Por fin chega o día!! Despegamos para dar a volta ao mundo!! Nun flamante Boeing 787 voamos cara a Nova York cunha, non imos negalo, certa inquietude ante o que se supón imos atopar no control de entrada no JFK (o aeroporto principal da NYC). Tantas historias de persoas confundidas con terroristas, de programas de Control de Aduanas onde parece que nin Deus se salva de que o leven a un cuarto apartado para facerlle interrogatorios, de revisións de maletas onde analizan microscopicamente a túa roupa interior por se tiveches contacto con droga… Así vou eu no avión, mentres volvo reler o utilísimo libro de Javier Reverte, New York, New York. En serio, non viaxedes alí sen ler antes este libro. Ah, por certo, o avión de Air Europa leva como nome Julio Iglesias: Vuela amigo, vuela alto, no seas gaviota en el mar… Aaaiiiii…

Aeroporto JFK

Aeroporto JFK, co Skyline de Nova York ao fondo

E aí está, aí está, o temíbel JFK!! Son as 5.24 pm (hai que afacerse ao modo de sinalar as horas nestas terras). As rodas do avión tocan terra. O traslado ata a terminal faise en autobús. As mans xa empezan a suar. Os ollos pendentes de mil e un carteis e voces das “agradábeis” funcionarias que nos reciben. Eu, disimulando, como se levara anos entrando neses aeroporto, con cara digna, dirixíndome a onde ía a maioría. E chega o momento da témera presenza do policía que escruta o meu rostro, mira o pasaporte, grava as miñas pegadas dixitais, fai unhas cantas preguntas: onde se aloxará, cantos días estará e –a pregunta que me perseguirá ao longo desta viaxe– estivo en China nas últimas semanas? E listo, paso para recoller a miña maleta e cruzo a porta de saída sen que sequera se fixen en min. Son as 6 pm e xa estou fóra. Trinta e seis minutos desde que o avión tocou terra! Tanta historia para isto??? Que decepción.

Vista de Nova York desde o hotel Hilton

As miñas vistas desde o piso 40 do hotel Hilton

A partir de aquí comeza a miña aventura neoiorquina. Pouco máis de tres días percorrendo a Gran Mazá. Dou fe de que é grande. Non vai comigo (cando non é necesario) usar taxis, trens, metros nin autobuses, pero confeso que menosprecei o seu tamaño. Non o creredes, pero nos tres días camiñei 63 km. Vistes por que vos avisara no capítulo anterior de que prepararades as zapatillas? O primeiro día, logo de 32 km, os pés reclaman regreso urxente ao hotel. Tampouco é de estrañar, vendo as vistas que teño desde o meu cuarto, un piso 40 xusto fronte ao Memorial 11S, onde antes estaban as Torres Xemelgas. Dan ganas de quedar alí todo o día e toda a noite, pero non é plan.

Hospital Bellevue

Rondando a nova tempada da serie “New Amsterdam”

Tres días en Nova York dan para namorar da cidade e pouco máis. Lugares que che resultan familiares a forza de velos en películas, reportaxes, noticias e fotos. Eu aproveito para visitar o hospital onde se rodou unha das miñas series favoritas do pasado ano, New Amsterdam. O centro hospitalario Bellevue non é un hospital calquera. Ten a súa historia. É o hospital público máis antigo dos Estados Unidos, fundado en 1736. Así que os meus primeiros pasos van para alí. E mira que sorte, que chego xusto cando están rodando a nova tempada de serie. Pero son eu o único famoso alí. O resto son figurantes. Que lle imos facer.

Carina e Jorge Castro

Encontro galaico-arxentino co Empire State de fondo

E de súpeto, un whatsapp!! Unha vella amiga miña (vella pola antigüidade da amizade, non pola idade da aludida), Carina, da Arxentina, está en Nova York pasando tamén uns días. A última vez que nos vimos foi en Bos Aires o pasado ano. Así que veña, quedamos para xantar. E como quen coñece a cidade de toda a vida, fixamos o famoso Flatiron como punto de encontro. Total, só está a 2 km do hospital. Que pequeno é o mundo… Unha galego-arxentina e un galego-coruñés reunidos en Nova York! Este encontro foi máis fácil que atopar logo un sitio onde xantar ao noso modo: con calma, con tempo para relaxarnos, con prezo asumíbel e fuxindo da fast-food. Porque comer en Nova York non é como comer aquí, a non ser que teñas un presuposto de certo nivel. Acabamos caendo nun oriental máis ou menos aceptábel.

McSorley's

O pub máis antigo de Nova York!

McSorley's pub

As cervexas de dúas en dúas, para que andar con parvadas!

Non vou contar aquí todo o que ten que ver Nova York, porque moitos e moitas de vós xa teredes estado por alá. Non achega nada se me poño a falar de Wall Street, do skyline, de Central Park, de Times Square, a ponte de Broadway ou a Quinta Avenida. Visitei todo, claro que si, pero boto man do libro que vos comentei antes de Javier Reverte. E seguindo os seus consellos, non podía perder unha visita a un negocio dos nosos irmáns irlandeses. O pub máis antigo de Nova York: McSorley’s, aberto en 1854. Non o podedes perder: piso cheo de serraduras, paredes cubertas de recordos e de proclamas á independencia irlandesa… Foi o lugar elixido por Scorsese para facer o casting da súa película Gangs of New York. Outro lugar cinematográfico! Pido unha cervexa (tes para elixir: light ou dark). Pero a cousa non vai así aquí: as xerras servénse de dúas en dúas, nunca unha soa. Así que aquí me tedes con dúas dark fronte a min, apostado na barra cal vaqueiro no oeste, ollando para o persoal do pub, comezando polo vello camareiro, falangueiro e pícaro, que parece coñecer a toda a clientela a xulgar por como se comunica con todos a berros desde dentro da barra. Consumidas as dúas xerras considero conveniente probar a modalidade light, así que pido two beers, o que provoca a mofa do vello cantineiro a conta da miña pronunciación: two beers/too beers. O caso é que me entende e aí teño as miñas terceira e cuarta birras… Pensaredes no sufrimento do peto dun pobre turista en Nova York. Pois o prezo é outro motivo de asombro neste establecemento: dúas cervexas só custan 6 dólares. Non paga a pena a visita? Se teño que escoller entre a Estatua da Liberdade e o McSorley’s, non teño dúbidas.

Cabina do Concorde

Eu na cabina do mítico Concorde

Ao que non podo renunciar –chamádeme tolo– é a coñecer un Concorde de British Airways, o mítico avión comercial de pasaxeiros que desde 1973 e ata o 2003 cruzaba o Atlántico desde Londres en 3 horas e media. No Intrepid Sea, Air & Space Museum teño a oportunidade dunha visita guiada ao seu interior e unha explicación de 20 minutos para min e unha parella máis. Un privilexio para un chaladiño da aviación comercial como son eu. A que luzo ben na súa cabina? Por certo, ademais da entrada deixei un donativo de 2 dólares ao museo e ao regresar á casa atopo unha carta agradecéndome ese donativo. Os selos desa carta costaron 1.80…

The Hispanic Society of America

The Hispanic Society of America

Diredes agora, un bibliotecario non vai visitar unha biblioteca? A ver, obrigatorio non é, e 3 días tampouco dan para tanto, pero si que visito The Hispanic Society of America, un museo e biblioteca de investigación para o estudo das artes e cultura de España. Pero se por algo me interesaba é porque esta institución foi a que fixo posíbel as viaxes de Ruth Matilda Anderson a Galiza, onde tomou case 8000 fotografías percorrendo toda a nosa xeografía, nos anos 20 do pasado século. Afundación de Abanca publicou hai tempo un libro onde recollía algunhas: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Unha mirada de antano. Pero estando alí, na sede desta institución, levei outra sorpresa: era posíbel comprar un exemplar de Pontevedra and La Coruña. Gallegan Provinces of Spain de Ruth Matilda, onde publica as súas fotos e o diario da súa viaxe por Galiza. Non era un exemplar actual, reeditado, senón a edición orixinal, de 1939!!! Unha reliquia por só 30 dólares!!!

E aquí remata a miña crónica neoiorquina. O resto, o que non conto, tédelo en calquera guía. Ah, esquecía recomendarvos outro libro para coñecer esta urbe: Nueva York, de Edward Rutherfurd, un percorrido polos seus 400 anos de historia e que vos axudará a comprender mellor esta sorprendente cidade. Tanto este libro, como o de Javier Reverte ou o de Ruth Matilda Anderson (o da Afundación) tédelos nas bibliotecas municipais.

E para ilustrar este capítulo, unha galería con algúns dos momentos “estelares” que vos acabo de contar. Dentro de dous días o seguinte capítulo: Australia!!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 1

Wild GeorgeE comezamos esta novela por entregas. Sen ansias, que hoxe só é o limiar. A aventura virá a semana que vén. É apta para todos os públicos. Non haberá contidos sensíbeis nin escenas truculentas. Podo xa adiantar, sen por iso desvelar o final, que o protagonista non morre (espero que por isto non decaia o voso interese). E antes de nada, preséntome: son Jorge Castro, bibliotecario da Sagrada Familia. E serei bibliotecario, si, pero isto de estar sempre entre catro paredes non vai comigo. E non o tomedes a mal: estou moi contento con vós, cos usuarios e usuarias… pero un –que lle imos facer– ten alma de explorador. Si, si que se contradí coa imaxe típica de bibliotecaria-bibliotecario. Pero pensade un momentiño: no fondo, unha persoa amante da lectura e dos libros, non ten un pouco de aventureira e exploradora? Non lemos ás veces para escapar da realidade, ou para descubrir mundos afastados, ou para vivir aventuras imposíbeis? Así que, unha tarde na biblioteca, pensando nestas cousas, decidinme: vou dar a volta ao mundo!!! E non en papel: de verdade!! E púxenme mans ao carro!

Primeira cousa que se vos pasa pola cabeza: tanto gaña o persoal bibliotecario para permitirse ese luxo? Siiii, non o ocultedes… Todo o mundo o pensa, e moitas persoas mo dixeron. Pois non, non gañamos tanto, pero asegúrovos que non é tan caro como pensades. É cuestión de usar as ferramentas que temos hoxe en Internet para facer buscas e dedicarlle un chisco de tempo e ilusión. Xa sabedes iso de que as viaxes se viven tres veces: cando as soñamos, cando as vivimos e cando as lembramos. Pois aí me tiñades xa na primeira parte da viaxe.

Sorprenderíavos saber algúns prezos de voos. Cando se fala de dar a volta ao mundo, un pensa decontado en cantidades astronómicas. Pero non, non ten relación para nada coa distancia percorrida. Douvos algúns prezos dos que paguei para que vos situedes: un voo de 17.218 quilómetros de Nova York a Adelaide, en Australia, saíume por 676 euros, e por un Adelaide-Doha-Madrid (16.669 km) paguei 445 euros. Seguramente algún ou algunha de vós tivo que pagar cantidades parecidas nalgunha ocasión para simplemente voar a Madrid ou Barcelona! Son cartos, claro que si, non o discuto. Pero se cada día ides metendo algo no peto, aos poucos podedes ter aforrado para ese soño. E como soño que se prece, non é algo para facer todos os anos (a ver se imos caer na rutina de dar a volta ao mundo cada doce meses!)

Myflightradar

O meu Myflightradar, unha ferramenta online onde quedan reflectidos todos os voos feitos.

Vedes a importancia da formación nas ferramentas de Internet? Dáche a oportunidade de ser autónomo, de empezar a voar antes de despegar, de percorrer coa imaxinación rutas afastadas, de saborear gastronomías exóticas… Os aloxamentos… Acabas coñecendo as cidades antes de ir. Empezas a combinar presuposto con sitios que queres visitar na cidade, a mirar recomendacións doutras persoas viaxeiras. Eu cheguei a Nova York coñecendo xa a cidade logo de mirar unha e mil veces Google Maps, usando Street View para ver o hotel desde fóra, camiñando virtualmente polos arredores dos hoteis que estaba mirando para elixir…

E colles tamén na biblioteca guías de viaxe, as de toda a vida, as de papel, pero agora cada vez máis conectadas coa rede, con códigos QR, enlaces de interese para ampliar a información en Internet. E tamén, moi importante, literatura de viaxes. Un bo autor viaxeiro, que che conte os destinos doutra maneira, con eses lugares persoais, que poucos coñecen, con esas recomendacións prácticas, con esas orientacións para gozar dunha cidade da maneira que un turista convencional nunca poderá facer.

Disque unha das virtudes dunha bibliotecaria, dun bibliotecario, é a paciencia. Se cadra non o dixo ninguén. Ou ninguén importante. Pois daquela dígoo eu. Así que se ides programar unha viaxe “considerábel” que non vos entren as présas. Meses de planificación a ser posíbel. As miñas compañeiras da biblioteca da Sagrada, todas elas moi viaxeiras tamén, dedican tempo e tempo a facer isto que vos estou contando eu. E non reservamos o hotel e xa. Non, non, somos algo así como corredores e corredoras de bolsa. Estamos sempre pendentes da flutuación dos prezos, porque o aloxamento que hoxe custa 100 mañá pode custar 40, así que de cando en vez botamos unha olladiña ás páxinas de reservas. Son as cousas que che permite Internet hoxe en día, que che dá tempo para que o penses ben.

E con todo isto, estades preparadas e preparados para iniciar comigo esta volta ao mundo?? Imos ir con intensidade, aviso. Preparádevos para patear moito (collede unhas boas zapatillas), para pasar algúns apuriños en aeroportos (como ides de idiomas?), para non saber que roupa poñer (non tocaba frío en Nova York e calor en Qatar? que pasa aquí?). Deixade atrás o Covid ese (cando leo o do Covid lémbrome de Cobi, a mascota dos xogos olímpicos de Barcelona) e a viaxar. Teño que dicirvos que a min este bicho perseguiume ao longo destas tres semanas sen chegar a alcanzarme… Tras min foron cerrando voos e fronteiras. Cheguei polos pelos…

Pois o luns comeza a aventura. Pero se queredes ir abrindo boca, déixovos aquí algúns enlaces a outros viaxeiros nas redes que son interesantes para seguir:

  • Jorge Sierra: Naranjito y yo. É un aventureiro coruñés, enxeñeiro de telecomunicacións, de Monte Alto, que percorreu o mundo nun 2cv de cor laranxa. Foron 1430 días de viaxe, 117.000 km, 54 países que deixou contados nestes vídeos. Unha boa opción para ver esta finde.
  • Luisito comunica. Un dos youtubers máis seguidos de Latinoamérica. É mexicano. Non é unha canle só de viaxes, pero veredes que se moveu por todo o mundo, con aventuras ben interesantes (probando comidas exóticas, experimentando como é durmir nos aloxamentos máis baratos ou viaxar nas clases máis luxosas, coñecendo supermercados nos seus destinos…) Entretemento asegurado, de verdade.
  • El rincón de Sele. Unha web onde un viaxeiro, José Miguel Redondo, vai contando as súas viaxes desde 2006.
  • La vuelta al mundo en familia. Unha canle de Youtube dunha familia con tres fillos de 1, 4 e 6 anos que deixaron casa, colexio, empresa e Madrid, e botáronse a percorrer o mundo nun camión 4×4.
  • El mundo en moto de Charly Sinewan. Outra canle dun viaxeiro que percorre o mundo en moto.

Novela por entregas de un bibliotecario alrededor del mundo

Las novelas por entregas, también llamadas folletines, se hicieron muy populares en el s. XIX, cuando la lectura era una actividad poco habitual…  y este nuevo género ayudó a fomentar el interés lector. Ahora se dice que no leemos, pero en una cuarentena, encerrados en casa, la lectura está siendo el gran salvavidas de muchos (por mucho Neftflix y plataformas digitales de entretenimiento que haya).

En un tiempo de confinamiento por el temido Covid19, en la que la manida frase “no tengo tiempo para leer” se ha cambiado por el “qué puedo leer”, queremos compartir de primera mano, la experiencia en un viaje alrededor del mundo de nuestro compañero Jorge Castro, bibliotecario de la Sagrada Familia, y a quien la crisis del coronavirus lo pilló en plena vuelta.

A partir de este viernes, como en La vuelta al mundo de Willy Fog, Jorge,  nos irá contando capítulo a capítulo su particular odisea, consejos para viajar, anécdotas de cada país, lecturas recomendadas, etc… No os lo perdáis, no podemos viajar, pero podemos tomar nota de las recomendaciones de un experto para cuando podamos volver a hacerlo.

 

Jorge, Un bibliotecario arredor do mundo