Arquivo do blog
Premios AELG2013
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica, traducións…
Foi fundada no ano 1980 por algúns dos escritores máis sobranceiros da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta, entre outros.
A AELG destaca por ser un dos órganos instituídos pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel. Forma parte do European Writers’ Congress.
Como cada ano a AELG ven de entregar os seus premios. Nesta ocasión foi o centro Ágora da Coruña quen acolleu a Gala das Letras o pasado sábado onde se deron a coñecer os galardóns deste ano.
Entre os premiados destaca a novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño que se está a apousentar como unha das obras máis exitosas das nosas letras no último ano.
Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos. Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?
Canda ela Ana Romaní levou o premio ao xornalismo cultural, Ledicia Costas o da literatura infantil e xuvenil con O corazón de Xúpiter, e Franciso Pillado o de teatro pola súa coordinación no volume colectivo Banqueiros. Darío Xohán Cabana foi recoñecido pola súa tradución o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas de Petrarca, mentres que o premio de Poesía foi Ex-Aequo para Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal,Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro.
Non esquezas que moitas destas obras podes atopalas nas Bibliotecas Municipais da Coruña.