Arquivo do blog

Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!

Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.

Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.

Muller lendo un libro
Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM

Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)

Luisa_VillaltaRecoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.

Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.

A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)

Dores_Tembras

Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.

Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.

No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.

Olga Patiño (A Coruña, 1949)

Olga_PatiñoDocente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.

A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados(2002), “Atmosferas(2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado(2013), “Territorio acoutado(2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978)

Emma_PedreiraFilóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.

A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)

Pilar_PallaresPoeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.

O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade é galardoado co  Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.

No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)

Estibaliz_EspinosaLicenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.

Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler) , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.

A proposta Mulleres de carne e verso chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!

Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso.

Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).

Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!

Versos en movemento na Biblioteca Forum

Versos en Movemento

…que es la poesía. ¿Es poesía lo que me eriza los pelos en la nuca? ¿Lo que me produce ese escalofrío que me sube por la columna? ¿Un vuelco, en el estómago?¿El  rapto de un instante en el que la respiración y el tiempo desaparecen?¿Un vislumbre de la verdad?¿Los ojos girados hacia dentro y los párpados bajados como un denso telón para que nada pueda distorsionar la verdad súbitamente revelada? ¿Es la compañía perfecta? ¿Es un puñetazo en el alma?…

…La poesía es, así pues, un interruptor que enciende la luz interior, una oda cuya energía acciona un secreto resorte en la mente, activando una recepción en nuestro decimonónico sentido.

…¿Es la canción poesía?

 Unos dicen que sin la muleta de la música el texto de una canción no se aguanta por sí solo en una página en blanco, mientras otros sostienen que el elemento mágico de una canción es precisamente la poesía. Probablemente,  al igual que la poesía, que es más que la suma de sus partes, la canción también lo sea, es decir,  más que música y letras juntas. No queda más que leer el texto, precisamente,  para  sentenciar si participa del propósito y principio fundamental de la poesía, es decir, establecer una calidad de comunicación y albergar una verdad como pura experiencia personal

Alberto Manzano

Dende 13 de Xaneiro ao 31 de Marzo na Biblioteca Forum Metropolitano a Poesía será a protagonista das súas actividades.

“Mostra Bibliográfica”

Versos en Movemento

A  Música e a poesía son cómplices e amantes e constitúen o alimento da nosa alma, e por isto, nesta mostra bibliográfica imos nutrirnos dunha selección de poemas feitos cancións, cancións feitas con poesía e poemas que sen dúbida están cheos de melodía.

 

Grúa poéticaObradoiro: “Grúa poética”
Mércores, 27 de xaneiro ás 18:30 h

Inscrición previa dende o 20 de xaneiro na web: http://www.coruna.es/bibliotecas

Obradoiro dirixido a nenos e nenas de 7 a 12 anos, coa colaboración de Celia Parra, no que se unirá a arte de atopar as palabras para crear poemas, coa arte  do origami para confeccionar grúas de papel onde os nenos e nenas farán  voar os seus  versos. Deste xeito celebraremos todos xuntos o Día Internacional da non violencia e da Paz.

 

Recital de poesía: “Cocíñame”: poemario erótico-culinario

Mércores, 17 de febreiro ás 19:30 h.

Entrada libre ata completar capacidade

Celia Parra vainos presentar un recetario de poemas nos que o verbo amar e o verbo comer seguen a mesma conxugación. Un menú completo no que cada plato é unha invitación ao goce, a amar-comer cos ollos e coas mans.

Coñece este proxecto de poesía, cociña e fotografía que vai fervendo a lume lento.

 

Sin títuloRecital de poesía e música: “A forza da palabra no ritmo do silencio”

Luns, 21 de marzo ás 19:30 h.

Entrada libre ata completar capacidade

Xulio Valcárcel, Olga Patiño, Miguel Mato, Diana Varela, Xosé Taboada e Martín Marticorena invitánnos a  compartir  con eles a súa música verbal, o xogo de resonancias, en definitiva, o seu  xeito de percibir o mundo, de tentar expresar a fonda realidade humana.