Arquivo do blog

LIBERTAD. Jonathan Franzen

Hai novelas que funcionan como un puzzle pero non chegamos a sabelo até que todo por fin encaixa. Primeiro reunimos un conxunto de pezas que non saberemos até moito despois para qué nos servirán e tratamos de buscarlles unha conexión e mentres a historia se desevolve, as arestras van puíndose, os lados atopándose e encaixando as fendas entre si.

En LIBERTAD, do norteamericano Jonathan Franzen (Chicago, 1959), cada unha das pezas que se nos ofrecen ten un nome propio, unhas características físicas, unha historia pasada e un desenvolvemento individual e tanxencial co dos demais. Así vai armándose a estrutura da historia e vai rolando a acción.

O que comeza nun barrio residencial de clase media da periferia dunha cidade norteamericana típica e remata (isto non é un spoiler) no mesmo punto dun idéntico barrio noutra cidade semellante e, apostando por unha estrutura circular, é a historia dos Berglund, unha familia normal, americanos de clase acomodada de ascendencia europea e de ideas progresistas.

De cada un dos Berglund iremos coñecéndoo todo, as súas orixes, a infancia, os recordos, os remorsos e cómo os límites dos seus respectivos mundos entran en conflito cos mundos dos demais, creando os alicerces desta historia.

A liberdade á que se refire o título escollido por Franzen é non tanto a liberdade soñada como a posible, a que nos pode permitir o conxunto de liberdades dos demais, e vai sendo desafiada polo desenvolvemento de cada un dos personaxes que flutúan polas páxinas da novela.

Walter e Patty Berglund son un matrimonio maduro, típica estampa do soño americano estándar, unha boa vivenda, bo traballo do cabeza de familia, unha discreta e pulcra nai ama de casa, fillos educados en colexios estupendos e moitas historias –persoais- que ocultar que foron as que permitiron a cada un deles chegar a ese punto das súas vidas.

Richard, amigo de Walter dos tempos da universidade e obxecto de curiosidade e desexo por parte de Patty é o terceiro lado do triángulo que descompensará a perfección do matrimonio xa aborrecido, demasiado políticamente correcto e é tamén o punto en que esperta o primeira concepción da liberdade: a de escoller.

Con repentinas referencias a Guerra e Paz, o triángulo formado por Walter, Patty e Richard, suporá un epicentro da acción e o protagonismo irá dun a outro como eixo central, entramándose a evolución de cada un e os seus puntos de vista ao longo do tempo, mentres a través de argucias narrativas como flash backs, recordos, memorias e até unha autobiografía da propia Patty, chegamos a ver cómo a liberdade dirixe os nosos soños pero tamén nos afasta deles.

E xunto con eles tres, os fillos dos Berglund, as súas parellas, a compañeira de traballo de Walter, os pais e nais de cada un deles, todos os personaxes que conformaron aos protagonistas e os foron puíndo até facelos como son, van entrelazándose nesta historia de ecoloxismo, política, valores post 11-S, republicanos e neocons, pais e fillos e que non deixa de ser un reflexo de nós mesmos, de cómo a liberdade nos levou a elexir entre varias opcións e, mesmo estando conformes coa escollida, nunca deixaremos de pensar nas que quedaron sen escoller…

http://es.wikipedia.org/wiki/Jonathan_Franzen

 

El grupo. Mary Mccarthy

El grupoPor unha banda o “american way of life” (a casiña unifamiliar sempre ben pintada, o coche diante, a bandeira ondeando, o can, os nenos -todos sorriso profidén-, a muller ben vestida, mesmo na cociña, forneando apple pie, woopie pie, red velvet, todo decoración, todo atrezzo…), por outra banda o antital: a vida en progresión natural e na busca do desenvolvemento integral do individuo (e da individua).

Anos 30 e 40, Boston e Nova Iork como escenarios e as mulleres novas debatíndose entre o que se debe e o que se quere.

Por unha banda o matrimonio, o laissez faire da vida doméstica e por outra os estudios, a universidade Vassar como alma mater, a busca de emprego.

O grupo son oito que parten do mesmo punto, o de ser muller que decide estudar e facer do seu futuro algo máis completo e equilibrado; oito que van chegando irregularmente ás súas metas vitais.

Kay, Dottie, Polly, Helena, Pokey, Lakey, Priss, Libby, oito procedencias ben diferentes e que se queren diferenciar do que era a vida estándar das mulleres dos anos 30, na grande depresión americana.

Recén licenciadas e na procura dos soños que prantexaron, o grupo de universitarias verase escindido en oito pólas diferentes que xermolan, ou florecen ou mesmo rompen no seu afán de medrar.

A historia, narrada desde o punto de vista feminino por unha autora, Mary Mccarthy (Seattle 1912-Nova Iork 1989) que sempre negou ser feminista, non procura máis que ser un retrato de caracteres, das mulleres da clase media-alta na Norteamérica de entre guerras.

Mccarthy completou a novela tras once anos de esforzo e chegou a ser unha celebridade no seu tempo polas súas ideas libertarias sobre as mulleres, a maternidade, a liberación sexual…ideas todas tratadas a través das diversas facianas das protagonistas deste libro.

Trala voda de Kay, historia coa que se abre a novela, vanse trazando as semblanzas das oito rapazas que aparecen xuntas ao mesmo tempo xusto no principio e no final, como o grupo que son, pero que no transcorrer dos sete anos que van do punto inicial ao final da obra, constitúen un corpus interesante de ideas desafiantes do patriarcado establecido. O mundiño feminino universitario (revestido por unha boa codia de autobiografía, xa que a propia autora foi alumna de Vassar) contémplase como algo supletorio –xa que non obrigatorio para trunfar na vida- para as mulleres, algo accesorio a un bó matrimonio e un traballo mediocre que non consista en sobresair por riba do da súa parella.

Cada capítulo encoméndase a cada unha das puntas de estrela das que conforman o grupo e cada unha delas, é a excusa perfecta para falar dun tema de interese xeral aínda que desde o punto de vista feminino: a importancia da virxinidade e a supresión do goce e do pracer sexual da muller, contra da autonomía sexual, dos tabús e do matrimonio como marco ineludible. A maternidade e a lactancia como símbolo de estatus social. O inmobilismo rancio das clases altas fronte ao desexo da vida progresiva das súas herdeiras, a homosexualidade, a necesidade do “cuarto propio” e dos propios medios para conseguir a autonomía das mulleres en todos os eidos vitais.

É interesante pensar en qué faciamos nós, as mulleres deste lado do océano, nos mesmos anos nos que estas mulleres eran quen de decidir, aínda que timidamente, sobre as súas propias vidas. Ano 1933…E tamén o é pensar que a propia autora dota de ideas non preconcebidas nin utopías, senón de empirismo, as ideas e accións das oito mulleres do grupo, naquela década que chegou a nós baixo moitos tópicos: lei seca, vida nouturna, clubes, jazz, alcol, mentres na urdime da vida real as mulleres buscaban o adianto, a superación, mesmo por riba da frustración imposta por unha sociedade que, de xeito contrario a esta novela na que os homes son meros apuntamentos e esbozos, a figura masculina era unha prioridade, unha icona, un ser mitolóxico e exacto que alicerzaba a nación mentres as mulleres, perfectamente vestida, forneaban na cociña, desas casas brancas unifamiliares, bandeira ao vento, nenos perfectos, o perfecto can…bla bla bla…