Arquivo do blog

Lecturas de Café con Libros 2021. Primeira Parte

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales as nosas tertulias seguen a ser virtuais pero continuamos a tecer fíos invisibles que nos unen nunha comunidade, nunha tribo, por así dicilo, que comparte o pracer da lectura.

Abrimos o primeiro trimestre do 2021 coa lectura da obra Volver a casa de Yaa Gyasi. A primeira novela da xove de orixe ghanesa reconstrúe a historia dos seus antepasados desde o África esclavista do século XVIII ata o Estados Unidos do século XX. A idea da obra xorde nunha viaxe que a escritora fai ao seu país de orixe, onde visita o castelo de Costa do Cabo, no que se apiñaban miles de africanos antes de ser vendidos como escravos. O argumento centrase nas personaxes de Effia e Esi, dúas irmás de sangue que nunca chegarán a coñecerse. A obra estrutúrase a través dunha ducia de personaxes, cada un protagoniza un capítulo cun pano de fondo histórico distinto, incluíndo datas e acontecementos de cada período. A través das súas páxinas coñecemos as guerras tribais, a chegada dos misioneiros ao país africano, a lei de escravos fuxitivos de 1850, pasando polas minas nas que tras a Guerra de Secesión os negros cumprían condenas por delitos inventados ; das rúas de Harlem ás aldeas subsaharianas; da epidemia do crack no Nova York dos oitenta, ao nacemento do movemento de independencia na Costa do Ouro. Toda unha leccion de historia.

Esta novela serviunos de catalizador e sen darnos conta entramos de cheo no mes de febreiro, o mes por excelencia no que réndese homenaxe a xeracións de afroamericanos que loitaron contra a adversidade para lograr a plena cidadanía na sociedade estadounidense, o Black History Month. Que mellor maneira de sumarnos a esta celebración que a través dunha mostra bibliográfica, na que poderedes atopar unha coidada selección de novelas, cómics, películas e cds de música que abordan a historia do pobo negro.

Se facemos un pouco de memoria, o mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas. Actualmente, toma unha relevancia especial co auxe dos movementos sociais, por mor da morte de George Floyd e o movemento Black Lives Matter, onde se busca acabar co racismo e a inxustiza social.

A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes. Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.

Seguimos tirando do fío e chegamos ao noso recuncho de #Viaxalendo, un pequeno espazo que reservamos na sala de adultos dedicada á literatura dun país, polas nosas estanterías xa viaxamos a Xapón, Irlanda, India ou Portugal. Desta volta no podiamos deixar de dar voz a unha literatura tan rica pero tan descoñecida como a do continente africano. Desde o norte ao sur. Alí poderedes encontrar obras de J.M. Coetzee (Sudáfrica), Jose Eduardo Agualusa (Ángola), Yasmina Kadra (Alxer), Leila Slimani (Marrocos) e tantos outrxs.

Pechamos o círculo literario deste primeiro trimestre con Arenas movedizas de Nella Larsen. A evocadora primeira novela desta autora (1928), a máis autobiográfica, é a historia dunha muller que vive entre dous mundos lastrado polos prexuízos e o sectarismo. Autora esquecida e reinvindicada por algunhas figuras actuais como Alice Walker, Toni Morrison e Maya Angelou que veñen de rescatar do esquecemento aos artistas do chamado Renacemento de Harlem e, entre eles, á nosa autora, para introducila non xa no canon das escritoras afroamericanas, senón no das autoras estadounidenses de calquera cor.

Non podíamos comezar de mellor maneira este temporada literaria nos clubs de lectura “Café con Libros”!! Non vos parece?

Por amor á arte

Se es un amante da pintura, adoras os museos, se che interesan as historias que se esconden detrás dos cadros, sentes curiosidade por coñecer o mundo do mercado da arte… na biblioteca Ágora ofrecémosche unha selección de libros que che van a entusiasmar:

 

Entre os libros de información, biografías rigorosas e documentadas sobre grandes artistas da historia; manuais de historia da arte; estudos críticos sobre aspectos concretos deste mundo;  ensaios sobre beleza, creación, estética… E unha selección especialmente importante para nós: libros de arte con mirada de xénero, que falan de pintoras que foron quén de abrirse paso nun mundo que as recluía á escena doméstica. Que triunfaron pese a todo, e contribuíron co seu traballo a revolucionar o mundo da arte. Sorprenderanche as súas historias e as súas magníficas obras.

Pero sobre todo ofrecémosche obras literarias: porque moitos escritores e escritoras de gran talento, tamén amantes da arte, recrearon as vidas destes pintores e pintoras nos seus escritos, ou se inspiraron nas súas obras, ou en pequenas anécdotas máis ou menos coñecidas, para ofrecernos as súas propias creacións:

Novelas biográficas de grandes pintores e pintoras de todos os tempos e estilos. Algúns deles ( Velázquez, Caravaggio, Miguel Ángel…) triunfaron pronto, ás veces co apoio de grandes mecenas cos que tiveron complicadas relacións. Outros (Van Gogh, Monet…) só obtiveron recoñecemento despois da súa morte, e hoxe rompen unha e outra vez os teitos de cotizacións do mercado da arte… Innovadores, rebeldes, atormentados… uns poucos ( Maruja Mallo, Urbano Lugrís…) moi próximos a nós.

Narracións sobre personaxes ficticios vinculados á escena artística, ou inspiradas en pequenos detalles dos lenzos; novelas sobre o mercado da arte: coleccionistas, subastas, fraudes…. Novelas románticas,  de intriga, e tamén, por que non, novelas de humor. Inxeniosas e provocadoras obras de teatro que aportan a súa mirada crítica sobre este mundo, e cómics de recoñecidos autores…

E por último, unha mirada á pintura desde o sétimo arte, cunha selección de películas sobre os artistas e as súas obras da man de grandes directores de cinema.

Na guía de lectura que aquí te presentamos podes tés unha boa mostra do que podes atopar. Só tés que facer  clic  para acceder a ela en formato dixital.

Guía de lectura “Por amor á arte”

Neste link podes descargala en pdf  “Por amor a arte: guía de lectura”

E xa sabes:  Ata finais de outubro, a biblioteca Ágora vístese de arte. Un magnífico momento para visitala.

Aprovéitao!!!

Os mellores da lingua

Da Escola de Maxia á maxia das palabras. Neste mes de maio, na Biblioteca Ágora, no espazo Os mellores de… volvemos, un ano mais, ás palabras da nosa lingua. Palabras escritas nos libros que aquí te presentamos, seleccionados para ti con intención de mostrarte a grandeza da nosa fala.

IMG_6332       MOSTRA_MELLORES 012  
Os mellores da lingua : Mostra bibliográfica na Biblitoeca Ágora

Unha mostra que tén como protagonista especial a Manuel María, un autor moi respetado, querido e admirado,  ao que, como xa sabes, dedícase este 2016 a celebración das Letras Galegas.

Do poeta chairego falounos Mercedes Queixas Zas na presentación do seu libro Labrego con algo de poeta na Biblioteca Ágora, coa entusiasta participación dos nosos clubles de lectura. Os seus versos chegáronnos profundamente, espallarónse pola biblioteca, e quedaron nos seus andeis.

MQ1     20160513_145558

Mercedes Queixas na presentación do seu libro na Biblioteca Ágora

Xunto a Manuel María queremos destacar a outros moitos autores da lingua. Autores da terra que falan de temas universais e sitúan a nosa literatura no lugar que merece no panorama nacional e internacional.  Os nosos clásicos: Risco,  Cunqueiro ou, por suposto Castelao e Rosalía. Outros escritores xa consagrados, como Mendez Ferrín, Manuel Rivas ou Suso de Toro. E tamén os mais novos:  Ledicia Costas, Héctor CajaravilleAndrea Maceiras... que se fan escoitar con forza, e cada vez van conseguindo mais e mais lectores.

Moitos deles (Berta Dávila, María Reimóndez, Pedro Feijoo… ) achegáronse a nós en diferentes ocasións para falarnos da súa experiencia literaria e transmitirnos a súa paixón pola escritura… e convencéronnos. Polo que din, polo que escriben e por como o escriben. E por iso queremos compartir contigo a súa escrita. E, se cabe, acompañarte neste apaixonante descubrimento da nosa literatura, da nosa cultura, con esta guía de lectura elaborada con moita ilusión.

Guía de lectura : Os mellores da lingua


PortadaGuia
Descarga aquí a guía en pdf

E se queres compartir con nós esta paixón pola nosa escrita podes pasar pola biblioteca e participar, un ano máis, no fotocol que desta volta se dedica con especial atención a Manuel María.  Porque #m8mepresta  #ManuelMaria

     IMG_5353   M8MEPRESTA 1581

Escola de maxia : Colección de ilusionismo na Biblioteca Ágora

Señores e señoras, damas e  cabaleiros, mesdames et messieurs… ante todos vostedes, unha nova e extraordinaria colección, que co nome de ESCOLA DE MAXIA , estará dende agora presente na Biblioteca Ágora.

Cartel1 copy

Con ela poderedes mergullarvos no mais asombroso espectáculo, protagonizado polos máis extraordinarios ilusionistas de tódolos tempos,  procedentes dos recunchos máis alonxados de cada un dos continentes: o fantástico Robertt Houdin,  pai da maxia moderna; o inquietante Dai Vernon; o increible Houdini, xenio do escapismo; René Lavand, Tamariz … e moitos máis.  Para homes e mulleres, grandes e pequenos, crédulos e desconfiados… para todos aqueles que teñan ilusión e imaxinación para deixarse sorprendes e soñar!

Cartel2 copy

Con esta colección, que foi posible grazas á colaboración coa Sociedade de Ilusionismo da Coruña, e que está constituida maioritariamente polos libros doados pola familia de  Carlos Mejuto Campos,  poderemos achegarnos  ós grandes segredos da maxia. Maxia para ver de cerca , para gozar en pequenos grupos  ou admirar en grandes escenarios. Con todo tipo de obxectos:  panos, cartas, moedas, cordas, pombas, coellos, bólas, argolas, cigarros… e en todas a súas manifestacións: mentalismo, hipnosis, escapismo…

MELLORES_MAXIA (4)

Carlos Mejuto, por Siro

MELLORES_MAXIA (7)

Xa sabes. Si algún día queres  chegar a estar do outro lado do escenario , non o penses  mais e ven a Biblioteca Ágora para levarte os libros en préstamo ou consultarlos en sala. Te esperamos!!