Arquivo do blog

Un caballero en Moscú de Amor Towles

 

un caballero en moscu

O pasado mes de febreiro, no club de lectura Sagrada Familia dedicamos as nosas lecturas a esta novela, por non dicir “novelón”.

Trátase dunha novela actual que preserva asombrosamente o corte clásico dos grandes autores rusos de finais do s. XIX e principios do s. XX. Unha novela para deleitarse coa lectura, que axuda a calmar os ánimos pero non por unha narración lenta senón porque nos devolve ao ritmo de vida doutra época. Achéganos á mellor versión dos tempos pasados sen deixar de presentar tamén os seus lados escuros, e máis dada a localización onde se desenvolve a historia.

Alexandr Ilych Rostov, un conde ruso, encantador, intelixente e elegante, é condenado a morte polos bolxeviques en 1922. O comité revolucionario non sabe ben que facer con el, e grazas a un poema subversivo escrito dez anos antes, elude o seu tráxico final. Por ese inusitado xiro do destino remata condenado a arresto domiciliario, no luxoso hotel Metropol de Moscova.metropol-postcard

Desenvolve a vida do Conde desde que sae escoltado pola porta do Kremlin e o confinan no hotel, un clásico da cidade, situado a poucos quilómetros da sede do goberno, e onde é un cliente asiduo. Alí permanecerá como unha reliquia viva, dunha época desaparecida de águias bicéfalas, duelos, bailes, … observará o paso do tempo, a descoloración do seu mundo e vendo os cambios dos costumes, cunha inxenuidade chea de inxenio. Esa é unha das singularidades desta novela, que a converte nunha das máis entrañables, simpáticas, orixinais e sorprendentes dos últimos tempos.

O noso protagonista pasa de vivir nunha suite a apousentarse nun faiado, ata 1954, cando dous axentes do KGB van buscalo. Neste tempo Rostov, acomódase á súa nova situación e a sobrevivir, sen perder os modais, a súa exquisita educación e os seus principios. Sen profesión coñecida, ata ese momento dedicouse con paixón aos praceres da lectura e da boa mesa, pero fai gala dunha gran capacidade de adaptación da que moi poucos seriamos quen.

Durante este confinamento sucédense varios acontecementos históricos para o país: a caída de Bujarin, o ascenso de Stalin, a fame negra de Ucraína, a revolución proletaria e todos aqueles que se desenvolven a principios do século XX.

A novela é un bosquexo de como era a situación da poboación rusa no momento do derrocamento do réxime zarista imperial pola revolución bolxevique, un movemento que xurdiu da unión de obreiros, campesiños e soldados, e  orixinou unha guerra civil na que morreu moita xente. Este cambio político motivou que moitos perderan terras, propiedades, se exiliase e incluso fose condenada polo novo réxime polos motivos máis inusuais. Pero o autor realiza unha mostra da crúa realidade cunha gran dose de dozura e tenrura que enfatiza a humanidade que dificilmente se perde aínda na máis profunda das adversidades.

O conde concéntrase nos asuntos prácticos sen deixar de reler aos seus básicos, Robinson Crusoe, Anna Karenina, Tolstoi, Gógol, Montaigne , Pushkin e Dostoiesvski.

Establece lazos afectivos con algúns dos personaxes que traballan no hotel, nunha aparencia de normalidade. Adquire responsabilidades chegando incluso a criar a unha nena, Sofía, que lle é confiada pola súa nai (Nina) ata que medra e se converte nunha gran pianista.

O final feliz está asegurado, como non podía ser doutro xeito, pero a forma de rematar a novela temos que deixala en incógnito para permitir aos lectores e lectoras degustar a novela completa e o seu estupendo final.

Esta novela gustou moito no club de lectura Sagrada Familia,  é enxeñosa, poética e xenerosa. Cun argumento orixinal que permite coñecer a cultura rusa e a súa sociedade. Está moi ben escrita, tece con moito coidado as relacións humanas que xorden neses momentos de crise. É tenra, un libro cunha lectura que relaxa, fai rir ás veces e dunha gran beleza polas súas descricións. O final, inesperado e feliz, gustou moito ás nosas lectoras do club. Un dos mellores éxitos deste curso de lecturas.

O autor, Amor Towlestowles-kXDF--510x287@abc

Naceu en Boston en 1964 e nos primeiros anos da súa vida estivo apartado da literatura. Con 25 anos trasládase a Nova York, e xunto cun amigo crea unha empresa de investimentos, que mantivo durante dúas décadas.

normas de cortesia

Bowles escribe a súa primeira novela, “Normas de Cortesía”, un ano antes de deixar o mundo das finanzas. Esta ópera prima é unha homenaxe á Nova York dos anos 30, na que os porteiros, edificios maxestosos, concertos de jazz,… eran habituais. Conta a historia dunha rapaza con avaricia que tenta sobrevivir no medio das tentacións e dos perigos da cidade.

Logo xermina “Un caballero en Moscú” cando, polo seu cargo de executivo, ten que facer moitas viaxes parando sempre nos mesmos hoteis, e comprobando que sempre se atopaba coa mesma xente. E escolle Rusia, porque é un grande admirador e coñecedor da súa historia e literatura e porque alí, na época dos zares, levábanse a cabo arrestos domiciliarios con frecuencia. Un bo exemplo foi o de Pushkin en Peskov.

Esta segunda obra tivo unha grande acollida e foi  recoñecido como o libro máis vendido por  “The Times” e “Sunday Times”. Ámbalas dúas se atopan dispoñibles para os lectores nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Hai que engadir que xa están comprados os dereitos para filmala e xa se coñece que será Kenneth Branagh o actor encargado de poñer corpo ao noso conde Rostov. Será nunha serie producida pola Entertainment One e dirixida por Tom Harper, pero aínda descoñecemos a data prevista para a súa estrea. De seguro estaremos expectantes para non perder detalle desta versión cinematográfica do grande “Un caballero en Moscú”.