Arquivo do blog

#LemosParaTi no 25N

Cada 25 de novembro celébrase a nivel internacional o Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres co obxectivo de denunciar e erradicar a violencia que sofren mulleres e nenas en todas as partes do mundo. Violencia que, segundo datos da ONU, intensificouse nos últimos meses debido ás circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria Covid-19, especialmente se falamos de violencia no ámbito doméstico.

Unha das imaxes da campaña de activismo contra a violencia de xénero da ONU, que estará activa ata o próximo 10 de decembro.

Con motivo desta efeméride, desde as Bibliotecas Municipais organizamos unha ampla programación que arrincou o pasado xoves 20 de novembro, sumándonos por un lado á campaña #TiDecides que puxo en marcha a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña e, por outro lado, á iniciativa do Consello de Cooperación Bibliotecaria #BibliotecasSTOPViolencia, que nace este ano co obxectivo de dar visibilidade á labor fundamental das bibliotecas como axentes de cambio social e, concretamente, na loita contra a violencia de xénero.

Dentro desta programación, compartimos hoxe unha escolma de lecturas en voz alta que forman parte da proposta #LemosParaTi, que podedes escoitar a continuación nesta mesma entrada e tamén nos nosos perfís corporativos de Ivoox e Spotify.

Seique (Através, 2015)

Fragmento de lectura da obra “Seique” de Susana Sánchez Arins (Vilagarcía, 1974) na que a autora nos achega unha historia de violencias a través da reconstrución do pasado familiar, contextualizada na época da represión franquista.

Este libro, publicado orixinalmente no ano 2015 en Através Editora, foi galardonado co Premio de Narrativa na V Gala do Libro Galego (2020) na súa 2ª edición (revisada e ampliada). Forma parte do catálogo de lecturas dos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora e pódese ampliar información sobre o mesmo no dossier de lectura dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

A cabeza de Medusa (Xerais, 2008)

Fragmento de lectura da novela de literatura xuvenil “A cabeza de Medusa”, da escritora, tradutora, profesora de Didáctica das Ciencias na USC e académica de número na Real Academia Galega, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947).

A obra, publicada en Xerais, foi recoñecida cos seguintes galardóns: Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, Premio The White Ravens 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2010 (categorías 3º ESO a Bacharelato). Forma parte das lecturas do Club de Lectura Fórum e pódese ampliar información sobre a mesma no dossier dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

La memoria del aire (Tránsito, 2019)

Fragmento de lectura da novela de carácter autobiográfico “La memoria del aire” da poeta e novelista belga Caroline Lamarche (Liège, 1955).

Nesta obra, publicada orixinalmente en francés no ano 2014 e traducida ao español por Raquel Vicedo para a editorial Tránsito (1ª edición no ano 2018), Lamarche aborda as relacións de poder que forman a dependencia afectiva así como tamén a violencia física e psicolóxica que, por desgraza, tan a miúdo está presente nas relacións de parella.

Ir a descargar

Senlleiras (Galaxia, 2018)

Fragmento de lectura da novela “Senlleiras”, da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991).

A obra, publicada en Xerais no ano 2018, aborda o tema da violencia de xénero pasada e presente a través de mulleres que rachan co silencio. Galardoada co Premio Illa Nova de Narrativa.

Esta novela forma parte do catálogo de lecturas que realizaron no club de lectura da Biblioteca de Estudos Locais e da Biblioteca de Monte Alto, sobre a que podedes ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Cometierra (Sigilo, 2019)

Fragmento de lectura do libro de denuncia social e política “Cometierra” da docente, feminista e activista arxentina Dolores Reyes (Buenos Aires, 1978).

Publicada na editorial Sigilo no ano 2019 e dedicada a Melina Romero e Araceli Ramos (vítimas de feminicidio en Pablo Podestá), esta obra é a súa primeira novela na que a escritora aborda unha serie de feminicidios da man da súa protagonista, unha adolescente vidente capaz de escoitar ás vítimas.

Ir a descargar

Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima (Roca, 2017)

Fragmento de lectura do libro “Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima” da escritora, tuitera e columnista Barbijaputa, que publica baixo este pseudónimo.

A obra, publicada na editorial Roca no ano 2017, constitúe unha guía para acabar co machismo escrita con ton sarcástico e estruturada en dez capítulos que comezan cunha frase típica de escusa machista.

Ir a descargar

Alguien bajo los párpados (Anagrama, 2017)

Fragmento de lectura da novela “Alguien bajo los párpados” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade (Santiago de Compostela, 1968).

A obra, publicada na editorial Anagrama no ano 2017, narra a historia de dúas mulleres anciás -Olvido e Bruna- que deciden emprender unha última viaxe nun vello Volkswagen.

Este libro forma parte do catálogo de lecturas realizadas polos grupos de Café con Libros da Biblioteca Os Rosales e pódese ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Con #LemosParaTi remata a nosa programación para este 25N, mais o que non finaliza é o compromiso das bibliotecas como axentes de transformación social. Lembrámosvos que podedes atopar estes títulos no noso catálogo, así como tamén os incluídos na guía de lectura elaborada especificamente para esta campaña.

Seguen as lecturas dende o confinamento

No Club de Lectura dos Luns de Fórum continuamos compartindo lecturas e debatendo en torno a elas a través das sesións virtuais que tanto nos uniron durante a etapa de confinamento e que nestas últimas semanas xa de curso nos siguen alentando. Animadas polas lecturas compartidas do Club de Lectura LGTB , despois do relato de María Reimóndez “A esencia da cidade” (do que xa tedes dispoñible o vídeo do encontro por se non o vistes) continuamos con “A cabeza de Medusa” obra gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008 da académica Marilar Aleixandre.

Imaxe da portada do libro

Do primeiro libro lido da autora no club  sorprendeunos a súa prosa áxil e directa narrada en terceira persoa onde conxuga descrición, narración e diálogo. A través dos seus personaxes principais (Sofía, Lupe, Rubén, Elvira, Nicolás, Jessica, Teresa…) a historia pon enriba da mesa valores tan fundamentais como a dignidade, o respeto, a igualdade de xénero, a xustiza, a madurez ou a amizade cun carácter ao noso entender moi didáctico para o público ao que vai dirixido. Podedes consultar a guía de lectura sobre a obra e á autora.

Para continuar animámonos co novo libro de Lorenzo Silva “Y te irás de aquí” que o autor asinou baixo o seudónimo de Patricia Kal e editou ‘ Zenda’, de descarga gratuita na web da revista XLSemanal durante o periodo da corentena. Segundo o propio autor confesou, enviou o manuscrito da novela baixo o nome dunha suposta autora de nome descoñecido, fíxoo para comprobar como unha novela dun autor descoñecido, rexéitase sistematicamente, ás veces sen lela. Outras editoriais valorárona, pero finalmente, non consideraron oportuno incluíla no seu catálogo.

Lorenzo Silva comenta que volveu experimentar o mesmo rexeitamento que tivo 25 anos antes cando enviou a varias editoriais a súa primeira obra “La flaqueza del bolchevique”. E que estaba disposto a pagar o prezo por comprobar como o sistema de selección de orixinais segue funcionando igual desde entón.

Digamos que era un experimento, y también una necesidad. La de confrontar a los editores primero, y a los lectores después, con una novela que fuera sólo el texto, sin ninguna indicación acerca de la persona que lo escribió, más allá de su lugar de nacimiento. Quería despojar a la historia de la losa de la autoría, que en mi caso es una marca ya consolidada y por tanto fuente de todo tipo de prejuicios, tanto positivos como negativos.

Podedes ler a entrevista en El Semanal

A obra:

(Sinopse)

Rosa, unha profesional madrileña na corentena, coñece nunha festa á que a arrastra contra a súa vontade a súa muller, Elena, a unha  perturbadora  rapaza  Milena, da que cae  prendada de maneira fulminante. Podería quedar aí a cousa, nun cegamento nocturno sen consecuencias, pero a fortuna non está ao lado de Rosa, ou si: a moza non só a corresponde, senón que a convida a verse ás costas das súas respectivas parellas. A decisión de Rosa conducirá ao final do seu matrimonio con Elena, a perda da súa casa, o descubrimento dunha paixón nunca antes experimentada e o exame profundo dos danos do seu ser e da súa biografía. Tamén a levará a comprender e apreciar o que a sostén e fai forte, e a percorrer con novos ollos a súa cidade natal, Madrid, e parte dos seus arredores, para mostrarllos baixo a calor asfixiante do verán de 2019 á barcelonesa atenta e curiosa que é  Milena. A experiencia así compartida co seu mozo amante faralle exporse, en fin, o valor da propia existencia, que só emerxe de maneira completa e cabal no instante e no acto do sacrificio.

Imaxe da Portada do libro

(Crítica)

Y te irás de aquí” non é unha novela romántica aínda que sí conta unha historia de amor entre dúas mulleres pero na que nos resultou case imposible meternos no papel de Rosa, a protagonista. Un personaxe cargado de demasiados estereotipos masculinos que nos impedían ao longo da historia ver unha relación entre dúas mulleres.

Tampouco estamos ante unha novela de crítica social pero sen embargo Silva, que non a evita nas súas historias, aquí, como non pode ser menos, volve estar presente. Silva é un escritor comprometido e podéndose estar máis ou menos de acordo coas súas opinións o que non se pode negar é que nunca as esconde.

Y te irás de aquí “ten máis que ver coa levedade do ser nunha vida que só chega a ser plenamente auténtica no momento do Sacrificio, película do cineasta Tarkovski á que se fai referencia durante o relato. Facendo un percorrido por lugares moi coñecidos de Madrid Lorenzo Silva fai tamén un repaso dos últimos acontecementos deste país e toca temas moi de actualidade.

O autor:

Lorenzo Silva Amador. (Madrid, 7 de xuño de 1966). Autor de artigos e relatos, ensaísta e novelista. Licénciase en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e traballa como avogado de empresa de 1992 a 2002. En 1997 é finalista do Premio Nadal por “La flaqueza del bolchevique” (1997), novela que foi adaptada ao cinema polo director Manuel Martín Cuenca no ano 2003 baixo o mesmo nome.

En 1998 recibe o Premio Ojo Crítico pola súa novela “El lejano país dos estanques” (1998). Destaca polas súas novelas  policiacas, ás que dedicou gran número de libros, entre os seus máis coñecidos a serie protagonizada polos Gardas Civís  Bevilacqua e Chamorro. No ano 2000 recibe o Premio Nadal por “El alquimista impaciente” (2000), segundo libro da devandita serie.

En 2004 recibe o Premio Primavera de Novela por “Carta Blanca” (2004), novela que narra o período histórico desde a Guerra de Marrocos ata a Guerra Civil, centrándose na perspectiva do protagonista Juan  Faura.

No ano 2010 foi nomeado Garda Civil Honorario por fomentar a imaxe do Corpo nas súas novelas.

Ademais de novelas é autor de narrativa infantil con obras como “La lluvia de Paris” (2000) ou “El videojuego al revés” (2009) entre outros. Tamén cultivou o xénero de non ficción en obras como “Del  Rif a  Yebala” (2001) ou “Sereno en el peligro”(2010) pola que recibe o Premio  Algaba 2010.

Colaborou na publicación de artigos en revistas como a Revista de Cultura, Revista del Cine Español, Nueva revista de política, cultura y arte, entre outras.

En 2017 é galardoado coa Gran Cruz da Orde do Dous de Maio outorgada pola Comunidad de Madrid por ser considerado un dos “heroes dos nosos días”.

De Lorenzo Silva podedes consultar outras obras dispoñibles nas nosas bibliotecas a través do catálogo ou de calquera outro título que teñades en mente porque xa está en marcha a petición de préstamo por teléfono, correo ou formulario web e que poderedes recoller a partir do 1 de xuño con cita previa.