Arquivo do blog
Presentación da colección “Mulleres bravas da nosa historia”
O próximo mércores 1 de Febreiro ás 18:30 h. na Biblioteca Forum temos a presentación da colección “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco Editora.
Rosalía de Castro, María Victoria Moreno… Elas son as protagonistas dunha colección que pretende dar a coñecer a algunhas das mulleres exemplares da historia da Galicia aos máis pequenos.
Ademais de contar a biografía das protagonistas, os libros contarán con actividades para realizar coas nenas e nenos e cronoloxía, todo para axudar a valorar a achega das protagonistas á nosa cultura e ao noso país, ás veces ocultada polo feito de ser muller.
Todos os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez,…
Encontro con María Reimóndez na Biblioteca Os Rosales
Nunha semana teremos o esperado encontro dos clubs de lectura “Café con libros” da Biblioteca Os Rosales coa escritora, traductora e activista María Reimóndez. O luns, 24 de outubro, Día das Bibliotecas, teremos a oportunidade de conversar cunha das autoras máis prolíficas das nosas letras.
Nos clubs de lectura xa limos e comentamos en cursos pasados “O club da calceta” pero non deixamos de ler a María Reimóndez con obras como: “Pirata”, “En vías de extinción”, “Dende o conflito”, “A música dos seres vivos”, ou a súa recente “A dúbida”. Falaremos de toda a súa traxectoria, adicada á novela, á poesía, á traducción, ao ensaio con temas como o feministo ou a busca de alternativas ao desenvolvemento pero tamén da súa faceta adicada á literatura infantil e xuvenil.
Trátase dunha actividade moi desexada por todas nós, xa que dende o 2004 que a comezamos a ler xuntas, non deixamos de seguirlle a pista de todo o que escribe. Será unha oportunidade única para conversar. A entrada é libre ata completar a capacidade. Animádevos a acompañarnos neste encontro!
Todos os días son #8m
O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, un día para reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar mais cambios e celebrar a valentía e determinación de tantas e tantas mulleres que loitaron e loitan por avanzar na igualdade de oportunidades. Pero cada día é 8 de marzo, cada día dos 365 do ano é unha loita para reclamar os nosos dereitos, romper estereotipos e liberarnos dunha sociedade patriarcal que relega á muller a un papel secundario.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a esta loita coa campaña #MulleresCoraxe, rendendo homenaxe a todas aquelas mulleres que, ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron. O seu modo de ver e facer as cousas, as súas decisións e o seu traballo supuxeron un avance na defensa dos nosos dereitos.
E aproveitamos a ocasión para recomendar un lote de materiais, que forma parte da iniciativa Date ao lote! e que aborda historias de amor, resistencia e violencia nun mundo no que é preciso mudalo todo: Mulleres e activistas políticas.
O lote inclúe a novela de María Reimóndez En vías de extinción (Xerais, 2012), o poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através, 2013) e a película Al otro lado (2007), dirixida por Fatih Akin. Leva ademais un dossier con material complementario, que permite relacionar e ampliar contidos. Neste caso, unha entrevista a María Reimóndez e o artigo A xeración Nós-outr@s: mulleres e ensaio en Galicia, de Montse Dopico.
“Gaia, a protagonista desta historia, é unha deses persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.
Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo”.
“Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia
Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.”
“As fráxiles vidas de seis persoas crúzanse durante as súas viaxes emocionais cara o perdón e a reconciliación, entre Alemania e Turquía.
Nejat non mira con bos ollos a relación que o seu pai, Ali, mantén coa prostituta Yeter. Yeter morre inesperadamente, deixando a súa filla Ayten en Turquía. Ayten, lesbiana e activista política, escapa a Alemania onde é acollida por Lotte. Susanne, nai de Lotte, está en contra desta situación”.
Premio ao mellor guión no Festival de Cannes, 2007
Premio Lux do Parlamento Europeo para o Cine, 2007
Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe, podedes participar das actividades programadas nas distintas bibliotecas da rede e podedes seguir facendo as vosas achegas á nosa wiki colaborativa.
Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!
O club da calceta de María Reimóndez
No club de lectura dos luns empezamos o curso con moita enerxía. Xe levamos lidos La mano invisible, Botchan e esta semana rematamos O club da calceta de María Reimóndez. Lecturas todas elas ben distintas que dan para falar de temas variados, con diferentes estilos e voces. O que da lugar a tertulias moi moi ricas.
A obra
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora.
Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.
Reimóndez mantivo un blog sobre a novela, que escribiu entre novembro de 2008 e maio de 2009. Nel podedes atopar máis información sobre O club da calceta.
A autora
María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010-, O Monstro das palabras (Xerais, 2009) e Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014); e para público adulto as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano e ao castelán respectivamente. No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). Tamén no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. En solitario publicou novamente en 2014 A alternativa está aquí (Xerais, 2014). No 2014 gañou o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito (Xerais, 2014) e o XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con A dúbida. Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.
Por outra banda, é fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.
Recentemente, coa promoción da novela Dende o conflito, podemos ler e mesmo escoitar interesantes entrevistas a Reimóndez. Finalmente, deixámosvos cun anaquiño da película, dirixida por Antón Dobao:
O luns 17 de novembro, acabaremos de falar desta estupenda novela e mellor autora e entregaremos Tokio Blues de Murakami.
Só resta recordarvos, que o tamén luns, 1 de decembro, poderemos gozar da poesía de Reimóndez, dentro do ciclo Poetas Di(n)versos do Centro Ágora.