Arquivo do blog

Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!

Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.

Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.

Muller lendo un libro
Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM

Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)

Luisa_VillaltaRecoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.

Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.

A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)

Dores_Tembras

Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.

Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.

No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.

Olga Patiño (A Coruña, 1949)

Olga_PatiñoDocente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.

A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados(2002), “Atmosferas(2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado(2013), “Territorio acoutado(2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978)

Emma_PedreiraFilóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.

A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)

Pilar_PallaresPoeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.

O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade é galardoado co  Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.

No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)

Estibaliz_EspinosaLicenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.

Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler) , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.

A proposta Mulleres de carne e verso chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!

Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso.

Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).

Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!

As chaves do tempo. Arredor de Luísa Villalta

As chaves do tempoAs Chaves do Tempo é unha iniciativa arredor da escritora coruñesa Luísa Villalta, que organizan a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Língua Galega entre os días 18 e 27 de novembro. Trátase dunha ocasión para reler a obra da escritora que se sentiu identificada no acubillo da Cidade: O meu nome é o da Cidade Alta.

Poemas para reconstruír os pasos de Luísa Villalta a través dos vasos comunicantes que transcenden o pulso da súa Música Reservada, á harmonía versificadora do Ruído, ao habitar desta Cidade En Concreto, ao desacougo vital dos despoxos do Papagaio

Libro das colunas que son alicerces que nos acompañan. Lecturas sosegadas porque xa sabedes, precisamos Siléncio, ensaiamos e teorías existen moitas máis só unha Teoría de xogos.

Uns días, do 18 ao 27 de novembro de 2017, para lembrar a amiga escritora aquela que deixou escrito d´ O outro lado da música, a poesía… e nós buscaremos o acubillo da música, da poesía, da reflexión sobre a memoria e a cidade…

Nas Chaves do Tempo queremos construír un espazo que sexa gozo e camiño, memoria e reflexión, reencontro.

Precisámosvos!

PROGRAMA

Do 18 ao 27 de novembro de 2017.

Sábado, 18

Sobre o espello do mar e do vento, roteiro ás 12h con María Casar. Sairemos dos xardíns de Méndez Núñez (diante da estatua de Emilia Pardo Bazán) e faremos un percorrido polos espazos da Coruña que Luísa Villalta poetizou porque na súa obra a Cidade faise palabra e re-constrúe como lugar mítico, actualizando a súa inclusión no inventario dos TERRITORIOS literarios do noso país.

Desde o martes, 21

Exposicións no Monty (Rúa Papagaio)

O Papagaio: A poesía de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira.

Eu en nós: Soledad Penalta, Xurxo Gómez-Chao, Julia Ares e Ana Pillado reinterpretan a poesía de “En concreto”.

Venres, 24 e sábado, 25

O meu nome é o da Cidade Alta, un paseo en bicicleta pola Coruña. A poesía de Luísa percorrerá os espazos da cidade os días 24 e 25 de 19 a 20h.

Venres, 24

A memoria da cidade… da Coruña. Entender o pasado, abordar o presente, venres 24 ás 20h no Monty. Nesta palestra achegaremos algunhas chaves interpretativas do crecemento urbanístico da nosa cidade no século pasado con José María Cardesín Díaz, profesor na Facultade de Socioloxía da UdC.

Sábado, 25

Revolta Literaria. Ás 13:30 para loitar contra o vento de olvido ateigado de orgullo percorremos a Cidade coa lectura da obra de Luísa.

E pola tarde no Monty:

Escultura ao vivo con Olalla Franco, a partir das 16h.

Concerto para un home só, ás 18.30h, eis a música que brota como o rio da existencia. Dramatización de textos con Nacho Pena.

Recital poético ás 19.30h, @s poetas amigos a recitala… outra vez, sempre o vento dos ventos // rodeando este ponto no mundo:// Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural no reino renacido.

Domingo, 26

Música reservada, ás 12h na igrexa das Capuchinas (r/ Panadeiras). Grupo Instrumental Siglo XX / Florian Vlashi: “Adagio” (Samuel BARBER), “Preludio” (P. PEREIRO) e “Arte de Fuga” selección (J.S. BACH). Con Florian Vlashi e Caroline Bournaud, violín; Arben Llozi, viola; Rediana Lukaçi, violonchelo; e a palabra de Yolanda Castaño.

Luns, 27

Encontro c@s amig@s, ás 19h, para ler, reler, lembrar… Conducen Flor Maceiras, Teruca Queiro e Xurxo Souto.

Vén ao Monty e poderás percorrer a súa obra, pararte na que máis che guste, saborear, gozar con toda ela…

No Monty:

A súa obra exposta Para ler

Exposición de obxectos persoais nas vitrinas do Monty

Agasallo da edición Antoloxía poética para @s participantes. Foto fixa de Luísa desde o día 23…

Colaboran nesta iniciativa:
Monty
Deputación da Coruña
Concello da Coruña
Bibliotecas Municipais da Coruña

Podes descargar desde aquí o PROGRAMA COMPLETO en PDF.