Arquivo do blog

Mulleres, poetas e galegas

Cada 21 de marzo, desde a súa aprobación pola UNESCO na 30ª Conferencia Xeral en París no ano 1999, celébrase a nivel mundial o Día da Poesía co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades.

 “A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar da maneira sempre renovada a forma en que utilizamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade”. (Nacións Unidas, 2019)

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, dentro do noso compromiso de promover a nosa cultura e a lingua galega, sumámonos á celebración desta efeméride tan fermosa coa campaña Mulleres de carne e verso coa que procuramos achegarvos a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) unha escolma de versos das nosas poetas nuns días especialmente difíciles por mor do Covid-19.

Campaña poetas galegas

A proposta lanzouse a comezos desta semana nos nosos canais corporativos co propósito de celebrar a poesía e honrar ás mulleres poetas. Cada día unha biblioteca da rede foi compartindo as verbas da escritora homenaxeada e ata o momento puidemos gozar dos versos de…


Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977)

Escritora e xestora cultural ademais de creadora e coordinadora dunha das citas poéticas máis importantes na cidade: o ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolve con carácter mensual no Centro Ágora.

Muller polifacética (guionista, presentadora de television, comisaria de mostras de arte e poesía, tradutora) e creadora recoñecida, entre outros, cos seguintes galardóns: Premio da Crítica e Premio Johán Carballeira por “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), Premio Espiral Maior por “Profundidade de campo” (2007), Premio de Poesía Afundación por “A segunda lingua” (2014).

Lucía Aldao (A Coruña, 1982)

Poeta coruñesa que desenvolve a súa carreira tamén como cantante, guitarrista, guionista e animadora cultural. Xunto á escritora María Lado forma equipo para desenvolver proxectos como o espectáculo poético “Onde estea un cubata que se quite un soneto” ou a exitosa proposta poética, humorística e musical denominada “Aldaolado”.

Publica con Luis Walter Muñoz Fontenla a obra “Unha ducia máis un” (2005) e no ano 2018 sae á luz o seu primeiro libro de poemas en solitario “Todo isto antes era noite”.

Eli Ríos (Londres, 1976)

Autora prolífica que ten publicado obras de poesía, ensaio, narrativa infantil e xuvenil e novela para adultos . Galardoada, entre outros moitos, cos seguintes premios dentro do eido da poesía: XII Premio de Poesía Concello de Carral por “Nós escoitando o badalo de marienplatz” (2009), I Premio Rosalía de Castro por “Café intenso” (2015), XXVIII Premio Torrente Ballester por “Luns (2016), IV Premio de Poesía González López Abente por “Culpable(2017).

Realiza ademais obradoiros de escrita, contacontos para público infantil e colabora na revista dixital de crítica literaria feminista “A Sega”.


Desde o noso Club de Lectura Virtual se sumaron á proposta “Mulleres de carne e verso”, realizando no seu blog un percorrido pola vida e obra da poeta e membro da Real Academia Galega Luz Pozo. Convídovos á pasar tamén por aí e gozar da lectura desta entrada: “Luz Pozo, la poetisa de Ribadeo”.

Estade atentas e atentos ás nosas redes, a vindeira semana compartiremos con vós o nome e as verbas doutras cinco poetas galegas ás que desde as Bibliotecas Municipais rendemos homenaxe. Mentres tanto, despídome cunhas palabras de Audrey Azoulay -Directora Xeral da UNESCO- máis necesarias ca nunca:

Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. Este é o poder da poesía!

Recital de Poesía de Lucía Aldao e María Lado: Con dez poemas por barba

Cartel Aldao-Lado

 

O martes 22 de Abril ás 19:00 h. na Biblioteca Forum Metropolitano, dentro das actividades do Día do libro, temos a sorte de asistir ao recital de poesía de Lucía Aldao e María Lado: Con dez poemas por barba.

Acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Para Lucía Aldao e María Lado a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza ao espectador. Así, presentan un recital ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co público. Consta de música en directo, xogos e historias, pero sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira. É un espectáculo para emocionar a aqueles que odian a poesía.

Despois de títulos como “Onde estea un cubalibre que se quite un soneto“, “Moita poesía, pouca diversión”, Aldao e Lado presentan “Con dez poemas por barba”, un recital dos poemas máis significativos de Aldao e Lado, no que contan os seus máis hilarantes experiencias como poetas, rin das súas miserias líricas e cantan as súas cancións preferidas.