Arquivo do blog

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e visita da autora

O pasado mes, no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais tivemos a sorte de contar coa visita da escritora Emma Pedreira.

Emma Pedreira Lombardía naceu na Coruña en 1978, onde segue vivindo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha artista multidisciplinar á que encadran na Xeración dos 90, aínda que a súa obra transcende todas as etiquetas.

O seu primeiro libro foi Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), que acadara o ano anterior o Premio de Poesía Johán Carballeira. Desde ese intre case non houbo ano en que non publicase unha ou varias obras, tanto de poesía coma de narrativa.

Os seus últimos éxitos foron o Premio Xerais en 2018 con Besta do seu sangue, o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño no 2018 por As voces ágrafas e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 con Os corpos invisibles.

Todas as súas obras acadan sempre o aplauso da crítica: de feito, en 2018 recibiu por Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica de narrativa galega, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios.

Non obstante, o traballo de Emma Pedreira no eido artístico non se circunscribe só aos libros: é pioneira nos mouthcollages/skincollages, que colga a miúdo no seu muro de Facebook.

Tamén elaborou mostras-exposicións coma a de O fotógrafo, na que conxuga as antigas fotografías de seu avó, poemas e colaxes. Ademais, formou parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega entre e os seus compañeiros e compañeiras dedicáronlle documentais (Emma Pedreira: o des-en-freo) e fanzines (Emma Pedreira: fanzine dunha persoa renacentista).

No club de lectura puidemos ler Besta do seu sangue., da que a crítica dixo:

Supón unha proposta “de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros”

Resultado de imagen para besta do seu sangue

Nesta obra faise unha revisión de xénero da figura e mito de Blanco Romasanta, coñecido tamén coma O sacauntos. Era Manuel ou Manuela? Ademais, tendo en conta que xa se escribiu moito sobre este tema, tivemos a oportunidade de debater sobre o feito de que nos interese algo do que xa se dixo tanto, pero ao parecer, non todo.

Non é a primeira vez que a autora reinterpreta mitos e/ou historias clásicas, sobre todo os contos de fadas, coma no Libro das mentiras.

IMG-20200108-WA0005

Encontro na biblioteca de Estudos Locais do club de lectura con Emma Pedreira

Ademais, puidemos trasladarlle todas as nosas dúbidas á autora, tanto desta como doutras obras, pois tivo a xentileza de acompañarnos nunha sesión do club. Moitas grazas, Emma Pedreira!

Aa voces baixas

 

9788499144405

Todos os  luns na  Biblioteca Sagrada Familia temos o club de lectura. O horario  da sesión é de 10.30 a 12h.

Este ano no “Club de lectura da Sagrada Familia” a segunda  novela que limos foi de Manuel Rivas, “As Voces Baixas“. Gustou moito, porque a xente do club se sentía identificada coas súas vivencias, e a historia desenvolvíase na nosa cidade, véndose reflectidas nesa familia e nesa época.

Por outra parte, Manuel Rivas é un escritor moi recoñecido e querido en Galiza. Escollemos este libro en galego para fomentar que a xente do club coñeza a nosa língua, porque non era moi extenso e pareceunos moi emotivo.

Trátase dunha novela autobiográfica na que se mestura a realidade e a fición.

O humor e a dor están presentes ao longo de toda a obra. “As voces baixas” é un reflexo das persoas esforzadas na loita cotiá pola vida e que adoitan falar sen se deixar notar. Un  bo exemplo é a súa nai, que falaba soa ou con voz queda.

Relata as súas vivencias na infancia e adolescencia xunto á´súa irmá María e os seus pais. Os primeiros anos de vida descorren en Monte Alto, na rúa Marola, e parte da súa infancia e adolescencia en Elviña.

Sitúase nos anos 60 ata 1975, nunha España franquista ata a morte do ditador, cando comeza a etapa da Transición. Nestes anos a liberdade de expresión, ser homosexual, ser anarquista ou comunista supoñía moitas veces a condena de sufrir o cárcere

Reflexa un sentimento nostálxico polos costumes e a vida tradicionais. Esta obra mostra personaxes e oficios que foron desaparecendo co tempo: lavandeiras, pescantinas, leiteiras… Resalta a imaxinación e a creatividade nos xogos dos nenos.

As tradicións e as romerías formaban parte da diversión da xente, compartíase cos veciños e coa familia: cabezudos, samaín, a matanza do porco…  Tamén  relata como primeiro a radio e despois o invento da televisión supuxo una revolución na vida da xente.Manuel-Rivas_1067303527_9663412_1020x574

O autor cóntanos o vínculo que o unía coa súa irmá María (que morre de cancro), ambos comparten a paixón pola lectura e a política.

Fai un percorrido pola súa xuventude, o seu instituto, o primeiro traballo (no Ideal Galego), a súa decisión de estudar xornalismo en Madrid, a seu sentir para converter o seu soño en realidade: ser escritor. E así cumprir coa teima da súa nai “buscar un traballo no que non se mollase

Esta obra e o resto da produción literaria de Manuel Rivas pódese atopar no Cascarilleiro, catálogo en liña das Bibliotecas Municipais da Coruña.

 

Asi nacen as baleas

Achégase o verán e os clubs de lectura das bibliotecas municipais rematamos as nosas reunións. Despedirémonos de todos vós cunha saída a Ourense para facer a nosa particular homenaxe a Carlos Casares.

Pero antes, dende a Biblioteca Ágora queremos recomendarvos o libro có que o pasado mércores clausuramos un dos nosos clubs: Así nacen as baleas, de Anxos Sumai. 

Así nacen as baleas conta a historia dunha muller que volve á casa na que pasou a súa infancia para reencontrarse coa súa familia. Nesa volta ó seu lugar de orixe reaparecerán os recordos, cós que A nena (en ningún momento a autora descubre o nome da protagonista) vai recompoñendo o seu pasado. Un pasado doloroso, de carencias afectivas e abandono. Pero tamén de tenrura, inocencia e amor.

Mais alá desta historia persoal, Anxos Sumai fálanos da familia, desa outra cara das familias, terrible, pero real ás veces, capaz de crear infelicidade adxudicando destinos non escollidos. Capaz así mesmo de ferir, maltratar e destruír. E fala tamén da loita do individuo contra ese destino que lle vén imposto, e da rebeldía como forma de liberación persoal.

A pesar da dureza que se esconde tras as páxinas do libro, Anxos Sumai sorpréndenos pola forma en que este está escrito: a obra, repleta de metáforas e símbolos, (as baleas, seres enormes e de inmenso corazón) emociona e conmove mesmo, ou mais se cabe, nos momentos mais dramáticos:

As palabras sérvenme para transformar unha escena terribelmente desagradábel nalgo fermoso. O doado sería escribir a violencia dende a linguaxe descarnada, mais o que me interesa é ese proceso de transformación a través das palabras.

O resultado é unha novela inquietante, impactante, repleta de matices. Non sobra nin falta nada: os silencios din tanto como as palabras, e deixan marxe para que o lector reflexione e saque as súas propias conclusións. E, de feito, a lectura propiciou un ambiente cálido e íntimo e deu lugar a un debate sumamente enriquecedor.

Así nacen as baleas recibiu os premios : Narrativa Breve Repsol YPF 2007, Arcebispo San Clemente 2008,

Outras novelas da autora que podes atopar nas Bibliotecas Municipais:

E se queres máis información sobre a autora e o seu libro podes consultar o noso dosier

Boas lecturas!

Vento ferido, de Carlos Casares

Cando xa levamos mais da metade deste ano de lecturas compartidas, nos clubs da Biblioteca Ágora, facemos un pequeno alto no camiño para homenaxear a Carlos Casares, como ben sabedes escritor escollido pola Real Academia como autor das Letras Galegas 2017.

O escritor Carlos Casares 

O título escollido nos nosos clubs foi Vento ferido, un libro de relatos que nos pareceu axeitado para achegarmos ó autor a través da lectura en voz alta.

Xunto á novela Cambio en tresVento feridoprimeira publicación do autor, é considerado pola crítica como un dos máximos expoñentes da Nova narrativa galega: unha corrente literaria coa que, a mediados dos sesenta, a literatura galega parece conectar coa europea, a través do emprego de técnicas estilísticas (diferentes voces narrativas, monólogos, saltos no tempo…) e temas comúns.

Mais Casares nunca gustou das etiquetaxes. A súa prosa, moderna e directa, achéganos ó mais recóndito da alma humana cunha temática moi centrada no illamento do individuo, sobre todo da mocidade, na sociedade.

Portadas de diferentes ediciós de “Vento ferido” e da curtametraxe baseada no libro.

Cada un dos membros do club elixiu para ler ante os compañeiros o relato, ou fragmento, que mais lles chamou a atención.

Marga escolleu Cando cheguen as chuvias, pola intensidade coa que autor expresa a profunda soidade sentida polo protagonista no cárcere; Elena fíxonos sentir, con A Tronada, a impotencia e abandono do home ante o destino marcado por unha natureza desapiadada; Natalia trasladounos a ese ambiente de taberna no que o protagonista de A Capoeira trata de resarcirse dos rancores acumulados no pasado cunha vinganza desproporcionada… Isa  preferiu ofrecernos  unha versión doce e aberta  da historia de amor de xuventude de  A rapaza do circo…  Así, un tras outro, cada relato, cada lectura fíxonos sentir a grandeza deste autor que cunha aparente sinxeleza logra transmitir con tanta forza as fraquezas e debilidades dos homes e mulleres, nenos,  mozos, ou vellos que transitan polas súas páxinas: a estrema soidade do ancián na longa espera da visita dos familiares de Agarda longa ao sol; a aceptación da violencia e anulación da propia vontade polo adolescente que  quere ser admitido no grupo de O xogo da guerra a derrota, a desesperanza, a submisión colectiva no contexto da represión franquista de Coma lobos...

 Porque, como tan ben resume a nosa compañeira Alicia,

Os relatos de Casares son coma poemas que reflicten a alma do ser humano nos seus momentos mais fráxiles. A súa beleza narrativa faite reflexionar sobre a túa propia fortaleza nesas circunstancias tan duras ó que axuda a beleza e a tenrura do noso idioma galego”

En definitiva, unha sesión diferente coa que non só disfrutamos Carlos Casares, senón das propias lecturas en voz alta, e que esperamos repetir en futuras reunións.

Vento ferido foi levada recentemente a pequena pantalla por un grupo de rapaces de Comunicación Audiovisual e Publicidade de Pontevedra nunha pequena miniserie de tres capítulos.

Trailer da curtametraxe  “Vento ferido”

E para os que queirades ler algo mais do autor ou da súa obra, deixámosvos o dossier de Carlos Casares, como ven sendo habitual.

Dossier Carlos Casares

 

Xabier Quiroga e A Ruta das ratas

O longo destes últimos anos algúns autores galegos, como Antón Riveiro Coello,  Francisco X. Fernández Naval, ou mais recentemente Ledicia Costas e  Alberto Canal,  publicaron novelas moi intensas, desoladoras ás veces, sobre grandes traxedias vividas no contexto da Segunda Guerra Mundial e a atrocidade do nazismo:  Laura no desertoA noite branca, Un animal chamado néboaO amor nos escuros días de Birkenau

Outros, como  Pedro Feijóo, en Os fillos do mar ou  Carlos Reigosa, en A vinganza do defunto investigaban nas súas publicacións a presenza dos nazis en Galicia. É o caso da úlitma novela de Xabier Quiroga, Izan o da saca, Premio San Clemente 2016 na categoría de Lingua Galega, que tivemos oportunidade de compartir no Club de Lectura do Ágora do Mércores.

composicion2   izan-con-marco

 

A partir da investigación que un político e empresario galego encarga a Reina, taxista  e investigador privado que aparecera xa en O cabo do mundo, Xabier Quiroga constrúe unha narración trepidante sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a “Ruta das ratas”, o entramado organizado polos xerarcas do Terceiro Reich para permitir a fuga de nazis desde Europa a América do Sur, no seu paso polo noroeste da Península Ibérica, en concreto pola Ribeira Sacra.

A novela móvese entre dous tempos diferentes: o momento actual, no que Reina leva a cabo a investigación, e a posguerra, na que tiveron lugar certos acontecimentos verídicos nos que se enmarca a acción, e  que vinculan a Galicia coa Alemania de Hitler. A forte presenza dos alemáns nas explotacións mineiras de volframio e ferro utilizados para a fabricación de armamento; a instalación das Torres do Arneiro, que facilitaban a localización dos submarinos alemáns; a utilización dos portos galegos, especialmente Vigo, como punto de saída dos U-Boot, ou o constatado refuxio dalgúns dirixentes nazis, como Walter Kutschmann en Galicia na súa fuxida cara a Arxentina… son algúns dos datos cós que Reiniña se vai atopando no desenvolvemento da súa procura.

volframio

Moitos elementos fan desta novela unha lectura altamente recomendable: O desenvolvemento da trama, que atrapa desde o primeiro momento;  a elaborada caracterización dos personaxes, algún deles engaloiantes de principio a fin (Loliña, o mestre Armando, Lelia…); o dominio da linguaxe nos diferentes rexistros utilizados; as reflexións do protagonista sobre os movementos sociais e o panorama político actual, ou a propia estructura da obra, composta a partir de varias pezas que encaixan ó final para darlle sentido ó conxunto.

No escuro todo é pecho. Abres os ollos e non ves, queres falar e non das, intentas moverte e non podes. Unha mordaza tapa a túa boca e estás atado de pés e maos. Por riba, sabendo como sabes que non hai nada que poidas facer, tés a alma, ou ese inefábel hálito que te envolve, agarrada como por unha man de anguria…

Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada  Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006),  O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.

No dossier que adxuntamos podes atopar mais información sobre o autor e a súa obra:

portada-izan

Aqui podes descargar o pdf

Herba Moura

E chegamos ó final do club de lectura cunha última proposta, dirixida especialmente ás mulleres dos clubs, principais protagonistas desta aventura literaria compartida durante todos estes meses no espazo das nosas bibliotecas. Falamos de Herba moura, da autora monfortina Teresa Moure

A  través da historia de tres mulleres que viven en diferentes épocas e lugares, Teresa Moure vai construíndo esta novela que ofrece múltiples  lecturas:  o devir das mulleres na historia, a filosofía, a paixón , o coñecemento, a rebeldía… son algúns dos temas abordados con mestría por esta autora.

HMSN HMbn


Tres mulleres “de armas tomar” que non dubidan en renunciar ó éxito e ó poder  a cambio de continuar sendo elas mesmas e de facer o que consideran que deben facer. O nexo de unión entre estas tres mulleres non é outro que Descartes, o filósofo racionalista do século XVII, có que as nosas protagonistas manteñen unha diferente relación.

A raíña Christina de Suecia, amante da lectura, das artes e das ciencias e gobernante eficaz, admira o racionalismo descartiano, que continúa impulsando trala morte do filósofo;  a entrañable Helene Jans, o personaxe mellor traballado e mais querido da autora, afín ao empirismo humanista. E Einés Andrade, estudante galega da nosa época, que dá forma a todo o ese conxunto de receitas e conxuros, poemas, cartas, correos electrónicos, fragmentos de diarios… que conforman a narración.

Pero probablemente o que mais nos fascinou a moitas das que participamos desta lectura conxunta foron as últimas páxinas do libro, as que falan das mulleres que rodean a Einés , esa rapaza que  naceu, sen que ninguén soubese que tiña que nacer,  o día en que o home chegou a lúa, e que medrou a carón das verdadeiras protagonistas da historia: as mulleres invisibles que día a día fan posible quea vida siga adiante.  A elas é a quen dirixe Héléns Jans o seu “Livro de mulleres”, impulsándolles a vivir e a gozar da vida:

E, xa que logo, fermoseádevos, mellorade, restaurádevos de toses e bágoas, emendade o que é emendable, e gozade do que trae cada día, que a outra, a negra, a innomeable agárdavos impaciente e chegará, seguro, sen que receuta, nen apócema, nin lavativa poida librarvos da súa vinda

 

Para mais información, como é habitual, podedes consultar o noso dossier en liña ou descargalo en pdf

Portada_dossier

    Dossier “Herba moura” en  pdf 

 

E de momento máis nada! Grazas a todxs pola vosa atención… e ata o día 9 en Outeiro de Rei!!

 

“Sonata de otoño / Sonata de invierno”, de Ramón del Valle-Inclán.

Sonata de Otoño

Una de las últimas lecturas del curso en el club de lectura de Monte Alto ha sido “Sonata de otoño / Sonata de invierno”. Begoña Varela, su coordinadora, nos cuenta las impresiones que esta lectura les ha causado.

Este año se celebra el 150 aniversario del nacimiento de Valle-Inclán. Maestro de la sátira y el esperpento, leer a Don Ramón ha sido un placer y ha dado pie a hablar de la generación del 98, de teatro y de música.
Las sonatas toman el título de un estilo de composición musical con el que guardan cierto paralelismo, y relatan las memorias ficticias del Marqués de Bradomín en diferentes momentos de su vida amorosa.
Comenzamos con “Sonata de otoño” (1902) que se desarrolla en Galicia, cuando Bradomín se encuentra en un pazo con una antigua amante a punto de morir. En “Sonata de invierno”(1905) Bradomín, herido en la Guerra Carlista, se encuentra convaleciente en un convento de Navarra, donde seduce a la joven Maximina, que resultará ser su hija. Con gran maestría, Don Ramón nos presenta a un Bradomín carente de escrúpulos que se ceba con un morbo sin límites en unas situaciones totalmente delirantes.

La prosa modernista de este gallego “católico, feo y sentimental” es un despliegue de ingenio. Brillante, mordaz e irreverente y original. Así lo hemos definido entre todos.

“O último día de Terranova”, encontro de Manuel Rivas cos seus lectores.

O pasado martes 22 de marzo, Manuel Rivas achegouse a biblioteca Monte Alto para manter un encontro cos clubes de lectura das bibliotecas municipais. A escusa era falar sobre o seu último libro,  O último día de Terranova, pero, como adoita acontecer con Manuel Rivas, a charla levounos por camiños insospeitados, inesperados e pracenteiros. Begoña Varela, coordinadora de dous dos nosos clubes e impulsora deste encontro, envíanos esta reseña coas súas impresións.

Case unha década despois da publicación de “Os libros arden mal“, chega ás nosas mans “O último día de Terranova” e, moi vencellado a esta obra, o poemario “A boca da terra“. Por esa boca (a boca da terra, a boca da literatura) falan estes tres libros que recollen, a través dos seus protagonistas, boa parte da nosa historia contada ao máis puro estilo Rivas. Con pinceladas de realismo máxico, Rivas crea un universo propio baixo a luz de O Faro, como fixera Cunqueiro coa Terra de Miranda.

Si en “Os libros arden mal” o tema principal era a morte, a queima da palabra impresa e a loita por salvar os libros, en “Os últimos días de Terranova” o autor pon en valor a supervivenza das librarías como arma para loitar contra a incultura, e a figura dos libreiros como guardiáns da liberdade e da dignidade humana.

O noso clube xa lera “Os libros arden mal“, e agora disfrutamos coas páxinas deste novo libro, da man de Amaro e Vicenzo Fontana, do tío Eliseo, de Garúa, Comba, Expectación e un feixe de persoaxes entrañables; todos eles náufragos sociais cargados de sabiduría que observan o mundo a través dunha cámara estenopéica e transmiten ao lector un xeito de ver a vida coa que moitos nos identificamos.

Para explicar a súa obra e resolver as nosas dúbidas, contamos na biblioteca de Monte Alto coa presenza de Manuel Rivas quen, acompañado por Lola Porto, de librería Lume (unha das libreiras ás que vai adicado o libro) e rodeado dos seus lectores de todas as Bibliotecas Municipais, fíxonos partícipes dunha animada conversa. Falou o autor de queridos libreiros e libreiras galegos, da estructura da obra (e da vida) en círculos concéntricos, de seres “sentipensantes” e, sobre todo, do valor da palabra.

Librarías que teñen que pechar; especuladores da terra e das almas; libros vendidos, roubados ou prestados que viaxan ocultos en maletas; idealistas que nunca perderon a ilusión; títulos e editoriais inesquecibles que forman parte da paisaxe das nosas vidas. Todo isto encerran as páxinas de “O último día de Terranova“.

Deixámosvos un vídeo da lectura de Manuel Rivas dun dos seus poemas e algunhas das fotografías sacadas durante a tarde.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os fillos do mar

Hai xa máis dun mes que os clubs de lectura da Biblioteca Ágora fomos invitadas ao encontro con Pedro Feijóo na Biblioteca Rosales. Moitas grazas a Anabel e Sira por invitarnos a este evento que nos deu a oportunidade de coñecer a este adorable escritor e de compatir experiencias e lecturas con outros clubs! 

 fotoencontro2

fotoencontro1

Por outra banda, e aínda que por razóns diversas atrasámonos na publicación desta entrada, non queremos desaproveitar a oportunidade de recomendar  a lectura da que foi a primeira novela  do autor, “Os fillos do mar”, pola que obtivo o Premio Arcebispo Juan de San Clemente en 2013.

Unha novela ambientada en Vigo, por cuxas prazas e rúas acompáñanos Feijóo da man do seu personaxe principal, Simón, un mediocre e entrañable arquitecto, un “Miña Xoia” como o define o autor, e de Mariña, muller resolta e fermosa da que pronto este  se namora.

A historia comeza cun encargo que recibe Simón para reconstruír unha fonte no xardín do  pazo dunha familia viguesa de renome: os Dafonte-Llobet. O achádego dunhas moedas de ouro dará lugar ao arranque dunha historia trepidante, na que aparecerán tesouros, piratas, contrabandistas, nazis, e fuxidos da represión franquista.  Pois  aínda que estamos ante unha novela de misterio e aventuras, non faltan referencias históricas ao pasado de Vigo : á Batalla de Rande (1702) na que, no contexto da Guerra de Sucesión Española prodúcese o afundimento dos Galeóns que transportaban o ouro de América; ó tráxico episodio do asalto do Bou Eva, no contexto da guerra civil e represión franquista ; ou  á presenza da Alemaña nazi en Vigo durante a Segunda Guerra Mundial.  Porque, en  palabras de Pedro Feijóo:

Escribín sobre Vigo porque é a miña cidade. Sempre admiraba as novelas de Eduardo Mendoza, que me fixeron coñecer e entender Barcelona doutra maneira, ou o cine de Woody Allen con Nova York como pano de fondo. Por iso creo que as obras teñen máis forza se as vinculas ás súas cidades. A historia que conto é universal, pero pasou en Vigo…

Despois de ler con tantas gañas historias doutros apetecíame que fosen pezas galegas as que se ensamblasen e é por iso que escribín Os fillos do mar

 

Como mostra do que podemos atopar nesta libro  deixamos estes audios no que o autor lé diferentes escenas da novela. A banda sonora é  de Lamatumbá, grupo musical no que Pedro, “El Perdidito”, participou como baixo  entre 2003 e 2011

imagenaudio         imagenaudio         imagenaudio

         Banda sonora 1                       Banda sonora 2                  Banda sonora 3

O resultado de todo isto é unha obra que entretén e informa; que combina axilidade con calidade literaria, e que por encima de todo, aspira a ser lida e gozada  polo lector.

A min o que me deu a vida neste traballo sempre foi a consciencia de que do outro lado había un lector que a priori estaba disposto a falar contigo. Para min sempre é determinante falar con ese lector. Para min a literatura é un diálogo constante entre dúas partes que non poden existir unha sen a outra, así que se hai algo que para min sexa fundamental é a capacidade para empatizar co lector.

 

Se queres máis  información sobre Pedro Feijóo e a súa novela, podes consultar o Dossier que elaboramos para o noso club… e para todos aqueles que queran lelo:

Portada

  Dossier “Os fillos do mar” en pdf

As novelas máis prestadas en lingua galega no 2014 nas Bibliotecas Municipais da Coruña

As novelas máis prestadas en lingua galega no 2014 nas Bibliotecas Municipais da Coruña:

  1. Ollos de auga / Domingo Villar (Galaxia, D.L. 2006)
  2. Made in Galiza / Séchu Sende (Galaxia, D.L. 2007)
  3. Os fillos do mar / Pedro Feijoo (Xerais, 2012)
  4. O corazón de Xúpiter / Ledicia Costas (Xerais, 2012)
  5.  A memoria da choiva / Pedro Feijoo (Xerais, 2013)
  6. A praia dos afogados / Domingo Villar (Galaxia, D.L. 2009)
  7. O único que queda é o amor / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2007)
  8. Cartas de inverno / Agustín Fernández Paz (Xerais, 1998)
  9. A cabeza de Medusa / Marilar Aleixandre (Xerais, D.L. 2008)
  10. Os vellos non deben de namorarse / Castelao (Galaxia, 2004)
  11. O gardián invisible / Dolores Redondo ; traducción Héctor Cajaraville (Xerais, 2013)
  12. Ámote Leo A. Destino xalundes / Rosa Aneiros (Xerais, 2013)
  13. O derradeiro libro de Emma Olsen / Berta Dávila (Galaxia, 2013)
  14. Futuro imperfecto / Xulia Alonso Díaz (Galaxia, D.L. 2010)
  15. As voces baixas / Manuel Rivas (Xerais, 2012)
  16. Non hai noite tan longa / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2011)
  17. Noite de voraces sombras / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2002)
  18. Pepa A Loba / Carlos G. Reigosa (Xerais, 2007)
  19. A esmorga / Eduardo Blanco Amor (Galaxia, 2006)
  20. Todos somos / Marcos Calveiro (Xerais, 2013)
  21. Resistencia / Rosa Aneiros (Xerais, 2007)
  22. Faneca brava / Manuel Portas (Xerais, 2013)
  23. Esperando o leiteiro / Xosé Neira Vilas (Galaxia, D.L. 2012)
  24. O pintor do sombreiro de malvas / Marcos Calveiro (Xerais, 2010)
  25. A banda sen futuro / Marilar Aleixandre (Xerais, 1999)

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

Consulta a dispoñibilidade destas obras no noso Catálogo:

catalogo

Recorda que nas Bibliotecas teñen en marcha unha inicitiva de recomendacións  literararias, musicais e cinematográficas vía Twitter, coa nosa conta @bibcoruna, baixo o lema COLABORA CON NÓS!  e co hashtag #recomendamosbmc os tuiteiros poden manifestar os seus gustos e compartir as súas preferencias.