Arquivo do blog

Tea Rooms, de Luisa Carnés

Durante as pasadas sesións do club de lectura de Monte Alto prestamos especial atención ás obras de escritoras, moitas veces invisibilizadas por mor do seu sexo, coma foi o caso de Luisa Carnés.

Luisa Carnés naceu en Madrid en 1905 no seo dunha familia moi humilde, feito que definiría a súa obra. Sendo a maior de seis, tivo que abandonar a escola con 11 anos e comezar a traballar. Foi autodidacta e buscou na literatura refuxio á miseria do seu arredor. Comezou lendo folletíns e novelas baratas e pouco a pouco chegou a autores coma Cervantes ou os rusos Dostoievski e Tolstói, referentes para ela.

Resultado de imagen para trece cuentos luisa carnes

Imaxe de Luisa Carnés como portada do seu libro Trece Cuentos

De 1926 a 1929 aparecen na prensa os seus primeiros catro contos, algo pouco común para persoas alleas ao mundo da cultura. En 1928 publica a súa primeira obra, Peregrinos de Calvario, que recibe moi boas críticas (chegan a dicir dela que é «posiblemente la mejor narradora del 27»). En 1930 aparece a segunda, Natacha, que colleita iguais éxitos. Nesa época comeza a traballar na CIAP (Compañía Iberoamericana
de Publicaciones), onde coñece o seu primeiro marido e pai do seu único fillo.

No verán de 1931, a CIAP pecha e Luisa emigra a Alxeciras coa familia do seu home, na espera de mellorar a súa situación económica. Nunca deixa de escribir, pero terá que compaxinalo con outros traballos. En 1932 regresa a Madrid, xa separada, e comeza a traballar de camareira-dependenta nun céntrico local de hostalería, o que será o xerme do seu terceiro libro, Tea Rooms (Mujeres obreras), publicado en 1934. Grazas, de novo, á boa acollida recibida pola crítica, ábrenselle as portas dos xornais e comeza a traballar de xornalista de forma continuada, colaborando en medios como Estampa ou Crónica.

Foi militante do PCE e ao estalar a Guerra Civil escribiu artigos e obras de teatro defendendo a República. Finalmente, en 1939 remata exiliada en México, previo paso por Francia. Alí vive ata a súa morte prematura en marzo de 1964 nun accidente de coche, do que se salvan o seu segundo marido e o seu fillo.

A súa obra abrangue unha decena de novelas, uns sesenta contos, tres pezas de teatro e
centenares de crónicas.

A SOMBREIREIRA DAS SINSOMBREIRO
Nos últimos tempos, estase a facer un traballo de recuperación dos traballos das mulleres contemporáneas á coñecida como Generación del 27. Grazas sobre todo á labor da cineasta Tània Balló, nomes coma o de María Teresa León, Rosa Chacel, María Zambrano ou a galega Maruja Mallo comezan a soar con forza. Son coñecidas como Las sin sombrero por unha anécdota que a mesma Maruja Mallo conta:

Un día se nos ocurrió a Federico, a Dalí, a Margarita Manso y a mí quitarnos el sombrero porque decíamos que parecía que estábamos congestionando las ideas y, atravesando la Puerta del Sol, nos apedrearon llamándonos de todo.

Non obstante, Luisa Carnés é a esquecida entre as esquecidas, xa que a súa obra e memoria non foi rescatada co resto de mulleres desta xeración. Algo lóxico: mentres elas andaban na Porta do Sol, Luisa estaba traballando no taller de sombreiros de súa tía para sustentar a familia. Todo un paradoxo.
Na presentación de 13 cuentos, segundo libro de Luisa Carnés publicado por Hoja de Lata, a escritora Laura Freixas expuxo a posibilidade de que este conxunto de mulleres puidese ser denominado Grupo del 26, data de inauguración del Lyceum Club Femenino, en contraposición ao do 27, integramente masculino.

Reparando el olvido, foto de Wikimedia Commons

Luisa Carnés diferénciase do resto dos e das súas coetáneas porque era de clase social baixa e sen formación regrada. Se a isto se lle une o feito de nacer muller e que apoiou a República tras comezar a Guerra Civil, entón pódese explicar o porqué da súa invisibilización. Tal e como di Becerra Mayor, profesor de Literatura na Universidad de Lieja e artífice de que a editorial Hoja de Lata descubrise a Luisa Carnés:

Luisa Carnés ha sido triplemente olvidada: por comunista, por exiliada y por mujer.

En Tea Rooms o primeiro que chama a atención desta novela é que a pesar de ser escrita entre 1932 e 1933 a súa temática parece estar en plena vixencia. É unha novela de marcado carácter social e feminista (sen usarse apenas en España ese concepto naquela época) na que se plasma a vida das mulleres de clase baixa do Madrid dos anos 30. A autora procura o xurdimento dunha nova muller, tal e como di Antonio Plaza no epílogo: a que busca a emancipación a través do traballo, pero un traballo digno. Tal e como se pode ler no libro:

Pero también hay mujeres que se independizan, que viven de su propio esfuerzo, sin necesidad de “aguantar tíos”. Pero eso es en otro país, donde la cultura ha dado un paso de gigante; donde la mujer ha cesado de ser un instrumento de placer físico y de explotación; donde las universidades abren sus puertas a las obreras y a las campesinas más humildes. Aquí, las únicas que podrían emanciparse por la cultura son las hijas de los grandes propietarios (…); precisamente las únicas mujeres a quienes no les preocupa en absoluto la emancipación, porque nunca conocieron los zapatos torcidos ni el hambre”.

As protagonistas:
MATILDE: rapaza de familia de clase baixa que non quere pregarse ao que a sociedade manda para unha “muller decente”.
ANTONIA: a máis veterana. Cre que quen alza a voz é quen máis perde.
A ENCARGADA: non ten nome. Coqueta e insinuante cos clientes, cruel coas  subordinadas.
LAURITA: afillada do dono.
PACA: beata encargada dos sándwichs.
FELISA: “alegre y frívola (…). Poca estatura y forma varonil. Pecho y caderas planos”.
ESPERANZA: a asistenta. “Sucia, huraña y soez”.
TRINI, PACA, MARTA, CLARA… Mulleres con personalidade propia e diferenciada.
Outros: Cañete, “El Ogro”, Paco, Pietro…

Luisa Carnés reivindica en toda a obra a emancipación das mulleres, sobre todo dos pais, maridos, patróns e confesores. Somos persoas de noso. Para iso, di, é esencial a cultura e a educación, pero como diría Viriginia Wolf, necesitamos “un cuarto propio” (diñeiro). Carnés explícao así:

Aquí, las únicas que podrían emanciparse por la cultura son las hijas de los grandes propietarios, de los banqueros, de los mercaderes enriquecidos; precisamente a aquellas que no les preocupa la emancipación, porque nunca conocieron los zapatos torcidos ni el hambre, que engendra rebeldes.

En xeral, unha obra ben acollida polos e polas asistentes ao club de lectura de Monte Alto que lles serviu para coñecer unha descoñecida das letras hispánicas.

Tuitencontro con Laura Freixas

O Club de Lectura dos Luns da Biblioteca Forum Metropolitano inicia este segundo cuatrimestre unha serie de citas na nube cos autores das obras lidas. Trátase de utilizar a ferramenta  Twitter para establecer un encontro virtual cos escritores, os denominados  Tuit-Encontros.

Tuit-encontro con Laura Freixas

O primeiro destes tuit-encontros será coa escritora  Laura Freixas  @LauraFreixas que estará ó outro lado da pantalla o vindeiro 21 de abril de 12:00 a 12:40 horas.  Dende a conta de Twitter de Bibliotecas Municipais @bibcoruna lideraremos

O diálogo pode seguirse a través dos hashtag  #tuitencontros  e #laurafreixasbmc

O encontro estará aberto a calquera persoa que queira interactuar e trasladarlle  á escritora as reflexións, dudas ou preguntas das súas obras.

Unha oportunidade única para charlar en torno á obra Madres e hijas así como dalgún dos últimos libros desta escritora como son Los otros son más felices ou Una vida subterránea.

 

Laura Freixas cartel

Laura Freixas

Laura Freixas (Barcelona, 1958) estudou no Liceo Francés da súa cidade. Licenciouse en Dereito en 1980, pero dedicouse sempre á escritura. Deuse a coñecer en 1988 cunha colección de relatos, El asesino en la muñeca.

A súa obra e Madres e hijas

Paralelamente á súa obra narrativa, Laura Freixas desenvolveu un intenso labor como estudosa e promotora da literatura escrita por mulleres. En 1996 coordinou e prologou a antoloxía de relatos de autoras españolas contemporáneas, Madres e hijas (que chegou ás 9 edicións no primeiro ano), e en 2000 publicou o influínte ensaio Literatura y mujeres

 Entrevista a Laura Freixas na Biblioteca do Instituto Cervantes 

Nas Bibliotecas Municipais podes encontrar as súas obras, consulta a súa dispoñibilidade no Catálogo

catalogo

UN CUARTO DE NOSO…

Dicía Virginia Woolf -e case 100 anos máis tarde seguímolo pensando- que unha muller, para escribir, precisa de ter un cuarto de seu e independencia económica.

Expoñendo as diferenzas sociais, económicas e educacionais das mulleres do momento, a escritora británica establece un fresco da sociedade post-victoriana, atacada de inmobilismo e afectación e tan pouco dada aos cambios, sobre todo aos que supoñen unha nivelación ou un equiparamento entre os sexos.

Convidada por unha universidade –Oxbridge, como ela propón-, a autora trata de facer fincapé sobre as carencias e as necesidades da novela, falta até o momento de novelas de mulleres e abondosa en novelas por e para mulleres e, sobre todo, trata de facer unha denuncia das necesidades urxentes das novelistas.

Austen, as irmás Bronte, Mitford…son examinadas e sopesadas nas súas vidas cotiás, femininas e, polo tanto cheas de labouras domésticas, de coidados aos demais, de preocupacións pouco artísticas que quedan limitadas polos estudos e a educación recibidos.

Cómo serían as novelas destas mulleres se, por unha vez puidesen disfrutar dun espazo privado e dunha renda que lles permitise a dita privacidade e a abstención do mundo doméstico simplemente para crear?

Jane Austen agochaba a folla na que escribía cada vez que se vía interrumpida por unha visita –escribía no salón común e unha táboa solta do chan renxía como unha vixía alerta-. As Bronte xa medraran nun isolamento que permitía medrar cunha imaxinación desmesurada, pero todas mulleres, educadas para cousas de muller…Aphra Behn superou con paciencia todas as etapas da vida feminina até enviuvar e conseguir as cobizadas liberdade e renda; foi, polo tanto, a primeira escritora profesional –recibía un soldo- coñecida e recoñecida.

Nenos ou libros, esa era a disxuntiva moral da muller inclinada a escribir. Borrar horas de sono para cubrilas co soño, fuxir do establecido para establecerse no mundo desexado e, nalgúns momentos, mudar o nome propio polo anonimato (Austen publicou Sentido e Sensibilidade como “A lady”. e as Bronte asumiron todas nomes masculinos: Currer, Ellis e Acton Bell, cuxas iniciais coincidían).

Pasado xa case un século, a proposta da Woolf segue estando activa, a medio reparar as problemáticas prantexadas, a medio debuxar a liña que divide a literatura feminina da literatura de muller. Unha serie de cuestións vivas e latexantes que deberiamos volver a rescatar dentro doutro século, a ver qué pasou e por onde decidimos ir en cuestións de paridade.