Arquivo do blog

Lecturas de Café con Libros 2021. Primeira Parte

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales as nosas tertulias seguen a ser virtuais pero continuamos a tecer fíos invisibles que nos unen nunha comunidade, nunha tribo, por así dicilo, que comparte o pracer da lectura.

Abrimos o primeiro trimestre do 2021 coa lectura da obra Volver a casa de Yaa Gyasi. A primeira novela da xove de orixe ghanesa reconstrúe a historia dos seus antepasados desde o África esclavista do século XVIII ata o Estados Unidos do século XX. A idea da obra xorde nunha viaxe que a escritora fai ao seu país de orixe, onde visita o castelo de Costa do Cabo, no que se apiñaban miles de africanos antes de ser vendidos como escravos. O argumento centrase nas personaxes de Effia e Esi, dúas irmás de sangue que nunca chegarán a coñecerse. A obra estrutúrase a través dunha ducia de personaxes, cada un protagoniza un capítulo cun pano de fondo histórico distinto, incluíndo datas e acontecementos de cada período. A través das súas páxinas coñecemos as guerras tribais, a chegada dos misioneiros ao país africano, a lei de escravos fuxitivos de 1850, pasando polas minas nas que tras a Guerra de Secesión os negros cumprían condenas por delitos inventados ; das rúas de Harlem ás aldeas subsaharianas; da epidemia do crack no Nova York dos oitenta, ao nacemento do movemento de independencia na Costa do Ouro. Toda unha leccion de historia.

Esta novela serviunos de catalizador e sen darnos conta entramos de cheo no mes de febreiro, o mes por excelencia no que réndese homenaxe a xeracións de afroamericanos que loitaron contra a adversidade para lograr a plena cidadanía na sociedade estadounidense, o Black History Month. Que mellor maneira de sumarnos a esta celebración que a través dunha mostra bibliográfica, na que poderedes atopar unha coidada selección de novelas, cómics, películas e cds de música que abordan a historia do pobo negro.

Se facemos un pouco de memoria, o mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas. Actualmente, toma unha relevancia especial co auxe dos movementos sociais, por mor da morte de George Floyd e o movemento Black Lives Matter, onde se busca acabar co racismo e a inxustiza social.

A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes. Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.

Seguimos tirando do fío e chegamos ao noso recuncho de #Viaxalendo, un pequeno espazo que reservamos na sala de adultos dedicada á literatura dun país, polas nosas estanterías xa viaxamos a Xapón, Irlanda, India ou Portugal. Desta volta no podiamos deixar de dar voz a unha literatura tan rica pero tan descoñecida como a do continente africano. Desde o norte ao sur. Alí poderedes encontrar obras de J.M. Coetzee (Sudáfrica), Jose Eduardo Agualusa (Ángola), Yasmina Kadra (Alxer), Leila Slimani (Marrocos) e tantos outrxs.

Pechamos o círculo literario deste primeiro trimestre con Arenas movedizas de Nella Larsen. A evocadora primeira novela desta autora (1928), a máis autobiográfica, é a historia dunha muller que vive entre dous mundos lastrado polos prexuízos e o sectarismo. Autora esquecida e reinvindicada por algunhas figuras actuais como Alice Walker, Toni Morrison e Maya Angelou que veñen de rescatar do esquecemento aos artistas do chamado Renacemento de Harlem e, entre eles, á nosa autora, para introducila non xa no canon das escritoras afroamericanas, senón no das autoras estadounidenses de calquera cor.

Non podíamos comezar de mellor maneira este temporada literaria nos clubs de lectura “Café con Libros”!! Non vos parece?

I have a dream

A morte de George Floyd o 25 de maio en Mineápolis nun arresto provocou múltiples protestas nas principais cidades de Estados Unidos. Baixo o slogan “I can’ t breathe” (non podo respirar), a frase que repetiu unha e outra vez Eric Garner cando faleceu en 2014 en Nova York en circunstancias similares, a mobilización estendeuse por cidades de todo o mundo. Son protestas, convocadas normalmente polo movemento “Black lives matter”, contra a violencia policial, a discriminación social e cultural, a desigualdade de oportunidades, a marxinación cotiá,  os prexuízos… E é que, a pesar dos grandes logros alcanzados polo Movemento polos Dereitos Civís nos anos sesenta, as vellas feridas da discriminación racial aínda están abertas, e a loita continúa.

Fagamos un pouco de historia:

Rematada a Guerra de Secesión (1861-1865), a escravitude foi abolida en Estados Unidos. Os escravos da Confederación foron liberados, e os afroamericanos gozaron dun curto período de liberdade e igualdade.

Na década de 1870, coa aprobación das “Leis de Jim Crow” elimínanse moitos destes logros nos estados do sur: instáurase un sistema de segregación racial aplicable a espazos públicos e privados, prohíbense  os matrimonios mixtos, promúlganse leis nalgúns estados que dificultan ou impiden o dereito ao voto á poboación negra, e xéranse enormes desvantaxes fronte aos cidadáns brancos.

É un período de forte violencia racial, de linchamentos a mans das organizacións supremacistas. Os cidadáns negros dos estados do sur serán abandonados polos seus gobernos durante un longo período de tempo. Non será ata a segunda metade do século XX que a situación comece a cambiar.

En agosto de 1955 Emmett  Till, un adolescente negro,  foi asasinado en  Mississippi por  relacionarse cunha muller branca. Non foi un acontecemento illado, pero os xornais fixéronse eco desta noticia que conmocionou o país. Uns meses despois, Rosa  Parks negouse a ceder o seu asento  no autobús de Montgomery. 

Este feito, polo que acabou en prisión, considérase o inicio da loita polos dereitos civís en Estados Unidos:  unha loita longa,  principalmente non violenta, para estender o acceso pleno aos dereitos civís e á igualdade ante a lei aos grupos que estaban excluídos deles, sobre todo aos cidadáns afroamericanos. Unha loita contra a discriminación e a segregación racial,  especialmente no sur de Estados Unidos, dirixida por grandes líderes como Luther King, autor do discurso que da título a esta entrada, ou  Malcom X. O feminismo afroamericano terá as súas propias activista: Angela Davis, Assata Shakur…  incorporan a loita pola igualdade de xénero á batalla contra a discriminación racial, distanciándose en moitas formulacións do feminismo branco. Alcanzarían grandes logros: a Lei dos dereitos civís (1964) e a Lei de dereito a voto (1965). Pero a loita cobraría a vida de moitas persoas, entre elas as de tres grandes líderes: Medgard Evers  (1963) , Malcom X (1965)  Martin Luther King (1968)

 

Na  guía de lectura que aquí presentamos queremos ofrecerche una selección de obras que se fan eco desta situación.

 

Libros, documentais, cómics, películas…  que falan deste conflito, desta loita, e dos grandes líderes que a protagonizaron así como tamén do movemento feminista afroamericano e as súas protagonistas. Dos músicos que  uniron as súas voces a estas protestas.

Obras de ficción, películas e novelas que abordan o drama da escravitude, do racismo, a segregación, que asoman ás raíces mesmas da sociedade norteamericana, que falan da loita individual e colectiva pola igualdade e apuntan ao longo camiño que aínda queda por percorrer.


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Primamos nesta selección a obra de autores  e autoras   afroamericanos, porque queremos que as súas voces sexan escoitadas, non só como coñecedores do conflito, tamén polo seu potencial literario: escritores  como James  Baldwin, Alex  Haley, Ralph  EllisonChester  Himes, se fixéronse escoitar nos anos cincuenta e sesenta, nos anos  centrais da loita. Autoras como Toni Morrison , Maya  Angelou, Alice Walker, combateron  a discriminación especialmente desde o punto de vista da muller,e  abriron camiño a  outros moitos escritores e escritoras de cor.

E destacamos a forza emerxente das novas voces literarias:  Chimamanda Ngozi Adichie, Yaa Gyasi, Taiye Selasie, Paul Betty, Colson Witehead, Walter Mosley, Jesmin Ward, Tayari JonesDinaw Mengestu, ZZ. Packer, Edward P. Jones, ou Ayana Mathis. Escritores e escritoras  novos que falan de prexuízos raciais, de desigualdade de oportunidades, pero tamén dos problemas de identidade dos inmigrantes de primeira e segunda xeración que vivindo nunha amalgama de culturas diferentes non se senten integrados plenamente en ningunha delas.