Arquivo do blog

Recomendacións de audiolibros.

Agora que tantas e tantas plataformas e páxinas culturais e de lecer deciden abrir os seus contidos de forma gratuíta para axudarnos a levar mellor estes días de peche, é o momento para descubrir novas formas de lectura como os audiolibros. Un audiolibro é a gravación do contido dun libro lido en voz alta. É dicir, un libro falado. Aínda que se poida pensar que os audiolibros están máis orientados cara a persoas con dificultades visuais ou que estean hospitalizadas, isto non é así, e calquera de nós pode atopar o momento perfecto para gozalos (tal vez agora ou dentro dunhas semanas): mentres se viaxa en coche ou avión, nun tranquilo paseo, na praia ou simplemente no noso recuncho favorito de casa, quizais nunha cómoda butaca ou nun baño relaxante. Hoxe queremos facilitarvos páxinas web interesantes con opcións para todas as idades.

En primeiro lugar destacamos os audiolibros de eBiblio, da Xunta de Galicia, e de Odilo, da biblioteca da Deputación da Coruña. Ambas plataformas son gratuitas e so é preciso darse e alta nelas.

Ivoox é unha marabillosa opción entre as gratuitas, xa que ademáis de libros podes escoitar conferencias ou podcast de radio.

LoyalBooks é outra páxina, ten máis de 7000 títulos gratuitos en máis de 20 idiomas, aínda que tamén ten libros de pago. Os libros pódense descargar ou escoitar online.

LibriVox: todos os seus libros son gratuitos, e foron grabados por persoas voluntarias de todo o mundo. Ó igual que a anterior páxina, tamén é posible escoitalos en liña ou descargalos. Se estás interesado, ademáis, podes participar coas túas propias grabacións.

En AlbaLearning non só atopamos audiolibros gratuitos, tamén ofrecen moitos texos bilingües.

Un proxecto moi interesante é Nosotros_te_leemos, da rede de bibliotecas de Lorca. É un banco de relatos curtos grabados por actores, autores, profesores, etc, para facilitar o acceso á lectura. Tamén con opción a descarga ou lectura en liña.

A Biblioteca do Instituto Cervantes ten audiolibros de gran calidade que se poden descargar ou ler en liña. Para poder acceder a eles e a outros servizos do Instituto (clube de lectura, libros electrónicos, bases de datos bibliográficas e documentáis, xornais, dicionarios especializados, etc) é preciso ter o carné electrónico, cun custo de 12 euros anuáis.

Gustounos tamén Audio-Libro, porque ofrece, ademáis doutros títulos, guías de viaxe, e permite buscar polas voces dos narradores; ten títulos gratuitos e os que non o son custan entre 1 e 3 euros. Neste caso o proceso é mediante a descarga dun arquivo.

Hai, por suposto, outras opcións máis comerciais e de pago, como poden ser Storytel (con proba gratuita de 14 días), Audioteka (onde podes descargar un 10% do libro sen custo para saber se é o que buscas), SonoLibros ou PlanetadeLibros (ambos permítenche escoitar un fragmento antes de mercalo). Temos tamén Audiomol: a súa plataforma ofrece máis de 1800 títulos (clásicos, novela, infantil e xuvenil, historia, etc). Ten un custo de 7.90 euros mensuais pero ofrece un mes gratuito de proba para que poidas valorar a súa calidade. O xigante Amazon animouse tamén a ofertar audiolibros gratuitos mentres dure a crise do coronavirus.

Animámoste a probar algunha destas opcións e que nos contes a túa experiencia.