Arquivo do blog

#LemosParaTi con Orgullo no 28J

Cada 28 de xuño celébrase a nivel internacional o Orgullo LGTB, en conmemoración dos disturbios acontecidos no pub neoiorquino Stonewall Inn no ano 1969, que deron orixe á loita polos dereitos do colectivo e ao movemento LGTB moderno.

Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos á celebración desta efeméride coa proposta “As Municipais Entenden”, iniciativa posta en marcha desde hai varios anos xa na nosa rede e que vamos ampliando e nutrindo cada ano co obxectivo de dar visibilidade á realidade LGTB.

As Municipais Entenden

Pincha na imaxe para ampliar información sobre a proposta “As Municipais Entenden”.

Dentro da campaña #AsMunicipaisEntenden, activa do 25 ao 28 deste mes, lanzamos accións en todas as nosas ferramentas dixitais para celebrar o orgullo e a diversidade. Máis é unha liña na que traballamos cada día do ano, procurando que as bibliotecas sexan espazos seguros, libres de LGTBIfobia, e onde se integren todas as diversidades. Mostra disto é a aposta por dar visibilidade á diversidade sexual nas nosas coleccións (guía de lectura específica en Calameo, bibliografía recomendada no noso catálogo, pílula de formación sobre como atopar material desta temática), así como tamén a a creación do primeiro club de lectura LGTBI+ de Galicia no ano 2016, o club de lectura Queeruña.

Entre as accións deseñadas para celebrar o Orgullo 2020, realizamos dentro do programa #LemosParaTi -que viu a luz hai aproximadamente dous meses, en pleno confinamento, para acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía- varias lecturas de temática LGTB que compartimos nesta entrada con vós.

Sonetos del amor oscurosonetosdelamoroscuro

Lectura dos sonetos “El poeta dice la verdad”, “El poeta pide a su amor que le escriba“, “El poeta habla por teléfono con el amor” e “El amor duerme en el pecho del poeta“, incluídos na obra “Sonetos del amor oscuro” do poeta, dramaturgo e narrador Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 – Víznar, 1936). Adscrito á xeración do 27, Lorca é un dos poetas españois máis lidos de todos os tempos. Os seus sonetos, que reivindican a mirada do desexo e do amor homosexual, foron escritos nos seus últimos anos, entre 1935 e 1936, e viron a luz de maneira póstuma.

Ir a descargar

Elisa e Marcelaelisaemarcela

Lectura dun fragmento do prólogo -escrito por Manuel Rivas– do libro “Elisa e Marcela: amigas e amantes” do catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña e escritor, Narciso de Gabriel. Publicada en galego no ano 2019 por Xerais, esta obra relata a historia de dúas mestras galegas que en 1901 protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

Ir a descargar

El amor del revéselamordelreves

Fragmento de lectura da novela autobiográfica “El amor del revés” do escritor Luisgé Martín (Madrid, 1962) e publicada na colección “Narrativas hispánicas” da editorial Anagrama no ano 2016. Luisgé, recoñecido con galardóns como o Premio Ramón Gómez de la Serna de Narrativa 2002, o Premio del Tren 2009 ou o Premio Vargas Llosa de Relatos 2012, relata nesta obra a historia da asunción da súa homosexualidade na España de 1977.

Ir a descargar

Transmatriatransmatria

Lectura do poema “A transmatria ficaba nun outeiro”, incluído na obra “Transmatria” de Daniel Asorey (Santiago de Compostela, 1970), escritor e docente de lingua e literatura galega. O poemario, publicado na editorial Xerais o ano pasado, foi galardoado co XXI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Nas súas palabras respírase a reivindicación, a rebeldía e a esperanza no cambio dunha sociedade inxusta.

Ir a descargar

A Virginia le gustaba Vitaavirginialegustabavita

Fragmento de lectura dunha das moitas cartas que intercambiaron a escritora Virginia Woolf e a súa amante, tamén escritora, Vita Sackville-West. Recollidas pola autora Pilar Bellver (Villacarrillo, Jaén, 1961) na extraordinaria novela “A Virginia le gustaba Vita”, que recrea -cunha mestizaxe entre ficción e documentación- a apaixonada historia de amor entre ambas escritoras. Publicada no ano 2016 na editorial Dos Bigotes, especializada en temática LGTBI e feminismo.

Ir a descargar

Despedímonos coa última lectura que nutre o espazo diverso e compartido que é #LemosParaTi, un poema inédito da poeta, cantante, guitarrista e guionista coruñesa Lucía Aldao (1982).

Desde as Bibliotecas Municipais desexámosvos un feliz Orgullo2020 e que viva a diversidade!!

Ir a descargar

Estamos de volta, queeruñxs!

Xa é un feito. Esprememos os últimos días do verán despedíndonos das cervexas no chiringuito, retomando rutinas case esquecidas e poñendo en marcha aqueles “propósitos de emenda” persoal que xurdiron durante as vacacións. E aínda non sabes se apuntarte a crossfit, estudar chinés ou tomar clases de cociña tailandesa, que sona ben cool. Pois ben, se o teu plan de mellora persoal inclúe ademais ansias lectoras, nas Bibliotecas Municipais temos moito que propoñer. E coñecéndonos, de seguro que nuns meses xa non poderás abandonarnos.

logo

Un curso máis, o club de lectura QUEERuña volve ás bibliotecas. O primeiro clube LGTBi de Galicia comeza o seu segundo ano de andaina coas mesmas ansias de diálogo e variedade de escenarios. Así, ás habituais sesións presenciais (que serán o terceiro mércores de cada mes ás 19 h na Biblioteca Ágora) sumaranse actividades extra, encontros con autores e quedadiñas varias (tamén para tomar cañas, eh, que non todo vai ser ler!). Un grupiño aberto a todas aquelas persoas interesadas en coñecer, conversar, analizar, descubrir… en desfrutar, resumindo, de materiais que procuran visibilidade e respecto ante a diversidade sexual e de xénero. Que por moito que digan, non hai nada mellor que a información para superar prexuízos.

mosaico

Velaquí algunhas das lecturas analizadas durante o primeiro ano de vida do club, dispoñibles no Cascarilleiro, o catálogo en liña das Bibliotecas Municipais.

A curto prazo poderanse consultar no blog do club as lecturas para este novo curso, pero mentres, para xs máis curiosos, adiantamos a primeira lectura confirmada: Fun home, de Alison Bechdel.

Que?!? Non te vas a unir? O primeiro encontro is coming e quedan poucas prazas!! Preme aquí e ven a formar parte da familia queeruña!

Arrincamos, queeruñxs!

twitter

Xa volo adiantábamos en xuño cunha “presentación en sociedade” na Biblioteca do Forum Metropolitano. As Bibliotecas Municipais propuxémonos camiñar da man dun novedoso proxecto: O Club de lectura Queeruña, o primeiro club LGTBI de Galicia. Un club que, como ben manifestan desde o seu propio blogue, “nace do afán dun grupúsculo que pensamos -como Jeanette Winterson, autora da nosa primeira lectura- que hai libros que salvaron as nosas vidas, e por iso é necesario compartilos”. Só apto para esxs lectorxs (queers e non queers, claro está) amigxs do diferente: novelas, poesías, cómics e películas que rebasan o discurso binario e chegan dispostas a abrir liñas de debate tan alternativas como necesarias.

Os encontros comezan este mércores 26 de outubro ás 18:30 h na Biblioteca Ágora. As primeiras conversas partirán da lectura dunha obra que nos marabilla: El azul es un color cálido, cómic no que se baseou a adaptación cinematográfica La vida de Adèle.

agenda-urbana-elazulesuncolorcalido-h

El azul es un color cálido é unha fermosa novela gráfica que narra a historia de amor entre dúas rapazas a través de viñetas cargadas de emocións, paixón e desasosego. 

Para os seguintes encontros (os últimos mércores de cada mes) e antes de despedir o 2016, traballaranse outros dous títulos de calidade: A Esmorga (todo un clásico da literatura galega) e Ten o seu punto a fresca rosa, unha novela da nosa paisana Mª Xosé Queizán tan controvertida como trepidante.

m

Consulta a dispoñibilidade dos materiais propostos polo Club no Cascarilleiro, o catálogo das Bibliotecas Municipais de A Coruña.

Para 2017 barállanse varios títulos, pero xa que este club nace como algo familiar e vivo que evoluciona coas persoas que o conforman, as suxestións sempre son benvidas. Ben polo twitter @clubqueerunha ou vía mail clubdelecturaqueerunha@gmail.com podes enviarlles as túas preferencias ou ampliar a información sobre a súa andaina.

Semella que a cousa empeza ben, non? Pois ainda estás a tempo de anotarte e comprobar o que estas xuntanzas poden dar de si. Preme aquí  se ademais dunha boa lectura, queres facer amigxs, divertirte e compartir opinións e experiencias. O libro, coma sempre, só é o punto de partida. Esperámosche!