Arquivo do blog

Rewind, última lectura da tempada do Club dos Luns Fórum

Para rematar o curso tan atípico que resultou ser o 2019/2020 por mor da aparición da COVID-19 e que supuxo o truncamento das sesións presencias, no Club dos Luns de Fórum eliximos como lectura final Rewind do ourensán Juan Tallón – podedes consultar a guía de lectura aquí-. Foi unha elección totalmente influenciada neste caso pola opinión pública e as boas críticas que a obra non deixa de recibir e que despois da súa lectura no Club dos Luns constatamos  que son totalmente certas. A lectura foi a través da Plataforma de Préstamo de libros electrónicos eBiblio Galicia e os encontros coma todos os do da época do confinamento a través da plataforma zoom. Unha experiencia ben distitna ás tertulias presencias de cada luns pero que nos brindou a maneira de estar conectadas durante o tempo de distanciamento social.

Últimas sesións do Club dos Luns Fórum a través da plataforma zoom

O autor: Juan Tallón

Nado en Vilardevós en 1975, é un xornalista e escritor galego.

Licencious en Filosofía e exerceu como xornalista en medios como El Progreso, Jot Down e El País, entre outros.

A autopsia da novela (2007) é a súa primeira obra longa de ficción, un xénero xa frecuentado dende o relato curto. Participou en diversas publicacións colectivas, gañando coa súa primera novela o IV Premio Nicomedes Pastor Díaz. Publicou obras tanto en galego como en castelán e moveuse na non ficción —Mientras haya bares—, o ensaio —Libros peligrosos— e a novela —El váter de Onetti, Fin de poema, Salvaje Oeste e Rewind—, ademais de escribir relatos.

Entre os recoñecementos que recibiu Tallón atópanse premios como o Francisco Fernández del Riego, o Pastor Díaz de Novela e o Manuel Lueiro Rey, por destacar algúns.

Imaxe tomada de La Voz de Galicia

A obra: Rewind

Pouco máis que engadir ao que xa se dixo sobre a nova novela de Tallón, pero dende o Club dos Luns Fórum non queriamos deixar pasar por alto a nosa humilde análise.Tallón aborda en Rewind un suceso traumático, unha explosión moi extraña nun edificio da cidade francesa de Lyon un venres de primavera calquera que nun comezo se presentaba coma un día perfecto. O acontecemento acaba coa vida de Luca, Ilka e Emma estudantes moi diferentes entre sí e de distintas nacionalidades pero que compartían piso e as ansias de vida propias da xuventude. O único supervivinte é Paul Madiot un estudante de Belas Artes que se salva grazas á urxencia de acudir ao lavabo situado ao final do corredor. A partir dese suceso prodúcese a acción de rebobinar a través do punto de vista de cinco personaxes que fan de narradores intentando atopar o momento exacto no que mudou todo.

Portada de Rewind

Cunha prosa aparentemente sinxela, escasa de diálogo, pero cargada de detalles, sumado a uns personaxes moi ben caracterizados, Tallón consegue que o lector se introduza totalmente na historia e consegue facelo sentir unha chea de sensacións por veces totalmente reais. Un bo exemplo é o nó que se atragoa na gorxa durante a escena na que os pais de Emma acoden á morgue para identificar o cadáver da súa filla. A pesares de que en palabras do propio Tallón nunha entrevista con Europa Press decía: 

“A estas alturas, donde son tantas ya las imágenes que nos han conmocionado y la muerte está tan presente a lo largo de nuestra vida, que ésta ya no sorprende a nadie: es difícil sorprenderse a uno mismo pensando en la muerte como algo que le va a afectar”,

pero a través da novela, o lector volve conmocionarse como a primeira vez ante os acontecementos tan ben narrados da historia.

Sen dúbida, non puidemos facer mellor elección á hora de escoller Rewind como peche de tempada do Club dos Luns de Fórum porque foi un ano atípico pero con este libro despois de todo o acontecido reflexionamos aínda máis sobre temas como a destrución, o amor ou a indiferencia. De Rewind podemos dicir que foi unha novela que nos sorprendeu a todas máis do esperado e que nos fixo permanecer expectantes ata o final. Un libro ao que coincidimos en voltar despois desta primeira lectura no dixital para retomala con papel e lápis porque as súas citas e reflexións son para anotar e voltar a elas unha e outra vez.

“Siempre hay un segundo cuando el mundo te espanta, porque alguien a quien amas fallece, o enferma, o simplemente caes enfermo tú, en el que adquieres conciencia de la fragilidad de la vida,, incluso de su extrema transitoriedad, y vislumbras que las cosas trascendentales son otras diferentes a las que regularmente persigues.”

Dende logo Rewind é un libro cunha gran carga vital, así o manifesta o propio autor nunha entrevista á ABC Cultura,

“No es una novela triste, sino una novela de cómo la vida nos da la espalda y cómo nos giramos sobre nosotros mismos y seguimos adelante. Se trata de continuar. Las cosas ya no van a ser como eran antes: no vas a volver a la casilla de salida. Tienes que inventarte un nuevo cero a partir del que crecer. Vas a ser otra persona, pero vas a seguir siendo persona. Y las personas no estamos hechas para la derrota, como decía Hemingway. Nos caemos, pero nos levantamos”

E sen querer desvelar máis, con esa mensaxe nos quedamos porque nos parece o broche perfecto para poñer peche a esta tempada de lecturas que sen dúbida non esqueceremos. Agardamos poder vernos moi pronto nas tertulias presencias con novas lecturas, namentras desfrutade do verán e da vida porque todo pode cambiar nun segundo.

Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos

Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.

Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.

Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.

E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.

E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…

E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!

Lecturas ouvidas, lecturas sentidas

Temos xa encamiñada a desescalada do confinamento, nas bibliotecas estase a traballar a reo para dispoñer dos espazos coa maior seguridade para todos, usuarios e persoal. Máis axiña que tarde poderémonos ver de novo e comentar os momentos vividos durante todo este tempo. Porque do que todos estamos seguros é que vivimos un tempo estraño, para o que ninguén estaba preparado, e que fixo da adaptación a nosa principal ferramenta.

No club de lectura Sagrada Familia quedamos a medias dalgunha lectura e coa listaxe de pendentes preparada. Pero a situación non animaba á lectura, son moitas as voces que recoñeceron non contar con capacidade de concentración nestes días, e a lectura dixital tampouco nos servía como reclamo. Artellamos unha forma de estar máis conectadas e seguir facendo as reunións do xeito máis familiar posible.

A través dos audios do chat puidémonos sentir máis preto e comunicar mellor as emocións que moitas veces, na escrita de mensaxes, resultaban imprecisas. De feito, a interpretación dos textos que a miúdo aporta o relator, transmite sentimentos que nos fan espertar nestes días tan mornos de contactos. Tamén a lectura poética coa que damos comezo ás sesións actuou como un bálsamo que nos envolvía na atmósfera agradable e confiada propia das reunións de comezo de semana na biblioteca.

447px-CortázarComezamos escoitando o relato “La casa tomada” de Julio Cortázar, que foi tamén debatido en varios dos nosos clubes con magnífica aceptación en todos eles. É unha curiosa historia de confinamento; pese a ter a  posibilidade de saír á rúa e relacionarse, os protagonistas viven unha vida afastada da sociedade, chea de rutinas e co mínimo contacto co resto do mundo, ata que notan singulares “presencias” na súa vivenda. A tertulia tendeu á valoración da socialización como parte integrante do noso ser, como era de esperar dada a nosa situación, e ese illamento voluntario resulta case un insulto nestes días de incomunicación. 

Por suposto, cada quen é libre de decidir cómo vivir a súa vida, pero no caso dos protagonistas, case nos parece un desprezo pola sociedade que os rodeaba. Deixamos atrás as referencias ás presencias descoñecidas, esas amenazas que lles restrinxen os movementos dentro da súa propia casa, para centrar a conversa na actitude coa que os protagonistas afrontan as súas vidas. Sen dúbida trátase dun relato dun profundo calado tamén moral, que supoño non pretendía ser moralista, dos que permanecerán na memoria de todas nós. Tanto é así que non resultou fácil manter o nivel das propostas para todas as semanas, mais intentámolo.

A seguinte semana comentamos un relato de Juan José Millás, prolífico e irónico autor español coñecido por todas e seguido tamén nas súas colaboracións radiofónicas. Escollemos “Mi pierna derecha”, un relato curto incluído na obra “Los objetos nos llaman” publicada por Seix Barral en 2008, sobre as relacións pais e fillos e a impotencia que se crea cando a comunicación non é fluída.

Un pai e un fillo que non falan desde hai anos, atópanse por casualidade; o pai, en apuro,s é axudado polo fillo, narrador da trama, que non se da a coñecer. O feito de que se ofrecera a axudalo implica unha necesidade de aproximación entre eles que logo parece que desbota ao non identificarse, xustificándose con explicacións sobre o pasado. Non é fácil recuperar unha relación rota cando ademáis falla a comunicación, pero tampouco debe ser fácil permanecer alonxados das persoas que máis queremos. Moito nos deu para debatir este relato, pais, fillos, complexos, defectos, pérdida, comunicación, superación,… Quedamos con ganas de saber máis sobre estes dous personaxes e, sen dúbida, trátase dun autor que recomendaremos polas lecturas frescas e irónicas que nos ofrece.

Continuamos con autores españois e radiofónicos e escollemos a Elvira Lindo para a tertulia da terceira semana de audio-textos. Tratándose dunha autora con tanta traxectoria na radio, na rede atopamos numerosos arquivos de audio cos seus programas, pero decidímonos por un fragmento do monólogo “Una mujer inconveniente”, presentado no Festival Ja! (literatura y arte con humor) de Bilbao no 2016.

Neste anaco relata os seus comezos vitais como filla última do matrimonio dos seus pais; cunha alta dose de humor e ironía transportounos aos momentos da infancia, tan recordados e tan reconfortantes durante o confinamento. Aquelas nais sen medo a traumas, sen pelos na língua, aqueles irmáns que che axudaban a meter a pata cada día, a facer as maiores trasnadas posibles,… evocan lembranzas tenras e saudables. Todas estas fixeron que o debate chegase tamén a valorar o traballo feminino actual que, as máis das veces, suma todo o realizado nas xeracións anteriores dentro da casa, ao traballo fora da mesma. Canta forza demostran esas nais traballadoras sostendo toda a vida ao seu redor un día tras outro.

Co gallo da celebración do Día do Libro moitas foron as participacións de autores en programas de televisión, radiofónicos ou a través das redes sociais; achegáronse así aos lectores do único xeito posible nestes momentos (e ¡gracias!). Elvira Lindo participou no programa especial Late motiv de Andreu Buenafuente e del rescatamos un relato sobre o seu “confinamento” que fixo as delicias de todas as participantes, polo real e polo imaxinado, porque sen humor… ¿qué sería de nós sen o humor?

Xa estabamos na cuarta semana de encontros confinados e voltamos a cruzar “o charco” para escoitar os relatos de Leila Guerriero da súa propia voz. Foron tres os relatos da obra “Teoría de la gravedad” escollidos para seren liberados a través da web da editorial Libros del Asteroide, presentados en formato vídeo-lectura.

Dos tres vídeos foron máis ben dous os que estimularon o debate; “Equivocada” proxéctanos o recoñecemento deses momentos de felicidade que ás veces escápannos das máns, ou non somos quen de aprecialos ata que nos quedan lonxe e, co vivido vivido, os identificamos dese xeito. Non quedou sen mencionar a necesidade de valorar os pequenos momentos do día a día que nos resultan tan pracenteiros e nos insuflan pequenas, ou grandes, doses de conforto; o simple feito dun paseo, dun café en boa compaña, dunha parolada coa xente adecuada ou mesmo a ollada do mar, bravo ou tranquilo, ás veces apórtannos máis felicidade que a sentida o día da maior celebración. Só temos que saber saborealos para enriquecer eses nosos días.

Leila Guerriero: ‘Equivocada’ from Libros del Asteroide on Vimeo.

“Instrucción 17” trata sobre o amor, máis ben sobre a fin do amor de parella, e amosa tamén certa dose de machismo implícito en moitas delas, os coidados da muller ao marido. Cando todo aquilo que se facía para coidar, para procurar o benestar da persoa amada, xa non apetece, xa supón un esforzo porque el (neste caso é un home) xa non merece ese adxectivo. Un texto moi suxerente para comentar no club, que nos reafirma nas convicións sobre a independencia, o amor sá, o cariño sin obrigas, 

Con todo este material, estas lecturas ouvidas tan variadas, chegamos a mediados de maio pero non rematamos ahí. Nunha próxima entrega compartiremos con vós as nosas últimas tertulias antes de dar por finalizada a extraordinaria tempada 2019-20.

Lecturas dende o confinamento: Mujeres errantes

Van aló xa 50 días de confinamento, dende que o goberno decretara o Estado de Alarma. É agora cando empezamos a ver algo de luz e parece que a apertura das bibliotecas está cada vez máis preto pero mentras eso non aconteza moitos dos Clubs de Lectura da Rede non deixamos de ter actividade en todo este tempo.

O Club dos Luns de Fórum trasladamos as nosas reunións semanais ao entorno virtual e salvando as distancias co momento presencial os encontros sérvennos para seguir debatendo en torno ás lecturas e sobre todo a manternos en contacto, un acto de moito valor neste tempo tan longo de distanciamento social.

Cando entramos no periodo de confinamento estabamos en plena lecutra de La Habana en un espejo da periodista, profesora, bailarina e escritora mexicana, afincanda en Colombia, Alma Guillermoprieto. A novela trata de América Latina, da súa historia, da súa evolución e da súa Revolución. Alma  Guillermoprieto preséntanos a vida de  Latinoamerica a través dunha obra  autobiográfica. La Habana en un espejo é a historia da reivindicación desta artista e unha reflexión acerca dun réxime, e o resultado é un relato cargado de paixón e de ira no que a autora consegue  desentrañar os seus recordos cun pulso áxil e minucioso. Para unha reseña máis completa podedes consultar o post do noso compañeiro Enrique.

Xusto para o remate presentousénos a oportunidade da lectura do maravilloso relato da escritora madrileña Marta Sanz, Sherezade en el búnker, (de descarga libre e gratuíta), creado polo autora durante a pandemia e sobre o confinamento. Xa se falou do encontro que os clubs da rede mantiveron con Marta nun post anterior, que por se alguén no o leu recomendamos novamente que visitedes

Para a seguinte lectura houbo que tirar tamén de recursos dispoñibles na rede e decantámonos por Mujeres errantes de Pilar Sánchez Vicente, que a editorial Roca no seu día puxo a disposición dos lectores como descarga gratuíta.

A novela:

Greta Meier, famosa escritora Suiza afincada en Londres, volta á súa terra natal no último intento por deter a deriva dos seus días. Sorprendida pola repentina enfermidade da súa nai decide compensar as súas ausencias e numerosos enfrentamentos permanecendo os últimos días ao seu carón.

Sen embargo as últimas palabras sembran en Greta unha dúbida que deberá resolver, ¿quen é aquela muller se non é a súa verdadeira nai?. A única pista é unha foto na que aparece ata a que agora consideraba a súa nai xunto a outras mulleres na súa localidade natal, o barrio de Cimadevilla en Xixón. Polo que para descubrir a verdade, coas cinsas da defunta, Greta emprende viaxe a miles de quilómetros para descubrir as súas verdadeiras orixes nun pequeno pobo do norte de España.

Ao longo da novela podemos distinguir que trascorren tres tramas. A da investigación da propia protagonista para descubrir a súa verdadeira identidade onde toma un protagonismo especial o personaxe de Julia, unha pescadeira amiga da infancia da súa nai e chave para descubrir a verdade. A través dos recordos de Julia descubrimos o pasado do pequeno barrio de pescadores en torno aos anos cincuenta. Un barrio pobre, mariñeiro, no que cada un sobrevivía como podía, do que moitos tiveron que emigrar para sobrevivir como lle pasou á propia Julia e á nai impostora de Greta. Unha trama moi ben ambientada influencia das historias que á propia autora Pilar Sánchez Vicente lle contaba a súa avoa.

A segunda trama é a da propia infancia e vivencias de Greta en Zermat (Suíza) un precioso pobo suizo onde os ricos pasan as súas vacacións e a súa nai rexentaba unha tenda de recordos.  Relata tamén en detalle como vive unha adolescencia rebelde que a conduce a súa fuxida a Londres onde se rodea de malas compañías, se adentra no mundo das drogas e roza o éxito como escritora pero non consegue manterse na cima polo seus malo hábitos, ata que finalmente se rehabilita.

E a terceira trama sitúase tamén no pasado, dentro dos recordos que Julia lle revela a Greta e que inclúe as lecturas das cartas entre esta e o seu amigo da infancia Guillermo convertido en Sacerdote e destinado en Nicaragua. Cartas nas que se detalla o xeito de vida do país sudamericano en torno aos anos sesenta, a réxime sandinista, os asasinato, etc.

Mujeres errantes fálanos de amor, difícil, complicado e destrutivo ás veces, do perdón e de algo moi importante: a procura das nosas orixes, sobre todo cando estamos perdidos no mundo. É en denitiva unha novela que resalta o papel das mulleres traballadoras e loitadoras e o papel que xogaron na emigración.

A autora:

Pilar Sánchez Vicente

Naceu en Xixón, en 1961. É historiadora de formación e traballa como profesional da información no Goberno do Principado de Asturias desde 1986. Tivo a honra de recibir o Premio “Adolfo Pousada” ás Iniciativas Innovadoras na Administración, no ano 2005. Actualmente desempeña funcións como arquiveira do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias.

No ano 2011, o Consello Comarcal das Mulleres da Comarca da Sidra outorgoulle o Premio 8 de Marzo pola súa traxectoria persoal, profesional e humana. Tamén foi presidenta da Asociación Asturiana de Arquiveiros, Documentalistas e  Museólogos ( AABADOM) da Asociación Profesional de Especialistas en Información ( APEI) e da Asociación de Escritores de Asturias ( AEA). Actualmente forma parte da Xunta Directiva da Federación de Sociedades de Arquivística, Biblioteconomía e Documentación ( FESABID).

Comadres (KRK, 2001) foi a súa primeira novela. Despois virían Gontrodo la hija de la luna (KRK, 2004) (ambas as dúas dispoñibles de forma gratuita); La diosa contra Roma (Roca, 2008) e Operación Drácula (KRK, 2010), a súa primeira novela negra, tamén dispoñible para a súa descarga en pdf. No ano 2013 publicou en Amazon Luciérnagas en la memoria, unha historia de exilio a cabalo entre Arxentina e Asturias. No ámbito da non ficción destaca a Breve historia de Asturias/ Historia Breve d’Asturies (Ayalga, 1986-VTP, 2006). Tamén publicou un cómic, El fantásticu viaxe de Selene (VTP, 2015) n’asturianu e inglés, onde comparte autoría no guión con Luz Pontón e conta cunhas  magníficas ilustracións obra de Alba F. Starczewska. A súa última novela é Mujeres errantes (Roca Editorial, 2018) unha historia sobre a emigración e a identidade convertida nun best seller. En outubro de 2021 sairá á rúa La muerte es mía, publicada por Roca Editorial.

Agardamos poder voltar canto antes á normalidade, volver aos encontros presenciais na biblioteca dun xeito seguro, namentras seguiremos compartindo as nosas lecturas dende o confinamento.