Arquivo do blog

As lecturas do Club dos Luns de Fórum

Comezamos o ano con novas lecturas pero facendo repaso das lidas no último trimestre do ano.

O outono estrenámolo con Volver a casa de Yaa Gyasi,  a primeira novela da escritora estadounidense de orixe ganesa.  Yaa Gyasi mostra un mosaico de feitos e acontecementos que abarcan desde o século XVIII ata o comezo do XXI, partindo dun tronco común que pronto se bifurca a partir de dúas mulleres, dúas irmás que non chegarán a coñecerse, e os seus descendentes. Así, coma se se tratásese dunha colección de relatos, preséntanse as vidas dos descendentes de Effia (a bela, que queda en Ghana) e dos de Esi (a escrava, que será levada a Estados Unidos). Para máis información do libro podedes consultar o post que fixo no seu momento o noso compañeiro Enrique aquí.

A Volver a casa, seguiu Las voces del desierto de Marlo Morgan. O libro narra a longa viaxe da autora polo deserto australiano en compañía dunha tribo de aboríxes, a súa transformación e integración na súa forma de entender a vida e a súa comuñón coa natureza. Marlo emprende unha viaxe que vai máis aló da superación física ou mental, trátase dun percorrido espiritual cara á verdadeira orixe e natureza do ser humano, un camiño cara á reflexión persoal e global de cara a onde estamos a ir neste aloucado mundo.

A humildade e sinxeleza do modo de vida dos aborixes australianos é transmitida a Marlo, que é aceptada por eles como a súa mensaxeira para transmitir un contundente e impactante mensaxe que merece a pena descubrir lendo o libro. Hai opinións en contra de que a viaxe e a experiencia vivida por Marlo fose real, afirmando que é ficción. Que sexa real ou non, o certo é que a mensaxe que transmite é moi positiva e profundo, merece a pena lelo.

Continuamos con La hija del Este a sexta novela de Clara Usón e segundo a crítica a mellor e máis ambiciosa de todas as que leva escritas. Nela ocúpase da recente guerra dos Balcáns. Tedes máis información neste post publicado anteriormente.

E rematamos o ano con Tierra de campos do escritor, periodista e director de cine David Trueba. Unha novela sobre os conflitos emocionais dun músico que debe enterrar ao seu pai no seu pobo natal. De feito o autor detense moito máis na narración autobiográfica, centrada sobre todo en dous puntos: a súa carreira artístico-musical e a lista dos seus amoríos, ca na propia paternidade. Trueba sabe explicar cómo nos relacionamos, como entablamos os sentimentos cun estilo sinxelo pero explicando ben a historia. O post completo aquí.

La Uruguaya de Pedro Mairal foi a primeira lectura deste recén estreado 2019.

O arxentino Pedro Mairal gañouse ao público e á crítica cunha novela que se converteu nun fenómeno editorial das letras en español. Publicada con gran éxito na Arxentina no 2016, La Uruguaya confirmou a  Mairal como un dos máis destacados narradores da literatura arxentina contemporánea.

Hai sexo, diñeiro, infidelidade, humor, crise existencial, mezquindade, amargura, traizón e mesmo fútbol. Son os elementos cos que está tecida esta novela tan curta como intensa, tan apreciada polo público como pola crítica, O nome propio da uruguaia é Magalí Guerra. O protagonista do libro, o escritor Lucas Pereyra, casado e cun fillo, coñécea nun festival literario en Uruguai. Un ano despois, planea unha viaxe de Buenos Aires a Montevideo para cobrar un diñeiro (evitando as restricións cambiarias de Arxentina) e sobre todo para reencontrarse coa fermosa muller. O propio Mairal recoñece

“Me doy cuenta de que el protagonista provoca mucha identificación y no solo en los hombres. Evidentemente, las mujeres también se sienten encerradas en sus parejas, tienen amoríos mentales como el del personaje. Esa válvula de escape no corresponde solo a los hombres

Pero a novela non é a viaxe en sí, é a reconstrución da viaxe anos despois que se ve rodeada de múltiples disgresións. Vai en ven entre os recordos, entre os detalles da súa vida conxugal, a súa infancia, os seus medos de pai moderno e as interpelacións á súa interlocutora. Non remata de saber o protagonista se o que conta, o que lembra, é o que sucedeu, o que se perdeu ou o que quixese que sucedese.

Narrada cunha brillante voz en primeira persoa, ese contarlle a alguén que pasou convértese na ferramenta literaria máis potente que usa Mairal nesta novela. Unha voz que fala ás veces a un ti (a un vos) que non é o lector, é alguén máis próximo, e que nos leva a nós, lectoras e lectores, da man e sen descanso polas súas páxinas.

La uruguaya é unha novela absolutamente contemporánea, aparentemente sinxela, pero cun estilo directo que consegue transmitirnos as sensacións polas que atravesa o protagonista. Unha novela que se comezas a lela, de seguro rematarás do tirón. En marcha está xa o guión da película da man do propio Mairal e do escritor Hernán Casciari

O autor: Pedro Mairal

Pedro  Mairal naceu en Buenos Aires en 1970. A súa novela Una noche con  Sabrina  Love recibiu o Premio  Clarín en 1998 e foi levada ao cinema. Publicou tamén as novelas El año del desierto (2005) Salvatierra (2008), o volume de contos Hoy temprano (2001), e os libros de poesía Tigre como los pájaros (1996), Consumidor final (2003) e a triloxía  Pornosonetos (2003, 2005 e 2008). En 2007 foi nomeado un dos 39 mellores novos escritores latinoamericanos polo Hai Festival de  Bogotá. Traballa como guionista e escribe para distintos medios de comunicación. En 2013 publicou El gran surubí, unha novela en sonetos, e El equilibrio, unha recompilación das columnas que escribiu durante cinco anos para o diario Perfil. En 2015 publicou en Chile Maniobras de evasión, un libro de crónicas. A súa última novela, La uruguaya, recibiu en España o Premio Tigre Juan 2017 e confirmouno como un dos máis destacados autores arxentinos da súa xeración.