Arquivo do blog

Club Luns Fórum: as nosas lecturas para despedir o ano

Despois dun 2020 onde a virtualidade estivo moi presente en moitas dos clubs de lectura do país xa que tiveron que reinventarse para poder continuar coas súas sesións semanais, o comezo deste outubro chegaba moi alentador e con el a volta ás tan ansiadas sesións presenciais.

Despois destes cases tres meses queremos compartir convosco as lecturas que partillamos no club de Lectura dos Luns de Fórum. Comezamos cunha lectura que tiñamos pendente do ano pasado, Arenas movedizas de Nella Larsen, publicada no ano 1928 e que se enmarca dentro do movemento chamado o «Renacemento de Harlem», un florecemento da arte negra que se dou nese barrio nos anos 20 do século pasado. Coñecemos a vida da mulata Helga Crane, cunha chea de puntos en común coa biografía da autora. Unha muller que busca un destino de liberdade e autorrealización entre dous mundos, o aínda axfisiante de Estados Unidos e a libre Dinamarca, que a condena para ser un paxaro exótico que admirar. Logo coñecerá o consolo doce, cómodo e anestesiante da relixión, a maternidade e a súa peripecia vital finalizará cun desenlace revelador e inapelable. É unha das mellores novelas dese período e que aborda como temáticas centrais a dobre opresión que sofren as mulleres negras estadounidenses, primeiro por ser negras e segundo, por ser mulleres.

Continuamos cunha novela intimista, de familia e psicolóxica, porque todo iso é La casa del padre de Karmele Jaio quen define a súa obra como unha novela sobre as relacións humanas e sobre todo o invisible que rodea esas relacións. Unha novela triangular onde cada protagonista fai seu cada un dos capítulos: Ismael, escritor que atravesa unha crise tanto profesional como vital e que por diversas circunstancias lle toca coidar do seu pai, un proceso de tempo no que reflexionará sobre o modelo de home que tivo dende a infancia; Jasone, a muller de Ismael tamén escritora e agora reconvertida en bibliotecaria, ela é quen axuda ao seu marido coas correccións das súas novelas e chega a un momento da súa vida no que decide volver a escribir ou se cadra en realidade nunca deixou de facelo; Libe, a irmá de Ismael e amiga da infancia de Jasone que agora vive en Berlín pero que voltará para coidar do pai e con ela inevitablemente volverán os recordos e as vivencias de xuventude.

A través da novela vemos unha evolución, case un crecemento persoal de Ismael pero sobre todo somos capaces de ver a mesma realidade pero vivida dende o punto de vista dos tres personaxes onde inflúe a familia, o nivel cultural pero sobre todo o xénero.

E como non, co pretexto de que se lle concedeu o Premio Princesa de Asturias das Letras 2021, metémonos de cheo no universo do escritor e periodista francés Emmanuel Carrére de quen o xurado do galardón declarou:

«ha construido una obra personalísima generadora de un nuevo espacio de expresión que borra las fronteras entre la realidad y la ficción»

A acta reflexa,  ademáis, que os seus libros:

«contribuyen al desenmascaramiento de la condición humana y diseccionan la realidad de manera implacable».

Seguindo as indicacións dos expertos de quen non coñece a Carrere non comece por Yoga, penso que non puidemos facer mellor elección ao decantarnos por De vidas ajenas. Falamos dunha novela real ou unha novela de non ficción a través da cal Carrere enfróntanos á dor pola perda, ao baleiro que deixa quen se vai e ás diversas formas de encarar esa dor. Trátase dun encargo dos protagonistas para que escriba unha historia onde relate os acontecementos da morte dun fillo para os seus pais e a morte dunha muller nova para os seus fillos e o seu marido. O resultado apréciase cunha escritura case xornalística, sen adornos, coas palabras xustas e un ambiente hiperrealista e na que case todas as integrantes do club coincidimos en clasificar como admirablemente ben descrito.

E seguimos e rematamos este primeiro trimestre de lecturas do 2021/22 con Yoga. Sen dúbida o cambio é máis que palpable e non sabemos ben se polo bo regusto que nos quedou no padalcon De vidas ajenas pero o certo é que tamén soubemos saborear aos poucos e sacarlle repouso a Yoga. De lectura máis densa e con momentos de altibaixos nos que as temáticas que nos introduce son moitas: a meditación, o retiro espiritual, o terrorismo, o atentado de Charlie Hebdo, os tratamentos psiquiatricos… e esa etapa de profesor de escritura nunha illa grega como parte dese tratamento antidepresivo do propio Carrére momento no que se entrecruza coas vidas dos numerososo refuxiados que van chegando e que correrán distintas sortes. Con Yoga estamos de novo ante un espléndido manexo da non ficción por parte de Carrére. O que nun principio ía ser un libro amable sobre esta disciplina oriental que o propio autor practica dende hai máis de trinta anos porque proporciona benestar, viuse truncado e acobou sendo unha crónica dun divorcio, dunha profunda depresión e en mil e unha historias máis que por veces pode chegar a despistar ao lector. En suma, poida que estemos de acordo en que Yoga non sexa para todos ou poida que simplemente haxa que atopar o momento para poder conectar con el pero para nós é tamén un si nos imprescindibles deste 2021 que remata xa.

“Ayuda a vivir ser conscientes de que todo momento es un tránsito, que el apogeo anuncia el declive y la derrota la victoria futura. Cuando la vida te sonríe es útil saber que va a propinarte una tunda, y que la luz volverá cuanto antes a tientas en las tinieblas. Eso enseña prudencia, infunde confianza. Ayuda a relativizar los estados de ánimo. Al menos debería hacerlo.”

Non queremos desvelar mais pero si lembrarvos que calquera destas lecturas pode ser un bo agasallo para este nadal, xunto coas recomendacións que sempre traemos para vós na nosa xa tradicional guía de “Historias de regalo”.