Arquivo do blog

Historias de regalo 2020

Cada ano nestas datas as Bibliotecas Municipais da Coruña publicamos a guía de lectura “Historias de regalo”, que recolle unha selección de títulos para axudarche a elixir o mellor agasallo de Nadal.

Esta escolma, realizada con ilusión e afecto polas bibliotecarias e bibliotecarios para vós, inclúe desde música e cine ata literatura ou libros de divulgación de diversas áreas temáticas (LGTB e feminismos ou biblioteca verde, entre outras).

Hoxe presentámosvos nesta entrada os materiais da guía que recomendamos nas seccións “literatura para adultos” e “voces poéticas”. Cinco títulos de narrativa e cinco de poesía que vos convidamos a descubrir nas nosas bibliotecas e entre os que agardamos atopedes a vosa lectura de regalo para este Nadal.

Narrativa



La buena suerte , de Rosa Montero

Alfaguara, 2020. Premio Nacional das Letras Españolas.

Pablo baixa dun tren en Pozonegro, antigo centro mineiro, lugar maldito e con xente luminosa, incompleta e algo tola como Raluca, que pinta cadros de cabalos e ten un segredo, coma todas as persoas de alí, algúns máis escuros e perigosos que outros, ou simplemente ridículos. Tamén hai humor nesta vila triste, porque a vida ten moito de comedia e a xente finxe ser quen non é ou oculta o que planea. É o gran xogo das falsidades.

Rewind, de Juan Tallón

Anagrama, 2020.

Un venres de maio, con trazas de ser un día perfecto, prodúcese unha explosión estraña nun edificio de Lyon. Nun dos pisos do inmoble, que queda reducido a entullos, viven un grupo de estudantes de distintos países que esa noite celebraban unha festa. A través de cinco narradores, vítimas e testemuñas, coñecemos que aconteceu esa noite, así como as súas consecuencias a longo prazo.

O libro da filla, de Inma López Silva

Galaxia, 2020.

Helena Sánchez é unha recoñecida xornalista cuxa traxectoria profesional sempre a levou a cubrir temas da política e sociedade. Ao coñecer a noticia dun empresario que foi condenado por violar á súa filla pero que leva once anos negando o crime, entende que necesita contar esa historia. Unha historia que ten que ver coa súa propia familia e co seu pasado, que intentara esquecer consciente ou inconscientemente.

Los chicos de la Nickel, de Colson Whitehead

Penguin Random House, 2020. Premio Pulitzer.

De pouco serve ser un bo estudante na Academia Nickel para mozos. Elwood -pobre, orfo e de raza negra- non tarda en descubrilo cando, por un malentendido, o pechan neste reformatorio. Coa axuda dun bo amigo, este adolescente descubrirá como sobrevivir neste lugar que esconde un brutal segredo e unha realidade corrupta, apoiada por moitos e obviada por todos.

Un lume azul, de Pedro Feijóo

Xerais, 2019.

Existe una maldade excesiva e grotesca. Non deixa gretas e arrastra toda posibilidade de expiación ou perdón. O responsable da Brigada de Investigación Criminal a comisaría central de Vigo aínda non o sabe, pero enfróntase a ese tipo de maldade.

Voces poéticas



La sombra del otro mar , de Joan Margarit

Nórdica Libros, 2016. Premio Cervantes 2019.

Libro cunha selección de poemas en edición bilingüe xunto á recoñecida obra pictórica de Subirachs. Joan Margarit diríxise a Josep Maria Subirachs cuns primeiros versos dun poema en memoria da amizade que uniu a ambos os artistas até os últimos días do escultor.

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes

Galaxia, 2018. Premio Gala do Libro 2019 a mellor libro de poesía do ano.

Esta Memoria do corpo é un tempo de investigación para o autor. Dentro de si mesmo, como debe facer o poeta. É, sen dúbida, o seu mellor logro. E a frase non é arriscada. Así o sente o creador, que viaxa desde o barro por corpos, iniciacións eróticas e camiños ue, como todos os periplos, nos devolven ao punto de partida.

Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao

Apiario, 2018.

Di Lucía Aldao “Todo isto antes era noite é un libro que abre tantas cousas como pecha, que ilumina e ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relación coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír.”

Atlas, de Alba Cid

Galaxia, 2019. Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020.

Un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia na procura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta.

No interior do abandono, de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos

Figurando Recuerdo(s), 2020.

Este libro articula un feliz encontro entre as fotografías de Carlos Lorenzo e as creacións poéticas de Baldo Ramos, que nos convida á reflexión sobre o abandono do rural galego, a través dunha viaxe emocional por aqueles espazos físicos do rural que están a esmorecer. O proxecto tamén conta cunha peza de vídeo que se pode ver premendo aquí.

E ata aquí as nosas propostas de novela e poesía para agasallar nestas datas tan especiais. Acercádevos a descubrir estes e outros títulos nas nosas bibliotecas e a botar unha ollada ao resto de recomendacións da guía “Historias de regalo 2020”. Bo Nadal!!

Rewind, última lectura da tempada do Club dos Luns Fórum

Para rematar o curso tan atípico que resultou ser o 2019/2020 por mor da aparición da COVID-19 e que supuxo o truncamento das sesións presencias, no Club dos Luns de Fórum eliximos como lectura final Rewind do ourensán Juan Tallón – podedes consultar a guía de lectura aquí-. Foi unha elección totalmente influenciada neste caso pola opinión pública e as boas críticas que a obra non deixa de recibir e que despois da súa lectura no Club dos Luns constatamos  que son totalmente certas. A lectura foi a través da Plataforma de Préstamo de libros electrónicos eBiblio Galicia e os encontros coma todos os do da época do confinamento a través da plataforma zoom. Unha experiencia ben distitna ás tertulias presencias de cada luns pero que nos brindou a maneira de estar conectadas durante o tempo de distanciamento social.

Últimas sesións do Club dos Luns Fórum a través da plataforma zoom

O autor: Juan Tallón

Nado en Vilardevós en 1975, é un xornalista e escritor galego.

Licencious en Filosofía e exerceu como xornalista en medios como El Progreso, Jot Down e El País, entre outros.

A autopsia da novela (2007) é a súa primeira obra longa de ficción, un xénero xa frecuentado dende o relato curto. Participou en diversas publicacións colectivas, gañando coa súa primera novela o IV Premio Nicomedes Pastor Díaz. Publicou obras tanto en galego como en castelán e moveuse na non ficción —Mientras haya bares—, o ensaio —Libros peligrosos— e a novela —El váter de Onetti, Fin de poema, Salvaje Oeste e Rewind—, ademais de escribir relatos.

Entre os recoñecementos que recibiu Tallón atópanse premios como o Francisco Fernández del Riego, o Pastor Díaz de Novela e o Manuel Lueiro Rey, por destacar algúns.

Imaxe tomada de La Voz de Galicia

A obra: Rewind

Pouco máis que engadir ao que xa se dixo sobre a nova novela de Tallón, pero dende o Club dos Luns Fórum non queriamos deixar pasar por alto a nosa humilde análise.Tallón aborda en Rewind un suceso traumático, unha explosión moi extraña nun edificio da cidade francesa de Lyon un venres de primavera calquera que nun comezo se presentaba coma un día perfecto. O acontecemento acaba coa vida de Luca, Ilka e Emma estudantes moi diferentes entre sí e de distintas nacionalidades pero que compartían piso e as ansias de vida propias da xuventude. O único supervivinte é Paul Madiot un estudante de Belas Artes que se salva grazas á urxencia de acudir ao lavabo situado ao final do corredor. A partir dese suceso prodúcese a acción de rebobinar a través do punto de vista de cinco personaxes que fan de narradores intentando atopar o momento exacto no que mudou todo.

Portada de Rewind

Cunha prosa aparentemente sinxela, escasa de diálogo, pero cargada de detalles, sumado a uns personaxes moi ben caracterizados, Tallón consegue que o lector se introduza totalmente na historia e consegue facelo sentir unha chea de sensacións por veces totalmente reais. Un bo exemplo é o nó que se atragoa na gorxa durante a escena na que os pais de Emma acoden á morgue para identificar o cadáver da súa filla. A pesares de que en palabras do propio Tallón nunha entrevista con Europa Press decía: 

“A estas alturas, donde son tantas ya las imágenes que nos han conmocionado y la muerte está tan presente a lo largo de nuestra vida, que ésta ya no sorprende a nadie: es difícil sorprenderse a uno mismo pensando en la muerte como algo que le va a afectar”,

pero a través da novela, o lector volve conmocionarse como a primeira vez ante os acontecementos tan ben narrados da historia.

Sen dúbida, non puidemos facer mellor elección á hora de escoller Rewind como peche de tempada do Club dos Luns de Fórum porque foi un ano atípico pero con este libro despois de todo o acontecido reflexionamos aínda máis sobre temas como a destrución, o amor ou a indiferencia. De Rewind podemos dicir que foi unha novela que nos sorprendeu a todas máis do esperado e que nos fixo permanecer expectantes ata o final. Un libro ao que coincidimos en voltar despois desta primeira lectura no dixital para retomala con papel e lápis porque as súas citas e reflexións son para anotar e voltar a elas unha e outra vez.

“Siempre hay un segundo cuando el mundo te espanta, porque alguien a quien amas fallece, o enferma, o simplemente caes enfermo tú, en el que adquieres conciencia de la fragilidad de la vida,, incluso de su extrema transitoriedad, y vislumbras que las cosas trascendentales son otras diferentes a las que regularmente persigues.”

Dende logo Rewind é un libro cunha gran carga vital, así o manifesta o propio autor nunha entrevista á ABC Cultura,

“No es una novela triste, sino una novela de cómo la vida nos da la espalda y cómo nos giramos sobre nosotros mismos y seguimos adelante. Se trata de continuar. Las cosas ya no van a ser como eran antes: no vas a volver a la casilla de salida. Tienes que inventarte un nuevo cero a partir del que crecer. Vas a ser otra persona, pero vas a seguir siendo persona. Y las personas no estamos hechas para la derrota, como decía Hemingway. Nos caemos, pero nos levantamos”

E sen querer desvelar máis, con esa mensaxe nos quedamos porque nos parece o broche perfecto para poñer peche a esta tempada de lecturas que sen dúbida non esqueceremos. Agardamos poder vernos moi pronto nas tertulias presencias con novas lecturas, namentras desfrutade do verán e da vida porque todo pode cambiar nun segundo.