Arquivo do blog

“Moitas culturas, unha historia”

En ‘ElClú’ ¡estamos que non paramos!. Despois de ler, comentar, reflexionar, investigar e descubrir os misterios de “Odio el rosa”, nos embarcamos nunha nova aventura, un tanto diferente do que estabamos a facer ata o momento.

E é que dende os altos mandos da BIX se nos encargou a tarefa de ser os “mestres de cerimonia” na celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que, como cada ano, se conmemora o vindeiro 2 de abril, pois a Biblioteca Infantil e Xuvenil está adherida a esta celebración da OEPLI.

Cartel do Día do Libro Infantil e Xuvenil 2015

Cartel do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2015, da ilustradora Nasim Abaeian

Para isto traballamos arreo, preparando todo o necesario para tan importante acontecemento. Foi o que se di ‘un traballo en equipo’. Buscamos información sobre as entidades patrocinadoras, sobre a escritora e a ilustradora ás que este ano se lles encomendou a elaboración do manifesto e do cartel conmemorativo, as compañeiras bibliotecarias encargáronse de seleccionar material para elaborar unha mostra bibliográfica con algúns dos títulos mais representativos da literatura infantil e xuvenil (bautizárona co alcume de “Os magníficos da BIX”) … en fin, que non paramos nadiña.

Muestra del Día Internacional del Libro Infantil e Xuvenil 2015

Mostra “Os magníficos da BIX”

Ademais, a rapazada de ElClú colaborou activamente na elaboración do photocall que empregamos para participar no concurso “Nos lemos, e ti?” organizado por GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), sección galega da OEPLI (Organización Española Para o Libro Infantil e Xuvenil).

Preparando photocall

Preparando o photocall

Para participar neste concurso era preciso facerse un selfie cun libro, preferentemente escrito en galego, ter ata 14 anos, e explicar brevemente o motivo polo que ese libro era importante para ti. Se queredes ver os selfies que nos fixemos, aquí vos deixamos unha mostra.

Manuela

Unha das nosas clubeiras ensaiando o seu selfie

Xa que o día 2 de abril a biblioteca permanece pechada ao público (xoves de Semana Santa) trasladamos o día do evento para o 26 de marzo, coincidindo cunha sesión de ElClú.

A misión dos clubeiros consistiu, ese día, en convocar aos usuarios da biblioteca presentes nese momento para a escoita do manifesto elaborado por Marwa Al Aqroubi, realizar a lectura do mesmo, e invitalos a formar parte da galería de selfies do noso photocall , así como descubrirlles os libros da selección realizada polas compañeiras da biblioteca.

Como experiencia foi moi enriquecedora. Coñecemos novos escritores e ilustradores doutros paises (cada ano a OEPLI adica este día a un pais, no 2015 son os Emiratos Árabes), soubemos un pouco mais sobre o porqué dun día tan sinalado, tamén nos mergullamos na mostra da literatura infantil e xuvenil, e todo isto aderezado con momentos de bo humor, compañerismo, creatividade… Vamos, que disfrutamos coma pequechos.

Agora só queda desexar moita sorte aos participantes, e esperamos ter que anunciarvos que algún dos selfies das Bibliotecas Municipais da Coruña foi o gañador do superpremio que ofrece a Galix, que non podía ser outro que ¡MOITA LECTURA!, un fantástico lote de libros.

 

Dende a BIX e todos os clubeiros vos desexamos:

Feliz Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2015, e felices lecturas vacacionais!

A ilustración galega na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

A Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña súmase á celebración, por primeira vez, do Día da Ilustración en Galicia. Esta celebración está promovida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura, e como tal aparece recollida no Calendario do Libro e da Lectura do ano 2014.

A data escollida, o 30 de xaneiro, coincide co nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura senxeira da nosa cultura e debuxante, polo que a data acae moi ben para destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, sobre todo si pensamos na literatura infantil e xuvenil, e tamén para poñer en valor este sector e os profesionais que traballan nel.

Porque en Galicia temos grandes profesionais da ilustración, artistas consolidados e premiados co merecido recoñecemento a nivel nacional e internacional, e novos valores que permiten pensar nun brillante futuro.

Desde as bibliotecas municipais queremos render unha pequena homenaxe a estes grandes artistas mediante unha pequena mostra bibliográfica da que podemos salientar títulos como “O coelliño branco” ilustrado por Óscar Villán, “Cidades” ilustrado por Pablo Otero “Peixe”, “O peizoque Roque” ilustrado polo betanceiro Xosé Tomás, “Venres” con debuxos de Dani Padrón, e moitos máis títulos de artistas como David Pintor, Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez, Noemí López, Manuel Uhía, Xosé Cobas, Antonio Seijas, Marina Seoane, Manel Cráneo, etc…

 Se queres saber máis da ilustración contemporánea galega, podes facelo na páxina de Gálix ou achegarte o catálogo de ilustradores da AGPI.

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Esta mostra, estará exposta ata o 28 de febreiro na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, pero se queres ir abrindo boca podes botar unha ollada ao noso taboleiro de pinterest onde temos recollidos todos estes títulos.

E xa sabes, no noso catálogo podes consultar estas e máis obras dos ilustradores contemporáneos galegos.

catalogo1