Arquivo do blog

Día de Rosalía 2015

A Asociación Escritoras-es Lingua Galega (AELG) promove dende o ano 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, do Día de Rosalía.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía!” e convida os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicalo ao resto do mundo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…“.

Todas aquelas persoas que vos animedes a realizar o vídeo ou que queirades expresar o voso sentir pola obra de Rosalía, podedes difundilo tamén en redes sociais utilizando o cancelo #EuSonRosalía.

Día de Rosalía de Castro
Ademais, na Biblioteca Municipal Ágora realizarase unha lectura pública de textos rosalianos o martes 24 de febreiro ás 19.00 horas. Animámosvos a que vos acheguedes á biblioteca a celebrar connosco o Día de Rosalía e convidámosvos a participar coa lectura dalgunha das súas obras.

Ata entón, eu despídome cuns versos de Rosalía:

“Ben sei que non hai nada
novo embaixo do ceo,
que antes outros pensaron
as cousas que hora eu penso.
E ben, ¿para qué escribo?
E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo”

Eu son Rosalia