Arquivo do blog

Despedimos o especial temático #LemosParaTi dedicado a Dona Emilia

No marco do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921), desde as Bibliotecas Municipais da Coruña sumamos ao catálogo de #LemosParaTi unha selección de distintos textos desta destacada e prolífica escritora que se adiantou á súa época en feitos, ideas e intereses.

Lemos para ti é unha proposta que naceu no ano 2020 durante o confinamento por mor da crise sanitaria Covid-19, co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía. Para ampliar información sobre a mesma, consulta o post en Bibliosons “Lemos para ti, lectura en voz alta para adultos“.

De maio a decembro deste ano 2021 sumáronse lecturas de fragmentos de distintas obras cunha periodicidade mensual ao noso podcast Lemos Para Ti. Nunha entrada anterior, que se publicou o 16 de setembro neste blog coincidindo coa data de nacemento de Dona Emilia (16 de setembro de 1851), deuse difusión aos audios publicados ata o momento nas nosas canles de Ivoox e Spotify: “La cocina española antigua”, “Rodando”, Al pie de la torre Eiffel”, “Revista de Galicia” e “Cuesta abajo”.

Hoxe compartimos con vós as últimas tres lecturas que completan este especial temático de #LemosParaTi dedicado á figura dunha das escritoras máis destacadas da nosa historia literaria: “Movendo os marcos do patriarcado”, “Miquiño mío: cartas a Galdós” e “Las frases frágiles”.

Movendo os marcos do patriarcado (Galaxia, 2021)

Fragmento de lectura do ensaio “Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán”, de Marilar Aleixandre e María López Sández.

Unha obra que analiza de forma pormenorizada as ideas centrais do feminismo de Emilia Pardo Bazán, quen xa no ano 1914 se refire a si mesma como unha radical feminista. O libro foi publicado pola Editorial Galaxia en febreiro deste ano 2021, dentro da súa colección Feminismos.

Ir a descargar

Miquiño mío: cartas a Galdós (Turner, 2020)

Fragmento de lectura da obra “Miquiño mío: cartas a Galdós”, que recompila as cartas enviadas por Pardo Bazán a Galdós ordenadas cronoloxicamente e acompañadas dunha aproximación á figura da escritora coruñesa e o relato esencial do amor e a amizade entre ambos autores.

Unhas cartas nas que a personalidade apaixonada, clara, guerreira e maternal de Dona Emilia brilla tanto como o seu dominio da linguaxe, a súa graza e a súa orixinalidade. Editado por Turner no ano 2020, con prólogo e notas de Isabel Parreño e Juan Manuel Hernández.

Ir a descargar

Las frases frágiles (La Bella Varsovia, 2021)

Lectura dos poemas “Fantasía”, “La aurora” e “Una cazata”, incluídos na antoloxía “Las frases frágiles”, publicada no ano 2021 na editorial La Bella Varsovia.

Esta obra, edición da autora e editora Elena Medel, recompila unha escolma de poemas escritos fundamentalmente nas primeiras décadas de vida de Dona Emilia Pardo Bazán, desde a súa adolescencia ata o triunfo como novelista.

Ir a descargar

E ata aquí o especial temático “Lemos para ti… a Dona Emilia”, agardamos desfrutedes escoitando estes fragmentos de lectura nesta mesma entrada e tamén nos nosos perfís corporativos de Ivoox e Spotify e convidámosvos a compartilos!!