Arquivo do blog

As dez pragas literaria

Refuxiarse na ficción literaria para procesar mellor unha catástrofe é un fenómeno común da nosa sociedade. Puidemos observar este comportamento tras os atentados do 11-S cando os libros de Nostradamus, o profeta apocalíptico, entraron na lista dos máis vendidos en Estados Unidos, ou a obra “A nosa señora de París”, de Víctor Hugo, chegou a número un de ventas en Francia tras o incendio da Catedral de Notre Dame. En Xapón, no ano 2011, coa catástrofe nuclear de Fukushima, o libro “A peste” de Albert Camus experimentou unha gran demanda e é xusto esta obra de Camus máis o “Ensaio sobre a cegueira”, de José Saramago, as que en tempos de coronavirus están incrementando lectores. 

Presentamos dez obras de diversa natureza: literatura clásica, best- sellers, ensaios ou libros de ciencia ficción que darán moito que falar e reflexionar estes días:

“A peste” de Albert Camus, 1947.

O autor utiliza a súa novela, gañadora dun Nobel de Literatura,  para plasmar o seu pensamento existencialista (a vida carece de sentido). Inspirado nun pequeno brote de peste que aconteceu en 1931, Camus quixo explorar o que acontecería se ese brote, que daquela só afectou a un centenar de persoas, tivese unha repercusión moito maior. Narra, en forma de diario, unha epidemia de peste bubónica na cidade de Orán, Alxeria. Hai tantos paralelismos nesta obra co que nos está acontecer hoxe que a obra de Albert Camus parece coetánea: o rápido que se contaxian as persoas, a carencia dun fármaco para combatela, o alto índice de mortalidade, as medidas de confinamento, o desexo das persoas de comunicarse cos seus, as actitudes irracionais e absurdas dalgúns… E tamén vese o espertar da solidariedade da xente, neste sentido, o autor expresa a idea de que “no home hai máis cousas dignas de admiración que de deprecio”. Non é de estrañar que esta obra sexa un dos escollidos para pasar estes días.

Ensaio sobre a cegueira” de José Saramago, 1995

A obra máis coñecida do escritor portugués José Saramago, gañadora do Nobel de Literatura. É unha novela reflexiva e existencialista, a que non lle pesan os anos. Os pensamentos de Hegel  (o home sen estado é malo por natureza) e os de Sartre (venme, logo existo) están moi presentes nesta obra. Relata unha epidemia de cegueira nunha poboación e as súas consecuencias porque a Saramago non lle interesa a causa deste mal branco senón  a resposta egoísta da xente, metáfora da sociedade na que vivimos. Non relata a perdida da vista, senón a da ética e da razón e sóbralla o egoísmo como forma de supervivencia. É interesante reflexionar como a enfermidade cambia a sociedade e o ser humano.

“Os asquerosos” de Santiago Lorenzo, 2018

Unha das obras máis citadas nestes días. Se lías algunha noticia na que se nos informaba da fuxida dos madrileños a España baleira (ou más ben baleirada) alí había algún comentario facendo referencia a “mochufla”. Que é a  “mochufa”? pois a antíteses de Manuel, o protagonista de Santiago Lorenzo, un Robinson Crusoe contemporáneo que supera as vicisitudes pero a diferencia deste, Manuel non ten compañeiro de fazañas, o detestaría!. É unha obra que che fai cuestionar o tipo de vida que levas e soñar cunha vida máis austera e autosuficiente, con tempo para ti e para as cousas que realmente queres facer e conectar máis ca natureza. Vivir a soidade é como unha bendición: “Era unha sorte ter todos os calendarios do mundo para enchelos co que quixese. Pero a poldra determinante, incomparable coa anterior, era a de dispoñer de avultados catálogos de ideas para encher ese tempo. O bo non era que con tantas horas por diante puidese facer o que lle sae dos collóns. O bo era que non lle paraban de saír cousas dos collóns todo o día”.

“O ano da praga” deMarc Pastor, 2018

O criminólogo e escritor, Marc Pastor, publicou esta obra que foi éxito de críticas e lectores. A acción transcorre na cidade de Barcelona, o protagonista da novela é un asistente social que comeza a investigar porqué todos os anciáns que están a aparecer mortos teñen a mesma planta na súa casa, un eucalipto de forte cheiro. É unha novela de suspense onde o discorrer dos acontecementos é paulatino pero transcendental, xa todo desencadea nunha apocalipse imparable. A novela suscita temas para reflexionar como: a supervivencia, a aborrecida vida cotiá, as relacións persoais, a falta de empatía, a desinformación… e tamén entra na ecuación, unha reflexión moi importante sobre  deshumanización da sociedade en tanto o trato aos maiores e as persoas dependentes.

“Os ollos da escuridade” de Dean Koontz, 1981

Pasará a historia como a novela que predixo fai corenta anos o coronavirus na cidade de Wuhan, China. É unha novela de terror que narra a historia dunha nai coraxe en busca do seu fillo. Na obra aparece unha trama secundaria na que un científico chinés crea unha arma biolóxica, un virus que recibe o nome de Wuhan-400, que describe como unha arma perfecta de destrución e que afecta só os seres humanos. As alusións á epidemia aparecen só nun capítulo pero as coincidencias co COVID-19 espertaron a imaxinación dos e das internautas.

“Nada” de Carmen Laforet, 1945

Recoñecida como a primeira novela feminista moderna en España. Faise co Premio Nadal, recentemente creado por aquel entón, e co premio Fastenraht. Carmen Laforet mostra a unha muller que pensa diferente, que non se preocupa demasiado polas normas sociais vixentes naquela época e mostra tamén a situación do país de pobreza e fame.  A novela está escrita no estilo narrativo da posguerra coñecido como tremendismo, caracterizado por unha tendencia a salientar a violencia e as imaxes grotescas. Laforet pon de manifesto o estancamento no que se atopaba a sociedade española a través dos ollos dunha estudante que vivía na rúa Aribau de Barcelona. A obra é unha radiografía dunha sociedade melancólica e depresiva, insegura e triste, que se enfronta a grandes cambios consecuencia da crise, como a lenta desaparición da pequena burguesía.

“A peste escarlata” de Jack London, 1912

Esta obra postapocalíptica e futurista que parece que foi escrita onte, só que de onte fai 108 anos, inaugurou o xénero de novela catástrofe. É unha novela curta que  comeza co relato dun ancián supervivente a unha pandemia que aconteceu no verán do 2013. Esta peste contaxiábase con moita rapidez provocando febre a todo aquel que a contraía e non había ningún tipo de cura polo que acabou practicamente ca humanidade. Os superviventes formaron asentamentos rodeados de natureza, velaí vai! a idea da volta os orixes da especie humana que sempre ronda cando hai unha catástrofe.

“O último home” de Mary Shelley, 1826

A autora de Frankenstein escribiu esta obra postapocalíptica e futurista que recibiu duras críticas por ser un texto “enfermizo e cruel”. A historia transcorre a finais do século XXI, no ano 2073, cando ataca a especie humana unha praga devastadora. Os críticos literarios ven nela unha obra pesimista que crítica os ideais románticos e o libre albedrío. Sóbralla o egoísmo e a avaricia do ser humano. Lionel Verney, o último home, é o alter ego da autora, polo que tamén pode ser tomada como un relato de resistencia da propia autora, xa que o último home sobre a face da Terra rexeita a quitarse a vida. A obra permaneceu oculta ata unha segunda edición en 1960 co auxe da temática postapocalíptica en plena Guerra Fría.

“Epidemia” ou “Contaxio” de Robin Cook

Robin Cook é  o escritor do thriller médico por excelencia. Epidemia, 2011, é un dos libros apocalípticos máis vendidos da nosa era.  Relata a historia de como un grupo de científicos contáxiase dun virus que expanden os seu pacientes desatando unha alarma social. En Contaxio, 1992, Cook aborda a epidemia dunha gripe moi contaxiosa que resulta ser letal. Non é un virus que atenda o seu comportamento normal, por esta razón, volvemos a encontrar indicios que nos indican que pode tratarse dunha conspiración. As tramas de Cook son moi dinámicas e están ben argumentadas, xa que o propio autor é médico. Gústalle moito xogar cos dilemas morais dos protagonistas. É un escritor moi prolifero e as súas novelas recollen os últimos avances en medicina, máis que un escritor de ciencia ficción para moitos lectores e lectoras é un escritor visionario.

Seleccionamos dez lecturas que para reflexionar sobre a nosa situación actual e analizar a sociedade na que vivimos. En tempos de crise, catástrofe ou epidemia o individuo pensa en si mesmo como parte dunha colectividade, dunha sociedade e obríganos a facer un esforzo que simplemente non faríamos nunha situación normal. Faise necesario recorrer a algo que alimente a nosa curiosidade e para iso, non hai nada mellor que un bo libro.  

UN CUARTO DE NOSO…

Dicía Virginia Woolf -e case 100 anos máis tarde seguímolo pensando- que unha muller, para escribir, precisa de ter un cuarto de seu e independencia económica.

Expoñendo as diferenzas sociais, económicas e educacionais das mulleres do momento, a escritora británica establece un fresco da sociedade post-victoriana, atacada de inmobilismo e afectación e tan pouco dada aos cambios, sobre todo aos que supoñen unha nivelación ou un equiparamento entre os sexos.

Convidada por unha universidade –Oxbridge, como ela propón-, a autora trata de facer fincapé sobre as carencias e as necesidades da novela, falta até o momento de novelas de mulleres e abondosa en novelas por e para mulleres e, sobre todo, trata de facer unha denuncia das necesidades urxentes das novelistas.

Austen, as irmás Bronte, Mitford…son examinadas e sopesadas nas súas vidas cotiás, femininas e, polo tanto cheas de labouras domésticas, de coidados aos demais, de preocupacións pouco artísticas que quedan limitadas polos estudos e a educación recibidos.

Cómo serían as novelas destas mulleres se, por unha vez puidesen disfrutar dun espazo privado e dunha renda que lles permitise a dita privacidade e a abstención do mundo doméstico simplemente para crear?

Jane Austen agochaba a folla na que escribía cada vez que se vía interrumpida por unha visita –escribía no salón común e unha táboa solta do chan renxía como unha vixía alerta-. As Bronte xa medraran nun isolamento que permitía medrar cunha imaxinación desmesurada, pero todas mulleres, educadas para cousas de muller…Aphra Behn superou con paciencia todas as etapas da vida feminina até enviuvar e conseguir as cobizadas liberdade e renda; foi, polo tanto, a primeira escritora profesional –recibía un soldo- coñecida e recoñecida.

Nenos ou libros, esa era a disxuntiva moral da muller inclinada a escribir. Borrar horas de sono para cubrilas co soño, fuxir do establecido para establecerse no mundo desexado e, nalgúns momentos, mudar o nome propio polo anonimato (Austen publicou Sentido e Sensibilidade como “A lady”. e as Bronte asumiron todas nomes masculinos: Currer, Ellis e Acton Bell, cuxas iniciais coincidían).

Pasado xa case un século, a proposta da Woolf segue estando activa, a medio reparar as problemáticas prantexadas, a medio debuxar a liña que divide a literatura feminina da literatura de muller. Unha serie de cuestións vivas e latexantes que deberiamos volver a rescatar dentro doutro século, a ver qué pasou e por onde decidimos ir en cuestións de paridade.