Arquivo do blog

El grupo. Mary McCarthy

O Club dos Luns de Forum estrea ano e como non nova lectura. Nesta ocasión escollemos “El grupo” de McCarthy.

A obra

 84-8310-278-1_bigA novela realiza un percorrido polas vidas de oito mulleres (Kay, Dottie, Pokey, Helena, Lobby, Priss, Lakey y Polly) amigas dende a universidade, que ven como as súas vidas soñadas e planeadas cando eran estudantes se van encamiñando cara outros derroteiros ben diferentes. Mary McCarthy lévanos pola vida destas oito mozas para retratarnos a alta sociedade norteamericana do 1933. Un mundo convulso, inmerso nunha grave crise económica, coa idea de non repetir o modelo de muller que eran as súas nais.

A autora retrata asi moitos dos problemas e prexuizos da sociedade norteamericana dos anos 30: o maltrato físico e psicolóxico, o divorcio, o adulterio, a misoxinia, a loucura mental e a psicoanálise, a homosexualidade, a importantica por aquel enton tiña a virxinidade feminina á par que as mulleres comezaban unha verdadeira liberación sexual co uso de métodos anticonceptivos, etc.

Moitos dos tabúes e prexuizos que ali aparecen criticados seguen enquistados na sociedade actual non só nos Estados Unidos, senón tamén no noso país.

8420266952585

Imáxes da película El grupo dirixida por Sidney Lumet no 1966.

el-grupo

Imaxes daa película El grupo dirixida por Sidney Lumet no 1966.

Secadra unha novela que presenta tintes autobiográficos xa que a propia autora estudou na mesma universidade das protagonistas. No transcurso dos feitos ímonos atopando con éxitos e fracasos, soños rotos e ilusións cumpridas, pero en case todos os casos hai un transfondo de desilusión e de engano, como se o feito de ser mulleres máis ou menos cultas e preparadas non fora suficiente para acadar unha existencia plena e chea de sentido. Non deixa de ser polo tanto unha historia de persoas reais na que o lector pode atopar fieis reflexos que lle recorden a algún caso coñecido ou mesmo a algún capítulo da súa propia vida.

A autora

Mary McCarthy naceu en Seattle no 1912 e morreu en Nova Iork no 1989. Orfa aos seis anos de idade, marchou a vivir cuns tíos, e tras uns problemáticos anos viviu cos seus avós.McCarthy_big

Licenciada pola universidade de Vassar, McCarthy gañouse unha rápida e merecida reputación como novelista, ensaista e crítica cultural. Frecuentou os círculos da esquerda política amosandose troskista e anti leninista, ampliando as súas posturas políticas ao longo como anti liberal e en contra da guerra de Vietnam.

Tanto nos seus ensaios como nas obras de ficción máis ou menos autobiográficos (entre as que destaca “El grupo”) chama a atención a súa obsesión ética pola verdade e a independencia de criterio.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña tamén podedes atopar “Memorias de una joven católica” e “Pájaros de América”

Para máis información tamén podedes votar un ollo ao post que sobre a obra realizou a nosa compañeira Emma Pedreira

El grupo. Mary Mccarthy

El grupoPor unha banda o “american way of life” (a casiña unifamiliar sempre ben pintada, o coche diante, a bandeira ondeando, o can, os nenos -todos sorriso profidén-, a muller ben vestida, mesmo na cociña, forneando apple pie, woopie pie, red velvet, todo decoración, todo atrezzo…), por outra banda o antital: a vida en progresión natural e na busca do desenvolvemento integral do individuo (e da individua).

Anos 30 e 40, Boston e Nova Iork como escenarios e as mulleres novas debatíndose entre o que se debe e o que se quere.

Por unha banda o matrimonio, o laissez faire da vida doméstica e por outra os estudios, a universidade Vassar como alma mater, a busca de emprego.

O grupo son oito que parten do mesmo punto, o de ser muller que decide estudar e facer do seu futuro algo máis completo e equilibrado; oito que van chegando irregularmente ás súas metas vitais.

Kay, Dottie, Polly, Helena, Pokey, Lakey, Priss, Libby, oito procedencias ben diferentes e que se queren diferenciar do que era a vida estándar das mulleres dos anos 30, na grande depresión americana.

Recén licenciadas e na procura dos soños que prantexaron, o grupo de universitarias verase escindido en oito pólas diferentes que xermolan, ou florecen ou mesmo rompen no seu afán de medrar.

A historia, narrada desde o punto de vista feminino por unha autora, Mary Mccarthy (Seattle 1912-Nova Iork 1989) que sempre negou ser feminista, non procura máis que ser un retrato de caracteres, das mulleres da clase media-alta na Norteamérica de entre guerras.

Mccarthy completou a novela tras once anos de esforzo e chegou a ser unha celebridade no seu tempo polas súas ideas libertarias sobre as mulleres, a maternidade, a liberación sexual…ideas todas tratadas a través das diversas facianas das protagonistas deste libro.

Trala voda de Kay, historia coa que se abre a novela, vanse trazando as semblanzas das oito rapazas que aparecen xuntas ao mesmo tempo xusto no principio e no final, como o grupo que son, pero que no transcorrer dos sete anos que van do punto inicial ao final da obra, constitúen un corpus interesante de ideas desafiantes do patriarcado establecido. O mundiño feminino universitario (revestido por unha boa codia de autobiografía, xa que a propia autora foi alumna de Vassar) contémplase como algo supletorio –xa que non obrigatorio para trunfar na vida- para as mulleres, algo accesorio a un bó matrimonio e un traballo mediocre que non consista en sobresair por riba do da súa parella.

Cada capítulo encoméndase a cada unha das puntas de estrela das que conforman o grupo e cada unha delas, é a excusa perfecta para falar dun tema de interese xeral aínda que desde o punto de vista feminino: a importancia da virxinidade e a supresión do goce e do pracer sexual da muller, contra da autonomía sexual, dos tabús e do matrimonio como marco ineludible. A maternidade e a lactancia como símbolo de estatus social. O inmobilismo rancio das clases altas fronte ao desexo da vida progresiva das súas herdeiras, a homosexualidade, a necesidade do “cuarto propio” e dos propios medios para conseguir a autonomía das mulleres en todos os eidos vitais.

É interesante pensar en qué faciamos nós, as mulleres deste lado do océano, nos mesmos anos nos que estas mulleres eran quen de decidir, aínda que timidamente, sobre as súas propias vidas. Ano 1933…E tamén o é pensar que a propia autora dota de ideas non preconcebidas nin utopías, senón de empirismo, as ideas e accións das oito mulleres do grupo, naquela década que chegou a nós baixo moitos tópicos: lei seca, vida nouturna, clubes, jazz, alcol, mentres na urdime da vida real as mulleres buscaban o adianto, a superación, mesmo por riba da frustración imposta por unha sociedade que, de xeito contrario a esta novela na que os homes son meros apuntamentos e esbozos, a figura masculina era unha prioridade, unha icona, un ser mitolóxico e exacto que alicerzaba a nación mentres as mulleres, perfectamente vestida, forneaban na cociña, desas casas brancas unifamiliares, bandeira ao vento, nenos perfectos, o perfecto can…bla bla bla…