Arquivo do blog

#DesordénateCoasLetras Xela Arias tradutora: “O bosque animado”

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, limos “O bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez na tradución da homenaxeada polas Letras Galegas 2021, Xela Arias. Poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos á unha obra de tradución, pois parecíanos unha faciana ben interesante para mergullarnos na súa escrita.

Como tradutora, Xela Arias verteu ao galego obras de Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibiu recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.

“Ao traducir ao galego crease un patrimonio de lecturas galegas, algo necesario para construír unha lingua”.

No caso da obra de Wenceslao Fernández Flórez, un clásico das nosas letras que tiñamos pendente ler no seo dos nosos clubs de lectura, pareceunos acaído ler sobre a fraga de Cecebre na lingua na que falarían as súas e os seus protagonistas. Xa vos adiantamos que nas tertulias, foi un éxito rotundo e é que a tradución de Xela Arias é coidadísima. Cunha linguaxe que nos trasportou á época e aos lugares que Fernández Flórez recreaba no seu texto.

O bosque animado” é o gran libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc. Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas. Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da Fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega. Esta tradución constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o rico mundo de noso.

Xela Arias puxo en marcha a colección Xabarín (hoxe en día chamada Xabaríl) dentro da editorial Xerais, nun proceso de verter ao galego obras universais para as lectoras mozas e mozos, nun momento no que o galego entraba nas aulas. Resulta moi interesante ler as anotacións que a propia Xela introduce ao longo das páxinas de “O bosque animado”, achegando novos significados e clarificando partes do texto orixinal. Toda unha alfaia para as nosas lectoras dos clubs.

Podedes coñecer un pouco máis da súa faceta de tradutora lendo as súas biografías, hoxe dispoñibles tanto nas librarías como no catálogo das Bibliotecas Municipais da Coruña, nas publicacións periódicas como o especial da Revista Luzes ou do Sermos Galiza, así como na páxina web da Real Academia Galega cunha serie documental sobre Xela Arias á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2021 composta por 6 capítulo breves que percorren distintos aspectos da vida e da obra da autora: “A Palabra esgazada – Traballadora das palabras Capítulo 2“:

Para seguir toda a campaña de Letras Galegas das Bibliotecas Municipais da Coruña, convidámosvos a non perder detalle na nosa páxina web, así como nas redes sociais das @bibcoruna e visitando presencialmente calquera das nosas Bibliotecas. Atoparedes mil e un recursos dos que tirar do fío e descubrir canda nós a Xela Arias.

Precisamente, as mostras bibliográficas centrámolas na tradución ao galego, poñendo en valor o traballo editorial na Galicia actual: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc. Contemplamos por suposto toda a obra de Xela Arias, así como as pezas que falan dela. Celebramos o panorama editorial actual no que por fin podemos conseguir de novo todos os seus poemarios. E engadimos unha escolma de poemarios de poetas amigas, moitas delas que compartiron tempo e espazos na vida da escritora. Celebrémola desordenando as letras ao seu carón!