Arquivo do blog

Carvalho Calero: Vieiros de esperanza

A singular vida dun prócer da lingua e a cultura galegas como Ricardo Carvalho Calero semella estar marcada polo signo do extraordinario desde o seu nacemento. O escritor, profesor, investigador e tantas cousas máis veu ao mundo en 1910, o ano do penúltimo paso do cometa Halley pola Terra, referencia que para el tiña a súa importancia, xa que, de feito, nalgunha ocasión comentou que ás veces gustáballe denominar á xeración cultural á que el mesmo pertencía, a do Seminario de Estudos Galegos, como a xeración Halley.

Por iso, non deixa de resultar curioso que o ano da súa homenaxe polo Día das Letras Galegas coincida con outra circunstancia excepcional, aínda que neste caso de cariz moi diferente, como é a pandemia coronavírica. A situación de alarma na que nos atopamos provocou que a celebración de todos os actos institucionais e culturais programados polo Ano Carvalho Calero tivese que ser adiada, non se sabe moi ben para cando, o cal, seguindo co xogo das correspondencias, poderíase interpretar coma unha especie de maldición, unha prolongación do postergamento ao recoñecemento da súa figura, polos motivos ben coñecidos, que tivo lugar durante moito tempo.

Dende as BMC queremos desconfinar ao profesor Carvalho Calero compartindo convosco o documental Vieiros de Esperanza, inédito na rede ata esta mesma semana, xunto cunha entrevista co seu director, o ferrolán Antón Rodríguez Fernández, e no que se ofrece un percorrido pola súa traxectoria vital a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega (Victor Freixanes, Pilar García Negro ou Darío Villanueva, entre outros), quenes fan unha reflexión en profundidade sobre a súa enorme aportación á nosa lingua e cultura.

 

Documental: Vieiros de Esperanza

 

 

Entrevista con Antón Rodríguez Fernández

 

Vieiros de Esperanza gravouse en 2014, seis anos antes da celebración do ano Carvalho Calero que está a acontecer neste 2020. Como xurde a idea de adicarlle un documental a unha figura como a súa, de recoñecidisimo prestixio no eido da cultura pero cun perfil máis ben discreto de cara a opinión pública?

A idea xurdiu a comezos do verán de 2013. Encamiñábame a rematar a carreira de Comunicación Audiovisual na UDC e polo meu interese no xénero documental decidín que o proxecto final fose Vieiros de Esperanza.

Sentín a necesidade de sumarme ao recoñecemento de Carvalho a partir da creación audiovisual primeiro por ser ferrolán e tamén por ser un autor que estivo no debate de dedicarlle ou non o Día das Letras Galegas durante case vinte anos. O documental era unha maneira máis de homenaxealo a nivel popular.

– Cara ao final do documental especulábase de xeito premonitorio coa posibilidade de adicarlle o Día das Letras Galegas nun futuro, aínda que mais ben remoto naquel momento ao tratarse dunha figura cando menos incómoda, por non decir polémica, polas posicións reintegracionistas que adoptou. Que cres que mudou na sociedade galega ou na academia neste tempo para que agora, aparentemente, se acepte con total naturalidade o recoñecemento o seu labor?

Os cambios de posicionamento na Real Academia Galega poden chamar a atención, sobre todo, porque durante bastante tempo existiu división e polémica cando se falaba de don Ricardo. Alegrámonos que a día de hoxe Carvalho non supoña un atranco para as institucións culturais galegas e ogallá sexa o reflexo dunha aceptación por parte da sociedade. Penso que a sociedade mudou moi pouco en seis anos, en cambio vexo que se dan pequenos pasos na universalización do galego, que toma contactos co portugués por exemplo en series de grande éxito televisivo. Sería interesante que a Academia dialogase coas galegas e galegos para explicar a evolución favorable cara Carvalho Calero.

– Chama a atención que a consideración global da súa figura, cunha traxectoria tan prolífica e produtiva en tantos terreos, quedase distorsionada precisamente por esa postura intelectual respeito á lingua galega. Pensas que o recoñecemento das Letras Galegas repara ou recupera nalgunha medida todo o seu traballo?

Falar de Carvalho Calero é falar do cultivo de todos os xéneros literarios. Cada colectivo penso que reivindica os terreos cos que concorda máis ou que lle resultan máis brillantes. Todo o mundo coincide na súa espectacular Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963), pero despois cadaquén elixirá. Mesmo dan a opción de escribir Carballo Calero ou Carvalho Calero, dependendo da sensibilidade ortográfica.

– No documental fálase de que a postura lingüística de Carvalho Calero, de achegamento á lusofonía, xerou no seu momento un debate que dividía á academia e que podía dividir á sociedade galega. É posible que agora ese debate se poida producir dun xeito menos traumático e máis construtivo?

Considero que si. Polo menos debería ser un debate de análise na educación galega, aínda que ás veces continúo a ver nas redes xente que se enlea polo tema ortográfico, de chegar incluso a faltar o respecto por empregar o modelo de galego reintegrado.

Aínda que este “annus horribilis” trastoque a homenaxe educativa, habería que manter a análise do pensamento carvalhiano polo menos nos cursos máis avanzados da ESO e Bacharelato. Debería resultar interesante comparar o que se di en Vieiros de Esperanza e o que opinan a día de hoxe as persoas que antes o tentaban silenciar. Iso penso que se poderá ver a través dos productos culturais que están a xurdir este ano.

– O propio Carvalho Calero laiábase de ser considerado un herexe, un cismático, mesmo un corruptor da mocidade por parte da cultura oficial. Pensas que esa imaxe é un pouco anacrónica na actualidade ou aínda está vixente?

Na miña opinión, esa cita está encadrada nun contexto de duros debates con respecto á lingua. A división entre reintegracionistas e isolacionistas era moito máis forte. Penso que na actualidade hai maior cordialidade, e o Ano Carvalho das Letras está servindo para conectar digamos que as dúas institucións da lingua que durante anos estiveron distanciadas, a Real Academia Galega e a Associaçom Galega da Língua. Incluso tocando a idea do Binormativismo, a convivencia das dúas normas ortográficas.

Antón Rodríguez Fernández, director de Vieiros de Esperanza

– Das moitas facetas que presenta un personaxe tan poliédrico como el (poeta, novelista, dramaturgo, investigador, profesor, etc.) cal é a que máis che interesaba salientar ou a que che parece máis interesante?

Elexiría a faceta de estudoso da lingua e a de poeta. Carvalho considerábase poeta e xa dende ben pequeño cultivou poesía. Os anos 80, anos da súa xubilación, foron moi produtivos e hai numerosos artigos en defensa da nosa lingua que son unha marabilla. A obra Scórpio (1987) conclúe a súa traxectoria novelística e é de obrigada lectura.

– Cal foi a túa percepción da consideración que lles merecía Carvalho Calero aos participantes no documental, moitos deles figuras salientables da sociedade e da cultura galegas?

Todos coincidiron e coinciden no seu enorme legado, como din no documental, a pesar da súa defensa do Reintegracionismo. A obra de Carvalho é monumental e ten moitísimas posibilidades tanto de gustos coma de estudo.

– Como foi o proceso de gravación? Cales foron os principais atrancos que tivestes que resolver?

A investigación sobre o autor leveina a cabo dende o verán do 2013 mais a filmación reduciuse a uns días entre marzo e abril do 2014. En xeral non tivemos grandes atrancos, gravamos en Ferrol, A Coruña, Compostela e Lugo e o material era tanto propio como da universidade. Hai máis estudosas, estudosos de Carvalho que nos gustaría ter entrevistado, pero por circunstancias diversas tivemos que delimitar e tirar para adiante porque en xuño tiñamos que ter todo preparado para a súa presentación ante o tribunal.

Teño que agradecer a Javier Gómez e Sergio Arango, compañeiros de proxecto que colaboraron aportando tamén as súas dotes técnicas.

– E cal foi o seu percorrido en canto a difusión ata este Día das Letras Galegas adicado a el?

O documental presentouse en Ferrol en 2015, e a partir desa data moveuse por algúns centros culturais ferroláns e por outras vilas galegas, incluso fun convidado polo colectivo Fenda, grupo de galegas e galegos en Madrid, para presentalo no casino da mesma cidade.

Para este ano tiñamos unha serie de presentacións e actos pero debido á pandemia todo ficou suspendido. Ogallá que toda clase de eventos dedicados a Carvalho continúen no futuro, como fixeron e fixemos anos atrás. Porque Carvalho Calero merece estar presente na sociedade galega e ser unha referencia na defensa da nosa lingua, antes, hoxe e sempre.

– Que che gustaría terlle preguntado a Carvalho Calero se tiveras a oportunidade?

Gustaríame preguntarlle que opina da situación actual da lingua e o seu futuro, se continuaría coa súa visión pesimista do devir do idioma galego ou se acentuaría aínda máis esa negatividade.

Tamén falar en detalle dos anos de estudante en Compostela, os anos do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Ou adiantarlle que sería homenaxeado co Día das Letras Galegas, e que desgrazadamente coincidiría cunha pandemia, pero que a súa figura está presente en moitos de nós como estandarte do pobo galego.

– E xa para rematar, teño entendido que o teu último proxecto ata o de agora foi outro documental sobre Miguel Delibes. Que tal foi a experiencia e que novos proxectos tes agora entre mans?

Si. Fun produtor e un dos guionistas da curta documental ¡Aúpa, Delibes! (2015), que presentamos na Seminci de Valladolid ese mesmo ano. O proxecto fixémolo entre tres compañeiros: Daniel Rivas, Ignacio Navarro e máis eu.

O pasado setembro filmei a curta Aquilino de Seixas (2019), encadrada no Chanfaina Lab de San Sadurniño. Un encontro de cineastas dende nivel amateur até figuras profesionais do audiovisual galego, e non só.

E para o futuro xa estou a pensar novas ideas que oxalá cheguen a bo porto, aínda que tamén teño bastante traballo no estudo dunha oposición.