Arquivo do blog

O que sabemos de Lolita Díaz Baliño, homenaxeada no Día da Ilustración 2021, nas Bibliotecas Municipais da Coruña

Moito do que sabemos de Lolita Díaz Baliño (1905-1963) nas Bibliotecas Municipais da Coruña aprendémolo na Biblioteca de Estudos Locais. De feito, xa en marzo de 2019 aparece destacada na nosa guía de Mulleres da Coruña que pode lerse na internet. Da man de Estudos Locais profundamos no fascinante universo da artista coruñesa, única nunha familia única –aí temos, por exemplo, aos seus irmáns Camilo ou Indalecio, ou ao seu sobriño Isaac- e repasamos as múltiples razóns que a levaron a ser homenaxeada no Día da Ilustración galego este 2021.

Ela mesma fala de si propia na revista Galicia Gráfica do 17 de marzo de 1929, revelando, na franqueza da súa mocidade, anécdotas como que a súa formación foi autodidacta por elección, e que non aspiraba a vivir dos seus debuxos, pero que, así a todo, pedíanlle cada vez máis e era ben pagada por eles. Tamén escoitamos, a través desas confesións en papel, o lamento sobre os inconvenientes de ser muller da súa época, e non poder viaxar soa e ser, dese xeito, libre. Confórmase, daquela, segundo entendemos, con atopar a liberdade na ilustración, e en viaxar a través de todas esas publicacións para as que lle pedían debuxos con entusiasmo.

A popularidade e o prestixio dos que gozou na súa época levárona a participar en diversas exposicións na cidade e no resto do país, en converterse na primeira muller, a carón de María del Carmen Corredoyra, en ser membro da Real Academia Galega de Belas Artes, ou en dirixir a súa propia academia de pintura, ela, que nunca profesor quixera. Precisamente dos seus alumnos e alumnas parte unha agarimosa exposición-homenaxe á mestra en 1962, poucos anos antes do seu falecemento. Entre o seu alumnado estará, camiños cruzándose na vida, outra todoterreo, Carmen Arias, quen se converterá en muller do seu sobriño, Isaac Díaz Pardo.

Para saber máis desta fascinante ilustradora da Coruña, estes días tanto desde as bibliotecas como desde outras entidades organizamos un feixe de actividades relacionadas con ela. Pasade polo blog das bibliotecas FanCómic e veredes!

Ademais, por se non abondase, en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, teñen un feixe de cousiñas relacionadas con Lolita Díaz Baliño. A non perder!

O material que podemos atopar en Estudos Locais sobre Lolita Díaz Baliño por orde cronolóxica:

• 1947: “Memoria del curso de 1946 a 1947 / por el señor don Indalecio Díaz Baliño”. En: Memoria [Publicaciones periódicas] : leída en la apertura del curso… por el … / Escuela de Artes y Oficios Artísticos de La Coruña.– La Coruña : [s.n., 19–?]- (La Coruña : Imp. Zincke Hermanos).

• 1949: Boletín de la Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario [Publicaciones periódicas].– N. 1 (1949) — La Coruña : Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, 1949- (La Coruña : Imprenta Sindical).

  • Neste primeiro número da publicación aparece un interesante apartado sobre o catálogo bibliográfico da exposición “Cien años de arte en Galicia”, na que a propia Lolita expuxo o seu Tríptico alegórico de Galicia, do que da fe a imaxe que adxuntamos. A ver se adiviñades a cal nos referimos…

• 1950: Un coruñés en el paisaje de la crítica nacional : Benito Rodríguez-Rajoy / discurso leído ante la Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario … por José Luis Bugallal y Marchesi ; y contestación de María de los Dolores Díaz Baliño.– La Coruña : [s.n.], 1950 (A Coruña : Imprenta Sindical).

• 1990: Portadas : los artistas gallegos y el libro : 1900-1936 : exposición de la Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, Sala Municipal de Exposiciones del Ayuntamiento de La Coruña, julio 1990.– La Coruña : Fundación Pedro Barrié de la Maza : Ayuntamiento, 1990.

• 1991: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. I, Pintura y escultura / María Luisa Sobrino Manzanares, María Dolores Liaño Pedreira ; catalogación, Consuelo Fernández Rico-Arizmendi … [et al.].– A Coruña : Diputación, D.L.1991 (A Coruña : Imprenta Provincial).

• 1992: Arte modernista [Vídeo-VHS] / producción y presentación, Asociación Sócio-Pegóxica Galega ; guión, Xosefina Cerviño, Elisa López-Niño ; dirección, Eduardo Álvarez.– A Coruña : Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, D.L. 1992.

• 1993: Mulleres destacadas de Galicia / Enrique Alvarellos.– Lugo : Alvarellos, D.L. 1993.

• 2005: Biografías [Dossier de prensa]: María Dolores Díaz Baliño: [Noticias extraídas da prensa local da Coruña].– [A Coruña] : [Biblioteca Municipal de Estudios Locales], 2005-.

• 2009: Real Academia Gallega de Bellas Artes, 1850-2000 / Ángel Padín Panizo.– A Coruña : Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, D.L. 2009.

• 2014: “Dolores Díaz Baliño e a búsqueda da felicidade” / Carolina Díaz. En: Luzes. Nº 2 (xaneiro 2014), p. 98-99.

• 2019: Mulleres sen cancelas : roteiro pola mamoria feminina nas rúas da Coruña : A Coruña 9 de marzo de 2019 / edición e diseño ao coidado de Pepe Barro.– [A Coruña] : Asociación Cultural Alexandre Bóveda, 2019.

E, abofé, ademais disto, son imprescindibles a revista GALICIA (1924-1926) e a súa continuadora GALICIA GRÁFICA (1926-1929), para as que Lolita Díaz Baliño colaborou acotío. Como se ve, toda unha imprescindible da ilustración na Coruña e en Galicia!