Arquivo do blog

#LemosParaTi no 25N

Cada 25 de novembro celébrase a nivel internacional o Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres co obxectivo de denunciar e erradicar a violencia que sofren mulleres e nenas en todas as partes do mundo. Violencia que, segundo datos da ONU, intensificouse nos últimos meses debido ás circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria Covid-19, especialmente se falamos de violencia no ámbito doméstico.

Unha das imaxes da campaña de activismo contra a violencia de xénero da ONU, que estará activa ata o próximo 10 de decembro.

Con motivo desta efeméride, desde as Bibliotecas Municipais organizamos unha ampla programación que arrincou o pasado xoves 20 de novembro, sumándonos por un lado á campaña #TiDecides que puxo en marcha a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña e, por outro lado, á iniciativa do Consello de Cooperación Bibliotecaria #BibliotecasSTOPViolencia, que nace este ano co obxectivo de dar visibilidade á labor fundamental das bibliotecas como axentes de cambio social e, concretamente, na loita contra a violencia de xénero.

Dentro desta programación, compartimos hoxe unha escolma de lecturas en voz alta que forman parte da proposta #LemosParaTi, que podedes escoitar a continuación nesta mesma entrada e tamén nos nosos perfís corporativos de Ivoox e Spotify.

Seique (Através, 2015)

Fragmento de lectura da obra “Seique” de Susana Sánchez Arins (Vilagarcía, 1974) na que a autora nos achega unha historia de violencias a través da reconstrución do pasado familiar, contextualizada na época da represión franquista.

Este libro, publicado orixinalmente no ano 2015 en Através Editora, foi galardonado co Premio de Narrativa na V Gala do Libro Galego (2020) na súa 2ª edición (revisada e ampliada). Forma parte do catálogo de lecturas dos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora e pódese ampliar información sobre o mesmo no dossier de lectura dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

A cabeza de Medusa (Xerais, 2008)

Fragmento de lectura da novela de literatura xuvenil “A cabeza de Medusa”, da escritora, tradutora, profesora de Didáctica das Ciencias na USC e académica de número na Real Academia Galega, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947).

A obra, publicada en Xerais, foi recoñecida cos seguintes galardóns: Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, Premio The White Ravens 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2010 (categorías 3º ESO a Bacharelato). Forma parte das lecturas do Club de Lectura Fórum e pódese ampliar información sobre a mesma no dossier dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

La memoria del aire (Tránsito, 2019)

Fragmento de lectura da novela de carácter autobiográfico “La memoria del aire” da poeta e novelista belga Caroline Lamarche (Liège, 1955).

Nesta obra, publicada orixinalmente en francés no ano 2014 e traducida ao español por Raquel Vicedo para a editorial Tránsito (1ª edición no ano 2018), Lamarche aborda as relacións de poder que forman a dependencia afectiva así como tamén a violencia física e psicolóxica que, por desgraza, tan a miúdo está presente nas relacións de parella.

Ir a descargar

Senlleiras (Galaxia, 2018)

Fragmento de lectura da novela “Senlleiras”, da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991).

A obra, publicada en Xerais no ano 2018, aborda o tema da violencia de xénero pasada e presente a través de mulleres que rachan co silencio. Galardoada co Premio Illa Nova de Narrativa.

Esta novela forma parte do catálogo de lecturas que realizaron no club de lectura da Biblioteca de Estudos Locais e da Biblioteca de Monte Alto, sobre a que podedes ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Cometierra (Sigilo, 2019)

Fragmento de lectura do libro de denuncia social e política “Cometierra” da docente, feminista e activista arxentina Dolores Reyes (Buenos Aires, 1978).

Publicada na editorial Sigilo no ano 2019 e dedicada a Melina Romero e Araceli Ramos (vítimas de feminicidio en Pablo Podestá), esta obra é a súa primeira novela na que a escritora aborda unha serie de feminicidios da man da súa protagonista, unha adolescente vidente capaz de escoitar ás vítimas.

Ir a descargar

Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima (Roca, 2017)

Fragmento de lectura do libro “Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima” da escritora, tuitera e columnista Barbijaputa, que publica baixo este pseudónimo.

A obra, publicada na editorial Roca no ano 2017, constitúe unha guía para acabar co machismo escrita con ton sarcástico e estruturada en dez capítulos que comezan cunha frase típica de escusa machista.

Ir a descargar

Alguien bajo los párpados (Anagrama, 2017)

Fragmento de lectura da novela “Alguien bajo los párpados” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade (Santiago de Compostela, 1968).

A obra, publicada na editorial Anagrama no ano 2017, narra a historia de dúas mulleres anciás -Olvido e Bruna- que deciden emprender unha última viaxe nun vello Volkswagen.

Este libro forma parte do catálogo de lecturas realizadas polos grupos de Café con Libros da Biblioteca Os Rosales e pódese ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Con #LemosParaTi remata a nosa programación para este 25N, mais o que non finaliza é o compromiso das bibliotecas como axentes de transformación social. Lembrámosvos que podedes atopar estes títulos no noso catálogo, así como tamén os incluídos na guía de lectura elaborada especificamente para esta campaña.

O #25N nos Clubs de Lectura

As Bibliotecas Municipais da Coruña puxemonos en marcha para ofrecer unha programación entorno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres.

As bibliotecas  somos espazos abertos  á transformación social e queremos ser partícipes do proceso de cambio que é necesario. Sabemos que a discriminación persiste desde as formas máis extremas – como as que sofren as mulleres vítimas de violencia – ata as menos perceptibles que se producen todos os días en todas as áreas. 

Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales e máis do Agora sumámonos a esta reinvindicación co que mellor se nos da, a lectura.

Os grupos de Café con libros da Biblioteca Os Rosales arrancamos este novo curso  con moita ilusión, especialmente con ganas de volver a vernos  e poder seguir compartindo  lecturas.  Adaptándonos a un novo contexto, reubicamos as nosas tertulias nun novo espazo que garantizara todas as medidas  de seguridade e distanciamento social, máis finalmente voltamos as sesións virtuais.

Comenzamos as lecturas con tres autoras, tres historias diferentes pero que comparten un trasfondo en común, unha liña soterrada e as veces non tanto, de violencia e discriminación das mulleres a través de diferentes épocas.  Unha vez máis a literatura como espello da vida, como referente, sempre un paso por diante.

Apostamos por Estamos en el borde de Caroline Lamarche. Desta autora belga xa leramos Frufú,  o primeiro dos relatos que conten o libro durante o confinamento. Tan bo sabor de boca deixou nas nosas tertulias virtuais que apostamos pola lectura completa deste libro de contos. Nove relatos onde se fala da vida, da morte, do amor, do fracaso, da vanidade, e que deron para moita reflexión e análise. A propia autora, vitima de maltrato, volcou as súas lembranzas máis terribles na súa novela La memoria del aire, onde profundiza na  vulnerabilidade da infancia, nas relacións de poder que forman a dependencia afectiva e, sobre todo, nesa violencia que nunca debería de ser consustancial ao amor e que, con todo, tan a miúdo éo.

A seguinte parada lectora levounos ata Agnes Grey de Anne Brontë. A pequena das irmáns Brontë publicou esta novela no ano 1847, unha historia en apariencia sinxela pero que ten moitas capas.  Descubrimos unhas figuras femininas (a propia Agnes e a sua nai) nada convencionais, traballadoras, cultas, autosuficientes, marcadadas por un tempo onde o matrimonio era prácticamente unha saída laboral para a muller. Un reflexo da propia vida das irmáns Brontë, quizais. Pero é especialmente na súa segunda novela, A inquilina de Wildfell Hall, onde aborda a historia dun matrimonio degradado polo abuso e a violencia, na que a muller consigue abandonar ao seu marido e comenzar unha nova vida.  Impensable naqueles tempos.

A nosa terceira lectura do curso foi Alguien bajo los párpados de Cristina Sánchez-Andrade.  A autora  ofrécenos  un retrato, as veces disparatado, as veces mordaz de dúas mulleres octoxenarias, que levan media vida xuntas, Bruna e Olvido. As mulleres  inician unha viaxe en coche trepidante, tanto física como vitalmente,  lembrando a súa vida pasada co trasfondo do estallido da guerra civil e  o mundo rural galego. Dúas personaxes que non deixaron indiferente a ningunha das nosas lectoras. Das que deixan pegada!

Nos Clubs de lectura da Biblioteca Ágora achegámonos á violencia de xénero mediante a lectura de Seique, de Susana Sánchez Arins. O libro foi editado en 2015 por Através Editora, editorial que sacará unha segunda edición aumentada en 2019, tamén dispoñible nas nosas bibliotecas. Ese mesmo ano Seique foi traducido ao castelán e publicado por Deconatus en 2019 baixo o título Dicen. Podedes consultar a guía de lectura na nosa conta de Calameo.

A base de pequenos retallos, rumores e recordos transmitidos de forma oral case sempre por mulleres, a autora recompón a memoria familiar, marcada pola figura dun home malvado, do que ninguén quere falar: Manuel García Sampaio, Manuel de Portarís. Tío Manuel. Maltratador na esfera privada, represor, paseador, alcalde falanxista, na esfera pública. 

Se foi assim de mau com os irmâos e, como seria com os de fora…

Cun ritmo sorprendente, marcado pola repetición dunha frase pronunciada unha e outra vez por un coro ao longo de toda a narración con pequenas variacións, Seique vai penetrando na historia do terror neses primeiros momentos do franquismo. Un terror que no caso das mulleres adquiriu unha forma moi específicas de violencia sexual. Un destes fragmentos Discriminaçâo de género, foi o que produciu maior impacto entre a maioria das nosas lectoras. Outras formas de violencia contra a muller percorren a narración: algunhas bestiais e directas, como a exercida por tío Manuel contra a súa esposa (recollida na segunda edición de 2019). Outras, menos directas, aínda que non menos bestiais, como a exercida sobre a avoa Gloria, obrigada a repartir os seus fillos entre os seus familiares. Todo un armazón de violencia que ten como obxectivo xerar silencio e sumisión: 

Tal qual como mulher que teme o asanho da parella.

Nos clubs de lectura dos Rosales e Agora, tivemos lecturas reveladoras e emocionantes no marco do 25N, nas que se reinvindican os logros silenciosos e non vistos, as aldraxes esquecidas ás mulleres de todas as épocas, condicións sociais. Todas somos Bruna, Agnes, Olvido…

Poderedes encontrar todos os libros dos que vos falamos no catálogo das Bibliotecas Muncipais para ver a súa dispoñibilidade e levalos así en préstamo. Animádevos a traballar a Elimininación da Violencia sobre as Mulleres a través da lectura: exposicións e guía de lectura á vosa disposición para poñerse mans á obra entre todas e todos.

#25N Guía de lectura Ti decides

A Violencia de Xénero é un problema social de carácter poliédrico vencellado á violación dos dereitos humanos fundamentais. Violencia física, psicolóxica, sexual, económica e patrimonial e, mesmo, simbólica son diferentes caras dun feito cultural que se afonda na relación entre mulleres e homes.

Como axentes  de transformación social que promovemos a igualdade de xénero, as Bibliotecas Municipais da Coruña unímonos á conmemoración do Día da Elimininación da Violencia sobre as Mulleres ofrecendo á ciudadanía unha selección de recursos que nos confrontan coas distintas violencias de xénero coas que moitas veces convivimos.

É por iso que presentámosvos esta guía de lectura: unha escolma de literatura, cinema e música que procura mostrar á veciñanza as violencias sexuais  que ameazan á mocidade, eixo do 25N neste 2020 e motor da campaña #TiDecides lanzada desde a Concellaría de de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña.

Así que decídete a megullarte nas nosas recomendacións e recorda que as #BibliotecasSTOPViolencia. Podedes consultar o resto da programación que temos prevista ao longo desta semana nas Bibliotecas Municipais na nosa páxina web. Visitade calquera das Bibliotecas que formamos parte da Rede e poderedes levar en préstamo algunhas das propostas que aquí mostramos e moitas máis:

Mostras: 25N Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, na Biblioteca Os Rosales