Arquivo do blog
Festexamos a participación no Día das Letras Galegas 2020 coa guía de lectura #DesconfinarALingua
As Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á celebración do Ano Ricardo Carvalho Calero que a Real Academia Galega vén de desenvolver este mes de outubro con distintas iniciativas presenciais e virtuais a través da presentación da Guía de Lectura #DesconfinarALingua.
Esta guía de lectura naceu dun tempo estraño e difícil, dunha pausa forzosa confinados e confinadas nas nosas casas. Neste contexto de COVID-19 as Bibliotecas Municipais fixemos un chamamento á cidadanía para “Desconfinar a Lingua” na semana das Letras Galegas.
Nesa nova normalidade houbo unha ferramenta humilde e simple que nos acompañou: as máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, a palabra oral e escrita, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias vidas.
Nesta ocasión, foron centos as persoas que taparon a boca coas máscaras diversas da creación en galego xustamente para desconfinar a lingua, para abrir, cara nós e cara as demais, a xanela grande de todo o que ofrece o idioma. Esas aportacións son as que agora tes nas túas mans, mergúllate nesta escolma de caras e descubre toda a creación que se pode desfrutar en galego.
Lembra que podes descargar a guía na plataforma Calameo e consultar o album de imaxes de todas as persoas que participaron en #DesconfinarALingua.
Os clubs de lectura lemos a Carvalho Calero para #DesconfinarALingua
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha a campaña #DesconfinarALingua, do 11 ao 17 de maio para celebrar o Día das Letra Galegas neste distópico 2020. Unha ocasión para coñecer, usar e vivir a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións. Unha semana que estivo chea de actividades que combinaron a homenaxe á figura de Don Ricardo Carvalho Calero coa potenciación do idioma como lingua de creación.
As Bibliotecas lanzamos unha chiscadela a todos os galegos e galegas para cubrir a boca neste 17 de maio coas máscaras diversas da creación en galego. As máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias. Unha auténtica oportunidade para recomendar e difundir toda a creación en galego, especialmente aquela contemporánea e que está máis viva.
Esta é a resposta que nos estades a dar, se clicades enriba da imaxe, veredes as fotografías recollidas no noso álbum en Flickr de #DesconfinarALingua:
Dende os Clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña traballamos en conxunto e abrimos unha xanela para compartir e facervos partícipes dunha chea de iniciativas para darvos a coñecer a figura e a personalidade de Ricardo Carvalho Calero e a creación en galego.
Velaí vai unha mostra das nosas propostas:
Preparouse unha completa guía de lectura, unha escolma de Poemas Carvalho Calero e mesmo un vídeopoema de “Ferrol”, versos onde autor lembra con moita nostalxia a nenez na súa cidade natal:
A semana comezou ca lectura conxunta nos nosos clubs das BMC dun relato da escritora María Reimondez , “A esencia da cidade” (de descarga libre e gratuita na web de Xerais). Tivemos a grande sorte de ter un Encontro virtual coa autora o xoves 14 de maio, onde poidemos facerlle todas aquelas preguntas que nos suscitou a lectura do seu relato autobiográfico.
Elaborado polo grupo de Teatro Lido da Biblioteca Sagrada Familia, gravouse o “Noticiario Letras Galegas” arredor da figura de Carvalho Calero, indagando tanto na súa faciana como escritor, investigador, profesor e mesmo como persoa. En clave de humor pero sen por iso restar seriedade ao contido:
Axudamos a #DesconfinarALingua apoiando á creación en galego e aos nosos autores e autoras como Lois Alcayde, Tamara Andrés, Andrea Barreira e Clara Vidal, que foron quen de achegarnos as súas recomendacións de literatura, música e cine en galego.
Continuamos coa presentación de “Vieiros de esperanza”, un documental de Antón Rodríguez Fernández, inédito na rede ata esta mesma semana, no que se ofrece un percorrido pola traxectoria vital do autor ferrolán a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega:
Desde o club de Clásicos da Biblioteca Castrillón leeron “O Galo”, relato incluído en “Contos da néboa” de Ánxel Fole, compañeiro de tertulias do autor ferrolán no lexendario café Méndez Nuñez de Lugo.
Os membrxs dos nosos clubs tiveron unha participación activa e destacada, non so cubrindo as súas facianas con portadas de libros en galego, tamén prestaron as súas voces para gravar algúns dos poemas mais recoñecidos de Carvalho:
Ir a descargar Poema: “Calquer lugar e bo para morrer” (lectora da Biblioteca Ágora)
Ir a descargar Poema: “”Viage” (lectora da Biblioteca Ágora)
Meu querido profesor, así comeza unha carta escrita por Mercedes Bueno, una alumna de Don Ricardo Carvalho Calero na facultade de Filosofía e Letras, e membro dun dos nosos clubs de lectura. Unha sentida homenaxe que reflexa mellor que nada a esencia e a magnitude dun dos autores que máis fixeron polo uso e a divulgación da lingua galega. Pechamos deste xeito tan fermoso unha semana repleta de actividades para festexar o Día das Letras Galegas na nosa rede de clubs de lectura:
Por todo esto hoxe, no seu día, quero dicirlle que todos os seus ensinos e o seu amor por Galicia, penetraron nos nosos novos corazóns e prenderon a chama. Os seus coñecementos e sabedoría marcaronnos o camiño da liberdade, a mesma que lle faltou a vostede nalgúns momentos difíciles da súa vida.
De seguro seguiremos a festexar o ano de Carvalho Calero máis adiante, así como a ler, recomendar, visibilizar as nosas Letras, no dixital e no presencial, cada día e como parte fundamental da nosa labor.
Do teatro lido ás ondas: Carvalho Calero
Era o ano 2017 cando na biblioteca Sagrada Familia decidimos poñer en marcha un obradoiro de teatro lido. Considerabamos que o teatro lido encaixaba perfectamente no proxecto da biblioteca, como unha forma de estimular a lectura, achegarse ao xénero dramático, practicar a lectura pública sobre todo en galego e proporcionar un medio máis para o goce do tempo libre en grupo.
E levamos xa catro edicións deste obradoiro, que xa se converteu nun club, que se reúne semanalmente, os luns a partir das 19.30 horas, para practicar esta afección. Facémolo combinando a lectura en si de textos teatrais, con exercicios e prácticas de formación actoral. Así, aínda que o propósito é a lectura expresiva, non desbotamos xogos de expresión corporal ou de improvisación. O obxectivo final –á parte de sobre todo divertirse moito– é representar un espectáculo ao final do curso. Non nos centramos nin nunha obra concreta nin nun xénero en particular. Para estimular máis a participación e formarnos máis, escollemos fragmentos de todo tipo de textos, desde dramáticos a cómicos, e non só estritamente teatrais: tamén usamos poesías, contos e ata nos atrevemos a cantar!!
E como as persoas do club son moi ousadas, ás veces pasamos a barreira do “lido” para pasar á representación teatral completa, con escenografía e vestiario incluídos.
Trátase, como vedes, dunha experiencia moi aberta, que pode chegar ata onde queiramos. O teatro para nós non ten límites!!
Este ano comezamos o curso traballando arredor da radio. Porque a radio foi unha grande impulsora do teatro lido, a través do radioteatro, das radionovelas… E niso estabamos traballando cando nos pillou esta situación. Pero como recursos non nos faltan, decidimos aproveitar da mellor maneira a adversidade e converter o proxecto de montaxe, nun programa radiofónico en sentido literal. E para iso contamos coa inestimábel axuda de don Ricardo Carvalho Calero, a quen precisamente este ano –que mala sorte tivo o home– se lle dedica o Día das Letras Galegas. Non se poderá celebrar de maneira presencial ata o mes de outubro, pero si de maneira virtual, e para iso que mellor que o noso club de teatro, xa adoito nas artes radiofónicas despois do traballo de todo o curso.
Así, cada unha e cada un desde a súa casa, logo de perfilar un guión e de documentarnos abundantemente nas redes, achegou o seu baguiño para a pipa do viño, e construímos entre todos un noticiario especial Día das Letras Galegas, dedicado a don Ricardo Carvalho Calero.
Xogamos coa ficción e a realidade, porque a radio é o que ten: que se pode facer maxia. E así poderemos escoitar tanto á nosa querida Mercedes Queixas, profesora, investigadora, escritora e académica igual que o foi don Ricardo, como a unha carioca lendo Scórpio, un antigo alumno do colexio Fingoi, a música lusófona de A minha Embala, ou –isto é marabilla pura– unha entrevista en vivo a Carvalho Calero! E moitas cousas máis que poderedes escoitar.
Dicímosvolo en serio: se tedes ganas de coñecer máis a figura de Carvalho Calero, non só na súa faciana de escritor, senón como persoa, esta é a vosa mellor –e máis entretida– oportunidade. Dinme as rapazas do club de teatro que poderiamos montar uns anuncios radiofónicos sobre Carvalho, pero xa é moito… Hai que deixar algo para cando volva comezar o curso, pasado o verán e cando saibamos como vai ser esa “nova normalidade”. O que é certo é que sexa cal sexa, o club de teatro vai seguir funcionando, e desde aquí invitámosvos a participar nel. Non tedes curiosidade? Atrevédesvos? Tedes valentía para probar? A diversión está garantida! E quen sabe, se cadra nuns meses estades facendo a competencia, ou mesmo desbancando, ás grandes estrelas da radiodifusión ou da escena!!
E agora, pasádeo ben con don Ricardo Carvalho Calero, que seguro que tras escoitar o noso noticiario ides collerlle cariño, xa veredes.
E se queredes escoitalo sen imaxes, podedes acceder ao podcast desde iVoox: