Arquivo do blog

Papá, qué son os sorrisos?. Presentación do libro na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Desde a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil  convidámosvos a un novo encontro de L3Mos, desta banda coa nova editorial coruñesa Galebook, con “Papá, qué son os sorrisos?”

En L3mos, organizamos encontros con autores de literatura infantil e xuvenil que nos presentan os seus novos libros. Nesta ocasión a editorial Galebook preséntanos o libro “Papá, qué son os sorrisos?” da escritora ceense María Canosa e do ilustrador Dani Padrón, autores que xa teñen traballado xuntos noutras obras que tamén temos na biblioteca, que podes atopar no noso catálogo e levar en préstamo para a casa.

O título do conto xa nos da unha pequena pista do que pode acontecer; ou non, porque as preguntas dos nenos poden parecer sinxelas pero as veces non son tan doadas de contestar, non sí?. Así:

Miguel quixo saber que era un sorriso, e a duras penas o pai soubo representarllo. Con iso non era suficiente, porque Miguel o que en realidade quería, era aprender a sorrir. Aí comeza o camiño da busca da felicidade, camiño no que Miguel aprenderá que existen elementos cotiáns que son prescindibles, e outros básicos sen os que dificilmente poderemos seguir adiante. Ao longo do texto ponse de manifesto o valor do coidado ao medio ambiente, do amor á natureza, do respecto ao que nos rodea, así como a importancia da paciencia, a perseveranza e a loita polos soños.

Papá, qué son os sorriros?

Papá, qué son os sorriros?

Esta historia, ademáis dos valores que transmite, tamén conta co engadido dun Cdrom que contén unha versión dixital do libro que se pode reproducir en ordenadores ou pizarras dixitais. Nesta versión, xunto con algunha animación, podemos escoitar a voz da propia autora narrando o conto. Tamén hai unha serie de exercicios dixitais interactivos que intentan afondar en algúns aspectos lingüísticos e de comprensión, ofrecendo así unha experiencia moi completa  aproveitando diferentes ferramentas tecnolóxicas do noso tempo.

Sorrisos

Agora convidámosvos a participar nun xogo sobre o que pensamos que son os sorrisos. Achégate á Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil o día 18 de marzo as 18:30h. e xoga con María Canosa e cos debuxos de Dani Padrón.

Achéganos un poema, un conto, un debuxo… o que tí queiras e que represente o que son para tí os sorrisos, e levarás un agasallo da man da editorial Galebook.

Non o podes perder. Agardámoste.

A ilustración galega na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

A Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña súmase á celebración, por primeira vez, do Día da Ilustración en Galicia. Esta celebración está promovida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura, e como tal aparece recollida no Calendario do Libro e da Lectura do ano 2014.

A data escollida, o 30 de xaneiro, coincide co nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura senxeira da nosa cultura e debuxante, polo que a data acae moi ben para destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, sobre todo si pensamos na literatura infantil e xuvenil, e tamén para poñer en valor este sector e os profesionais que traballan nel.

Porque en Galicia temos grandes profesionais da ilustración, artistas consolidados e premiados co merecido recoñecemento a nivel nacional e internacional, e novos valores que permiten pensar nun brillante futuro.

Desde as bibliotecas municipais queremos render unha pequena homenaxe a estes grandes artistas mediante unha pequena mostra bibliográfica da que podemos salientar títulos como “O coelliño branco” ilustrado por Óscar Villán, “Cidades” ilustrado por Pablo Otero “Peixe”, “O peizoque Roque” ilustrado polo betanceiro Xosé Tomás, “Venres” con debuxos de Dani Padrón, e moitos máis títulos de artistas como David Pintor, Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez, Noemí López, Manuel Uhía, Xosé Cobas, Antonio Seijas, Marina Seoane, Manel Cráneo, etc…

 Se queres saber máis da ilustración contemporánea galega, podes facelo na páxina de Gálix ou achegarte o catálogo de ilustradores da AGPI.

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Esta mostra, estará exposta ata o 28 de febreiro na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, pero se queres ir abrindo boca podes botar unha ollada ao noso taboleiro de pinterest onde temos recollidos todos estes títulos.

E xa sabes, no noso catálogo podes consultar estas e máis obras dos ilustradores contemporáneos galegos.

catalogo1

 

L3mos con María Canosa e Dani Padrón

Co novo ano, voltan os encontros con autores, baixo o lema L3MOS, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil,  para este encontro que terá lugar o martes 11 de febreiro ás 18:30h  teremos a sorte de contar con María Canosa e Dani Padrón que nos presentarán o seu álbum Viaxes de Inverno.

O obxectivo desta programación é dar a coñecer autores locais de literatura infantil e xuvenil, así como presentar novidades editoriais que vaian dirixidas a este público dende as Bibliotecas Municipais da Coruña.

Viaxes de Inverno

Viaxes de Inverno é o título do álbum editado por Everest Galicia froito do tandem de xóvenes talentos que forman a escritora María Canosa e o ilustrador Dani Padrón, que xa traballaron xuntos en Acuario de edicións Émbora e viñeron tamén á esta biblioteca a presentárnolo, e no “O papaventos de Laura”, obra coa que acadaron o VIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” da Deputación de Ourense no ano 2011.

Viaxes de inverno

Inverno, unha pinga de auga. Narra como son ás suas aventuras dende o nacemento ata chegar ao mar, onde todo volve a empezar.

Ademáis do lirismo poético dos textos de María no que tan importante é a presencia do mar, a historia ten unha clara aplicación didáctica xa que fala do amor á Natureza e do ciclo da auga dun xeito sinxelo para a comprensión dos primeiros lectores cun estilo tenro e unhas ilustracións que acaen a historia coa finura e a delicadeza de Dani Padrón.

Se queredes coñecer máis obras destes dous artistas non tedes máis que consultar o catálogo das nosas bibliotecas municipais.

Catálogo