Arquivo do blog

“Cre en ti”, novo ciclo temático na Biblioteca do Fórum

Na Biblioteca do Fórum estamos inmersos no ciclo temático “Cre en ti”. Un ciclo formado por unha selección de fondo bibliográfico e documental específico e por unha serie de actividades presencias na biblioteca que acompañan á mostra dando unha maior visibilidade e aportando un valor engadido. A selección bibliográfica está dispoñible para o préstamo e podedes consultar unha pequena escolma a través da guía de lectura.

O ciclo foi pensado e elaborado coa finalidade de axudar a mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios e usuarias. Cada vez é máis importante prestar atención ó momento presente para tomar o control da nosa vida e cultivar as fontes da felicidade.

O estilo de vida actual fai preciso adoptar novas ideas e formas de pensar que nos permitan xerar novos comportamentos e actitudes, para, deste xeito, mellorar a nosa calidade de vida e alcanzar as metas e obxectivos que nos propoñamos, e poder gozar dunha sensación de benestar.

Até o de agora aprendemos como adestrar a nosa respiracion para acadar o benestar tanto a nivel físico como emocial da man das persoas profesionais do Centro de Ioga Integral Mahashakti.  Achegámonos ó mindfulness da man de Manu Mariño (máster universitario e experto na materia) quen nos dou coñecemento de como nos  pode axudar na nosa vida e ensinounos como aplicalo e integrar a súa práctica no noso día a día.

Estas son algunhas das nosas recomendacións bibliográficas:

El camino del mindfulness.

Un programa de 8 semanas que che pode axudar a superar a depresión, a ansiedade e a tensión, simplemente aprendendo novas formas de responder aos teus propios pensamentos e sentimentos.

 

 

Tu primera sesión de meditación. Alejandra Vidal.

A tensión, a ansiedade, a depresión… son produto da frenética actividade mental á que estamos sometidos, e a meditación é a técnica ideal para aprender a deterse e gozar.

 

Calma. Michael Acton Smith

Calma é un libro interactivo, práctico, precioso e orixinal que axuda a recuperar a calma en medio da frenética rutina da vida cotiá.

 

 

 

Cree en ti Rut Nieves Miguel

Por que hai persoas que conseguen facilmente o que queren e outras non? Estás canso de que a túa vida non cambie? Mentres non tomes conciencia de quen es e non te ocupes de te coñecer, serás unha marioneta do teu subconsciente. Cre en ti non é un libro de autoaxuda. Cre en ti é un libro de autoempoderamento.

 

E a través dos contos en “A arte de emocionarte” nenos e nenas aprenderon a poñer nome ás súas emocións, a identificalas e adestralas, unha das bases para conseguir unha boa intelixencia emocional.

Soy feliz, no me preocupo. Jimmy Liao

Soy Feliz é un libro ilustrado ao detalle, en pequenas e grandes viñetas a todo cor, cunha linguaxe sincera e directa. Nel danse cita temas universais como o amor, o paso do tempo, a procura e a perda. E é que eran moitas as preocupacións do autor taiwanés, ata que descubriu que, en realidade, eran cousas polas que non valía a pena preocuparse.

Momo. Michael Ende.

Momo é unha nena que posúe a marabillosa calidade de saber escoitar aos demais e que desexa axudar á xente para humanizar as súas vidas. Sobre todo cando os homes grises deciden apoderarse dun dos bens máis prezados que posúen as persoas: o seu tempo. Porque o tempo é vida e a vida reside no corazón.

 

Bestiario de las emociones. Adrienne Barman.

Un mostrario salvaxe de emocións no que os pequenos lectores poderán recoñecer a algúns dos animais máis sorprendentes do popular Bestiario de Adrienne Barman.

 

 

Estes son só algúns exemplos das nosas recomendacións, na Biblioteca Fórum podedes atopar unha selección moito máis ampla para levar en préstamo. E lembrade que durante todo o mes de novembro continuaremos coa programación de actividades relacionadas co ciclo “Cre en ti”, non deixedes de consultala na nosa páxina web e tamén a través das nosas redes sociais. Tamén vos deixamos unha pequena selección de fotos do acontecido até o de agora.

Guía de lectura “Cre en Ti”

“Si tus pensamientos son positivos, tu cara brillará como el sol y siempre estarás radiante” Roald Dahl