Arquivo do blog

Nova York. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 2

Boeing 787Dreamliner

Que si, que si, que se chamaba Julio Iglesias!

Por fin chega o día!! Despegamos para dar a volta ao mundo!! Nun flamante Boeing 787 voamos cara a Nova York cunha, non imos negalo, certa inquietude ante o que se supón imos atopar no control de entrada no JFK (o aeroporto principal da NYC). Tantas historias de persoas confundidas con terroristas, de programas de Control de Aduanas onde parece que nin Deus se salva de que o leven a un cuarto apartado para facerlle interrogatorios, de revisións de maletas onde analizan microscopicamente a túa roupa interior por se tiveches contacto con droga… Así vou eu no avión, mentres volvo reler o utilísimo libro de Javier Reverte, New York, New York. En serio, non viaxedes alí sen ler antes este libro. Ah, por certo, o avión de Air Europa leva como nome Julio Iglesias: Vuela amigo, vuela alto, no seas gaviota en el mar… Aaaiiiii…

Aeroporto JFK

Aeroporto JFK, co Skyline de Nova York ao fondo

E aí está, aí está, o temíbel JFK!! Son as 5.24 pm (hai que afacerse ao modo de sinalar as horas nestas terras). As rodas do avión tocan terra. O traslado ata a terminal faise en autobús. As mans xa empezan a suar. Os ollos pendentes de mil e un carteis e voces das “agradábeis” funcionarias que nos reciben. Eu, disimulando, como se levara anos entrando neses aeroporto, con cara digna, dirixíndome a onde ía a maioría. E chega o momento da témera presenza do policía que escruta o meu rostro, mira o pasaporte, grava as miñas pegadas dixitais, fai unhas cantas preguntas: onde se aloxará, cantos días estará e –a pregunta que me perseguirá ao longo desta viaxe– estivo en China nas últimas semanas? E listo, paso para recoller a miña maleta e cruzo a porta de saída sen que sequera se fixen en min. Son as 6 pm e xa estou fóra. Trinta e seis minutos desde que o avión tocou terra! Tanta historia para isto??? Que decepción.

Vista de Nova York desde o hotel Hilton

As miñas vistas desde o piso 40 do hotel Hilton

A partir de aquí comeza a miña aventura neoiorquina. Pouco máis de tres días percorrendo a Gran Mazá. Dou fe de que é grande. Non vai comigo (cando non é necesario) usar taxis, trens, metros nin autobuses, pero confeso que menosprecei o seu tamaño. Non o creredes, pero nos tres días camiñei 63 km. Vistes por que vos avisara no capítulo anterior de que prepararades as zapatillas? O primeiro día, logo de 32 km, os pés reclaman regreso urxente ao hotel. Tampouco é de estrañar, vendo as vistas que teño desde o meu cuarto, un piso 40 xusto fronte ao Memorial 11S, onde antes estaban as Torres Xemelgas. Dan ganas de quedar alí todo o día e toda a noite, pero non é plan.

Hospital Bellevue

Rondando a nova tempada da serie “New Amsterdam”

Tres días en Nova York dan para namorar da cidade e pouco máis. Lugares que che resultan familiares a forza de velos en películas, reportaxes, noticias e fotos. Eu aproveito para visitar o hospital onde se rodou unha das miñas series favoritas do pasado ano, New Amsterdam. O centro hospitalario Bellevue non é un hospital calquera. Ten a súa historia. É o hospital público máis antigo dos Estados Unidos, fundado en 1736. Así que os meus primeiros pasos van para alí. E mira que sorte, que chego xusto cando están rodando a nova tempada de serie. Pero son eu o único famoso alí. O resto son figurantes. Que lle imos facer.

Carina e Jorge Castro

Encontro galaico-arxentino co Empire State de fondo

E de súpeto, un whatsapp!! Unha vella amiga miña (vella pola antigüidade da amizade, non pola idade da aludida), Carina, da Arxentina, está en Nova York pasando tamén uns días. A última vez que nos vimos foi en Bos Aires o pasado ano. Así que veña, quedamos para xantar. E como quen coñece a cidade de toda a vida, fixamos o famoso Flatiron como punto de encontro. Total, só está a 2 km do hospital. Que pequeno é o mundo… Unha galego-arxentina e un galego-coruñés reunidos en Nova York! Este encontro foi máis fácil que atopar logo un sitio onde xantar ao noso modo: con calma, con tempo para relaxarnos, con prezo asumíbel e fuxindo da fast-food. Porque comer en Nova York non é como comer aquí, a non ser que teñas un presuposto de certo nivel. Acabamos caendo nun oriental máis ou menos aceptábel.

McSorley's

O pub máis antigo de Nova York!

McSorley's pub

As cervexas de dúas en dúas, para que andar con parvadas!

Non vou contar aquí todo o que ten que ver Nova York, porque moitos e moitas de vós xa teredes estado por alá. Non achega nada se me poño a falar de Wall Street, do skyline, de Central Park, de Times Square, a ponte de Broadway ou a Quinta Avenida. Visitei todo, claro que si, pero boto man do libro que vos comentei antes de Javier Reverte. E seguindo os seus consellos, non podía perder unha visita a un negocio dos nosos irmáns irlandeses. O pub máis antigo de Nova York: McSorley’s, aberto en 1854. Non o podedes perder: piso cheo de serraduras, paredes cubertas de recordos e de proclamas á independencia irlandesa… Foi o lugar elixido por Scorsese para facer o casting da súa película Gangs of New York. Outro lugar cinematográfico! Pido unha cervexa (tes para elixir: light ou dark). Pero a cousa non vai así aquí: as xerras servénse de dúas en dúas, nunca unha soa. Así que aquí me tedes con dúas dark fronte a min, apostado na barra cal vaqueiro no oeste, ollando para o persoal do pub, comezando polo vello camareiro, falangueiro e pícaro, que parece coñecer a toda a clientela a xulgar por como se comunica con todos a berros desde dentro da barra. Consumidas as dúas xerras considero conveniente probar a modalidade light, así que pido two beers, o que provoca a mofa do vello cantineiro a conta da miña pronunciación: two beers/too beers. O caso é que me entende e aí teño as miñas terceira e cuarta birras… Pensaredes no sufrimento do peto dun pobre turista en Nova York. Pois o prezo é outro motivo de asombro neste establecemento: dúas cervexas só custan 6 dólares. Non paga a pena a visita? Se teño que escoller entre a Estatua da Liberdade e o McSorley’s, non teño dúbidas.

Cabina do Concorde

Eu na cabina do mítico Concorde

Ao que non podo renunciar –chamádeme tolo– é a coñecer un Concorde de British Airways, o mítico avión comercial de pasaxeiros que desde 1973 e ata o 2003 cruzaba o Atlántico desde Londres en 3 horas e media. No Intrepid Sea, Air & Space Museum teño a oportunidade dunha visita guiada ao seu interior e unha explicación de 20 minutos para min e unha parella máis. Un privilexio para un chaladiño da aviación comercial como son eu. A que luzo ben na súa cabina? Por certo, ademais da entrada deixei un donativo de 2 dólares ao museo e ao regresar á casa atopo unha carta agradecéndome ese donativo. Os selos desa carta costaron 1.80…

The Hispanic Society of America

The Hispanic Society of America

Diredes agora, un bibliotecario non vai visitar unha biblioteca? A ver, obrigatorio non é, e 3 días tampouco dan para tanto, pero si que visito The Hispanic Society of America, un museo e biblioteca de investigación para o estudo das artes e cultura de España. Pero se por algo me interesaba é porque esta institución foi a que fixo posíbel as viaxes de Ruth Matilda Anderson a Galiza, onde tomou case 8000 fotografías percorrendo toda a nosa xeografía, nos anos 20 do pasado século. Afundación de Abanca publicou hai tempo un libro onde recollía algunhas: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Unha mirada de antano. Pero estando alí, na sede desta institución, levei outra sorpresa: era posíbel comprar un exemplar de Pontevedra and La Coruña. Gallegan Provinces of Spain de Ruth Matilda, onde publica as súas fotos e o diario da súa viaxe por Galiza. Non era un exemplar actual, reeditado, senón a edición orixinal, de 1939!!! Unha reliquia por só 30 dólares!!!

E aquí remata a miña crónica neoiorquina. O resto, o que non conto, tédelo en calquera guía. Ah, esquecía recomendarvos outro libro para coñecer esta urbe: Nueva York, de Edward Rutherfurd, un percorrido polos seus 400 anos de historia e que vos axudará a comprender mellor esta sorprendente cidade. Tanto este libro, como o de Javier Reverte ou o de Ruth Matilda Anderson (o da Afundación) tédelos nas bibliotecas municipais.

E para ilustrar este capítulo, unha galería con algúns dos momentos “estelares” que vos acabo de contar. Dentro de dous días o seguinte capítulo: Australia!!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 1

Wild GeorgeE comezamos esta novela por entregas. Sen ansias, que hoxe só é o limiar. A aventura virá a semana que vén. É apta para todos os públicos. Non haberá contidos sensíbeis nin escenas truculentas. Podo xa adiantar, sen por iso desvelar o final, que o protagonista non morre (espero que por isto non decaia o voso interese). E antes de nada, preséntome: son Jorge Castro, bibliotecario da Sagrada Familia. E serei bibliotecario, si, pero isto de estar sempre entre catro paredes non vai comigo. E non o tomedes a mal: estou moi contento con vós, cos usuarios e usuarias… pero un –que lle imos facer– ten alma de explorador. Si, si que se contradí coa imaxe típica de bibliotecaria-bibliotecario. Pero pensade un momentiño: no fondo, unha persoa amante da lectura e dos libros, non ten un pouco de aventureira e exploradora? Non lemos ás veces para escapar da realidade, ou para descubrir mundos afastados, ou para vivir aventuras imposíbeis? Así que, unha tarde na biblioteca, pensando nestas cousas, decidinme: vou dar a volta ao mundo!!! E non en papel: de verdade!! E púxenme mans ao carro!

Primeira cousa que se vos pasa pola cabeza: tanto gaña o persoal bibliotecario para permitirse ese luxo? Siiii, non o ocultedes… Todo o mundo o pensa, e moitas persoas mo dixeron. Pois non, non gañamos tanto, pero asegúrovos que non é tan caro como pensades. É cuestión de usar as ferramentas que temos hoxe en Internet para facer buscas e dedicarlle un chisco de tempo e ilusión. Xa sabedes iso de que as viaxes se viven tres veces: cando as soñamos, cando as vivimos e cando as lembramos. Pois aí me tiñades xa na primeira parte da viaxe.

Sorprenderíavos saber algúns prezos de voos. Cando se fala de dar a volta ao mundo, un pensa decontado en cantidades astronómicas. Pero non, non ten relación para nada coa distancia percorrida. Douvos algúns prezos dos que paguei para que vos situedes: un voo de 17.218 quilómetros de Nova York a Adelaide, en Australia, saíume por 676 euros, e por un Adelaide-Doha-Madrid (16.669 km) paguei 445 euros. Seguramente algún ou algunha de vós tivo que pagar cantidades parecidas nalgunha ocasión para simplemente voar a Madrid ou Barcelona! Son cartos, claro que si, non o discuto. Pero se cada día ides metendo algo no peto, aos poucos podedes ter aforrado para ese soño. E como soño que se prece, non é algo para facer todos os anos (a ver se imos caer na rutina de dar a volta ao mundo cada doce meses!)

Myflightradar

O meu Myflightradar, unha ferramenta online onde quedan reflectidos todos os voos feitos.

Vedes a importancia da formación nas ferramentas de Internet? Dáche a oportunidade de ser autónomo, de empezar a voar antes de despegar, de percorrer coa imaxinación rutas afastadas, de saborear gastronomías exóticas… Os aloxamentos… Acabas coñecendo as cidades antes de ir. Empezas a combinar presuposto con sitios que queres visitar na cidade, a mirar recomendacións doutras persoas viaxeiras. Eu cheguei a Nova York coñecendo xa a cidade logo de mirar unha e mil veces Google Maps, usando Street View para ver o hotel desde fóra, camiñando virtualmente polos arredores dos hoteis que estaba mirando para elixir…

E colles tamén na biblioteca guías de viaxe, as de toda a vida, as de papel, pero agora cada vez máis conectadas coa rede, con códigos QR, enlaces de interese para ampliar a información en Internet. E tamén, moi importante, literatura de viaxes. Un bo autor viaxeiro, que che conte os destinos doutra maneira, con eses lugares persoais, que poucos coñecen, con esas recomendacións prácticas, con esas orientacións para gozar dunha cidade da maneira que un turista convencional nunca poderá facer.

Disque unha das virtudes dunha bibliotecaria, dun bibliotecario, é a paciencia. Se cadra non o dixo ninguén. Ou ninguén importante. Pois daquela dígoo eu. Así que se ides programar unha viaxe “considerábel” que non vos entren as présas. Meses de planificación a ser posíbel. As miñas compañeiras da biblioteca da Sagrada, todas elas moi viaxeiras tamén, dedican tempo e tempo a facer isto que vos estou contando eu. E non reservamos o hotel e xa. Non, non, somos algo así como corredores e corredoras de bolsa. Estamos sempre pendentes da flutuación dos prezos, porque o aloxamento que hoxe custa 100 mañá pode custar 40, así que de cando en vez botamos unha olladiña ás páxinas de reservas. Son as cousas que che permite Internet hoxe en día, que che dá tempo para que o penses ben.

E con todo isto, estades preparadas e preparados para iniciar comigo esta volta ao mundo?? Imos ir con intensidade, aviso. Preparádevos para patear moito (collede unhas boas zapatillas), para pasar algúns apuriños en aeroportos (como ides de idiomas?), para non saber que roupa poñer (non tocaba frío en Nova York e calor en Qatar? que pasa aquí?). Deixade atrás o Covid ese (cando leo o do Covid lémbrome de Cobi, a mascota dos xogos olímpicos de Barcelona) e a viaxar. Teño que dicirvos que a min este bicho perseguiume ao longo destas tres semanas sen chegar a alcanzarme… Tras min foron cerrando voos e fronteiras. Cheguei polos pelos…

Pois o luns comeza a aventura. Pero se queredes ir abrindo boca, déixovos aquí algúns enlaces a outros viaxeiros nas redes que son interesantes para seguir:

  • Jorge Sierra: Naranjito y yo. É un aventureiro coruñés, enxeñeiro de telecomunicacións, de Monte Alto, que percorreu o mundo nun 2cv de cor laranxa. Foron 1430 días de viaxe, 117.000 km, 54 países que deixou contados nestes vídeos. Unha boa opción para ver esta finde.
  • Luisito comunica. Un dos youtubers máis seguidos de Latinoamérica. É mexicano. Non é unha canle só de viaxes, pero veredes que se moveu por todo o mundo, con aventuras ben interesantes (probando comidas exóticas, experimentando como é durmir nos aloxamentos máis baratos ou viaxar nas clases máis luxosas, coñecendo supermercados nos seus destinos…) Entretemento asegurado, de verdade.
  • El rincón de Sele. Unha web onde un viaxeiro, José Miguel Redondo, vai contando as súas viaxes desde 2006.
  • La vuelta al mundo en familia. Unha canle de Youtube dunha familia con tres fillos de 1, 4 e 6 anos que deixaron casa, colexio, empresa e Madrid, e botáronse a percorrer o mundo nun camión 4×4.
  • El mundo en moto de Charly Sinewan. Outra canle dun viaxeiro que percorre o mundo en moto.