Arquivo do blog

#DesconfinarALingua é apoiar desde as Bibliotecas aos nosos autores e autoras

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, no noso profundo compromiso coa promoción e difusión da lingua e cultura galegas, lanzamos a campaña #DesconfinarALingua do 11 ao 17 de maio para celebrar as nosas letras neste ano 2020. Unha proposta que nace tras un período de confinamento e un estado de alarma por mor da crise sanitaria Covid-19 que nos obrigou a parar o mundo e dalgunha maneira -ou iso espero- repensar(nos) como individuos e como sociedade para vivir de forma máis harmónica e sostible, e por suposto, unha iniciativa para abrazar o noso idioma como ferramenta de futuro, utilizándoo e vivíndoo con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións.

Desconfinar a lingua para descubrir toda a creación que se pode desfrutar en galego, desconfinar a lingua para recomendar e dar a coñecer creacións de noso, desconfinar a lingua para poñer o foco tamén na creación máis viva e contemporánea e apoiar desde as bibliotecas aos nosos autores e autoras. E con este propósito, desconfinamos hoxe a lingua con Lois Alcayde, Tamara Andrés, Andrea Barreira e Clara Vidal, que ademais de respondernos a unha serie de preguntas que lles formulamos tamén nos fan chegar as súas recomendacións de literatura, música e cine en galego.


Lois Alcayde Dans

Escritor e xornalista coruñés nado en 1997. Colaborador na Revista Luzes e en O Salto Galiza, ademais de coordinador da sección de xornalismo da revista de poesía contemporánea, periodismo e investigación literaria Ligeia.

A súa primeira obra “Camiños na sombra” (Edicións Fervenza, 2016) foi galardoada co I Premio Balbino de Relatos. En 2019 é gañador do XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores do Concello de Modoñedo co título “Anoar” e publica neste mesmo ano a novela “Os jeans de María” (Galaxia, 2019).

  • Como se define Lois?

Lois súmase a #DesconfinarALingua recomendando o poemario “A boca da terra” de Manuel Rivas.

Para isto sempre veñen ben os xerundios “aprendendo” e “mirando”. Considérome unha persoa curiosa. Dende pequeno gústanme as historias, non sei se case máis escoitalas que facelas, igual por iso téñolle tanto cariño á radio, á voz. Na vida preciso o humor, tamén, como algo ineludible. O humor dános a perspectiva. É curioso que un dos elementos esenciais da vista, o “humor vítreo” sexa o que lle dá a forma ao ollo. Penso que o humor, a sorpresa, a comicidade que pode desembocar no drama, están presentes no feito de narrar e tamén nas nosas vidas.

  • Que te inspira para escribir? Cal é o teu motor?

Realizar a cousa coa que más disfruto e sen a cal non podería vivir, que é escribir, ese sería o impulso case retroactivo, realizar o que amas polo pracer de facelo.
Amar a vida -hai que sacar máis verbos ao sol, sobretodo o verbo amar, penso-, temer as desgrazas, sentir a perda, disfrutar o amor, contar o mundo que observas… . Escribir pode ser un acto de amor á humanidade, ese feito de compartir. Escribir vai máis aló de narrar, de describir, é tamén combater o silencio. Está a maxia que encandila os ollos nun cadro, nas páxinas dun libro, nun fermoso edificio, ese feitizo é a sensualidade da suxerencia. Suxerir, desvelar, vivir, poderían ser algunhas palabras que alimenten tamén a escritura. Se falamos dun motor persoal, par min sería a infancia e as primeiras sensacións, as que modulan o ollo e agudizan a nosa sensibilidade, acompáñannos toda a vida.

  • Un soño por cumprir…

Os soños bos ás veces son os máis pequenos, os que se constrúen todos os días e son sinxelos e fermosos. Un bo soño e esperanza para o futuro sería seguir descubrindo, seguir aprendendo, tamén seguir disfrutando do meu traballo e das persoas ás que máis quero e ,por que non, poder viaxar moito máis.


Tamara Andrés

Escritora e tradutora nada en Combarro no ano 1992. Combina a súa actividade artística coa tradución e a labor docente e investigadora. Dirixe ademais, xunto ao escritor e filólogo pontevedrés Marcus Daniel Cabada, a Revista Ligeia.

En 2015 publica o relato curto “Amentalista” (Diversidad literaria) e é galardoada co Premio de Poesía O Facho por “Nenæspiraes”(Medulia, 2016). O seu poemario “Corpo de Antiochia” (Galaxia, 2017) resulta finalista no Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018 e no 2019 dúas novas obras poéticas ven a luz: “Bosque vermello” (Edicións Positivas) e “Irmá paxaro” (Cuarto de inverno), gañadora esta ultima na V Gala do Libro Galego na categoría de libro ilustrado.

  • Como se define Tamara?

Tamara súmase a #DesconfinarALingua co seu título “Distancias” (Galaxia, 2020), un álbum ilustrado concibido en colaboración con Marcos Viso.

Como unha persoa que pasa o día entre palabras coma se fosen malabares.
Como unha rapaza que foi criada sobre a memoria da emigración.
Gústanme o mar, os rinocerontes, a orde, os froitos secos, os mangos, o arroz, o ballet, a chanson e a literatura francesas.
Fun atravesada por Lois Pereiro, Rosa Aneiros, Amélie Nothomb, Chano Piñeiro, Rosalía de Castro, Annie Ernaux, Xulio López Valcárcel, François Truffaut, Silvia Penas, René Magritte, Pink Floyd, Marcos Viso, Uxío Novoneyra. Formo parte da xeración das crises, o que tamén me atravesa.

  • Que te inspira para escribir? Cal é o teu motor?

A verdadeira descuberta da poesía chegou con Lois Pereiro grazas a un profesor. A base da miña bagaxe literaria débollela a certxs docentes, tamén bibliotecarixs, polo que son unha porción ben contundente dese motor.
Os meus textos xorden dunha vontade de interpretar o mundo e o seu misterio, de codificar certa actitude permanente de abraio. Tamén parte a palabra de intentos (ás veces desesperados) de atesourar certas ideas, certas imaxes, que se aparecen como faíscas.

  • Un soño por cumprir…

Converter as paixóns nun medio de vida real e digno.


Andrea Barreira

Xornalista de formación e escritora nada na Fonsagrada no ano 1986. Combina a escrita coa labor docente, impartindo obradoiros de narrativa para público adulto e adolescente en Gestión Cultural_Taller Abierto (Pontevedra). Forma parte do colectivo feminista de crítica literaria A Sega.

No ano 2016 publica a súa primeira novela, de xénero fantástico e dirixida ao público xuvenil, “Non hai luz sen escuridade” (Urco). Participa en diversas antoloxías colectivas para público adulto e no ano 2019 ve a luz a súa novela “Palabra de Bruxa” (Galaxia), finalista na IV Gala do Libro Galego.

  • Como se define Andrea?

É unha pregunta moi complexa, porque son moitas Andreas. Son da Fonsagrada, polo que son unha muller de montaña que adora os horizontes, as fragas, os ríos, os bechos, os paxaros, as raposas… a natureza toda. Fixen xornalismo, quizais por certo idealismo de querer cambiar o mundo, dentro da parte que me corresponde. Formo parte do colectivo feminista de crítica literaria A Sega, que me axuda a medrar e a aprender, e onde intento aportar o que sei. Non me gusta determe demasiado no camiño, aínda que si gozar del.

Andrea súmase a #DesconfinarALingua recomendando o título “Tu contas e eu conto” de Susana Sanches Arins.

Son lectora compulsiva, un pouco adicta aos libros e cun pequeno toc que me impide deixalos sen rematar, aínda que non me gusten. Dou obradoiros de narrativa para todas as idades, divírtome en cada aula porque aprendo moitísimo tanto das crianzas, adolescentes, adultas, vellas… nunca me deixa de sorprender a capacidade das persoas para crear e construír. Considérome optimista e paciente, aínda que ás veces teña que coller moito ar para tirar para adiante. Levo varios clubs de lectura o que me permite descubrir libros novos, reler libros vellos e ver como cada lectora fai un mundo propio dos libros, resúltame fascinante esa diversidade de olladas. Ás veces son dependenta, ás veces auxiliar de libreira, ás veces neneira. Son tan testana que tiven que aprender a renderme. Tamén aprendín a convivir cos meus medos, aínda que sempre esteamos en debate. Non creo na perfección, pero intento achegarme  a ela, con escaso éxito, así que tamén tiven que poñer límite ao perfeccionismo e ás inseguridades todas. Ás veces son contraditoria, supoño que porque estou en proceso de aprendizaxe constante. Como podedes ver, son moitas eus, polo que normalmente defínome como Andrea Barreira Freije, sen máis. 

  • Que te inspira para escribir? Cal é o teu motor?

Depende do libro, depende da historia. Ás veces é unha meta que me poño, outras transformo o enfado en algo construtivo. Noutras ocasións parto dunha broma ou de algo que me chama a atención. Gústame mirar ao meu redor, escoitar, sentir, prestar atención á realidade. E logo transformala. Cando menos o espero, nun detalle, nun estado anímico… “aparéceseme”  unha personaxe que me colle da man e me invita a narrar a súa historia. Cando esa personaxe se fai tan nítida coma ti, coma min, é que a historia se fixo real e é o momento de escribila. Antes toca ler, escoitar, observar e fiar. 
Tendo a contar historias fantásticas, do realismo máxico… porque a realidade é… moi real e xa estou nela. Escribir, para min, é un xeito de mudar as cousas, tamén de evadirme, de desconectar e pasalo ben. Quizais por iso, aínda que as miñas historias partan da observación, vou construíndo o meu mundo, o meu propio mundo que logo comparto con vós para que o fagades voso.

  • Un soño por cumprir…

Un só? hahahaha Desde nena quixen viaxar a Australia, a Rusia, a Exipto… agora, quizais, o meu soño é ter tempo para poder estar con todas as persoas ás quero. Pode parecer algo pequeno, pero non sempre podemos administrar o tempo como nos gustaría. Tamén me falta un soño importante por cumprir, ao que non quero renunciar: ir en globo. hahahaha quen sabe, quizais algún día poida ver o mundo como se fose un paxaro, ten que ser marabilloso!


Clara Vidal

Filóloga de formación e poeta nada na Coruña no ano 1992. Ten un mestrado en Estudos Artísticos, Literarios e da Cultura e a especialidade en Literatura Comparada, Teoría Literaria e Retórica.

Ten publicados varios micro-poemarios e poemas entre os que se atopan “Escornar contra ti” (XXVI Premio de Creación Literaria e Ensaio da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña), “Arquitectura da ausencia” (forma parte do libro colectivo Arquitecturas publicado en M Editora), “E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis” (publicado na revista Madrygal, nº 21, 2018), “O ceo é un piano de cores invertidas” (publicado na revista Evohé, nº 29, 2019) ou “De nome propio, Alois” (primeiro premio no IV Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María, 2016).

Clara_Vidal

Clara súmase a #DesconfinarALingua recomendando a novela “Shanghai a Barcelona” de Amador Castro Moure.

Na súa páxina web, pódense consultar algúns dos seus poemas soltos, micro-poemarios e videopoemas. No ano 2018 vé a luz o seu primeiro poemario “Linguaxes dixitais” (Urutau).

  • Como se define Clara?

Obsesionada, pertinaz, repugnantiña…

  • Que te inspira para escribir? Cal é o teu motor?

Os nenos, os anciáns ou ver as cousas que vin sempre cuns ollos totalmente novos.

  • Un soño por cumprir…

Ensinarlle á miña avoa un poemario en galego que escribín arredor da miña relación con ela: algo cada vez máis imposíbel neste mundo editorial en que vivimos.


Para rematar, vaia desde aquí o noso máis profundo agradecemento a Lois, Tamara, Andrea e Clara por sumarse a #DesconfinarALingua, por compartir con nós un chisco do seu ser a través das súas verbas e polas súas recomendacións literarias, musicais e cinéfilas.

E vaia tamén desde aquí, o noso convite para todas as nosas lectoras e lectores a desconfinar a lingua coas obras de Lois Alcayde, Tamara Andrés, Andrea Barreira e Clara Vidal, que podedes atopar no catálogo das Bibliotecas Municipais.

Feliz 17 de maio, felices lecturas e… a #DesconfinarALingua!!

Do teatro lido ás ondas: Carvalho Calero

Club de teatro lido Sagrada FamiliaEra o ano 2017 cando na biblioteca Sagrada Familia decidimos poñer en marcha un obradoiro de teatro lido. Considerabamos que o teatro lido encaixaba perfectamente no proxecto da biblioteca, como unha forma de estimular a lectura, achegarse ao xénero dramático, practicar a lectura pública sobre todo en galego e proporcionar un medio máis para o goce do tempo libre en grupo.

E levamos xa catro edicións deste obradoiro, que xa se converteu nun club, que se reúne semanalmente, os luns a partir das 19.30 horas, para practicar esta afección. Facémolo combinando a lectura en si de textos teatrais, con exercicios e prácticas de formación actoral. Así, aínda que o propósito é a lectura expresiva, non desbotamos xogos de expresión corporal ou de improvisación. O obxectivo final –á parte de sobre todo divertirse moito– é representar un espectáculo ao final do curso. Non nos centramos nin nunha obra concreta nin nun xénero en particular. Para estimular máis a participación e formarnos máis, escollemos fragmentos de todo tipo de textos, desde dramáticos a cómicos, e non só estritamente teatrais: tamén usamos poesías, contos e ata nos atrevemos a cantar!!

E como as persoas do club son moi ousadas, ás veces pasamos a barreira do “lido” para pasar á representación teatral completa, con escenografía e vestiario incluídos.

Trátase, como vedes, dunha experiencia moi aberta, que pode chegar ata onde queiramos. O teatro para nós non ten límites!!

Carvalho CaleroEste ano comezamos o curso traballando arredor da radio. Porque a radio foi unha grande impulsora do teatro lido, a través do radioteatro, das radionovelas… E niso estabamos traballando cando nos pillou esta situación. Pero como recursos non nos faltan, decidimos aproveitar da mellor maneira a adversidade e converter o proxecto de montaxe, nun programa radiofónico en sentido literal. E para iso contamos coa inestimábel axuda de don Ricardo Carvalho Calero, a quen precisamente este ano –que mala sorte tivo o home– se lle dedica o Día das Letras Galegas. Non se poderá celebrar de maneira presencial ata o mes de outubro, pero si de maneira virtual, e para iso que mellor que o noso club de teatro, xa adoito nas artes radiofónicas despois do traballo de todo o curso.

Así, cada unha e cada un desde a súa casa, logo de perfilar un guión e de documentarnos abundantemente nas redes, achegou o seu baguiño para a pipa do viño, e construímos entre todos un noticiario especial Día das Letras Galegas, dedicado a don Ricardo Carvalho Calero.

Xogamos coa ficción e a realidade, porque a radio é o que ten: que se pode facer maxia. E así poderemos escoitar tanto á nosa querida Mercedes Queixas, profesora, investigadora, escritora e académica igual que o foi don Ricardo, como a unha carioca lendo Scórpio, un antigo alumno do colexio Fingoi, a música lusófona de A minha Embala, ou –isto é marabilla pura– unha entrevista en vivo a Carvalho Calero! E moitas cousas máis que poderedes escoitar.

Dicímosvolo en serio: se tedes ganas de coñecer máis a figura de Carvalho Calero, non só na súa faciana de escritor, senón como persoa, esta é a vosa mellor –e máis entretida– oportunidade. Dinme as rapazas do club de teatro que poderiamos montar uns anuncios radiofónicos sobre Carvalho, pero xa é moito… Hai que deixar algo para cando volva comezar o curso, pasado o verán e cando saibamos como vai ser esa “nova normalidade”. O que é certo é que sexa cal sexa, o club de teatro vai seguir funcionando, e desde aquí invitámosvos a participar nel. Non tedes curiosidade? Atrevédesvos? Tedes valentía para probar? A diversión está garantida! E quen sabe, se cadra nuns meses estades facendo a competencia, ou mesmo desbancando, ás grandes estrelas da radiodifusión ou da escena!!

E agora, pasádeo ben con don Ricardo Carvalho Calero, que seguro que tras escoitar o noso noticiario ides collerlle cariño, xa veredes.

E se queredes escoitalo sen imaxes, podedes acceder ao podcast desde iVoox:

Ir a descargar

Ao Paso Dos Versos: O Día da Danza en tempos de confinamento

TW_DANZA_2020

Eu simplemente bailaba e, un día, sin saber cómo, atopeime escribindo co meu propio corpo”

Pina Bausch

Abril é un mes de celebracións, trala resaca deixada polo Día do Libro continuamos a festexar. Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña apostamos por poñer en valor  a danza e difundir esta arte a través da iniciativa AoPasoDosVersos, uníndonos deste xeito a todas aquelas persoas que nestes días non tiveron motivos polos que bailar, pero atoparon unha razón para facelo.

Como cada 29 de abril vense conmemorando o Día internacional da Danza, esta data xurde en lembranza do nacemento do bailarín e coreógrafo francés Jean-Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.

Este ano parece todavía máis necesario participar, estar presente nesta celebración. A danza é liberdade, move as persoas cando o mundo nos paraliza ou se paraliza. Se podemos bailar xuntos, podemos vivir xuntos. O obxectivo do Día Internacional da Danza é reunir a todos os que elixiron esta forma de expresión para superar todo tipo de barreiras culturais, políticas e éticas e celebrar a danza e a súa diversidade.

Son tempos de confinamento pero eso non significa que non poidamos disfrutar e bailar. Desde as Bibliotecas propoñémosvos un selección de recomendacións que vos estarán esperado á volta, para cando abramos de novo as nosas portas.

Atoparedes historias cheas de autosuperación e aprendizaxe como  a novela gráfica Polina;  o maravilloso documental e experimento educativo Five days to dance; Yuli, a última película de Iciar Bollaín baseada na autobiografía do bailarín cubano Carlos Acosta e Ovay, espectáculo de danza tradicional  a cargo de Quique Peón.

De Isadora Duncan unha das mellores bailarinas do século XX e precursora da danza contempóranea seleccionamos Isadora: mi vida, a  súa apaixoante autobiografía e Isadora: una biográfia gráfica, da ilustradora e activista estadounidense Sabrine Jones.

Recomendamos especialmente Dancing Dreams, o legado en forma de imaxes da xenio da danza Pina Bausch, extraordinario documental que conta a aventura que a bailarina emprende montando o seu famoso espectáculo Kontakthof con rapaces que nunca pisaran un escenario. E como non, Pinao fermoso film de Wim Wenders que homenaxea a figura da mítica creadora que reinventou os cánones da danza clásica para mostrar a capacidade do movemento como forma de  transgresión.

Pechamos cas fermosas e inspiradoras palabras do bailarín e coreógrafo sudafricano Gregory Vuyani Maqoma,  autor do manifesto que todos os anos encarga o ITI (Instituto Internacional do Teatro da UNESCO) a unha personalidade da danza para conmemorar este día:

A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredando xuntos convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando curación que é tan desesperadamente necesaria.
E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. ¡Todo o que necesitamos agora é bailar un pouco máis!

Lembrade que todos estes materiais os podedes consultar a través do Cátalogo das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Xa por último, compartimos con vós a felicitación audiovisual elaborada polas Bibliotecas Municipais e o noso desexo de que pronto bailemos xuntxs!!

Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!!

Lecturas de confinamento no Club de lectura de Durán Loriga

As persoas que conformamos o Club de lectura de Durán Loriga non podemos evitar botar de menos esa reunión que tiñamos cada quince días para poder compartir o entusiasmo por un libro e pola lectura en xeral. Ese anaquiño no que non só nos xuntabámonos para gozar falando dun libro, senón que volvíamos a lelo de novo con outros ollos grazas a todas as aportacións dos clubeiros e das clubeiras.

E hai ánimo de seguir co club nesta situación? Preguntabámonos as bibliotecarias. A resposta veu soa cando parte do grupo pide compartir as lecturas que quedaron pendentes: comezamos a conversa coa desgarradora crónica dunha familia parisina durante tres xeracións, esta é a investigación que fai a autora -Delphine de Vigan- sobre a súa propia familia en Nada se opone a la noche. Continuamos con La uruguayade Pedro Mairal– toda unha viaxe en busca de sedución e onde se expón, a modo de confesión e con moito humor, as dúbidas sobre que o amor perfecto poida traernos a felicidade. Para rematar coas provisións traídas da biblioteca lemos o cómic Polina de Bastièn Vives-, que foi Prix de Librairies BD en 2011 e que poderedes atopar nos nosos fondos á volta: unha emotiva historia que parte do ballet, dun mestre e dunha aprendiz, para falar da aprendizaxe vital.

 guía de lectura    

Pero sobre todo estamos a redescubrir un xénero literario que, ás veces, queda nun segundo plano respecto á nosa querida novela: O conto e a narración breve están a ser o principal motivo para a reunión. O primeiro que lemos foi o xeneroso regalo que nos ofreceu Marta Sanz a través das redes: Sherezade en el búnker deu que falar (tamén no encontro con ela) e poñer sobre a mesa as situacións complicadas que se están a dar neste encerro, pero que con humor sempre son máis doadas de abordar. Tamén o fermoso e autobiográfico Lejano, sacado do libro El boxeador polaco: un pequeno relato que serviu para mergullarnos por primeira vez no mundo de Eduardo Halfon -Premio Nacional de Literatura en Guatemala-, neste caso como un profesor de universidade canso da docencia, pero en ningún caso da literatura. 

     

Por outra banda, é bo momento para volver aos clásicos, moitos deles facilmente accesibles na rede. Nós xa levamos algúns: Casa tomada de Cortázar deu para milleiros de interpretacións en torno a esa casa que, misteriosamente e de a poucos, vai sendo invadida. Esa sensación de inquedanza tamén está no relato fantasmal La plenitud de la vida, un conto que só puido facer unha escritora tan adiantada á súa época como o foi Edith Wharton. Mais como seguimos na casa, acercámonos a outra historia que sucede tamén nun apartamento, onde hai unha radio que nos permite escoitar todas esas conversas que queremos, ou se cadra non: La radio enorme é un dos moitos relatos que John Cheever publicou no 1947 na revista New Yorker, pero que polo seu significado ten moito de actualidade.

     

Por suposto tamén compartimos as lecturas que nos acompañan estes días e que imos anotando para ler, agora ou á volta. Estas son algunhas das que podedes descargar nas plataformas de préstamo: Y te irás de aquí, a última novela de Lorenzo Silva que ademais publicou en aberto, a través da revista XLSemanal; La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa Montero; La madre de Frankenstein de Almudena Grandes; Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre; Entre visillos, de Carmen Martín Gaite; A corazón abierto, de Elvira Lindo; Tiempo de espera, de Elizabeth Jane Howard; Lluvia fina, de Luis Landero; El extranjero, de Albert Camus; Un  amor, Alejandro Palomas; e La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.

Mais en realidade, falamos de todo un pouco. Da claridade nas palabras do filósofo e filólogo Emilio Lledó nestes tempos que vivimos, no documental Mirar palabras. Celebramos o día da poesía achegándonos aos poetas galegos actuais no documental Vértice de Versos, e tamén á mellor poesía en castelán, de man do proxecto Amamos la poesía da RAE. Revisamos os libros de Tània Balló, Las Sinsombrero, e o proxecto documental no que participa e que podemos ver na web de RTVE. Descubrimos o fermoso documental sobre a fotógrafa Ruth Matilda Anderson: A viaxe de Ruth. Tamén o documental adicado á actriz María Casares. Falamos de cine, de música, da operación Balmis, da cheeveriana serie Mad Men, do centenario de Galdós e dos encontros cos nosos autores favoritos nestes días, como é por exemplo Alejandro Palomas.

  programa adicado a Emilio LledóDocumental sobre a fotógrafa Ruth Matilda AndersonPrimeiro libro de Las Sinsombrero en ebiblioDocumental sobre a actriz María Casares

Este club na distancia é unha experiencia diferente na que se gaña en cooperación, xa que non só se comparte a visión dunha lectura, senón que tamén permítenos navegar xuntos neste mar de información e oferta cultural dixital que estamos a vivir. Así que dende o Club de lectura de adultos DL arrimamos o bote, esta vez en forma de post, para quen queira navegar con nós un pouco: anímaste?

Literatura de ciencia ficción… ou non?

Esta semana, comenzabamos no blog falando de filosofía en tempos de pandemia, continuamos facendo un repaso por todas aquelas accións que as bibliotecas estamos a levar a cabo dende as nosas casas para seguir en contacto con todas e todos vós, onte mostrámosvos como foi o encontro virtual dos clubs de lectura con Marta Sanz e hoxe queriamos retomar o punto exacto onde quedamos nos clubs de lectura “Café con libros” da Biblioteca Os Rosales.

Os meses de febreiro e marzo, estabamos dedicándoos á literatura de ciencia ficción. O Pensatorio estaba a tratar o tema do desafío da cuestión tecnolóxica dende a filosofía, o ensaio e o debate. Pero o ciclo temático quedou truncado, aínda que estamos a intentarlle dar continuidade dende o eido dixital. Pensádeo ben: literatura de ciencia ficción, un xénero no que algunhas estáballe custando introducirse, polo inverosímil dos escenarios que presentaban moitos dos textos lidos e/ou comentados e de repente: pandemia, confimanento, incertidume… pero tamén a conciencia da vulnerabilidade das nosas sociedades, da interdependencia total, da necesidade de repensarnos e do ben común como valor esencial a coidar.

Charlas: "Ciencia e ficción, dúas caras da mesma moeda" por Nieves Delgado na Biblioteca Os Rosales

Charla de Nieves Delgado na Biblioteca Os Rosales

O martes, 10 de febreiro, a Biblioteca Os Rosales Nieves Delgado ofreceu unha charla sobre a tecnoloxía na literatura de ciencia ficción, dentro do ciclo “Tecnoloxía vs. Humanos. Estamos preparados para a nova era dixital?”. Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, nun intento de achegarnos ao xénero da ciencia ficción, vimos de ler dúas obras como “Un mundo feliz” e “Lágrimas en la lluvia”. Na charla de Nieves Delgado incidimos nos aspectos da tecnoloxía que podemos extraer dos libros de ciencia ficción, obtendo as chaves para ler con maior frecuencia esta literatura, derrubando deste xeito posibles prexuizos e vinculándoa coa deriva do mundo no que vivimos.

Nieves Delgado é unha escritora galega de ciencia ficción, gañadora do Premio Ignotus en tres ocasións: polo seu relato curto “Casas rojas” e polas súas novelas “36” e “UNO”. Escribiu tamén multitude de relatos e varios artigos. É editora do Visións 2018. Ademais, compaxina a súa faceta de escritora coa de profesora de física en educación secundaria.

Pero ademáis destas dúas novelas curtas de Nieves: “36” e “UNO”, que poderedes ler en canto volvamos a abrir as nosas portas, recomendámosvos algunhas das nosas últimas lecturas de novelas de ciencia ficción:

“Un mundo feliz” de Aldous Huxley: todo un clásico, que moitas e moitos de nós teremos nas nosas bibliotecas persoais, seguro.

O autor imaxina neste libro, unha sociedade que utilizaría a xenética e o clonaxe para o condicionamento e o control dos individuos. Nesta sociedade futurista, todos os nenos son concibidos en probetas e xeneticamente condicionados para pertencer a unha das 5 categorías de poboación, da máis intelixente á máis estupida. Describe unha ditadura perfecta que tería a aparencia dunha democracia, un cárcere sen muros no cal os prisioneiros non soñarían en evadirse. Un sistema de escravitude onde, grazas ao sistema de consumo e o entretemento, os escravos terían o amor da súa servidume.

A seria Bruna Husky de Rosa Montero: “Lágrimas en la lluvia”, “El peso del corazón” e “Los tiempos del odios”, tres novelas dispoñibles no catálogo de libro electrónico GaliciaLe. Hai ademáis unha adaptación de “Lágrimas en la lluvia” ao cómic, o que nos deu pé no seu día a introducir o xénero do cómic de literatura de ciencia ficción, cunha longa tradición e grandes obras nas nosas comictecas.

Novela de supervivencia nun mundo insólito. Unha procura: o sentido da vida, Un adversario: a morte. Unha conquista: a identidade. A detective Bruna Husky é contratada para descubrir que hai detrás dunha onda de tolemia colectiva nunha contorna social cada vez máis inestable. Mentres, unha man anónima transforma o arquivo central de documentación da Terra para modificar a Historia da humanidade. Agresiva, soa e inadaptada, a detective Bruna Husky vese inmersa nunha trama de alcance mundial mentres se enfronta á constante sospeita de traizón de quen se declara susaliados coa soa compañía dunha serie de seres marxinais capaces de conservar a razón e a tenrura no medio da vertixe da persecución.

“Be Water” de Antía Yáñez. Unha novela xuvenil nun novo proxecto editorial galego, Cuarto de inverno.

Tralo Gran Cataclismo na Terra (non moi alonxada da verdadeira emerxencia climática do planeta), a humanidade xa non pode vivir na superficie terrestre, senón que o fai soterrada unhas estructuras controladas polas elites. Nestas colmeas denúnciase a escaseza de recursos, onde a falta de auga é a chave para manter o control da sociedade. Unha protagonista feminina forte fará que nos cuestionemos xunto a ela estas clases sociais e avancemos pola trama con ganas de seguir os seus pasos, nesta e nunha posible continuación, como xa pide o seu lectorado! A ilustración da capa é de Nana e convida a lela sen demora.

“Frankissstein: una historia de amor” de Jeanette Winterson, tamén dispoñible en GaliciaLe.

Winterson entremezcla varios tempos para falarnos tanto de Mary Shelley ou Ada Lovelace como dun médico transxénero, dun profesor que traballa no campo da intelixencia artificial ou dun empresario cunha industria de robots sexuais no tempo presente (unha Inglaterra post-Brexit). Pero o tema sempre é o mesmo: a dicotomía mente-corpo, o transhumanismo, os avances científicos en cada época, o xeito en que enfrontamos a morte, que é e que non é o ser humano… Ah e sempre tendo presente no debate a cuestión do xénero.

Seguiremos lendo por este camiño aberto. Dende logo, comprobamos tralas lecturas, a charla, as tertulias, a realidade que estamos a vivir… que a ciencia ficción é unha ferramenta estupenda para repensarnos individual e sobre todo colectivamente.

A ciencia ficción é unha ferramenta estupenda para repensarnos individual e sobre todo colectivamente.

Deixámosvos a escolma de lecturas que recollimos trala charla de Nieves Delgado do 10 de marzo e agradecémoslle a xenerosidade coa que agasallounos aquela tarde, que hoxe parece tan lonxana. Repetiremos conversa e apertas, seguro. No catálogo das Bibliotecas Municipais podedes consultar onde poderedes atopar estos títulos, unha vez restablezamos o servizo completo 🙂

ciencia ficcion2

Escolma de literatura de ciencia ficción mencionada na charla de Nieves Delgado

#BibliotecaEnCasa: 10 formas de utilizar a biblioteca desde o fogar

Hai un mes que anunciabamos o peche dos espazos físicos das Bibliotecas Municipais da Coruña por mor da crise sanitaria Covid-19 e durante este tempo botamos de menos o día a día nas nosas salas, e moi especialmente aos nosos usuarios e usuarias, razón de ser dos nosos centros e piar imprescindible dunha rede de bibliotecas de todxs e para todxs.

Non obstante, seguimos traballando desde as nosas casas para ofrecer propostas de información, formación e ocio de calidade á cidadanía e, por suposto, para seguir conversando con vós, sentírmonos preto uns dos outros e conectados porque, como dixo recentemente o recoñecido psiquiatra Luis Rojas Marcosante la amenaza actual, sentirnos conectados nos protege”. Persoalmente gústame pensar que as bibliotecas tamén podemos ser o espazo -neste momento virtual- onde sentirnos seguros e conectados, tecendo vínculos e comunidade.

Neste sentido, aumentamos esforzos na Biblioteca 2.0 onde estamos abertos a través da nosa páxina web, dos nosos blogs e dos diferentes perfís sociais (Facebook, Twitter, Instagram). E fortalecemos ademais os canais de comunicación con resposta áxil para contestar a todas as vosas dúbidas e, por suposto, xerar conversa e estarmos en contacto.

BibliotecaEnCasa

En canto ao tipo de programación e propostas, vertebradas en torno a tres eixos fundamentais como son a información, a formación e o ocio, tendes a continuación un listado de dez activas neste momento que se engloban todas elas baixo a denominación #BibliotecaEnCasa:

Manterse ao día da información e recursos sobre o Covid-19

Recursos_Covid-19Unha selección de recursos e ligazóns a fontes de información fiables sobre a pandemia dispoñible na nosa páxina web, así como tamén un listado de enlaces a webs de calidade (Maldita.es ou Salud sin bulos, entre outras) que permiten a detección de bulos que circulan pola rede en foros e grupos de Whatsapp.


Coñecer e descubrir as iniciativas cidadás

Iniciativas_cidadasBaixo a denominación “Iniciativas cidadás en tempos de pandemia” está accesible na nosa páxina web unha recompilación para estar ao tanto de todas as propostas que xurdiron e están a formarse neste tempo para ofrecer axuda ás persoas e colectivos máis vulnerables ante a crise sanitaria. FrenarLaCurva, AyudaCovid19 e Grupos de Apoio Mutuos (GLAM) son algunhas das iniciativas que atoparedes destacadas na nosa web.


Recursos web para autoformación

AutoformacionEste tempo de confinamento pode ser oportunidade para aprender ou potenciar coñecementos nun área temática determinada a través da formación online, é por iso que desde as Bibliotecas compartimos na web unha selección de plataformas de calidade onde atopar cursos gratuítos, clasificados en tres apartados: principais plataformas para a autoformación, plataformas para mellorar a lingua galega e as novas tecnoloxías e plataformas para sacar o lado máis creativo.


Ciberclub de lectura e sesións en aberto do club de lectura LGTB Queeruña

Á parte de seguir en contacto e intercambiando recomendacións lectoras con todas as persoas participantes dos clubs de lectura da rede, séguense a desenvolver as sesións, adaptadas estas ás posibilidades que o virtual nos permite. Tamén o Pensatorio -café filosófico do que se falou nunha entrada anterior, e o club de lecturas feministas O Cuarto Propio seguen en marcha a través da modalidade virtual.

Para quen guste da lectura e do intercambio de ideas arredor da mesma, existe tamén neste momento a posibilidade de sumarse en aberto ás conversas do club de lectura virtual das bibliotecas e das sesións en directo do club de lectura LGTB Queeruña.


Asistencia tecnolóxica

Un servizo que se viña ofrecendo en todas as bibliotecas da rede con carácter presencial, dentro do noso programa de Inclusión Dixital, para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía, ben sexa manexo de dispositivos, aplicacións, etcétera, ás persoas usuarias. Unha proposta que segue manténdose, neste caso a través do correo electrónico bibliotecas@coruna.es.


Lectura

Mentres os nosos espazos físicos permanecen pechados podedes seguir gozando da lectura e do préstamo de materiais, neste caso a través da plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe. Compartimos con vós un breve vídeo – titorial de cómo empregar a aplicación:

Recordámosvos que as persoas que teñades materiais en préstamo na casa podedes despreocuparvos das sancións, xa que ampliamos automaticamente todos os préstamos vixentes.

Semanalmente desde os nosos perfís sociais iremos compartindo, como xa vimos facendo, recomendacións de lectura dispoñibles na plataforma GaliciaLe, recomendacións por tipoloxía de recurso (novela, cine, etcétera) e por tipo de público (infantil, adulto, xuvenil).

Así mesmo, seleccionamos para vós páxinas webs interesantes onde escoitar audiolibros -gravación do contido dun libro lido en voz alta-, e gozar deste xeito dunha nova forma de lectura, con opcións para todas as idades e gustos.

E, por suposto, atoparedes recomendacións lectoras en todos os nosos blogs de literatura: Blog dos clubes de lectura, Blog de literatura infantil e xuvenil e Fancómic (o blog de cómic da rede).


Música e cine

BIBLIOTECA 2.0_copyTamén a música forma parte da programación das nosas bibliotecas, unha liña pola que apostamos desde hai tempo no presencial e agora tamén no virtual. Claro exemplo disto é o blog de música da rede Bibliosons, que vimos dotando de contidos relacionados con esta arte desde hai anos e no que nestes momentos podedes atopar listas de reprodución musicais, conversas con artistas, información sobre concertos online e mesmo información sobre a tecnoloxía 8D.

E, como novidade que xurdiu en días de confinamento, estreamos perfil en Spotify, onde teredes oportunidade de descubrir e escoitar playlist que iremos publicando con periodicidade semanal. Ata o momento tres foron as listas publicadas e das que podedes gozar: Con inspiración literaria, Poesía sonora e Cancións que nos representan. Dádelle ao play, pechade os ollos e…a gozar da música!

E tampouco nos esquecemos do cine! Para quen guste desta arte realizamos unha selección de recursos en aberto onde poder visualizar filmes. Espazos como 30 anos de audiovisual galego (Consello da Cultura), Cinema Doré en Casa e Novo Cinema Galego forman parte da escolma, entre outros moitos. Para ver o listado completo pasádevos por Instagram.


As bibliotecarias contan

ContacontosUnha iniciativa que nace en tempos de confinamento para achegar ás máis pequenas e pequenos da casa historias, de pantalla a pantalla. A través de Instagram as bibliotecarias contan desde a casa fermosos contos -de luns a venres, ás 18.00 horas, para que poidades gozar delas en familia, coa mesma dedicación, agarimo e emoción que nas salas infantís das nosas bibliotecas.


#OsBiblioRetos

BiblioretosPara poñer a traballar o voso enxeño, desde as Bibliotecas lanzamos a proposta #OsBiblioRetos a través dos canais de Instagram e Facebook.

Unha actividade destinada tanto ao público infantil (luns e venres en horario de mañá) como público adulto e xuvenil (mércores e venres en horario de tarde) na que atoparedes desde enigmas ata crebacabezas, en definitiva, desafíos para resolver sós ou en familia. Estades preparadxs?


Contan que contan

ContanQueContanUnha iniciativa que nace co obxectivo de que escritoras e escritores, ilustradoras e ilustradores, artistas e creadores en xeral, compartan con todos e todas nós uns intres da súa vida cotiá en tempos deu corentena.

É posible que se animen incluso a recitarnos un poema ou cantarnos unha canción, para descubrilo estade atentos ás nosas redes sociais os sábados e domingos ás 18.00 horas.

E á parte de todas estas iniciativas, seguimos traballando para ampliar a oferta de programación para todos os sectores da cidadanía, entre eles, as persoas non conectadas. Seguimos celebrando neste período de confinamento efemérides destacadas como o Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e proximamente o Día do Libro (23 de abril), do que teredes información en breve.

E para finalizar, lembrarvos que estamos preto de vós, procurando facer das Bibliotecas Municipais ese lugar seguro onde refuxiarse, onde conversar, crear vínculos e tecer comunidade. Saúde, forza e azos para todxs!

De avións, aeroportos e demais. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 6

Como di a cantiga, alá vai a despedida. Durante estes días viñestes comigo por todo o mundo: Nova York, Australia, Doha, Bos Aires… Si, claro que poderiamos seguir, pero non é mala cousa deixalo aquí, con bo sabor de boca e con gañas de continuar. E para facelo tedes unha chea de libros de viaxe –que non digo guías—de estupendos autores e autoras viaxeiras de todos os tempos que vos poden seguir levando polo mundo adiante: Javier Reverte, Manu Leguineche, Bruce Chatwin, Rosita Forbes, Jan Morris, Norman Lewis, Martha Gellhorn, Paul Theroux, Enric González, Vita Sackville-West

A min só me queda contarvos algúns detalles que hai que ter en conta á hora de viaxar, e tamén algunhas anécdotas das miñas viaxes. Falareivos dos aeroportos e dos avións, porque no caso de facer grandes viaxes, vai ser algo inevitábel. Sei que para moitas persoas son só un mal necesario para poder gozar do destino e para outra minoría son pouco menos que unha tortura. Mais para min, avións e aeroportos son tan apaixonantes como as experiencias no destino. Son rariño, que lle imos facer…

Aeroportos

Comezo polos aeroportos. Admito que si, que non son os lugares máis relaxantes do mundo e con frecuencia son hostís. Pero se queredes viaxar a longas distancias non queda outra que pasar por eles e intentar que a experiencia sexa o menos tensa posíbel.

Sacerdotes no aeroporto LAX

Curas no aeroporto de Los Angeles

Hai aeroportos que mesmo te preparan moi ben. No aeroporto de Los Angeles atopei esta escena que vedes na foto. Como as persoas que por alí pasamos imos coa intención clara de elevarnos aos ceos, pois que mellor cousa que, xa que imos estar máis preto de Deus, proporcionarnos asistencia espiritual. Tedes para elixir: cura home ou cura muller. En confianza, para unha persoa crente, eu non sei se esa imaxe tranquiliza ou máis ben todo o contrario.

Non é por se tedes intención de confesarvos antes de iniciar a viaxe, pero eu recomendo ir sempre con moito tempo de adianto. Colas inesperadas, controis minuciosos, problemas coa documentación, non figurar na lista de pasaxeiros… Si, isto pasoume en dúas ocasións, que malia ter o billete, a azafata de facturación non me atopaba nas listas. Tivo que facer varias chamadas ata solucionar o contratempo. Un puntiño máis de estrés para a viaxe e unha verdadeira traba se chegara co tempo xusto.

Maleta plastificada

A miña maleta, esa gran sufridora

A ter en conta se facedes viaxes con moitas escalas: non vos fiedes do que vos digan no mostrador de facturación do aeroporto de saída con respecto á equipaxe. Por norma, desconfiade. Nunha ocasión facturei a miña maleta en Madrid para un traxecto Madrid-Amsterdam-Shanghai-Sidney. Dixéronme que me podía despreocupar da maleta ata Sidney, porque ía facturada ate alá. E así o poñía o resgardo tamén. Sorte que tiven que a escala en Shanghai foi de 5 horas!! Cando alí fun recoller a tarxeta de embarque para o voo ata Sidney preguntáronme pola maleta e eu, todo cheo de razón, díxenlles que ía facturada ata o destino final. Pois non era así: tiven que baixar correndo á zona de recollida de maletas para buscala! Isto tiña a súa complicación, porque unha vez que saes da zona de recollida “entras” xa ao país. Se xa non é fácil volver entrar nun aeroporto de aquí, imaxinade na China. Explicarlle a situación a un soldado chino con casco ata os ollos (que aínda hoxe dubido que soubera inglés e que me entendera o que lle dixen) todo o meu problema para que me deixara entrar, é algo cómico visto agora, pero dramático nese momento. Permitiume pasar (anos facendo teatro amador serviron para expresar no meu rostro unha fonda desesperación) e tiven sorte de que a maleta estaba alí separada nun recuncho. Se a escala fora máis curta, eu chegaría a Australia e a miña equipaxe estaría de vacacións en China. E volveume pasar nesta última viaxe: en Nova York aseguráronme que a maleta ía directa a Adelaide. Menos mal que en Sidney, como ía con tempo, se me deu por esperar: alí saíu das primeiriñas.

Aeroporto de Sidney

As preciosas vistas que tiña desde o cuarto do meu hotel en Sidney

Outro consello se ides ter que pasar moitas horas nun aeroporto. Ides pensar que son un sibarita por isto que vou contar, pero veredes que non é así. Nos casos en que por calquera circunstancia me vexo na obriga de pasar catro ou máis horas nun aeroporto, opto por usar unha sala VIP. Que non, que non son ricachón nin vividor (ou se cadra vividor si, non estou seguro). Deixádeme que vos explique… Ben sabedes que os prezos das bebidas e comidas nun aeroporto non son baratos precisamente. Se xa queredes comer en condicións, con bebidas, cafés, sobremesas, pode saírvos case máis caro que a viaxe, esaxerando un pouco. Pois usar unha sala VIP (Lounge, que din agora) anda entre os 25-30 euros na maioría dos aeroportos. E dentro tedes para comer e beber a fartar, boas cadeiras, boa conexión a Internet, e nalgúns ata duchas! Para acceder podedes facer unha busca en Internet, que aquí non o podo explicar todo, pero que saibades que existe esa posibilidade, non en todos, pero si en moitos aeroportos. Déixovos unha galería dalgunhas das salas por onde andei. Non todas son boas: a de Shanghai deixaba moito que desexar (parecía un tanatorio), e a de Air India en Nova York tampouco pagaba a pena.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Avións

Por que a xente lle ten tanta teima a estes tubos cerrados hermeticamente con asentos moi xuntiños e ventás que non se poden abrir? Claro, dito así, non molan nada. E non vou falar do medo a voar nin das estatísticas que demostran que o avión é o medio máis seguro de transporte. Tampouco vou entrar na polémica de se é o máis contaminante. Confeso que son namorado da aviación comercial, así que non sería obxectivo.

Vista desde o avión

Volando voy, volando vengo!!

Cando preparo a miña viaxe e chega a hora de elixir o asento, sempre lle dedico tempo. Falo de viaxes, non de desprazamentos. Aclaro: eu chamo viaxe ao feito de saír do continente, e desprazamento ao moverse dentro de Europa. Son así de pijo… Polo tanto estou falando agora de viaxes de 4 ou 5 horas para arriba.

Non é cuestión fútil o do asento. Se vas ter que pasar 14 horas como algúns dos voos que fixen, hai que pensalo ben. Para iso existen páxinas como Seat Guru nas que, poñendo o número de voo e o día, xa che presenta un plano dos asentos do avión e recomendacións de viaxeiros sobre un ou outro asento: este non se reclina porque está diante da saída de emerxencia, estoutro non coincide con ventá, aqueloutro está demasiado cerca do baño…

Distancia entre asentos

A importancia de elixir un bo asento

Eu son amigo de ir no asento de ventá, porque me marabilla ver as paisaxes alá abaixo. Pero teño excepcións. Nun voo nocturno, de 14 horas, como Sidney-Doha, pouco vas ver. E se no medio da viaxe queres ir ao baño, vas ter que molestar á persoa ou persoas que tes nos asentos do lado. Nunha destas viaxes longas tocáronme ao lado dúas mozas que (non o creredes) non se levantaron nas 14 horas e vinte minutos para nada!!!! Estou convencido de que usaban cueiros. Noutra viaxe, de Bangkok a Roma (11 horas e 44 minutos), tocoume ao lado un tipo con malas pulgas e mal encarado que no medio da viaxe abriu a bandexa, sacou unhas láminas, unhas acuarelas e púxose a pintar! Calquera lle dicía a ese home se podía desmontar todo o enredo para deixarme ir ao baño! Sabedes o río Tíber? Pois naceu cando ao aterrar en Roma naquel voo, púxenme a facer todas as miñas necesidades urinarias retidas.

Nos voos nocturnos eu aconséllovos un asento xunto ao corredor, de tal maneira que se necesitades estirar as pernas ou ir ao baño non tedes que molestar a ninguén. Non recomendo tampouco un asento moi preto dos baños, porque en determinados momentos teredes xente de pé ao lado vosa esperando a que quede libre o baño.

A seguridade nos destinos

Intento golpe militar Bos Aires

O reporteiro George dando conta do levantamento carapintada na Arxentina (1990)

Esencial, cando esteades fóra do país, non andedes con pintas de paspáns, ou sexa, de guiris. Nos destinos turísticos (e hoxe en día, “grazas” ás low-cost –téñolles xenreira, si– poucos destinos se salvan de ser turísticos) existe unha fauna que anda ao axexo por se pode caer algo. Nunha cidade (non vou dicir cal) intentaron roubarme dúas veces na mesma semana polo método da mancha (“señor, unha pomba lixou o seu pantalón, axúdolle a limpalo”… mentres outro limpa a túa carteira) e noutra apuntáronme cunha pistola a un metro da miña cara para poder roubar o coche dun amigo. Por non falar aquela vez que uns policías pararon o coche onde eu viaxaba de noite con amigos para interrogarme e ver se podían sacarme cartos con calquera escusa (decatáronse de que pouco ían poder sacarme…). Ou aquela noite de lúa chea que me estaba bañando ás 3 da madrugada nunha praia cubana con amizades de alí, e veu a policía con lanternas desde a praia para sacarnos e pedirnos a documentación. Ou a primeira vez que viaxei a Bos Aires e cheguei a mesma noite en que se producía un intento de golpe de estado dos chamados carapintadas, cos militares nas rúas. Por non falar desta última onde o COVID-19 estivo pisándome os talóns toda a viaxe. Nótase que me gusta o risco e as aventuras intensas, non? Pero de verdade, non as busco!!

Ou, lembro agora, aqueloutra na que cheguei a destino e a miña maleta non lle petou chegar ata o día seguinte, inda que a min me avisaron de que podía ir buscala dous días despois: ese día que pasou no almacén do aeroporto aproveitaron para abrila e sacar algúns obxectos (por iso recomendo sempre que exista ese servizo no aeroporto, plastificar a equipaxe).

E como fixen para viaxar tanto

A pregunta do millón. Viaxei moito principalmente porque tiven sorte. Pero non un só tipo de sorte, senón de tres. Explícovos.

Primeiro foi sorte polo traballo que durante 18 anos puiden facer. Non era un traballo en si, e non vivía diso, pero desde 1990 a 2008 impartín cursos en centros galegos de todo o mundo enviado pola Xunta de Galicia. Isto me permitiu ir a unha chea de países de América e de Europa, estar 15 días cada vez en cada sitio e coñecer esas cidades da man da xente que alí vivía. Ademais en varios deses lugares tiven a oportunidade estar moitas veces (A Habana 17 veces, Río de Janeiro 6 veces, Bos Aires 10 veces, Montevideo 5 veces…) Esa foi a primeira “tipoloxía” de sorte.

A segunda “sorte” consistiu no manexo axeitado dos puntos que as compañías dan ao viaxar con elas. Grazas ás viaxes que vos acabo de contar agora conseguín unha boa cantidade de puntos. E o uso dalgunha tarxeta de crédito dalgunha compañía aérea tamén dá puntos para cambiar por viaxes. Desa maneira logrei ir á Habana por 120 euros (as taxas que hai que abonar sempre aínda que uses puntos), a Montevideo por 25 euros, a Nova York por 56 euros, a París por 20 euros ou a Hamburgo por 52.

premios viaxesA terceira “sorte” foi a dos sorteos. Porque moitos e moitas pensades que o dos sorteos é un conto e que nunca lle toca a ninguén. Eu son proba vivinte de que non é así, que tocan. Dígovos todos os que me tocaron a min? Premio dunha viaxe a Bali coa revista Viajar (1990); premio de 250.000 pesetas en viaxes da conta vacacións do Banco Hispano Americano (1992, fun a Australia e Tailandia); premio de Iberia dunha visita persoal e especial á factoría de Airbus en Toulouse para coñecer o primeiro avión coa nova librea (2013); premio de Air Europa dunha viaxe para dúas persoas a Uruguai (2018); premio de Iberia dunha viaxe para dúas persoas a Guayaquil (2019). Non quero dicir que gañe todos os premios. Estou sempre participando en todos os concursos “serios” que vexo en Facebook (se son dos que mandan compartir cousas, ou piden moitos datos ou non coñezo quen son, non entro). Así que a maioría deles non os gaño! Pero dígovos un secreto ben baixiño: se non participades, non gañades…

Para un namorado da aviación, como xa vistes que son, a visita á fábrica de Airbus en Toulouse foi o maior dos premios. Iberia fixo a reportaxe desta visita. Póñovola aquí e ademais así vedes como é unha “fábrica de avións”:

E con todo isto xa tedes material para programar as vosas viaxes, elixir destinos, e buscar concursos. Esta viaxe virtual que fixestes estes días comigo toca á súa fin. Espero que todas as vosas maletas chegaran en bo estado, que non vos puxeran ningún impedimento para pasar ningunha fronteira, que non tiverades ningunha lesión músculo-esquelética durante as camiñadas, que non perderades ningún voo, que non vos afectara a enfermidade do viaxeiro (ou sexa, diarrea), que non vos roubaran nada, que… que si, que todo isto vos pode pasar nas viaxes. Pero a pesar de todo, que bonito é viaxar!!!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Bos Aires. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 5

Miñas donas, meus señores… Póñome solemne con esta fórmula de saúdo utilizada por outros persoeiros –ademais de min– como Ramón Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro. E fágoo porque a ocasión así o esixe. Hoxe imos de viaxe outra vez, pero trátase dunha viaxe especial. A cidade onde imos non forma parte da volta ao mundo que acabamos de rematar nestes días, mais si do meu acervo cultural, porque cultural é o acto de viaxar.

Hai moitas cidades que me marcaron na miña vida, case todas elas de América do Sur, e de todas elas podería falar con cariño e dedicarlle un post a cada unha: Río de Janeiro, A Habana, Montevideo, Caracas, Maracaibo, Comodoro Rivadavia… Pero como esta “novela” por entregas non pode converterse na colección viaxeira de Corín Tellado, nin nun culebrón, hai que ir acoutando e finalizando, co cal é forzado elixir unha para rematar. E a elixida é Bos Aires.

Avenida 9 de Julio-Bos AiresBos Aires é unha das cidades que, xunto á Habana, máis veces visitei. É unha cidade que non cansa nunca. Ten unha vida cultural incríbel. E non falo só dos grandes espectáculos dos teatros da avenida de Corrientes, senón de toda a efervescencia cultural que bule nos seus barrios. Unha cultura de base, con milleiros de propostas en todos os recunchos, creativas, participativas, imaxinativas, contestatarias… E para as galegas e galegos ten unha significación especial, pola pegada que ilustres paisanos nosos deixaron nas súas rúas: Castelao, Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Mercedes Ruibal, Lorenzo Varela, Laxeiro, Maruxa Villanueva, Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Colmeiro, Maruja Mallo… E máis impacto aínda tivo e ten o día a día de milleiros de galegos e galegas e dos seus descendentes que fan que estar en Bos Aires sexa con frecuencia moi semellante a estar en Galiza.

Con todos estes prolegómenos, non vos apetece xa baixar as rúas porteñas? Imos aló!

consumición en Tortoni Café TortoniO típico, iso de Palermo, Corrientes, Boca, o Obelisco de 9 de Julio, cemiterio da Recoleta, Costanera, Tigre, Puerto Madero… facédelo logo vós pola vosa conta. Eu quero acompañarvos a outros sitios. Que vos pareces se almorzamos en Tortoni? Se non o coñecedes, Café Tortoni é un dos bares notábeis de Bos Aires (existe unha categoría oficial denominada así) e funciona desde 1858. Asiduos clientes deste establecemento foron Borges, Ortega y Gasset, Alfonsina Storni, Fangio, Lorca, Gardel… Ten ata o seu propio tango. Paga a pena comezar a xornada aquí para almorzar. Como hoxe é luns, abre ás 8, así que convén vir cedo. A partir das 11 xa empeza a ser difícil entrar porque veñen excursións de guiris e hai cola para acceder. Estamos falando no suposto de que non temos ao coronavirus paseando polo mundo, claro. Porque xa que imaxinades que estades viaxando comigo, pouco vos custará engadir un chisquiño máis de maxia e eliminar o coronavirus destes mundos virtuais que estamos a percorrer.

Rematastes o café? E a factura? Non, non vos preocupedes: da factura de pagar xa me encargo eu. Falo da factura co significado arxentino: son masas e pezas de panadaría doce. Para que nos entendamos: algo así como os croissants, aínda que hai outras variedades. Ben, agora que xa saímos, douvos un pouco de tempo para que admiredes a avenida de Mayo (disque ten un aire coa Gran Vía madrileña) e vos acheguedes á praza de Maio para ver a Casa Rosada, o cabido e a catedral. Logo xa desde alí collede pola comercial rúa Florida. E por favor, non vos paredes cos “arbolitos”. Se necesitades cambiar diñeiro, falade comigo. Os “arbolitos” son os cambiadores ilegais que veredes ao longo de toda a rúa Florida. Se facedes uso dos seus servizos, levaranvos ás covas, as casas de cambio extraoficiais, que poden ser un quiosco, unha tenda de roupa, un centro de estética… e alí ofreceranvos o blue (o nome da divisa no mercado negro). No vídeo que vos gravei mentres paseabades pola rúa Florida, escoitaredes a unha “arbolita” ofrecendo o servizo. A que non vos decatárades de que vos ía gravando? É que teño unha microcámara!

E agora que xa fixestes algunha compra nas preciosas Galerías Pacífico, e xa chegastes ao final de Florida, vémonos xa onde a praza do General San Martín e desde alí subimos pateando (só son 20 minutos) ata a marabillosa libraría Ateneo Gran Esplendid.

Libraría Ateneo Grand Splendid

Esta libraría foi elixida por National Geographic como a libraría comercial máis fermosa do mundo. O edificio abriu as portas en 1919 como teatro. Por alí pasaron compañías teatrais, de danza, de ópera. As primeiras gravacións de Gardel foron aquí, porque era a sede do selo discográfico Odeón (hoxe EMI). No 2000 abriu as súas portas totalmente reconvertido en libraría, a máis grande de América Latina, con 2000 metros cadrados e máis de 200.000 volumes. Que vos parece a entrada? Vexo que vos pasa como a todo o mundo que traio aquí: fican no medio mirando para todos lados e coa boca aberta. Non é para menos. Acompañádeme ao escenario, tamén reconvertido en cafetería.

Fernet en Grand Splendid

Eu chupando da cola con Fernet na libraría Ateneo

Eu tomarei unha cocacola con Fernet. Vós pedide o que queirades. Fernet? Non sabedes o que é o Fernet? Pois unha bebida de herbas moi famosa na Arxentina. Disque é unha variante do Jägermeister pero é moi amarga, amarguísima, de verdade. A súa orixe é europea, mais non se sabe ben se de Francia, Checoslovaquia, Austria ou, o máis probábel, da rexión lombarda en Italia. De feito chegou aquí traída polos inmigrantes italianos. Xa sabedes que as inmigracións italianas e a galegas son as máis numerosas en Bos Aires. Falando diso, ide apurando porque o día vai pasando e temos que ir visitar o Centro Galego. Outra pequena camiñada de media hora e estamos alí. Que tedes fame? Beeen, aquí o normal é xantar un pouco antes que en Galiza, mais nesta cidade non tedes problemas para comer calquera cousa a calquera hora. Nas miñas primeiras viaxes á Arxentina, alá polos 90, non había moita máis cousa que carnes e pasta. Hoxe cambiou bastante e tedes para elixir todo tipo de cociña. E nun país carnívoro como este, Bos Aires mesmo ten unha boa oferta de restaurantes veganos por moito que vos sorprenda. Elixide o que queirades, que de aquí ao centro galego atoparedes moitos sitios.

E xa estamos no Centro Galego de Bos Aires. Está relativamente perto do Congreso. Este edificio que tedes ante vós forma parte da historia da Galiza. Foi, e segue sendo, ademais de institución cultural galega, un gran centro médico. Vén de pasar unha escura traxectoria no que estivo a piques de desaparecer. Unha inxección de cartos por parte dunha empresa privada, BASA, logrou poñer en marcha todos os seus servizos sanitarios. No pasado século foi un importante centro cultural. Castelao vivía moi preto del e alí morreu. Consérvase o cuarto e algúns obxectos que pertenceron a el. Mais tamén moitas obras de arte e verdadeiras “reliquias” do galeguismo. Non está todo aberto ao público pero eu consigo que vexades algo. Aquí tedes as fotos que tomei mentres íades admirando todo o que hai:

O pase de diapositivas require JavaScript.

Figuras estáticas Seoane Mural figuras estáticas Non é o único “centro galego” en Bos Aires. De feito destaca e destacou máis polo seu carácter asistencial e mutualista. Na cidade hai decenas de centros galegos de todo tipo, desde o grande Centro Galicia (con instalacións deportivas e de lecer en Olivos, nos arrabaldes de Bos Aires, e no propio centro da cidade), ata centros máis pequenos como o Círculo Social Valle Miñor, a Sociedade Parroquial de Vedra, o Centro Lalín ou o Centro Betanzos, por citar só algúns, que desenvolven unha chea de actividades culturais e de ocio. Síntoo, non nos dá tempo a visitar máis. Mais quedade coa idea da importante presenza galega na cidade porteña. Eu, estes días, camiñando, atopei casualmente unha placa nun edificio sinalando que no seu interior había unha obra de Luís Seoane. Sitios “galegos” atoparedes moitos.

E xa pola vosa conta, se é que ides quedar máis tempo, podedes pasear polas súas rúas, tomar unha foto con Mafalda, ver onde viviu (que si, que existiu), visitar o barrio de Boca (un escenario demasiado turístico para o meu gusto) ou pasear por San Telmo (a ser posíbel un domingo) e parar a xantar nunha das súas “Pulperías”. Non, non son para pedir polbo á galega. Son antigos establecementos que funcionaban como as vellas tendas das aldeas galegas onde o mesmo podías comprar unha pota para a cociña, como tomar un viño e unha ración de queixo e chourizo, ou levarte unhas botas. Un vello almacén… Aquí tedes un curto vídeo do patio interior da Pulpería Quilapán.

Ambiente nocturno en Palermo

Ambiente nocturno en Palermo

E se queredes rematamos tomando unhas copas, que a noite é moi boa, na zona de Palermo, nos arredores da praza Julio Cortázar. E logo, a durmir, que todo o día por aí cansa.

Déixovos en Bos Aires. Comprobaredes que é unha cidade que dá para escribir un post todos os días durante meses. Pero eu remato aquí a miña crónica de viaxes, porque é hora de que aproveitedes este confinamento para ir pensando e planificando, con moito tempo, as vosas viaxes. Mais non me despido hoxe. Dentro de dous días regalareivos a sobremesa: unha historia de consellos e anécdotas de aeroportos e avións, que dan para falar moito. E si, que xa algunha e algún o preguntou, que como fago para poder viaxar tanto. Tamén volo contarei. Será o próximo mércores. E como é habitual, aquí abaixo queda unha recompilación de fotografías da viaxe.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

Doha. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 4

Skyline nocturno de DohaVistes que ben chegamos e que curtas se nos fixeron as trece horas e media de voo desde Australia? Xa estamos en Doha, capital de Qatar, un minúsculo estado rodeado dun lado por Arabia Saudí e por outro polas augas do Golfo Pérsico. Ten a oitava maior renda per cápita do planeta. Ata o descubrimento do petróleo e do gas, a economía sustentábase na pesca e na recolección de perlas. Actualmente ten uns dous millóns de habitantes, pero só 250.000 son cidadáns qatarís.

E diredes, vaites, este George volvéusenos académico e xa non relata as súas aventuras e dáselle por impartir clases de xeografía económica… Non. Pero esta introdución é necesaria para que entendades este país. Eu resumiría todo isto dicíndovos que vos preparedes: deixade as zapatillas (non van facer falta neste sitio), e dispoñédevos para entrar nun inmenso e luxoso decorado. Porque si, Doha, Qatar, é un decorado. Iredes entendendo.

Azafata recbindo no avión á chegada á DohaImos aló! Chego a Doha e o primeiro que atopo vaivos sorprender. A min non porque xa o tiña preparado, claro. Á porta do avión espérame unha azafata cun cartel co meu nome, que me conduce por uns corredores onde non hai ninguén, déixame nunha enorme sala con bebidas e comida e cómodos sofás mentres “alguén” vai buscar a miña maleta. Ao pouco vén de novo a señorita e lévame a un mostrador onde un policía sela o meu pasaporte e sen máis trámite entramos no país. Nin colas, nin revisión de equipaxe, nin nada de nada. E unha vez pasados todos os trámites condúceme a outra sala onde podo almorzar todo tipo de manxares, podo darme unha ducha nun baño que xa quixeran moitos hoteis de luxo e podo descansar en cómodos sofás con estupenda conexión a Internet. Como vos van parecendo os primeiros momentos no país? A min moi ben, claro. Para iso paguei! Porque en Doha tes acceso a todo… se o podes pagar. É o primeiro acto deste gran teatro. E nos espectáculos xa sabedes que todo ten que estar moi coidado.

E así deste xeito comezo a miña primeira mañá en Doha, con non excesiva calor pero si moita humidade. Cambio as miñas zapatillas por sandalias e comezo por percorrer o Corniche, o paseo marítimo de Doha. Esperaba atopar xente paseando, correndo, gozando da brisa mariña, pero pronto me decato de que son o único paseante. As outras persoas que vexo son paquistanís, nepalís, indios… obreiros descansando baixo algunha palmeira. E tamén me decato pronto que non é cidade para camiñar. Chego á altura do impresionante museo nacional de Qatar, construído coa forma dunha rosa do deserto, e aí vexo que é imposíbel cruzar a estrada para entrar nel. A estrada é en realidade unha autopista, co cal teño que desandar case 2 km para atopar un lugar onde cruzar.

O caso é que xa estou no impresionante museo. Polo que vin en Internet antes da viaxe, por dentro ten que ser tan alucinante como por fóra, con exposicións interactivas e todos os últimos adiantos en museística. Pero alá foi o que Marta fiou: podo entrar pero todas as exposicións están pechadas polo coronavirus. Terei que conformarme con ver a tenda de recordos e o hall de entrada. Xa o bicho me está pisando os talóns. Tamén vin nas noticias que hoxe pechan os centros de ensino en todo o país.

De camiño de volta ao hotel (a pé, mira que son testán) teño que atravesar rúas que non son as comerciais nin as turísticas por chamalas dalgún modo. Para que entendades: vou por detrás do decorado. E aí atopas unha Doha moi distinta: beirarrúas moi deterioradas, coches aparcados enriba delas (teño que baixar e camiñar pola estrada co risco que supón), edificios humildes que en nada se parecen aos rañaceos, moita xente que non ten pinta de ser qatarí, velliños tirados no chan comendo dunha bolsa… Alí non ves homes vestindo a típica túnica thobe nin tocados coa kufiya. Iso queda reservado para o distrito de negocios ou os suntuosos centros comerciais. Entendedes agora o do “escenario”?

Non vos comentei aínda do hotel, impresionante como son todos os hoteis en Doha e a prezos moi accesíbeis. Pero seguen sendo decorados. Un cuarto impresionante, pero ao asomarte á ventá… ves os bastidores:

Metro clase Gold - Doha

Alucino co metro!

Contábavos que en Doha hai que deixarse de zapatillas (en todo caso sandalias) e buscar outro medio de transporte. Teñen o mellor metro que coñecín ata agora. Modernísimo e rapidísimo. As estacións parecen aeroportos e hai persoal amabilísimo para atenderte en todo momento. Hai tres clases (con vagóns separados): estándar (calquera pode ir), familiar (só para mulleres e, no caso de ir algún menor de 11 anos, poden ir con elas homes) e Gold. Os prezos son pouco menos que simbólicos, así que optei pola clase Gold: unha tarxeta de viaxes ilimitados durante todo o día, por 15 euros. De todas as viaxes que fixen, só en dúas había máis xente no vagón. Por certo, son trens sen condutor, como podedes ver:

Villaggio Mall

Villaggio Mall, góndolas e canais incluídos

Doha, e estou falando do escenario-Doha, é o paraíso das compras. Calquera marca internacional tédela nos seus ostensíbeis centros comerciais. Por ser o máis famoso, visitei o Villaggio Mall, un centro onde parece que viaxas ás rúas de Venecia. Ten canles con góndolas (os gondoleiros son filipinos, non lles pidades que canten a Traviata), un parque de atraccións temático (Gondolania), unha pista de xeo e centos de tendas. O máis rechamante, con todo, é o teito, que simula un ceo e realmente dá a sensación de camiñar ao aire libre. Un centro comercial, luxoso e orixinal, si, coas mesmas tendas e marcas que podedes atopar en calquera outro lugar do mundo. Pero observo (un bo bibliotecario ten que ser observador), dúas diferenzas importantes que enseguida te sitúan nun mundo moi distinto do occidental: os rezos pola megafonía á hora que toca (podedes escoitalos no vídeo) a as señoras coa abaya negra de pés a cabeza, falando co teléfono móbil, gafas de marca, bolso de marca, calzado de marca (máis alá, só se pode imaxinar, non se ve…) e a uns pasos detrás dela, a serventa filipina levando todas as bolsas. Xa sabedes: sobre os escenarios hai actrices protagonistas e figurantes.

National Library of Qatar National Library of Qatar closed coronavirusE si, como bo bibliotecario vou visitar a Biblioteca Nacional de Qatar. Polo que vin en fotos é unha arquitectura espectacular, como todo o que se fai nesta cidade. Así que, aire de metro, e alí estou, na Cidade da Educación (na miña vida vin tantos edificios tan modernos, estraños e atrevidos). Xa desde fóra a biblioteca é digna de visita. Pero teño gañas de coñecela por dentro. Así que busco a porta (é o que teñen estas edificacións tan pouco convencionais, que hai que buscar por onde se entra). E aló outra vez foi o que Marta fiou: o coronavirus decidiu que mellor pechadiña.

Creo que o mellor é andar lixeiro, mirar o que hai que mirar e finalizar esta volta ao mundo porque estou vendo que a este paso ou non me deixan saír de Qatar ou non me deixan volver de novo a Galiza. O mellor é irse á zona de “viños” (por así entendernos, porque realmente nin viños nin cervexas se poden tomar alí, fóra de hoteis e algúns centros especiais), Souq Waqif, e gozar da noite, da comida e da música…

Antes de coller o avión, mentres espero aquí comodamente no Hamad International Airport, aproveito para recomendarvos que se ides viaxar, fisicamente ou coa mente, a calquera país musulmán, vos documentedes antes para limpar a mente de prexuízos e coñecer máis a súa cultura e ser conscientes de que nós, os occidentais, non somos o embigo do mundo. Hai un autor, marroquí, que escribe en francés, Tahar Ben Jelloun, que ten varios libros sobre o tema. Nas bibliotecas temos algunhas das súas obras, así que tan pronto retomemos o servizo presencial, anímovos a ler algunha delas. E despego xa!! E case que non dou chegado! Aos dous días de aterrar en Madrid, Qatar Airways cancelou todos os seus voos con España. Qatar non deixa xa entrar a ninguén do estado español, e o mesmo sucede con Australia. A isto chámase “ter puntería”.

Remato logo, como sempre, cunha selección de fotografías para que vexades este gran decorado forxado a base de pasta, moita pasta… Pero as crónicas non acaban aquí. Aproveitando que estamos xa afeitos e afeitas aos avións e desprazamentos, o luns vouvos levar nada máis e nada menos que a Bos Aires!!! Non entra nesta volta ao mundo pero foi unha das miñas últimas viaxes, e unha das cidades que máis visitei e que máis quero (fixádevos que non digo “gusto”: digo “quero”). Iso será o luns. Espérovos!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Australia. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 3

E xa peguei o salto! Xa estou en Australia. A que se vos fixo curta a viaxe? Pois tedes sorte, porque a maxia da escrita evitouvos pasar as 23 horas de voo e as 13 de aeroportos para chegar desde Nova York ata aquí. Pero xa cando chegue o último capítulo destas entregas falaremos das aventuras de avións, aeroportos e demais.

Australia? En que pensades cando vos falan de Australia? Non, non digades nada, xa o sei: canguros, koalas, praias… A cara amábel desta enooorme illa. Eu vouvos descubrir outras facianas. Tranquilas, dos koalas, dos canguros e das praias tamén falaremos, faltaría máis.

Ópera de SidneyA porta habitual de entrada a Australia é Sidney. Pero podería ser Melbourne, Adelaide ou Perth. Sidney é, posibelmente, unha das miñas cidades favoritas. Asenta nunha baía enorme, chea de illas, de pequenas rías, de recunchos paradisíacos. Algo así como se Deus, ao rematar a creación no sétimo día, segundo contan as Escrituras, se cabreara e tirara un enorme cinceiro metálico neste borde do continente e fanicara todo (por certo, fumaba Deus? Se non é así, perdón pola licencia literaria, pero acae moi ben). Tamén aquí peguei unha boa pateada. Díxenvolo… Boas zapatillas e en forma. Aquí en Sidney, nun día, 25 km. E nada que ver as súas dimensións coas de Nova York. Ten moito que ver pero todo moi concentrado. A onde primeiro hai que ir é ao edificio da Ópera, a icona da cidade. Eu contratei unha visita guiada en español. Aos dous minutos de escoitar á rapaza que a guiaba, eu xa notei algo. Pregunteille, e ti de onde vés sendo? E era de Vigo, claro.

Ponte de SidneyA ponte da baía é outro dos símbolos que identifican Sidney. Sabedes que Paul Hogan, o protagonista da película Crocodile Dundee, antes de dedicarse ao cine traballou como pintor nesa ponte, aló polos mediados dos 70? Agora tamén tedes a opción de escalalo. Unha subida que dura sobre 3 horas por un custe aproximado de 100 euros.

Entrada ao museo de Melbourne

Senior?? Vello eu???

Melbourne é a outra gran cidade australiana. Multicultural, facilmente “camiñábel”, con moita vida nas súas rúas, con parques, con transporte gratuíto na zona centro, con museos interesantísimos e moi didácticos. E o que me chamou a atención especialmente nesta cidade é o concepto de “vellez” que teñen os seus habitantes. Cada vez que compraba unha entrada para un museo, sen me preguntar nada, dábanme desconto por “senior” (ou sexa, maior de 60 anos). Ou con moi mal aspecto cheguei a Australia ou é que non saben calcular a idade. Faríame máis ilusión que me deran entrada de neno, pero non, eles así a vulto xa calculaban que eu estaba na terceira idade. De calquera xeito, son home práctico e calei: un desconto é un desconto.

AdelaideAdelaide, esa gran descoñecida. Esta cidade, do estado de Australia do Sur, ten 1.300.000 habitantes. A cidade en si, o centro, podedes vela nunha mañá. Pero arredor ten moitísimas atraccións: praias inmensas (sempre as vexo sen xente), montañas con estradas como as do interior de Galiza, viñedos (moi bos os viños desta zona, hip)… E tiven a sorte de coincidir co Adelaide Fringe Festival, o festival máis importante de todo o hemisferio sur que durante 30 días acolle cerca de 1500 eventos e máis de 7000 artistas de todas as artes: música, teatro, circo, audiovisual, danza, obradoiros, cine, maxia…

E outra curiosidade. As tres cidades das que vos acabo de falar figuran no máis alto da clasificación que a revista The Economist publica cada ano e onde nos di cales son as cidades do mundo con máis calidade de vida: Adelaide está no décimo lugar, Sidney no terceiro e Melbourne no segundo.

Avisos nas praias de QueenslandCrocodilo de auga salgadaCousa diferente á vida urbana é cando imos ao norte. Non vos vou falar –por cuestións de espazo– do Northern Territory, onde podedes atopar, por exemplo, Uluru, a gran rocha, sitio sagrado para os aborixes, no medio do deserto (e lugar recomendábel tamén para visitar), senón do estado de Queensland. Puiden visitar toda a zona arredor de Cairns e Port Douglas. E alí atopei a fauna salvaxe de verdade. Praias como as dos anuncios, coas súas palmeiras, a súa area branca… os seus crocodilos, as súas medusas velenosas, os seus casuarius, as súas serpes… Aaaaah, pensabades que todo eran koalas e canguros? Pois estes bichiños dos que vos falo tamén son fillos de Deus. E o que atopei de entrada cando visitei por vez primeira un deses areais sacados do paraíso foi un carteliño onde me advertía da posíbel presenza do crocodilo de auga salgada, o réptil máis grande do planeta, que pode chegar a medir 7 metros e que se adentra no mar. Xa me avisaron: de atopalo, non intentes correr: cun so movemento de aleta pode avanzar 4 metros, e se se empeña en ir tras min na auga pode facelo a 43 km/h (confeso: no meu caso con que puidera avanzar a 2 km/h xa me collería). Non foi na praia, por sorte, onde vin esta criatura, pero si no río, e mesmo puiden presenciar unha pelexa entre dous deles. Medo dan. E logo están as medusas… Eses bichiños tan lindos, tan riquiños… e dos que hai documentadas 5500 mortes en Australia pola súa picadura. Esta é a razón pola que tamén figura unha alerta da súa presenza á entrada das praias. Será por todo iso que sempre as vexo baleiras??

Outra categoría da fauna australiana son os insectos, os arácnidos e os pequenos –ou non tan pequenos– réptiles. Arañas como a que vedes na foto, ou formigas que fan enormes niños que, xa vedes, son máis altos ca min. E ese non era dos máis grandes. Ou as especies en perigo de extinción, como o demo de Tasmania, aqueixado por un estraño tumor facial que contribúe máis á súa desaparición.

Todo isto é fácil de atopar en Queensland, ese estado do nordeste de Australia. E da miña aventura neses lugares exóticos, ilústrovos con este documental:

KoalaE si, ademais están os canguros e os koalas. A da foto é unha koaliña de 6 anos coa que fixen bo caldo nada máis coñecernos. E os canguros… Que vos vou contar dos canguros. Tan amigo me fixen deles que un dos días subín velos cun libro de Manuel María e púxenme a recitarlle un dos poemas. E mirade no vídeo como se interesou!

Souben despois, que tanto lle atraeu a lectura, que se fixo socio da biblioteca de Marion, un dos barrios de Adelaide. Que por certo, ten unhas instalacións ben chulas. Tiña que poñer algo de bibliotecas. Sei que non perdoades que un bibliotecario polo mundo non visite as bibliotecas de cada lugar.

Como no anterior post, tedes aquí unha galería onde podedes ver máis imaxes desta viaxe por Australia. Se tedes oportunidade, non deixedes de coñecela. E eu agora póñome a preparar o meu próximo destino: Doha, en Qatar! Dentro de dous días vémonos no Golfo Pérsico!

O pase de diapositivas require JavaScript.