Arquivo do blog

Nano, de Concha Blanco

Concha Blanco é mestra, pedagoga e escritora. Nacida en Cee conta cunha longa traxectoria no mundo da escritura.

Non hai moito tempo que, por casualidade, caíu nas miñas mans unha das súas obras, Nano, escrita no 2008 e editada por Everest.

Nano conta a historia de Fernando, un rapaz coruñés e arquitecto que vive atormentado. Sabe que é gai pero non o asume.

Contraportada NanoFoi unha lectura especial porque ademais de presentarnos a Nano, un rapaz que cae ben, toda a acción transcurre en escenarios moi coñecidos por nós coma a rúa Barcelona ou o Paseo Marítimo coruñés. Por riba, constitúe a primeira obra que leo desta temática no idioma galego.

Tamén é especial porque todos tivemos en algún momento das nosas vidas ou temos na actualidade un Nano ben cerquiña. Unha persoa á que apreciamos e que non se atreve a asumir a súa identidade sexual

Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. Don Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas

Estas palabras da autora, referidas ao seu nacemento, fanme reflexionar sobre o feito LGTB. Cadaquén ha de saber que quere facer na súa vida, que prefire aportar aos demais e que rastro pensa deixar tras de si. E digo isto referíndome tanto ao que sae do armario coma ao que observa a saída.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña temos moi claro cal queremos que sexa a nosa aportación. Por un lado dar visibilidade ao feito LGTB a través dunha wiki na que recollemos títulos da literatura e do cine que tratan esta temática e, por outro, celebrar cada ano o ORGULLO LGTB con mesas redondas, encontros ou proxeccións de filmes que aporten información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual a todas as persoas que se acheguen ás nosas bibliotecas.

Se alguén aínda non o sabe… #asMunicipaisEntenden

Algún conto…LGTB

«Bien mamá […] tengo que decirte que nunca me han gustado mucho las princesas…»

Isto é o que o xoven príncipe advirte á súa nai cando, chegado a unha idade, ésta se emperra en casalo, e logo de moito buscar e ver desfilar centos de exóticas princesas ao máis puro estilo de conto de príncipes que escollen princesas foi quedar prendado do irmán da última que se veu presentar. De Lee. Porque nos contos infantís, o fío de esperanza hai que respectalo sempre. E agora, co poder que se me otorga, declárovos Rei e Rei.

 Noutro reino, o de Trasantonte, Titiritesa e o seu burro Bufaldino van rescatar a Wendolina. Wendolina ía diante e Titiritesa, detrás. – Que ben cheiras…! –murmurou Titiritesa. –É colonia de azucre! –dixo Wendolina. Entón sentiron un airiño trangalleiro que lles fixo cóxegas no pensamento.

Máis neste tipo de contos sempre Foron Felices e Comeron Perdices. Puidera parecer unha trama ficticia ou que tódolos contos son historias inventadas, sen embargo, tamén ocorre que ás veces estas tramas atópanse en historias de diario, cotiás, que descenden ao nivel máis sinxelo para chegar aos infantes do xeito máis natural.

E se non credes, ollade As Cousas Que lle Gustan a Fran:

Isto é coma todo, hai boas historias e hainas malas, hai boas edicións, e malas, hai boas ilustracións e malas, hai historias nas que a mensaxe LGTB é a única trama e hainas nas que é tan só un tema secundario. Asistimos a unha integración da temática LGTB na LIX e de momento estamos no primeiro estadío: explicando que existe. É o caso de Aitor tiene dos mamás, o rapaz vese na obriga de xustificar a composición da súa familia diante dos seus amigos para ser aceptado e frear os comentarios. Sen embargo, chegará o momento no que xa non se escriban historias para explicar a situación senón que a situación formará parte dunha historia.

Para os rapaces, unha das mellores obras LGTB dos últimos tempos escribeuna Concha Blanco en 2008: Nano é un mozo que ben se pode identificar co inverno, pola súa cor gris, estación do ano de días curtos e noites longas…

Todas e cada unha destas obras, xunto con outras moitas, atópanse nas Bibliotecas Municipais a disposición dos usuarios, para compartir e gozar de maneira individual ou en familia. Están aí para que lle amosemos aos nosos nenos e nenas, rapaces e rapazas o tipo de sociedade que queremos ter.