Arquivo do blog

Cantares Gallegos, 150 anos , homenaxe na Coruña

Rosalia de CastroSe algunha obra ten carácter mítico e fundacional na recuperación literaria da nosa lingua e cultura esa é Cantares Gallegos, coa que dá comezo o chamado Rexurdimento cultural de Galicia e coa que Rosalía de Castro se erixiu naquel momento, e xa para sempre, en figura central da nación dos galegos e galegas. Mañá, 17 de maio, cúmprense 150 anos da súa publicación, ou máis ben da data na que a súa autora asina a dedicatoria do libro á escritora andaluza Fernán Caballero, seudónimo de Cecilia Böhl de Faber.

Reducida durante anos a figura prototípica da Galicia sumisa, queixosa e melancólica –con intencións nada inocentes-, estudosos da súa obra como Francisco Rodríguez (Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria) teñen conseguido por fin que hoxe sexa sentida e divulgada a súa obra como propia dunha autora complexa, moderna e claramente progresista, situada ao carón do pobo desde unha posición cívica e social que non admite dúbidas canto á defensa das mulleres, a denuncia da emigración ou a propia percepción e difusión da identidade nacional de Galicia.

Do éxito do libro dan conta o convite que a autora recibiu para participar nos Jocs Florals de Barcelona ou a celebración que do mesmo fixeron poetas portugueses da talla de Antero de Quental ou Teófilo Braga, mais especialmente o feito de ter sido recoñecido unanimente como alicerce simbólico da recuperación cultural e identitaria do país.

Exemplar dunha primeira edición de Cantares Gallegos, dispoñibel na Biblioteca de Estudos Locais, conservado coa sua encadernación orixinal.

Con motivo da celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos a cidade da Coruña, a única na que o seu principal teatro leva o nome de Rosalía, celebra unha homenaxe cívica á autora, homenaxe que á súa vez conmemora o que a cidade xa tributara a Manuel Murguía, o seu marido, en 1913, con motivo do seu 80 aniversario. A homenaxe terá lugar en dous actos:

  • Este xoves 16 de maio ás 20 horas preséntanse en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22 A Coruña) dúas novas edicións de Cantares Gallegos, a cargo de Pepe Barro e de Anxo Angueira, respectivamente.  A fermosa edición de Pepe Barro destaca pola calidade creativa da súa parte gráfica e visual, e está a cargo de El Patito Editorial. A de Anxo Angueira -ademais de erudito, gran rapsoda dos versos de Rosalía- pola lectura anovada e crítica que ofrece da obra rosaliana.
  • O domingo 19 ás 19 horas no Teatro Rosalia un concerto – recital levará a poesía rosaliana ao público a través da música e das voces de diferentes artistas de noso.

Ficamos convidados, todos e todas, a celebrarmos nunha data central do noso calendario cultural unha efeméride que marcou para ben a nosa historia como pobo: desde a literatura e desde Nós, a defensa da xustiza, da igualdade e da fraternidade, na voz universal de Rosalía.

Concerto acústico de Sés con Mª Xosé Silvar e Tito Calviño na Biblioteca Municipal Fórum

Concerto acústico de Sés con Mª Xosé Silvar e Tito Calviño na Biblioteca Municipal Fórum

 

Maria José Silvar e Tito Calviño
Concerto acústico o sábado 16 de abril ás 19.30 h na Biblioteca do Forum
María Xosé Silvar presenta os temas de Sés en formato acústico, acompañada de Tito Calviño á guitarra. María e Tito levarán o seu ritmo á Biblioteca do Fórum Metropolitano. Un proxecto en feminino no que o carácter, a forza e a creatividade de María Xosé rompe o molde da muller na música galega. A entrada é libre ata completar aforamento.

Concerto de Jane Joyd

Concerto de Jane Joyd na Biblioteca do Forum Metropolitano o xoves 10 de marzo ás 20:00h.
Elba Fernández é Jane Joyd.

Jane Joyd, coruñesa que mostrará as súas novas composicións de acústica, folk e americana co seu característico pouso de delicadeza compositiva, recollida melancolía e sutileza emocional. Preciosas narrativas que só necesitan esa sorte da boca a boca para estourar definitivamente no panorama estatal.