Arquivo do blog

Lecturas ouvidas, lecturas sentidas

Temos xa encamiñada a desescalada do confinamento, nas bibliotecas estase a traballar a reo para dispoñer dos espazos coa maior seguridade para todos, usuarios e persoal. Máis axiña que tarde poderémonos ver de novo e comentar os momentos vividos durante todo este tempo. Porque do que todos estamos seguros é que vivimos un tempo estraño, para o que ninguén estaba preparado, e que fixo da adaptación a nosa principal ferramenta.

No club de lectura Sagrada Familia quedamos a medias dalgunha lectura e coa listaxe de pendentes preparada. Pero a situación non animaba á lectura, son moitas as voces que recoñeceron non contar con capacidade de concentración nestes días, e a lectura dixital tampouco nos servía como reclamo. Artellamos unha forma de estar máis conectadas e seguir facendo as reunións do xeito máis familiar posible.

A través dos audios do chat puidémonos sentir máis preto e comunicar mellor as emocións que moitas veces, na escrita de mensaxes, resultaban imprecisas. De feito, a interpretación dos textos que a miúdo aporta o relator, transmite sentimentos que nos fan espertar nestes días tan mornos de contactos. Tamén a lectura poética coa que damos comezo ás sesións actuou como un bálsamo que nos envolvía na atmósfera agradable e confiada propia das reunións de comezo de semana na biblioteca.

447px-CortázarComezamos escoitando o relato “La casa tomada” de Julio Cortázar, que foi tamén debatido en varios dos nosos clubes con magnífica aceptación en todos eles. É unha curiosa historia de confinamento; pese a ter a  posibilidade de saír á rúa e relacionarse, os protagonistas viven unha vida afastada da sociedade, chea de rutinas e co mínimo contacto co resto do mundo, ata que notan singulares “presencias” na súa vivenda. A tertulia tendeu á valoración da socialización como parte integrante do noso ser, como era de esperar dada a nosa situación, e ese illamento voluntario resulta case un insulto nestes días de incomunicación. 

Por suposto, cada quen é libre de decidir cómo vivir a súa vida, pero no caso dos protagonistas, case nos parece un desprezo pola sociedade que os rodeaba. Deixamos atrás as referencias ás presencias descoñecidas, esas amenazas que lles restrinxen os movementos dentro da súa propia casa, para centrar a conversa na actitude coa que os protagonistas afrontan as súas vidas. Sen dúbida trátase dun relato dun profundo calado tamén moral, que supoño non pretendía ser moralista, dos que permanecerán na memoria de todas nós. Tanto é así que non resultou fácil manter o nivel das propostas para todas as semanas, mais intentámolo.

A seguinte semana comentamos un relato de Juan José Millás, prolífico e irónico autor español coñecido por todas e seguido tamén nas súas colaboracións radiofónicas. Escollemos “Mi pierna derecha”, un relato curto incluído na obra “Los objetos nos llaman” publicada por Seix Barral en 2008, sobre as relacións pais e fillos e a impotencia que se crea cando a comunicación non é fluída.

Un pai e un fillo que non falan desde hai anos, atópanse por casualidade; o pai, en apuro,s é axudado polo fillo, narrador da trama, que non se da a coñecer. O feito de que se ofrecera a axudalo implica unha necesidade de aproximación entre eles que logo parece que desbota ao non identificarse, xustificándose con explicacións sobre o pasado. Non é fácil recuperar unha relación rota cando ademáis falla a comunicación, pero tampouco debe ser fácil permanecer alonxados das persoas que máis queremos. Moito nos deu para debatir este relato, pais, fillos, complexos, defectos, pérdida, comunicación, superación,… Quedamos con ganas de saber máis sobre estes dous personaxes e, sen dúbida, trátase dun autor que recomendaremos polas lecturas frescas e irónicas que nos ofrece.

Continuamos con autores españois e radiofónicos e escollemos a Elvira Lindo para a tertulia da terceira semana de audio-textos. Tratándose dunha autora con tanta traxectoria na radio, na rede atopamos numerosos arquivos de audio cos seus programas, pero decidímonos por un fragmento do monólogo “Una mujer inconveniente”, presentado no Festival Ja! (literatura y arte con humor) de Bilbao no 2016.

Neste anaco relata os seus comezos vitais como filla última do matrimonio dos seus pais; cunha alta dose de humor e ironía transportounos aos momentos da infancia, tan recordados e tan reconfortantes durante o confinamento. Aquelas nais sen medo a traumas, sen pelos na língua, aqueles irmáns que che axudaban a meter a pata cada día, a facer as maiores trasnadas posibles,… evocan lembranzas tenras e saudables. Todas estas fixeron que o debate chegase tamén a valorar o traballo feminino actual que, as máis das veces, suma todo o realizado nas xeracións anteriores dentro da casa, ao traballo fora da mesma. Canta forza demostran esas nais traballadoras sostendo toda a vida ao seu redor un día tras outro.

Co gallo da celebración do Día do Libro moitas foron as participacións de autores en programas de televisión, radiofónicos ou a través das redes sociais; achegáronse así aos lectores do único xeito posible nestes momentos (e ¡gracias!). Elvira Lindo participou no programa especial Late motiv de Andreu Buenafuente e del rescatamos un relato sobre o seu “confinamento” que fixo as delicias de todas as participantes, polo real e polo imaxinado, porque sen humor… ¿qué sería de nós sen o humor?

Xa estabamos na cuarta semana de encontros confinados e voltamos a cruzar “o charco” para escoitar os relatos de Leila Guerriero da súa propia voz. Foron tres os relatos da obra “Teoría de la gravedad” escollidos para seren liberados a través da web da editorial Libros del Asteroide, presentados en formato vídeo-lectura.

Dos tres vídeos foron máis ben dous os que estimularon o debate; “Equivocada” proxéctanos o recoñecemento deses momentos de felicidade que ás veces escápannos das máns, ou non somos quen de aprecialos ata que nos quedan lonxe e, co vivido vivido, os identificamos dese xeito. Non quedou sen mencionar a necesidade de valorar os pequenos momentos do día a día que nos resultan tan pracenteiros e nos insuflan pequenas, ou grandes, doses de conforto; o simple feito dun paseo, dun café en boa compaña, dunha parolada coa xente adecuada ou mesmo a ollada do mar, bravo ou tranquilo, ás veces apórtannos máis felicidade que a sentida o día da maior celebración. Só temos que saber saborealos para enriquecer eses nosos días.

Leila Guerriero: ‘Equivocada’ from Libros del Asteroide on Vimeo.

“Instrucción 17” trata sobre o amor, máis ben sobre a fin do amor de parella, e amosa tamén certa dose de machismo implícito en moitas delas, os coidados da muller ao marido. Cando todo aquilo que se facía para coidar, para procurar o benestar da persoa amada, xa non apetece, xa supón un esforzo porque el (neste caso é un home) xa non merece ese adxectivo. Un texto moi suxerente para comentar no club, que nos reafirma nas convicións sobre a independencia, o amor sá, o cariño sin obrigas, 

Con todo este material, estas lecturas ouvidas tan variadas, chegamos a mediados de maio pero non rematamos ahí. Nunha próxima entrega compartiremos con vós as nosas últimas tertulias antes de dar por finalizada a extraordinaria tempada 2019-20.

Os clubs de lectura lemos a Carvalho Calero para #DesconfinarALingua

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha a campaña #DesconfinarALingua, do 11 ao 17 de maio para celebrar o Día das Letra Galegas neste distópico 2020. Unha ocasión para coñecer, usar e vivir a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións. Unha semana que estivo chea de actividades que combinaron a homenaxe á figura de Don Ricardo Carvalho Calero coa potenciación do idioma como lingua de creación.

As Bibliotecas lanzamos unha chiscadela a todos os galegos e galegas para cubrir a boca neste 17 de maio coas máscaras diversas da creación en galego. As máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias. Unha auténtica oportunidade para recomendar e difundir toda a creación en galego, especialmente aquela contemporánea e que está máis viva.

Esta é a resposta que nos estades a dar, se clicades enriba da imaxe, veredes as fotografías recollidas no noso álbum en Flickr de #DesconfinarALingua:

Desconfinar a lingua

Dende os Clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña traballamos en conxunto e abrimos unha xanela para compartir e facervos partícipes dunha chea de iniciativas para darvos a coñecer a figura e a personalidade de Ricardo Carvalho Calero e a creación en galego.

Velaí vai unha mostra das nosas propostas:

Preparouse unha completa guía de lectura, unha escolma de Poemas Carvalho Calero e mesmo un vídeopoema de “Ferrol”, versos onde autor lembra con moita nostalxia a nenez na súa cidade natal:

A semana comezou ca lectura  conxunta nos nosos clubs das BMC dun relato da escritora María Reimondez , “A esencia da cidade” (de descarga libre e gratuita na web de Xerais). Tivemos a grande sorte de ter un Encontro virtual coa autora o xoves 14 de maio, onde poidemos facerlle todas aquelas preguntas que nos suscitou a lectura do seu relato autobiográfico.

Elaborado polo grupo de Teatro Lido da Biblioteca Sagrada Familia, gravouse o “Noticiario Letras Galegas” arredor da figura de Carvalho Calero, indagando tanto na súa faciana como escritor, investigador, profesor e mesmo como persoa. En clave de humor pero sen por iso restar seriedade ao contido:

Axudamos a #DesconfinarALingua apoiando á creación en galego e aos nosos autores e autoras como Lois AlcaydeTamara AndrésAndrea Barreira Clara Vidal, que foron quen de  achegarnos as súas recomendacións de literatura, música e cine en galego.

Continuamos coa presentación de “Vieiros de esperanza”, un documental  de Antón Rodríguez Fernández, inédito na rede ata esta mesma semana, no que se ofrece un percorrido  pola traxectoria vital do autor ferrolán a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega:

Desde o club de Clásicos da Biblioteca Castrillón  leeron “O Galo”,  relato incluído en “Contos da néboa” de Ánxel Fole, compañeiro de tertulias do autor ferrolán no lexendario café Méndez Nuñez de Lugo. 

Os membrxs dos nosos clubs tiveron unha participación activa e destacada,  non so cubrindo  as súas facianas con portadas de libros en galego, tamén prestaron as súas voces para gravar algúns dos poemas mais recoñecidos de Carvalho:

Ir a descargar​ ​Poema: “Calquer lugar e bo para morrer” (lectora da Biblioteca Ágora)

Ir a descargar Poema: “”Viage” (lectora da Biblioteca Ágora)

Meu querido profesor, así comeza unha carta escrita por Mercedes Bueno, una alumna de Don Ricardo Carvalho Calero na facultade de Filosofía e Letras, e membro dun dos nosos clubs de lectura. Unha sentida homenaxe que reflexa mellor que nada a esencia e a magnitude dun dos autores que máis fixeron polo uso e a divulgación da lingua galega. Pechamos deste xeito tan fermoso unha semana repleta de actividades para festexar o Día das Letras Galegas na nosa rede de clubs de lectura:

Por todo esto hoxe, no seu día, quero dicirlle que todos os seus ensinos e o seu amor por Galicia, penetraron nos nosos novos corazóns e prenderon a chama. Os seus coñecementos e sabedoría marcaronnos o camiño da liberdade, a mesma que lle faltou a vostede nalgúns momentos difíciles da súa vida.

De seguro seguiremos a festexar o ano de Carvalho Calero máis adiante, así como a ler, recomendar, visibilizar as nosas Letras, no dixital e no presencial, cada día e como parte fundamental da nosa labor.

María Reimóndez únese aos clubs para #DesconfinarALingua

Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua, o xoves 14 de maio terá lugar un encontro virtual con María Reimóndez en torno ao seu relato “A esencia da cidade“, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.

O relato, autobiográfico e con vocación de ser utilizado nos centros de ensino para traballar a igualdade, foi ofrecido en descarga libre poca editorial con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista no ano 2016.

Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma.

No blog do club #QUEERuña, organizador do encontro, veñen de publicar unha entrevista coa autora como anticipo ao encontro. Non a perdas!

 

Vídeo da sesión virtual dos clubs con Marta Sanz e “Sherezade en el búnker”

Case 60 integrantes de clubs de lectura da Rede de bibliotecas participaron nunha sesión virtual con Marta Sanz arredor do relato “Sherezade en el búnker” (de descarga libre e gratuíta), creado polo autora durante a pandemia e sobre o confinamento.

Imaxe extraída de elcultural.com

A intención orixinal de Sanz cando comezou a escribir este relato era dar resposta a unha petición dunha pequena editorial de elaborar unha serie de historias breves baseadas na personaxe de Sherezade. Comezou a crealo durante o estado de alarma, e o resultado foi, nas súas propias palabras, “unha historia breve co confinamento de fondo que intenta aliviar e facer que a xente poida sorrir e, ao tempo, visibilizar un problema social que vai seguir estando aí durante a pandemia, e que vai permanecer cando todo isto remate“.

Marta Sanz é unha escritora de enorme potencia e cun amplo número de libros publicados e, algún deles, dispoñibles en eBiblio Galicia: Tsunami: miradas feministas; Amor fou, Clavícula ou a sua recentísima pequeñas mujeres rojas, obra coa que pecha a triloxía iniciada con Black, black, black e continuada por Un buen detective no se casa jamás (tamén dispoñibles no catálogo das bibliotecas para cando a situación permita volver facer uso deles).

Mentres tanto, convidámoste a ler a entrevista que lle fixemos recentemente no blog do club LGTB QUEERuña e tamén a que te acomodes no teu rincón favorito e vexas a gravación desta sesión na que cada club plantexou as súas preguntas.

​​

Que che pareciu a experiencia? Organizamos unha nova sesión conxunta?

Se nunca participaches nun club de lectura, quizás isto te anime a facelo. Que opinas?