Arquivo do blog

Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

A LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para menores de idade. Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais reivindicamos isto o pasado curso coa lectura de Das cousas de Ramón Lamote, do autor Paco Martín.

Das cousas de Ramón Lamote é un clásico da literatura galega. Publicado por ver primeira en 1985 (gañador do Premio Barco de Vapor de 1984) e con numerosas reimpresións e reedicións ao longo dos anos, é grazas a el que se usa o termo Xeración Lamote para se referir a un grupo de escritores galegos lugueses como Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta. En 1986 acada o Premio Nacional de LIteratura Infantil e Xuvenil e aparece na prestixiosa lista IBBY Honour List.

O seu autor, Paco Martín, nado en Lugo 1940, é mestre xubilado de Primaria. Tamén foi conferenciante e columnista periódico en xornais como El Progreso, e director do suplemento Axóuxere. Semanario do neno galego publicado no xornal La Región de Ourense nos anos 1974-1975.

Este best-seller breve e retranqueiro fixo que moitos e moitas das asistentes lembrasen as súas lecturas da infancia e que lles saíse un sorriso ao ler as vivencias do profesor de chairego e debuxante de soños.

Paco Martín, autor de Das cousas de Ramón Lamote. Foto da Wikipedia.

Resistencia, de Rosa Aneiros

Nas pasadas sesión do club de lectura da biblioteca de Monte Alto tivemos a ocasión de ler Resistencia, de Rosa Aneiros.

Rosa Aneiros naceu en Valdoviño en 1976. É xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación.

Rosa Aneiros (AELG)-2.jpg

Imaxe sacada da Galipedia (Santos Díez e Eduardo Castro Bal)

Ten unha longa traxectoria literaria iniciada en 1999 coa publicación da súa primeira novela, Eu de maior quero ser. Seguírona outras moitas entre as que destacan Resistencia (Xerais 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2004Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010; ou Sol de Inverno (Xerais 2009), Premio Xerais de Novela e Premio Fervenzas Literarias á Mellor portada de adultos 2009.

Rosa Aneiros escribe para todos os públicos. Nos últimos anos gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018 coa novela Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, que acaba de ver a luz este mes de febreiro de 2020, e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2019 co libro Xelís, o guieiro das botellas de mar.

Resultado de imagen para resistencia xerais

Na novela que lemos, Resistencia, navegamos pola historia de Portugal a través dos seus personaxes, como Dinís e Filipa, que viviron no século XX durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano. Tal e como din na páxina da editorial:

Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia. Resistencia é unha novela de amores afastados na que todo o move o amor, que case sempre nace inocente e que axiña se vai tornando complexo é difícil. Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas.

Entre outras cousas, puidemos comparar a situación de Portugal coa de España da época.

DITADURA FRANQUISTA (1939-1975)

  • Golpe militar frustrado en 1936 que deu paso a unha guerra civil.

  • O comunismo era o inimigo. Nacionalcatolicismo.

  • Morre Franco, morre a ditadura.

  • A fin: a Transición.

DITADURA SALAZARISTA / ESTADO NOVO (1926-1974)

  • Golpe militar exitoso en 1926. Salazar non é 1º ministro ata 1932.

  • O comunismo era o inimigo. Separación Igrexa-Estado (existe o divorcio).

  • En 1968 é substituído por Caetano.

  • A fin: a revolución dos caraveis.

 

Tamén tivemos a oportunidade de falar do amor e das mulleres da novela.

  • A política e o amor como sentido da vida. Paga a pena?

  • As mulleres da novela, sufridoras natas.

  • Os personaxes secundarios e a súa riqueza.

  • O amor romántico. Existe?

    Dinís sentía que aturaba por Filipa como razón de futuro, como luz que o guiaba e (…) tivo medo da obsesión que o embargaba. Foi consciente entón de que nos últimos anos aferrárase a Filipa como motivo de erguerse e deitarse e pensou (…) se ela era o mundo enteiro, se pagaba a pena que a vida quedase reducida ó azul dos seus ollos tan afastados no tempo e na distancia.

Sen dúbida, unha novela dura pero necesaria.