Arquivo do blog

“Lemos para ti” a Emilia Pardo Bazán.

Lemos para ti é unha iniciativa das Bibliotecas Municipais da Coruña que xorde en pleno confinamento coa idea de achegar fragmentos de textos de diferentes autores e autoras.

Con motivo do centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán quixemos aproveitar para dar tamén a coñecer a súa variada e extensa obra seleccionando pezas de diferentes xéneros que abordou a escritora coruñesa. Esta é unha das moitas actividades e iniciativas levadas a cabo nas bibliotecas para render homenaxe á autora, dentro dun marco máis amplo levado a cabo polo Concello xunto a outras institucións.

Cada terceiro xoves de mes publicamos un podcast lido polos bibliotecarios e bibliotecarias da rede. O pistoletazo de saída démolo co fragmento do prólogo de “La cocina española antigua”. Esta obra, de 1913 inclúese dentro da colección “Biblioteca de la mujer” nada coa intención de divulgar en España as ideas sobre feminismo que circulaban polo resto de Europa. O prólogo permite ler entrelíneas a intencionalidade da autora que deixa patente que un libro de cociña pode ser algo máis que unha lista de receitas:

Ir a descargar

Pero se por algo foi famosa Emilia Pardo Bazán foi pola súa produción de novela curta. Colaborou frecuentemente nas coleccións máis populares deste xénero co fin de achegar a lectura aos petos máis modestos. “Rodando”, novela breve ambientada en Marineda, a cidade inventada por Dona Emilia e que representa á cidade da Coruña, foi a última delas, publicándose en 1920:

Ir a descargar

Ao pé da Torre Eiffel”, dá boa mostra doutra das facetas de Emilia Pardo Bazán: a literatura de viaxes. Dona Emilia foi unha gran viaxeira que deixou testemuño da crónica do momento nas súas innumerables viaxes. En 1889 foi enviada a París para cubrir a Gran Exposición Universal que ademais coincidiría coa inauguración de La Torre Eiffel:

Ir a descargar

A xulgar polos que estudan a súa figura, Emilia Pardo Bazán foi unha das primeiras xornalistas profesionais da súa época. Fundou en 1880 a “Revista de Galicia” que dirixirá e na que publicará tamén moitos artigos. Aquí podemos escoitar dous poemas incuidos nela: “En el abanico de Emilia Pardo Bazán” [firmado por Rosalía de Castro] e “Lectura de Os Lusiadas a orillas del Tajo” [da mesma Emilia Pardo Bazán]:

Ir a descargar

O teatro foi outra dos paus que tocou a coruñesa, nas súas propias palabras:

“Hay en el teatro infinitos elementos ajenos a la literatura, que le prestan interés humanísimo. Es un estudio, más viviente y sangrante que el de los libros. Es vida en que el artificio y la realidad, combinándose, dan por resultado un poco más de experiencia”.

A continuación podemos escoitar un fragmento de “Cuesta abajo”, comedia dramática dividida en 5 actos, escrita e estreada en 1906 que trata sobre a decadencia e a situación da muller na sociedade, tema éste último que copará gran parte da temática da obra de Emilia:

Ir a descargar

Ata aquí o publicado máis convidámosvos a seguir escoitando máis fragmentos de obras que vos descubrirán máis facetas desta incríble muller. Esperámosvos!!

Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual

Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as  lecturas ca posta en común. 

Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador. 

Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre  pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e  mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”.  Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.

Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.

Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título,  Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o  recoñecemento da cultura afroamericana.

A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo RotoNancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!

En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.

Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.

Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha  mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: RinoceronteHugin e MuninIrmás CartonéCatro VentosKalandraka, etc.

As nosas lectoras tiveron  a  oportunidade de sumarse á celebración  do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.

É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.

Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?

Polo centenario de Emilia Pardo Bazán, os clubs de lectura lemos “Insolación”

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña unímonos á celebración do Centenario de Emilia Pardo Bazán lendo e comentando xuntas a súa obra. Non hai mellor xeito de achegarse á escritora, á súa figura e obra, que lendo algún dos seus textos no seo das nosas tertulias. A lectura compartida dun libro danos pé a tentar aproximarnos a unha das figuras máis relevantes da cidade. Un ano cheo de celebracións que queremos disfrutar canda as nosas lectoras e lectores.

Moitos clubs xa tiñamos lido, ao longo deste anos, o seu libro de contos “El encaje roto” así como “La tribuna” ou “Memorias de un solterón“. Pero nesta ocasión queriamos celebrar as novas edicións de gran parte das súas obras mercando para os clubs de lectura “Insolación“. Unha novela “feminista”, divertida e moi castiza, pero sobre todo adiantada na súa concepción á época na que foi escrita e publicada. Descubrimos a edición de Reino de Cordelia, ilustrada por Javier de Juan e con prólogo de Luis Alberto de Cuenca e namoramos dela. Pois dende as Bibliotecas gústanos reivindicar os libros ilustrados para adultos, as edicións que lle aportan un valor extra aos libros que poñemos nas vosas mans, así como o traballo de todos os axentes que participan na cadea do libro. Cal foi a nosa sorpresa cando pouco tempo despois outra editorial escolleu o mesmo texto para unha edición especial polo centenario. Falamos de Alianza editorial, coas ilustracións (fermosas e ben diferentes ás de Javier de Juan) de Irlanda Tambascio (EIRE).

Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, tivemos o privilexio de dar o pistoletazo de saída á lectura en grupo de “Insolación”, pero de aquí a finais de ano, os exemplares de Reino de Cordelia irán pasando polas mans, Bibliotecas e tertulias de todos os clubs de lectura da Rede Municipal. Unha oportunidade única para celebrar a Emilia Pardo Bazán. Pero… imos entrando en materia! ¿Por que dicimos que é unha novela feminista, ademáis de divertida, castiza e adiantada ao seu tempo?

“Insolación” narra a historia de amor, apaixonado e irresistible, entre Diego Pacheco, un don Juan díscolo pero de bo corazón, e a marquesa de Andrade, viúva, inxenua pero non tanto, bela e sensual, que case por casualidade descobre que para recuperar a vida primeiro ten que atreverse a resucitar o seu corpo, sepulto baixo capas de decoro e esixencias sociais. Na novela vemos desfilar ao Madrid da época en todo o seu esplendor, desde os chulapos aos maleantes, as clases populares e os aristócratas, os reformadores e os que de ningunha maneira queren ser reformados, todos mesturados cando do que se trata é de participar da festa e do pracer. Escrita para entreter e tamén para abrir as mentalidades da época, cun ritmo fluído, cheo de anécdotas e de situacións divertidas, en “Insolación” Emilia Pardo Bazán atreveuse a tocar un tema tabú que aínda hoxe en día é motivo de cuchicheos en faladoiros trasnoitados: o desexo feminimo.

Para coñecer un pouco máis polo miúdo as implicacións desta obra, podedes escoitar o podcast de Los lunes de Pardo Bazán: El feminismo en Emilia Pardo Bazán, unha campaña organizada pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura a través dun podcast de seis episodios con entrevistas a distintas especialistas na obra e biografía da autora. Outra opción, ademáis de lela en papel, é acceder ao texto completo da obra na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, onde podedes ler en liña “Insolación” e o resto da súa obra. Botádelle un ollo.

Na páxina web das Bibliotecas Municipais podedes consultar toda a programación que temos preparada para festexar o Centenario de Emilia Pardo Bazán. Mención aparte merece a guía de lectura que elaboramos con todo o cariño para todas e todos vós: unha guía de lectura que pretende darvos a coñecer boa parte das primeiras edicións que atesouramos na Biblioteca de Estudos Locais así como as edicións máis recentes que podedes levar en préstamo nas Bibliotecas, e é que a obra de Dona Emilia está máis viva que nunca. Estades de acordo?