Arquivo do blog

#LemosParaTi no 25N

Cada 25 de novembro celébrase a nivel internacional o Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres co obxectivo de denunciar e erradicar a violencia que sofren mulleres e nenas en todas as partes do mundo. Violencia que, segundo datos da ONU, intensificouse nos últimos meses debido ás circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria Covid-19, especialmente se falamos de violencia no ámbito doméstico.

Unha das imaxes da campaña de activismo contra a violencia de xénero da ONU, que estará activa ata o próximo 10 de decembro.

Con motivo desta efeméride, desde as Bibliotecas Municipais organizamos unha ampla programación que arrincou o pasado xoves 20 de novembro, sumándonos por un lado á campaña #TiDecides que puxo en marcha a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña e, por outro lado, á iniciativa do Consello de Cooperación Bibliotecaria #BibliotecasSTOPViolencia, que nace este ano co obxectivo de dar visibilidade á labor fundamental das bibliotecas como axentes de cambio social e, concretamente, na loita contra a violencia de xénero.

Dentro desta programación, compartimos hoxe unha escolma de lecturas en voz alta que forman parte da proposta #LemosParaTi, que podedes escoitar a continuación nesta mesma entrada e tamén nos nosos perfís corporativos de Ivoox e Spotify.

Seique (Através, 2015)

Fragmento de lectura da obra “Seique” de Susana Sánchez Arins (Vilagarcía, 1974) na que a autora nos achega unha historia de violencias a través da reconstrución do pasado familiar, contextualizada na época da represión franquista.

Este libro, publicado orixinalmente no ano 2015 en Através Editora, foi galardonado co Premio de Narrativa na V Gala do Libro Galego (2020) na súa 2ª edición (revisada e ampliada). Forma parte do catálogo de lecturas dos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora e pódese ampliar información sobre o mesmo no dossier de lectura dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

A cabeza de Medusa (Xerais, 2008)

Fragmento de lectura da novela de literatura xuvenil “A cabeza de Medusa”, da escritora, tradutora, profesora de Didáctica das Ciencias na USC e académica de número na Real Academia Galega, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947).

A obra, publicada en Xerais, foi recoñecida cos seguintes galardóns: Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, Premio The White Ravens 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2010 (categorías 3º ESO a Bacharelato). Forma parte das lecturas do Club de Lectura Fórum e pódese ampliar información sobre a mesma no dossier dispoñible en Calameo.

Ir a descargar

La memoria del aire (Tránsito, 2019)

Fragmento de lectura da novela de carácter autobiográfico “La memoria del aire” da poeta e novelista belga Caroline Lamarche (Liège, 1955).

Nesta obra, publicada orixinalmente en francés no ano 2014 e traducida ao español por Raquel Vicedo para a editorial Tránsito (1ª edición no ano 2018), Lamarche aborda as relacións de poder que forman a dependencia afectiva así como tamén a violencia física e psicolóxica que, por desgraza, tan a miúdo está presente nas relacións de parella.

Ir a descargar

Senlleiras (Galaxia, 2018)

Fragmento de lectura da novela “Senlleiras”, da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991).

A obra, publicada en Xerais no ano 2018, aborda o tema da violencia de xénero pasada e presente a través de mulleres que rachan co silencio. Galardoada co Premio Illa Nova de Narrativa.

Esta novela forma parte do catálogo de lecturas que realizaron no club de lectura da Biblioteca de Estudos Locais e da Biblioteca de Monte Alto, sobre a que podedes ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Cometierra (Sigilo, 2019)

Fragmento de lectura do libro de denuncia social e política “Cometierra” da docente, feminista e activista arxentina Dolores Reyes (Buenos Aires, 1978).

Publicada na editorial Sigilo no ano 2019 e dedicada a Melina Romero e Araceli Ramos (vítimas de feminicidio en Pablo Podestá), esta obra é a súa primeira novela na que a escritora aborda unha serie de feminicidios da man da súa protagonista, unha adolescente vidente capaz de escoitar ás vítimas.

Ir a descargar

Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima (Roca, 2017)

Fragmento de lectura do libro “Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima” da escritora, tuitera e columnista Barbijaputa, que publica baixo este pseudónimo.

A obra, publicada na editorial Roca no ano 2017, constitúe unha guía para acabar co machismo escrita con ton sarcástico e estruturada en dez capítulos que comezan cunha frase típica de escusa machista.

Ir a descargar

Alguien bajo los párpados (Anagrama, 2017)

Fragmento de lectura da novela “Alguien bajo los párpados” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade (Santiago de Compostela, 1968).

A obra, publicada na editorial Anagrama no ano 2017, narra a historia de dúas mulleres anciás -Olvido e Bruna- que deciden emprender unha última viaxe nun vello Volkswagen.

Este libro forma parte do catálogo de lecturas realizadas polos grupos de Café con Libros da Biblioteca Os Rosales e pódese ampliar información nesta entrada.

Ir a descargar

Con #LemosParaTi remata a nosa programación para este 25N, mais o que non finaliza é o compromiso das bibliotecas como axentes de transformación social. Lembrámosvos que podedes atopar estes títulos no noso catálogo, así como tamén os incluídos na guía de lectura elaborada especificamente para esta campaña.

Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos

Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.

Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.

Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.

E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.

E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…

E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!