Arquivo do blog

Lecturas de confinamento no Club de lectura de Durán Loriga

As persoas que conformamos o Club de lectura de Durán Loriga non podemos evitar botar de menos esa reunión que tiñamos cada quince días para poder compartir o entusiasmo por un libro e pola lectura en xeral. Ese anaquiño no que non só nos xuntabámonos para gozar falando dun libro, senón que volvíamos a lelo de novo con outros ollos grazas a todas as aportacións dos clubeiros e das clubeiras.

E hai ánimo de seguir co club nesta situación? Preguntabámonos as bibliotecarias. A resposta veu soa cando parte do grupo pide compartir as lecturas que quedaron pendentes: comezamos a conversa coa desgarradora crónica dunha familia parisina durante tres xeracións, esta é a investigación que fai a autora -Delphine de Vigan- sobre a súa propia familia en Nada se opone a la noche. Continuamos con La uruguayade Pedro Mairal– toda unha viaxe en busca de sedución e onde se expón, a modo de confesión e con moito humor, as dúbidas sobre que o amor perfecto poida traernos a felicidade. Para rematar coas provisións traídas da biblioteca lemos o cómic Polina de Bastièn Vives-, que foi Prix de Librairies BD en 2011 e que poderedes atopar nos nosos fondos á volta: unha emotiva historia que parte do ballet, dun mestre e dunha aprendiz, para falar da aprendizaxe vital.

 guía de lectura    

Pero sobre todo estamos a redescubrir un xénero literario que, ás veces, queda nun segundo plano respecto á nosa querida novela: O conto e a narración breve están a ser o principal motivo para a reunión. O primeiro que lemos foi o xeneroso regalo que nos ofreceu Marta Sanz a través das redes: Sherezade en el búnker deu que falar (tamén no encontro con ela) e poñer sobre a mesa as situacións complicadas que se están a dar neste encerro, pero que con humor sempre son máis doadas de abordar. Tamén o fermoso e autobiográfico Lejano, sacado do libro El boxeador polaco: un pequeno relato que serviu para mergullarnos por primeira vez no mundo de Eduardo Halfon -Premio Nacional de Literatura en Guatemala-, neste caso como un profesor de universidade canso da docencia, pero en ningún caso da literatura. 

     

Por outra banda, é bo momento para volver aos clásicos, moitos deles facilmente accesibles na rede. Nós xa levamos algúns: Casa tomada de Cortázar deu para milleiros de interpretacións en torno a esa casa que, misteriosamente e de a poucos, vai sendo invadida. Esa sensación de inquedanza tamén está no relato fantasmal La plenitud de la vida, un conto que só puido facer unha escritora tan adiantada á súa época como o foi Edith Wharton. Mais como seguimos na casa, acercámonos a outra historia que sucede tamén nun apartamento, onde hai unha radio que nos permite escoitar todas esas conversas que queremos, ou se cadra non: La radio enorme é un dos moitos relatos que John Cheever publicou no 1947 na revista New Yorker, pero que polo seu significado ten moito de actualidade.

     

Por suposto tamén compartimos as lecturas que nos acompañan estes días e que imos anotando para ler, agora ou á volta. Estas son algunhas das que podedes descargar nas plataformas de préstamo: Y te irás de aquí, a última novela de Lorenzo Silva que ademais publicou en aberto, a través da revista XLSemanal; La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa Montero; La madre de Frankenstein de Almudena Grandes; Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre; Entre visillos, de Carmen Martín Gaite; A corazón abierto, de Elvira Lindo; Tiempo de espera, de Elizabeth Jane Howard; Lluvia fina, de Luis Landero; El extranjero, de Albert Camus; Un  amor, Alejandro Palomas; e La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.

Mais en realidade, falamos de todo un pouco. Da claridade nas palabras do filósofo e filólogo Emilio Lledó nestes tempos que vivimos, no documental Mirar palabras. Celebramos o día da poesía achegándonos aos poetas galegos actuais no documental Vértice de Versos, e tamén á mellor poesía en castelán, de man do proxecto Amamos la poesía da RAE. Revisamos os libros de Tània Balló, Las Sinsombrero, e o proxecto documental no que participa e que podemos ver na web de RTVE. Descubrimos o fermoso documental sobre a fotógrafa Ruth Matilda Anderson: A viaxe de Ruth. Tamén o documental adicado á actriz María Casares. Falamos de cine, de música, da operación Balmis, da cheeveriana serie Mad Men, do centenario de Galdós e dos encontros cos nosos autores favoritos nestes días, como é por exemplo Alejandro Palomas.

  programa adicado a Emilio LledóDocumental sobre a fotógrafa Ruth Matilda AndersonPrimeiro libro de Las Sinsombrero en ebiblioDocumental sobre a actriz María Casares

Este club na distancia é unha experiencia diferente na que se gaña en cooperación, xa que non só se comparte a visión dunha lectura, senón que tamén permítenos navegar xuntos neste mar de información e oferta cultural dixital que estamos a vivir. Así que dende o Club de lectura de adultos DL arrimamos o bote, esta vez en forma de post, para quen queira navegar con nós un pouco: anímaste?

Bus para el otro barrio

Cando nolo contou non o podiamos crer: O noso clubeiro Simón escribira un libro e xa o tiña a puntiño de saír á venda!

Para quen non coñeza a Simón, podemos contarvos que é un rapaz de 2º da ESO con moitas inquietudes. Toca o violín, formando parte da ‘Orquesta de Nenos da Sinfónica de Galicia‘, le un montón, saca unhas notas abraiantes, compón cancións, xoga ao xadrez, ao bádminton… e por suposto, vén a ElClú na Biblio Infantil e Xuvenil de Durán Loriga cada 15 días. Como veredes é un rapaz moi completo.

Así que en canto nos deu a gran noticia da publicación da sua primeira novela, no puidemos mais que alegrarnos e propoñerlle unha presentación na Biblio para recibir o libro como se merece.

cartel-presentacion-libro-simon

Cartel de presentación do libro ‘Bus para el otro barrio’ de Simón Gallego na BIX

A obra, que está ambientada na Coruña, conta a historia de Jorge, un home con non demasiadas virtudes morais, que morre atropelado. A súa ascensión ao ‘ceo’ no Bus para el otro barrio non será tan agradable coma el pensa, pois as faltas cometidas en vida parece que se pagan caras tras a morte… Non vos queremos facer spoiler, pero trátase dunha novela irónica, cun toque fantástico, na que se tocan temas tan profundos como o machismo ou o clasismo.

Para llegar a la senda del bien, tendrás que pillar un poco de tráfico

Como vos diciamos, fixemos unha presentación do libro na Biblioteca o pasado 9 de setembro, e a verdade e que foi unha tarde moi agradable. Nun ambiente familiar, coa súa profesora de ética como presentadora, puidemos descubrir as diferentes tonalidades do libro de primeira man, así como coñecer un pouco mais da personalidade tan franca e tremendamente abraiante de Simón. Aquí vos deixamos unha pequena mostra do encontro con este mozo e prometedor escritor.

Simón e Itxiar de ElClú

Simón e a clubeira Itxiar que non se quixo perder a presentación

 

Ademais, Simón tivo a deferencia de citarnos no seu libro, e de regalarlle un exemplar á Biblioteca. Así que xa sabedes, en breve poderedes desfrutar da súa lectura na BIX, e se queredes mercalo, tede en conta que xa esgotou a primeira tirada!

 

 

Por si vos soubo a pouco, deixámosvos tamén un enlace á presentación que fixo na libraría Madame Bovary, acompañado do alcalde da Cidade!

Mil grazas Simón. Sabemos que este só e o principio dun camiño ben bonito que che queda por percorrer, e desexamosche que desfrutes como ti mereces desta experiencia literaria (e que nos fagas partícipes tamén a nos de todo o que che aconteza).

Encontraredes este libro e moitos mais no catálogo ou acercándovos as BibliotecasMunicipais da Coruña:

catalogo

ElClú recomenda

En ElClú decidimos, que xa que lemos unha morea de libros, vemos moitísimas pelis e escoitamos música sempre que podemos, sería unha boa idea compartir as nosas opinións sobre eles con tod@s vós. Así que nos puxemos á tarefa da recomendación.

Creamos unhas tarxetas molonas, personalizámolas un pouco para os nosos clubeiros e ¡TACHÁNNNNNN! Que vos parecen?, A que nos quedaron chulas?

Pois o mellor é o contido! unha chea de recomendacións dos nosos rapaces, aos que lles encantou a idea e non paran de recomendar.

Comezamos a nosa proba piloto hai xa algúns meses sacando unha pequena mostra de “ElClú recomenda”, e, para a nosa sorpresa, os libros prestáronse moitísimo, así que pensamos que podiamos colgar tamén as recos dos rapaces na rede, e que mellor maneira que mediante pínterest, que ademais nos permitía poñer a foto do libro que nos estaban recomendando. Aquí vos deixamos a ligazón das primeiras recomendacións no Pinterest.

Primeiras fichas de 'ElClú' recomenda cubertas

Primeiras fichas de ‘ElClú recomenda’

Neles Martín recomendounos a saga de manga One Piece, de Eiichiro Oda porque lle resultaba moi divertido. Itziar decantouse por El coleccionista de relojes extraordinarios, de Laura Gallego pola intriga que lle causou. Simón elixiu Maus, de Art Spiegelman pola historia de supervivencia que narra. Mariña, decidiuse por O neno can, de Francisco Castro e Fina Casalderrey porque coñeceu con el outras culturas (lebrades que Fina e Francisco nos viñeron a visitar hai un tempo?). Clara enganchouse á saga de Enid Blyton Torres de Malory pola súa protagonista. Lucía tamén elixiu para a súa primeira recomendación un libro de Laura Gallego, neste caso a triloxía de Memorias de Idhún pola súa orixinalidade. E finalmente nosotrxs, decidimos que recomendariamos La invención de Hugo Cabret de Brian Selznick por ser un dos primeiros libros que leimos en ElClú, polas súas fantásticas ilustracións e porque a todos os nosos chic@s encantáralles.

E como isto promete, imos a seguir publicando recomendacións tanto no noso recunchiño de ElClú recomenda, como no noso taboleiro de Pinterest. Esperamos as vosas visitas!

 

Recordade que tendes todos os libros, pelis, etc. nas nosas bibliotecas!

 

catalogo1

O noso tempo é noso!

O tempo, o seu paso, o aproveitamento do mesmo, foi o tema central da nosa primeira lectura deste curso, da man dun clásico da literatura xuvenil, Momo de Michael Ende.

Momo é unha rapariga orfa que ten un don moi especial, o de saber escoitar. Da man dos seus mellores amigos, Beppo e Gigi, xunto cos nenos do pobo, tentará facer fronte aos ladróns do tempo, os homes grises. Contará ademais coa axuda inestimable de Casiopea, unha tartaruga ben singular, e o mestre Hora, gardián do tempo.

Trátase dunha invitación á reflexión sobre o noso ritmo de vida e o verdadeiro valor do tempo, mesturada coa crítica á sociedade capitalista que ameaza o desenvolvemento das relacións entre as persoas.

Durante as sesións do club coñecemos moitas curiosidades de Michael Ende, como que era fillo dun pintor, que foi mensaxeiro dunha organización anti-nazi, ou que uns anos mais tarde de que morrese un gran amigo, Ende reviviríao como o protagonista de ‘La historia interminable‘.

Tamén visionamos algúns anacos de duas versións cinematográficas do libro, unha producción alemana ‘Momo‘ (1996) do director Johannes Shaaf, e o filme dirixido polo italiano Enzo D’Alò no 2001 ‘Momo, una aventura contrarreloj‘ .

Entre sesión e sesión, ademais de ler e comentar o libro, tivemos tempo para facer outras actividades.

Así, coindindo co mes das Culturas Orientais na Biblioteca Infantil e Xuvenil, desfrutamos da película ‘Colorful’ baseada na obra ‘Flipando en colores’ da autora xaponesa Eto Mori.

E o pasado 17 de decembro, ademais da nosa sesión biscoito, que xa se está a converter nun clásico navideño de ElClú, decidimos rematar o ano asistindo a un dos encontros de ‘Libros en directo’, presentado por Pedro Ramos. A nosa intención era únicamente deleitarnos coa entrevista que Pedro lle faría a Jordi Sierra i Fabra.

Sesión biscoito

Foto de grupo durante a sesión biscoito

Cal non sería a nosa sorpresa, cando vemos aparecer pola porta da biblio, en medio da sesión biscoito, a Pedro Ramos co mesmísimo Jordi! Temos que agradecerlle moitísimo e mais a Pedro o detallazo de traer a Jordi ao club, e a Jordi os momentos que compartiu con nos. Vaia día mais estupendo que pasamos! As nosas caras o din todo!

Club de Lectura Xuvenil da Biblioteca Infantil e Xuvenil

E despois do parón das festas, e hora de retomar ElClú con novas lecturas e, a saber que nos deparará o 2016! Seguramente moi boas experiencias e algunha que outra sorpresa.

De momento, como mostra, deixámosvos a curta que gravamos este verán para animar á rapazada a participar no noso club. E xa sabedes, estades a tempo de embarcarvos nesta aventura clubeira, esperámosvos na BIX!

Papá, qué son os sorrisos?. Presentación do libro na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Desde a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil  convidámosvos a un novo encontro de L3Mos, desta banda coa nova editorial coruñesa Galebook, con “Papá, qué son os sorrisos?”

En L3mos, organizamos encontros con autores de literatura infantil e xuvenil que nos presentan os seus novos libros. Nesta ocasión a editorial Galebook preséntanos o libro “Papá, qué son os sorrisos?” da escritora ceense María Canosa e do ilustrador Dani Padrón, autores que xa teñen traballado xuntos noutras obras que tamén temos na biblioteca, que podes atopar no noso catálogo e levar en préstamo para a casa.

O título do conto xa nos da unha pequena pista do que pode acontecer; ou non, porque as preguntas dos nenos poden parecer sinxelas pero as veces non son tan doadas de contestar, non sí?. Así:

Miguel quixo saber que era un sorriso, e a duras penas o pai soubo representarllo. Con iso non era suficiente, porque Miguel o que en realidade quería, era aprender a sorrir. Aí comeza o camiño da busca da felicidade, camiño no que Miguel aprenderá que existen elementos cotiáns que son prescindibles, e outros básicos sen os que dificilmente poderemos seguir adiante. Ao longo do texto ponse de manifesto o valor do coidado ao medio ambiente, do amor á natureza, do respecto ao que nos rodea, así como a importancia da paciencia, a perseveranza e a loita polos soños.

Papá, qué son os sorriros?

Papá, qué son os sorriros?

Esta historia, ademáis dos valores que transmite, tamén conta co engadido dun Cdrom que contén unha versión dixital do libro que se pode reproducir en ordenadores ou pizarras dixitais. Nesta versión, xunto con algunha animación, podemos escoitar a voz da propia autora narrando o conto. Tamén hai unha serie de exercicios dixitais interactivos que intentan afondar en algúns aspectos lingüísticos e de comprensión, ofrecendo así unha experiencia moi completa  aproveitando diferentes ferramentas tecnolóxicas do noso tempo.

Sorrisos

Agora convidámosvos a participar nun xogo sobre o que pensamos que son os sorrisos. Achégate á Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil o día 18 de marzo as 18:30h. e xoga con María Canosa e cos debuxos de Dani Padrón.

Achéganos un poema, un conto, un debuxo… o que tí queiras e que represente o que son para tí os sorrisos, e levarás un agasallo da man da editorial Galebook.

Non o podes perder. Agardámoste.