Arquivo do blog

Os mellores de… A Gran Guerra

Co gaio do centenario da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), tamén coñecida como Gran Guerra, na sala de adultos da Biblioteca Municipal Ágora organizamos unha mostra bibliográfica sobre esta temática que abarca dende libros informativos ata novelas e material audiovisual.

Mostra bibliografica A Gran Guerra

Nunca antes unha guerra afectara a tanta xente en tantos lugares. Os avances da Revolución Industrial aplicados á guerra aumentaron o número de vítimas, que se contaron por millóns. Os enfrontamentos esténdese dende o Pacífico ata o Atlántico, de Rusia ao sur de África, pero será Europa o principal escenario dos combates. O vello continente derrubarase e precisará toda unha década para recuperarse. Perderá para sempre a súa posición hexemónica fronte a novas potencias.

E co fin da Gran Guerra non rematan os problemas de Europa. A crise económica prolongarase durante os primeiros anos 20. Xurden os totalitarismos comunista e fascista. E por outra banda, o novo mapa de Europa deseñado nos tratados de paz deixa moitas feridas abertas. Conflitos e resentimentos que se agudizarán coa Gran Depresión dos anos trinta e que están na orixe dunha nova e aínda mais sanguenta traxedia mundial.

A Gran Guerra

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos acercarvos a este conflito que marcou toda a historia do século XX, a través dos estudos históricos, a novela, a banda deseñada ou o cine. Podedes consultar a guía de lectura a través da seguinte ligazón “Centenario da Primeira Guerra Mundial. Guía de lectura” ou ben premendo no cartel da mostra que compartimos a continuación.

E se botades en falta algunha obra na selección… animámosvos a que compartades con nós as vosas aportacións!!

Cartel os mellores da gran guerra

Novo club de lectura no Ágora

Dicía o escritor arxentino Jorge Luis Borges (1899 – 1986) que a lectura é unha das formas de felicidade e dende as Bibliotecas Municipais da Coruña non podemos estar mais dacordo con tal afirmación.

A lectura permítenos viaxar a través do tempo, do espazo, de personaxes… e un club de lectura ofrécenos a posibilidade de compartir ideas, experiencias e opinións. Pero sobre todo… compartir unha paixón, a lectura!!

Este curso na Biblioteca Municipal Ágora imos poñer un novo club de lectura de adultos en marcha, que se reunirá os mércores pola tarde en horario de 19.00 a 20.30.

Club de lectura mercores Agora

Animámosvos a que vos anotedes e participedes!! E para ir abrindo boca… compartimos con vós unha marabillosa curtametraxe de animación que conta unha historia de amor polos libros e pola lectura: The fantastic flying of Mr. Morris Lessmore. Dirixida por William Joyce e Brandon Oldenburg, esta curta recibiu no ano 2011 o Óscar á mellor curtametraxe de animación.